Domingo, 21 Setembro de 2025

Areeiro sinala que en todas as comarcas os acios de uva alvariña xa están co pintado e abrandando

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un novo aviso fitosanitario no que informa de que as choivas que tiveron lugar a semana pasada, unidas a unhas temperaturas altas, foron favorables ao avance na fenoloxía das uvas, de xeito que xa en todas as comarcas os acios están co pintado e abrandando.

Este avance da fenoloxía e as condicións climáticas reinantes apuntan a un adianto na data prevista de inicio da vendima, que se vai aproximar máis á primeira semana de setembro. Deste xeito, nas mostras de uva albariña que tomou a EFA nalgunhas parcelas, o grao alcohólico tivo un aumento medio de dous graos con relación a semana anterior.

En canto ás principais enfermidades da viña, hai que lembrar que no caso do mildio, as temperaturas nocturnas de primeiros de semana foron máis elevadas (en torno a valores de 16-17 graos) e estas condicións, unidas a choivas lixeiras nalgunhas zonas na fin de semana, e a orballos practicamente todas as noites, seguen a provocar a aparición de síntomas nas follas.

Estes maniféstanse como manchas de aceite esporuladas ou como mildio en mosaico, e provocan defoliación. A nivel dos acios, Areeiro atopou síntomas xa nos rebuscos, en forma de mildio larvado nos máis adiantados e como mildio esporulado nos menos. O persoal da estación subliña que de cumprirse as previsións de choivas no fin de semana e unha nova estabilización da climatoloxía desde entón, darán lugar á aparición de novas manchas, pero non se espera xa que teñan unha incidencia destacable na boa maduración da uva, sobre todo tendo en conta que este ano o desenvolvemento da vexetación é suficientemente elevado como para garantila.

Fronte ao caso do mildio, no que se refire ao oídio a situación observada polo persoal da EFA nas parcelas visitadas apenas se modificou desde a revisión anterior. Atopouse algún síntoma illado en folla e tamén rebuscos nalgúns acios, polo que xa non se recomendan actuacións diferentes das que favorezan a ventilación. Precisamente, a escaseza de aireación e iluminación nunha viña mal xestionada canto a esta enfermidade por unha frondosidade esaxerada foi a responsable de que ao retirar esa vexetación se revelara abundancia de acios rachados, pero debidos a un ataque anterior, o que denota a importancia das prácticas culturais no manexo das viñas.

Arreiro acio de alvariña afectado de botrite

Por outra banda, Areeiro destacou que o botrite foi a enfermidade máis destacada na visita desta semana ás viñas, como era previsible polas condicións meteorolóxicas e polo momento da campaña. Apareceron síntomas a partir dalgún dano de eiruga da couza, de rachos pola choiva ou fisiolóxicos, ou de feridas e lesións diferentes, tanto en acios de variedades brancas coma de tintas. En xeral, os síntomas non eran moi intensos (apenas un 5-10% da superficie do acio), nin afectaban a moitos acios, pero nalgunha finca si eran preocupantes nalgunha variedade. Como aínda queda tempo para a vendima e se prevén precipitacións, desde a estación suxiren aos viticultores que se non teñen limitado o momento do último tratamento polas súas adegas, produtos con efecto preventivo e algo curativo, que posúen prazos de seguridade de 14 días (fenhexamida 50%, fenpirazamina 50% ou fluopyram 50%) e tamén de 3 días (eugenol 3,3% + geraniol 6,6% + timol 6,6%). Persoal do Areeiro engade que se non teñen a posibilidade de efectuar o tratamento, e tamén aínda téndoa, convén eliminar os acios afectados e facilitar a aireación na viña. Recorda que a presencia de botrite na uva prexudica a calidade do viño, xa que produce unha degradación dos azucres, altera os compostos fenólicos e tamén o perfil aromático, polo que hai que manter a vixilancia para seguir actuando ata o momento da vendima.

No que se corresponde co black rot non se observou evolución, mentres que no que se refire ás couzas do acio as capturas acadadas esta semana nas trampas foron moi reducidas ou simplemente inexistentes. Tampouco se observou un número significativo de perforacións, pero desde Areeiro sinalan que aínda poden producirse porque as condicións climáticas que se están a dar periodicamente, con temperaturas suaves e humidade alta, favorecen a esta praga. No caso de que se supere o limiar de tratamento (3% de acios afectados nas variedades sensibles á podre, e 5-8% no resto de casos) hai produtos no “Registro de Productos Fitosanitarios” do Ministerio que aínda poderían empregarse por ter prazos de seguridade de 7 días ou por carecer del ao ser substancias naturais, aínda que deben ser aplicados ao inicio da eclosión dos ovos.

No que ten que ver co mosquito verde e outros cicadélidos, esta semana non se observaron incrementos das capturas nas trampas instaladas, e o número de ninfas nos recontos foi moi baixo. Tampouco se recolleron adultos de Scaphoideus titanus, e non se atoparon ninfas nas follas. E no caso dos ácaros, esta semana non se atoparon síntomas de acariose, e os niveis de erinose se mantiveron en xeral como nas últimas semanas.

Por outra banda, Areeiro advertiu tamén dos golpes de sol en viñas demasiado esfoliadas e a presencia de plantas mortas, xa desde hai semanas, por enfermidades da madeira, que convén eliminar das fincas canto antes. Igualmente, constatou que empezan a ser notorios nalgunhas parcelas os danos por paxaros ou avespas nalgúns acios.

No que se refire ás maceiras, o aviso fitosanitario refírese a aparición de síntomas de moteado nas follas dalgunhas plantas sensibles, aínda que de xeito bastante esporádico. No caso da couza da mazá, non houbo capturas de adultos, pero o voo e a actividade destes insectos son continuos ata a fin de campaña, polo que se debe comprobar a situación de cada parcela.

No caso do buxo, se atoparon algunhas eirugas de Cydalina Perspectalis (en estados intermedios e finais) pero en número bastante reducido e mesmo nas sebes que están sen tratar ou nas abandonadas apenas hai síntomas, polo que o persoal da estación recomenda manter a vixilancia.

O aviso fitosanitario da EFA tamén advirte da presenza de oidio nos exemplares de plátano de sombra de moitos parques e paseos da provincia, con abundantes síntomas sobre todo nas follas terminais. E, por último, fai mención ao tigre do plátano (Corythuca ciliata), ao sinalar que cada vez son máis evidentes os síntomas debidos ao ataque deste insecto. Engade que para o seu control, o “Registro de Productos Fitosanitarios” do Ministerio recomenda alfa cipermetrin 10%, deltametrin 2,5% e deltametrin 10%. Nos ataques máis intensos, esta praga produce unha defoliación prematura que leva a que se perda o valor protector do sol desta árbore.

O PP de Nigrán alerta sobre “o incontrolado” aumento de autocaravanas nas praias

0

O Partido Popular de Nigrán vén de advertir “do aumento incontrolado de autocaravanas que literalmente invaden os principais aparcamentos dos areais do municipio durante este verán”. O portavoz popular, Carlos Abal, incide en que “é de total necesidade” que leve a cabo unha regulación real da situación, “ máxime cando existe a ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público publicada no BOP en xaneiro de 2016 que non se está cumprindo”.

O líder dos populares quere deixar claro que tanto el como o seu grupo non están en contra deste tipo de turismo en primeira liña de praia, e que unha prohibición como tal causaría un agravio comparativo cara aos autocaravanistas xa que verían limitado o seu acceso á zona.

“Con todo tampouco é admisible unha trintena de vehículos copen os principais aparcamentos sen ningún tipo de control en detrimento do resto de usuarios”, afirmou o líder dos populares. Abal, pola súa banda, lembra que o artigo 24.1 “establece claramente que mentres non exista un espazo habilitado para autocaravanas, estas poderán pernoitar e mesmo acampar no espazo público pero que en ningún caso poderán estar máis dunha noite”.

En canto á zona elixida polo Goberno local para un parque de autocaravanas, no SAU-3, consideran os populares que “é das menos indicadas” para darlle esta utilidade. “Estamos a falar dunha zona residencial no medio dunha urbanización, onde a trasfega de vehículos de dimensións considerables afectaría ao correcto desenvolvemento da vida cotiá dos residentes. Ademais a súa capacidade, 14 prazas, é un tamaño que consideramos de xeito evidente insuficiente xa que nun día e con facilidade pódense xuntar máis de 50 nos aparcamentos de Praia América, Panxón e Patos”, aseverou.

No seu lugar os populares propoñen a recolocación do espazo no chan municipal existente no parque empresarial de Porto do Molle. “Aínda que estea un pouco máis afastada de primeira liña, tanto a súa configuración como os accesos ao mesmo farían da zona o espazo máis indicado”, engadiu.

Outro dos puntos anunciados pola o alcalde socialista é o relativo á gratuidade de todos os servizos ofrecidos como puntos de conexión a 220 voltios, enchido de tanques ou zonas de baleirado de augas grises e negras. “É unha irresponsabilidade ofrecer todos os servizos sen cobrar un euro, é máis isto non leva cabo practicamente en ningún espazo do territorio nacional. Con todo propoñemos que se cobre unha tarifa simbólica e non por acampar, se non por facer uso dos servizos”, explicou.

Finalmente o PP de Nigrán considera necesaria a creación dun servizo específico de Seguridade de Costa e Praia “que vele polo cumprimento das normas básicas de convivencia e civismo, sobre todo en primeira liña xa que en tempada alta é a zona que máis cidadáns concentra”. Un modelo posto en práctica en cidades veciñas por exemplo Vigo e que “o PP o contempla como moi positivo para o municipio”. Carlos Abal mantén que a finalidade principal deste destacamento sería o de “velar polo correcto cumprimento das normas tratando de evitar as sancións na medida do posible”.

O BNG alerta sobre a “calamitosa” situación dos centros de saúde de Redondela e Chapela

0

A situación que se está a vivir nos centros de saúde de Redondela e Chapela, é considerada dende o Bloque Nacionalista Galego, como “calamitosa”, situación que se ve agravada nos meses de verán. Lonxe de respostar ás necesidades sanitarias da Atención Primaria, o servizo atópase conxestionado, sen que os responsábeis da Área Sanitaria de Vigo lle busquen solución.

Dende a organización nacionalista, teñen recollido numerosas incidencias nas últimas semanas. A situación agrávase nos meses de verán, responsabilizando directamente ao goberno da Xunta, pola precariedade na atención primaria na bisbarra redondelá.

“Estámonos atopando situacións, nas que solicitudes de citas ordinarias, dilátanse ata quince días. Isto provoca que os e as doentes, cheguen a colapsar urxencias, ou a recurrir directamente á atención no Hospital Álvaro Cunqueiro”, aseguran dende a organización nacionalista. Tamén se refiren a que en moitas ocasións, ante a falla de persoal, as urxencias dilátanse máis do razoábel, polo que a atención deteriórase. Recordan que o centro de saúde de Redondela, exerce de Punto de Atención Continuada, de referenza a concellos limítrofes como Pazos e Fornelos.

Centro de Saúde de Chapela

Poñen en valor, dende o BNG, a profesionalidade do persoal sanitario, que en parte mitiga a precariedade da atención sanitaria.

Outra das carencias que se está a producir, relatan dende o BNG, refírese á matrona que atende nos centros de saúde de Redondela e Chapela. “A baixa da especialista, non se cubrirá, como mínimo, ata mediados de setembro”, afirman.

Para os nacionalistas, a defensa da sanidade pública, como dereito universal de toda a veciñanza, constitúe un dos piares do seu traballo. “O anterior goberno encabezado por Javier Bas coñecía esta precariedade nos centros de saúde, e nunca demandaron melloras, calando ante o goberno de Feijóo”, afirman.

Queren poñer en valor dende o BNG, a profesionalidade do persoal sanitario que mitiga en parte o deterioro da sanidade pública malia a precariedade laboral aos que os empuxou a Xunta.

Apuntan a que “a presión social en defensa da sanidade pública, constitúe o camiño para solventar este deterioro, sumándose a todas as movilizacións e inicitivas que sexan necesarias para mellorar a atención sanitaria á veciñanza”

Alegación conxunta da Mancomunidade do Baixo Miño ao proxecto de transporte de viaxeiros

0

Os concellos da mancomunidade do Baixo Miño (Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda) acordaron presentar unha alegación conxunta ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada que neste momentos atópase en trámite de audiencia.

A alegación da mancomunidade do Baixo Miño presidida pola alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recolle varios puntos que afectan ao servizo público de transporte e que podería supor un deteriodo na calidade do mesmo.

Por exemplo, o proxecto autonómico pretende reducir a frecuencia horaria dos autobuses que circulan de mañá desaparecendo o servizo no horario de 09h30 á 12h00 co cal a comarca queda sen transporte público nesa franxa da mañá.

No que se refire aos prezos, o feito de non estar na Área Metropolitana de Vigo implica unha situación de desigualdade cos veciños doutras comarcas como Val Miñor, Morrazo ou Condado que pagan a metade polo seu billete.

Os Concellos da comarca mostran o seu malestar ante un proxecto que supón unha perda de oportunidade para modernizar e facer do transporte público unha solución de mobilidade para a comarca.

Por outra parte, non se resolve axeitadamente a problemática existente na conexión coa área sanitaria (Hospital Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro) e coa Universidade de Vigo.

Tampouco, se ten en conta de cara ao futuro o desenvolvemento que está a experimentar a liña ferroviaria portuguesa, non prevendo ningunha conexión do transporte público galego con liña de tren de Portugal, que nos permitirán combinar estes dous servizos públicos.

Así mesmo o prego de condicións pode prexudicar ás pequenas empresas da comarca ao valorar que sexan necesarios autobuses de grandes dimensións, que neste momento non existen (autobuses de máis de 50 prazas) e que non parecen necesarios para a demanda da comarca, onde o transporte nunca vai ao límite da súa ocupación.

A Mancomunidade lamenta que non se aproveita esta oportunidade que apostar polo servizo público, xa que se se precariza, terá menos viaxeiros e resultará menos rentable, sendo un círculo vicioso que non favorece o transporte público, unha solución de mobilidade que Europa recomenda como menos contaminante, máis rendible e con futuro.

A mancomunidade, ademáis, de presentar a alegación conxunta, solicitará un encontro coa Dirección Xeral de Mobilidade co fin de trasladar de primeira man esta situación que supón un prexuízo dos veciños e veciñas da comarca.

A Guarda inaugura este domingo a mostra «Arquitectura en porispán»

0

Este domingo día 18 de agosto a Casa dos Alonso acolle a inauguración da Exposición «Arquitectura en Porispán», contando con varias obras de Ramón González González, baixo a organización de Infomaxe coa colaboración do Concello da Guarda.

A inauguración terá lugar ás 20:00h na Casa dos Alonso, onde Ramón González González fará unha breve explicación de como é o proceso de elaboración destas maquetas nas que se inclúen varias representacións, como a Igrexa Parroquial da Guarda, a Igrexa Parroquial de Salcidos, a Capela de San Roque, a Capela das Mercedes, a Capela da Guía, a Capela de San Gregorio, a Capela da Virxe do Camiño de Rebordáns en Tui, a fachada do Concello do Rosal, o Centro Cultural da Guarda, entre outras.

Ramón González González leva 6 anos realizando estas maquetas empregando principalmente porispán e pinturas, cun minucioso traballo que representa a escala diferentes elementos arquitectónicos da nosa comarca.

Esta exposición estará nos baixos da Casa dos Alonso ata a primeira semana de setembro en horario de mañá de 9:00 h a 14:00 h e de tarde de 19:00 h a 21:00 h os días laborables, e en horario de 19:00 h a 21:00 h os días festivos.

Redondela acometerá un plan “de urxencia e provisional” para permitir o acceso ao novo Colexio Igrexa

0

O Concello de Redondela acometerá un “Plan de Urxencia” para permitir que o novo colexio Igrexa de Chapela poida comezar con normalidade o curso escolar logo de saberse que, por parte do anterior Goberno do PP de Javier Bas, toda a tramitación precisa para realizar o novo acceso, de competencia municipal, “levaba paralizada dende o 2018 sen informar a ninguén desta circunstancia”.

O certo, sinala a alcaldesa Digna Rivas, é que “mentres se aseguraba á veciñanza, partidos políticos, comunidade escolar é a propia Xunta de Galicia que todo estaba en marcha, os trámites estaban literalmente paralizados”.

O goberno local cualifica de “irresponsabilidade” a actuación do anterior executivo do PP “que tiña paralizados todos os trámites que eran competencia municipal dende o ano 2018, sen informar a ninguén de dita paralización

A prioridade do Concello, nestes momentos, é adoptar medidas provisionais “e de urxencia” que permitan o acceso do transporte escolar e o normal comezo do curso escolar no mes de setembro. Para iso, a próxima semana faranse probas de accesibilidade con microbuses, “para, chegado o momento, e de xeito provisorio utilizar microbuses en lugar de dous microbuses e un autobús que era o que se tiña previsto por parte da Xunta”, explicou a rexedora local.

Na mesma liña e coa intención de facilitar o acceso de vehículos particulares, o Concello procede á mellora do firme e ao limpado das cunetas, traballos que se están facendo dende o día de onte, de cara a mellorar a accesibilidade ao centro.

A posta en marcha destas medidas provisionais “é unha cuestión de responsabilidade”, afirmou Digna Rivas, xa que as nenas e nenos e a comunidade escolar, “non teñen por que pagar irresponsabilidade manifesta amosada polo goberno de Javier Bas que, coñecendo perfectamente os prazos de posta en marcha do novo Colexio Igrexa, non só non fixo os seus deberes, senón que ocultou a situación a todos e todas”.

Digna Rivas asegurou que a situación é complicada, pero que por parte do seu Goberno “iniciaránse de inmediato todos os procedementos precisos solucionar definitivamente este problema” xa que, adiantou a rexedora local “existen uns prazos e, evidentemente, non podemos saltarnos a Lei”.

Para ensanchar o vial, tal e como era a obriga do anterior Goberno, haberá que facer unha modificación de usos, licitar a obra, iniciar un proceso de expropiacións e facer a correspondente dotación orzamentaria, pasos que, insiste a alcaldesa de Redondela “o anterior Goberno do PP aseguraba que estaban en marcha cando o certo é que estaban totalmente paralizados”.

En todo caso, volveu a subliñar Digna Rivas, “a nosa obriga é dar solucións ás veciñas e veciños que non teñen por que pagar pola irresponsabilidade do anterior goberno do PP, e iso faremos”.

Ponteareas abre o prazo para as propostas do Plan de Mobilidade Sustentable e Accesible

O concello de Ponteareas informa que abre o prazo para presentar as propostas para a redacción do Plan de Mobilidade Sustentable e Accesibilidade nos espazos públicos do concello. O Plan deberá recoller as actuacións a curto, medio e longo prazo destinadas a implementar formas de desprazamento máis sustentable dentro do termo municipal de Ponteareas.

O orzamento base de licitación, IVE incluído, é de 32.000 € e o prazo remata o vindeiro 22 de agosto. As propostas deberán ser presentadas por rexistro de entrada ata as 13 horas.

Amais a implementació de medidas para o desprazamento máis sustentable dentro do termo municipal de Ponteareas, o Plan de Mobilidade inclúe tamén a revisión e actualización da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas en espazos e edificios municipais.

A súa vez, será obxecto de contrato a análise da conexión do núcleo urbano coa A-52, así como da posibilidade dun transporte público intramunicipal. O servizo deberá unha especial atención á Avenida Castelao, incluíndo actuacións de participación coa poboación, cuxos resultados deberán ser tidos en conta.

As empresas interesadas poderán consultar toda a documentación na páxina web do concello de Ponteareas na pestaña “perfil do contratante” ou directamente nesta ligazón.

O Porriño asegura que a empresa encargadas das rozas “realízanse axeitadamente”

O Goberno Municipal de Porriño asegurou hoxe que “dispón de informes técnicos” que acreditan que a empresa Ascan, concesionaria do servizo, “está a realizar axeitadamente as tarefas de rozados que o Concello contratou con esa firma”. O Goberno local baséase nos informes –requiridos pola Alcaldía– de dous técnicos municipais, “o encargado de obras e o enxeñeiro”.

Un dos motivos era o persoal disposto por Ascan para acometer as rozas, especialmente durante os meses de maio e xuño cando houbo moitas chamadas de veciños indicando incidencias. Os informes certifican que “cumpriuse co número de traballadores que eran 10 por lote” e que “o reparto das zonas de traballo acordabase entre o responsable da empresa e o encargado municipal”.

“As variacións de persoal que se produciron debíanse a que no momento do inicio do servizo a situación das estradas era bastante mala xa que estábamos en plena primavera, polo que as chamadas dos administrados indicando incidencias existentes era moi elevada, e os operarios da empresa Ascan dividíanse en parellas ou de forma unipersoal para realizar tarefas que urxían” sinala o Concello porriñés.

No que atinxe á maquinaria empregada por Ascan, os informes certifican que estivo a utilizar a súa propia, “agás cando un dos tractores averiouse nun par de ocasións polo que se lles cedeu un tractor municipal que estaba fora de servizo e que eles arranxaron”.

O goberno local sae así ao paso das acusacións do Partido Popular do Porriño que pedía a rescisión do contrato con Ascan polo que consideraban “reiterados incumprimentos e irregularidades da empresa”.

Presuntas irregularidades

As presuntas irregularidades nas que, segundo os populares porriñeses, están incurrindo tanto a empresa como o Concello para adxudicar estes traballos “son de extrema gravidade”, apunta o voceiro Alejandro Lorenzo.

O edil fai referencia deste xeito á situación do persoal da empresa que presta servizos ao Concello. “Nos seus contratos figura como centro de traballo Sanxenxo e o convenio colectivo que se contempla é o do Concello de Tui”, explica Lorenzo, “A situación é dantesca e supón un claro perxuizo para estes traballadores, podendo perxudicalos en termos salariais. Ademais tivemos coñecemento de que, a día de hoxe , continúan sen cobrar a nómina do mes de xullo”.

Ademais, este persoal está a realizar os traballos de limpeza viaria os fins de semana e festivos, sen que estes figuren no seu contrato. Salientar neste punto, que a propia empresa se comprometera para obter a concesión do servizo, a contratar a estes traballadores entre persoas en situación de desemprego para prestar o servizo de desbroce de camiños, compromiso que non cumpriu pois estes traballadores estaban contratados con anterioridade á adxudicación.

Os puntos referidos por Lorenzo “supoñen un claro incumprimento do contrato por parte da empresa”, tal e como contempla a Ley de Contratación Pública. Con tal motivo, e a fin de defender os dereitos destes traballadores e os intereses do Concello do Porriño, os populares solicitarán ao Secretario Municipal que se dea conta á Inspección de Traballo desta situación e se revise a concesión que o goberno municipal pretende formalizar.

Do mesmo xeito apuntan os populares “á arbitrariedade coa que o executivo socialista continúa a decidir que empresas cobran polos seus traballos no Porriño e cales non”.

“Ante as irregularidades na facturación desta empresa, a Intervención Municipal leva emitindo os correspondentes informes desfavorables de reparo”, conclúe Lorenzo, “Mentres moitos provedores e empresas continúan sen cobrar, a alcaldesa accidental non dubida en asinar decretos de levantamento de reparo para pagar a esta empresa”. Concretamente, Alejandro Lorenzo asegura que o pasado 13 de agosto “levantou reparos e ordenou o pago de 44.189, 64 euros”.

O goberno municipal de Caminha visita O Rosal

0

O Goberno da Câmara de Caminha, encabezado polo seu presidente, Miguel Alves, visitou no día de onte o Rosal onde foron recibidos polo goberno rosaleiro coa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís ao fronte. Na xuntanza de traballo mantida polos dous gobernos locais, comezaron a establecerse os puntos en común “para vertebrar unha relación con vínculos sólidos entre ambas beiras do Miño”.

De feito, na reunión puxéronse sobre a mesa as potencialidades e puntos fortes de ámbolos dous concellos “co obxectivo de buscar vías acaídas para comezar un camiño transfronteirizo de colaboracións”, sinalaron dende o Goberno local do Rosal.

“Comezamos xa a falar de propostas reais nas que poder iniciar o noso camiño. Ambos gobernos amosamos ilusión e ganas de traballar para efectivizar unha colaboración transfronteiriza que poña en valor a riqueza nos distintos eidos que compartimos” apuntaron os rexedores locais. Entre outras cuestións, falouse de cultura, deporte, gastronomía, turismo e patrimonio.

Ademáis, a reunión permitiu coñecer as distintas áreas competenciais que a Câmara e o Concello comparten “e acordamos colaborar, entre os equipos de goberno, coa finalidade de ter unha comunicación constante nas mesmas para poder xerar sinerxias positivas que nos permitan compartir información e tender pontes neste sentido”, concluiu a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Mos aspira a converterse nun municipio “pioneiro en igualdade”

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, veñen de reunirse en Santiago de Compostela coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, unha xuntanza incluída na rolda de visitas que a rexedora local iniciou hai uns días co goberno de Galicia.

O principal obxecto do encontro foi, segundo o Concello de Mos, “formalizar unha nova política transversal que inclúe á administración local e á Xunta de Galicia, neste caso en materia de igualdade”. Trátase dun pacto polo que o Concello de Mos se compromete a incluír a concienciación igualitaria en dúas liñas: prevención da violencia de xénero e igualdade, en todas e cada unha das iniciativas e actividades municipais organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social (de acompañamento a persoas maiores usuarias do departamento municipal de Política Social) e ao Grupo de Voluntariado Medioambiental que se atopa en proceso de creación.

“Deste xeito pretendemos que o Concello de Mos se convirta nun municipio pioneiro en materia de igualdade”, destacaron alcaldesa e concelleira.

Outros dos temas tratados por Arévalo e Cebreiro na reunión con Susana López Abella, foron algunhas necesidades do Concello de Mos en materia de igualdade entre as que se atopan dar continuidade a programas municipais de participación feminina dos que xa se realizaron anteriores edicións; seguir a potenciar e mellorar o CIM (Centro de Información á Muller de Mos), perfilar diferentes programas en materia de prevención da violencia de xénero que se porán en marcha a partir do vindeiro mes de setembro; e concretar actividades para mulleres de Mos, que se celebrarán tamén a partir de setembro.

Entre ditas actividades atoparase a segunda edición da viaxe ás Illas Cíes para mulleres, dando resposta á clamorosa demanda da poboación feminina mosense, xa que o ano pasado a saída tivo unha espectacular acollida e un incrible éxito de afluencia, agotándose en poucos días as 400 prazas ofertadas.

Ademais as representantes municipais e a secretaria xeral, anunciaron a realización durante o mes que ven dunha iniciativa gratuíta para mulleres consistente nun curso de formación para o autocoñecemento para o bo trato. Impartirase no Multiusos das Pozas en horario de 09.30 horas a 13.30 horas todos os luns, martes e xoves de setembro a partir do día 2 do vindeiro mes.

As interesadas en inscribirse para participar poden facelo dende xa e durante todo o mes de agosto no CIM de Mos. A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia financia este programa cunha achega económica de 8.000 euros.

A Guarda ofrece, na fin de semana, visitas guiadas, música e exposicións

0

Como se fora preciso buscar algunha excusa para achegarse a un lugar fermoso como poucos, que é A Guarda, o Concello ofrece unha fin de semana chea de actividades para toda as idades nas que a música, as visitas guiadas e as exposicións, teñen un lugar destacado. Se a iso unímoslle unha feira de oportunidades, o plan xa está feito.

Hoxe xoves e durante toda a fin de semana, o Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González. Nesta mostra expóñense varias maquetas deste artista rosaleiro, como a Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, –todos eles elementos do Rosal– ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de visita de 11:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h. Entrada: 1 € adultos e 0,5 € ata 14 anos inclusive.

Praxíteles González amosa a súa exposición de maquetas ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba e á concelleira Montserrat Magallanes

Cómpre lembrar tamén que o Concello da Guarda, a través da Concellería de Turismo, ven de iniciar un programa de visitas guiadas polo casco urbano que se realizan todos os mércores e xoves ata o 15 de setembro. As visitas son de carácter gratuíto e non é preciso inscrición previa, tan só achegarse ás 12:00 h ao punto de encontro, que é a Oficina de Turismo da Praza do Reló. Dende a Praza do Reló o grupo sae para coñecer o patrimonio da Guarda, este xoves celebrábase ás 12 a visita singular da época moderna: «Castelo de Santa Cruz».

Venres 16 de agosto

O vindeiro venres día 16 de agosto a Praza de Avelino Vicente (As de Copas) acolle a segunda cita do «Música nas Prazas 2019» ás 22 horas, co concerto que ofrece o grupo Blues do País. Cuarto ano desta actividade promovida dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.

Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King que interpretan música blues de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Matasme despacio) ou Mercedes Benz (Chimpín). Coa súa música amosan que é posible facer blues na lingua do país.

Coñecer a fondo o monte Santa Trega é posible grazas a unhas interesantes visitas guiadas

Na xornada deste venres continúan as visitas guiadas para coñecer o patrimonio do Monte Santa Trega, ás 11:30 h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.

Ás 12:30 h e ás 17:00 h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico (MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos. Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é obrigatorio facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986 610 504.

A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1 € para adultos e 0,5 € para menores de 14 anos.

Sábado 17 de agosto

O sábado, o Concello guardés organiza unha visita do máis interesante. Será un percorrido guiado polas escavacións das Salinas do Seixal.

Esta visita guiada, que conta coa coordinación de Anabam, realizarase de xeito gratuíto o sábado día 17 de agosto con saída ás 10:45 h dende o Porto da Guarda, cun percorrido aproximado de 2 horas empregando a senda litoral.

O Concello da Guarda quixo agradecer “a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano”. Inscricións no teléfono 616 180 557.

Feira de Oportunidades da Guarda

Tamén na xornada deste sábado a Asociación de Empresarios da Guarda Acigu CCA, organiza ao longo do día na Praza de Avelino Vicente unha Feira de Oportunidades na que o comercio local ofertará importantes descontos e promocións para todos os asistentes. En caso de choiva o evento aprazarase a unha nova data que se anunciará convenientemente.

Tamén sábado continúan as visitas guiadas para coñecer o patrimonio do Monte Santa Trega, ás 11:30 h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.

Domingo 18 de agosto

A Casa dos Alonsos acolle este domingo a Inauguración da Exposición Arquitectura en Porispan, do artista Ramón González González. A Inauguración terá lugar ás 20:00 h e o horario de visitas da mesma será de mañá de 9:00 h a 14:00 h e de tarde de 19:00 h a 21:00 h. Os días festivos de 19:00 h a 21:00 h.

Carlos Font acusa á Xunta de “ocultar datos relevantes para facer crer que o turismo non vai ben”

O deputado provincial Carlos Font cualificou hoxe de “incomprensible” a actitude da Xunta de Galicia “que despois de faltar a verdade sobre o tirón turístico da provincia de Pontevedra, ofrecendo datos parciais e ocultando os que realmente son relevantes do primeiro semestre do ano, por enriba pretenda atacar á Deputación cando somos a institución que coincide plenamente coa información do INE en canto a número de pernoctacións e días de aloxamento”.

Font retou ao Conselleiro de Turismo a que demostre o que dixo, “e a que demostre que o que nós dixemos non sexa rigorosamente certo. Que diga se non é verdade que a cidade de Vigo aumento un 17,49% o número de pernoctacións de xaneiro a xuño de 2019, dato que xa demostramos que a Xunta ocultou”.

Tamén instou ao goberno galego “a que ensine os datos da cidade de Pontevedra. Non pode facelo porque ocultan e menten”, dixo. Carlos Font sinalou que “é vergoñento que nos acusen de confrontar. Confrontación é vir á provincia de Pontevedra a dar datos parciais e ocultar os verdadeiramente importantes.

Entendemos que estean molestos, dixo, porque quedou claro quen falta á verdade e quen a di. O que dicimos desde a Deputación de Pontevedra é verificable: aumento de pernoctacións e de días de aloxamento. A resposta da Xunta é descualificar para tentar xustificarse pero sen dar datos que avalen os seus ataques”

Carlos Font rematou insistindo cos datos do INE. “Que diga o Conselleiro se algún dos datos que se deron desde a Deputación non son os que publica o INE, datos que pode cotexar calquera. Non teñen resposta”. O deputado lamentou o dano que a Xunta de Galicia pode causar.

“O sector turístico e as administracións locais están a facer un traballo extraordinario e non merecen que a Xunta veña a dar roldas de prensa tentando facer crer que o turismo non vai ben. O turismo vai extraordinariamente ben en Rias Baixas e sábeno”.

BNG Ponteareas: “Puxemos fin a 17 anos de parálise urbanística provocada pola dereita”

O BNG de Ponteareas, a través do seu concelleiro Roberto Mera, salientou que coa aprobación do PXOM “poñemos fin a 17 anos de parálise urbanística provocada pola dereita” e acusou ao PP e ACIP de “antepoñer os seus intereses políticos aos de Ponteareas, opoñéndose ao PXOM e anunciando recursos xudiciais”.

O edil nacionalista lembrou que “nos anos 80 e 90 a dereita causou o desastre urbanístico de Ponteareas, beneficiando a uns poucos a costa da maioría. Destrozaron Ponteareas cun urbanismo salvaxe que nos deixou edificios aberrantes, rúas estreitas nas que nin dá o sol, problemas de tráfico e aparcamento, escaseza de terreos públicos e falta de solo industrial”.

Mera engadiu que o PP “usou politicamente o urbanismo suspendendo desde a Xunta as normas no ano 2002 como arma política contra José Castro” e lembrou que naqueles días “se concederon en apenas tres semanas licenzas ilegais para ducias de edificios que despois foron anuladas polos tribunais”.

En 2003 o goberno do BNG-PSOE paralizou as obras facendo cumprir as ordes xudiciais e, segundo Roberto Mera, “a presión dos construtores levou a independentes e PP a poñerse de acordo e presentar a moción de censura que xustificaron na necesidade de aprobar o novo PXOM”.

En once anos, entre 2004 e 2015, PP e independentes “foron incapaces de aprobar o Plan, malia teren maioría absoluta, e mantiveron a Ponteareas paralizada. Agora, lamentabelmente, opóñense ao PXOM. O PP e ACIP preferían condenar a Ponteareas a seguir sen un Plan Urbanístico que acumula un retraso de 17 anos”, sinala Mera.

Carmela Silva inaugra a mellora da EP 2202 que “recupera espazos para as persoas”

Nun acto festivo, no que participaron peregrinas e peregrinos que están a facer o Camiño pola Costa, e veciñas e veciños de Baiona, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo hoxe en valor a recuperación de espazos para as persoas que está a acadar a institución no acto de inauguración das obras de mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-2203 de Baredo a Loureza e na EP-2202 de Baiona a Loureza.

Carmela Silva estivo acompañada polos deputados de Infraestruturas e Mobilidade, Gregorio Agís e Uxío Benítez, así como do alcalde de Baiona, Carlos Gómez e integrantes do goberno municipal baionés.

Estes traballos, que ademais da mellora dos sendeiros incluíron a instalación dun miradoiro, tiñan por obxecto mellorar a mobilidade e seguridade das persoas, tendo en conta que a zona é moi transitada xa que por ela transcorre o Camiño de Santiago. Neste senso, Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacaron que a obra leva a pegada da Deputación de apostar por infraestruturas que teñan en conta ás persoas e o territorio.

“O selo da Deputación de Pontevedra –afirmou a presidenta– é unha aposta clara pola transición ecolóxica, por construír un modelo diferente de facer política, economía, sociedade e de construír infraestruturas. No século XXI nós temos que pensar no Medio Ambiente, nas persoas e na recuperación dos espazos públicos para a xente.

Carmela Silva: “o novo selo da Deputación pasa por infraestruturas accesibles para os peóns cunha mobilidade e iluminación do século XXI”

Os vehículos son medios de transporte e de comunicación, pero non poden ser o centro da actuación das Administracións. Iso rematou; foi un erro do século XX e nós queremos rachar con el no século XXI”.

Neste senso, sinalou que as premisas polas que a Deputación aposta na mellora das infraestruturas inclúen a dotación de vías peonís “cun ancho onde a xente poida camiñar con seguridade”, ademais de que deben ser “accesibles para que todas as persoas poidan percorrer os espazos” e facilitar a mobilidade. Outra das apostas é a iluminación entendida dunha forma diferente, “que ilumine o chan, con baixo consumo enerxético e que non contamine o aire e nos permita ver as estrelas”.

No acto de inauguración participaron tamén grupos de peregrinos italianos que están a facer o Camiño. De feito pediron poder intervir no evento e, deste xeito, unha das peregrinas “quixo facer un regalo” cantando unha peza de ópera. Precisamente, Carmela Silva incidiu en que “o Camiño de Santiago é un elemento de atracción turística fundamental e prioritario, e queremos facilitarlle aos transeúntes que poidan desfrutar da nosa paisaxe, do noso territorio e o poidan facer con seguridade”.

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, –impulsor do proxecto de Baredo– subliñou que a actuación tiña como obxectivo principal aumentar a seguranza viaria da estrada provincial con condicións e dimensións dignas para a veciñanza e as peregrinas e peregrinos, facilitando a mobilidade a pé e adaptándose ás persoas usuarias e non só aos vehículos.

“A filosofía do departamento de Mobilidade é que as estradas se adapten ás persoas e ao territorio, á contorna natural e cultural, e non ao revés. Por iso ademais de crear un espazo seguro non fomos alleos ás vistas e construímos unha zona de descanso na se que pode gozar dunha das mellores vistas da provincia”, indicou o nacionalista, que lembrou que as obras xurdiron dunha petición do Concello de Baiona. Benítez aproveitou para agradecer ao persoal técnico da Deputación o seu esforzo no proxecto, xa que dende a súa concepción no ano 2017 houbo que salvar o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Finalmente, de feito, foi posible manter os 2,5 metros de ancho da senda peonil que o departamento de Mobilidade provincial consideraba necesarios para garantir a accesibilidade universal do itinerario peonil.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que este Concello “vaise unir a este modelo da Deputación” e as iniciativas iniciadas pola Administración provincial, como a mellora deste tramo do Camiño. “Debemos estar agradecidos á Deputación por este tipo de iniciativas, non só pensando nos peregrinos e no Camiño Portugués –afirmou–, senón tamén en poñer en valor o noso rural, as nosas parroquias. O Concello de Baiona vaise unir a esta idea do que debe ser o presente e o futuro do noso pobo, da nosa provincia, do noso pais.

Temos que pensar nun futuro que está moi condicionado polas accións que como sociedade temos institucionalizadas. Hai modelos de condutas que hai que cambiar”.

Redondela aposta por un «Entroido de Verán» familiar, igualitario e inclusivo

0

Redondela ultima os preparativos para a celebración dunha das súas festas populares emblemáticas, o «Entroido de Verán» que por parte do Concello busca afastarse o máis posible da imaxe de ‘macrobotellón’ e potenciar a celebración dun evento máis familiar, igualitario e inclusivo.

O «Entroido de Verán» foi presentado na mañá de hoxe na contorna da Casa da Torre pola acaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura Daniel Boullosa.

Trátase dunha festa que, se ben parte da Concellería de Cultura, “involucra a case que todos os departamentos municipais como Vías e Obras, Medio Ambiente, Seguridade, Igualdade e, por suposto, Cultura”, explicaba Daniel Boullosa.

O responsable da Cultura de Redondela daba conta polo miúdo dun programa que comezará xa de mañá e que contará “con actuacións itinerantes, dous escenarios principais pero, sobre todo, moita programación infantil e familiar durante toda a mañá e tarde”.

As actividades, para que “todo o pobo sexa partícipe da festa”, como sinalou a alcaldesa Digna Rivas, desenvolveránse na Alameda, a Xunqueira e na pista de petanca.

“Sabemos que non imos a mudar ese ‘entroido-botellón’ dun día para outro –explicaba Daniel Boullosa– porque é un problema da sociedade en xeral, pero imos intentar estender a festa a todas as prazas da rúa e intentar mitigar, dentro do posible, o alcoholismo na xuventude e mocidade”.

A muller terá un papel importante no programa e, nesa liña, haberá unha batukada feminina con Son do Lila e, do mesmo xeito, nas sesións DJ haberá unha DJ de Pontevedra e un DJ local “porque queremos tirar dos grupos locais” afirmaba o responsable de Cultura. Ese é o caso de Chaleco Reflectante “un grupo rock que representa o máis mozo da vila e que estará abrindo os concertos”.

Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, deixaba clara a aposta do Concello por un «Entroido de Verán» familiar, igualitario, inclusivo e diverso. “Queremos que os veciños e veciñas de Redondela sexan parte deste Entroido”.

Digna Rivas: “queremos darlle a importancia que merecen aos grupos locais, ao noso, ao de Redondela e tamén da comarca”

Aseguraba Rivas que non se buscaba un programa cunha ‘actuación estrela’ porque “todos e todas os que están aquí, nesta programación, son importantes”.

A rexedora local recalcaba o sinalado por Daniel Boullosa sobre a participación dos grupos ‘da casa’ porque, sinalou, “queremos darlle a importancia que merecen aos grupos locais, ao noso, ao de Redondela e tamén da comarca”.

Na súa faceta de concelleira de Igualdade, a alcaldesa de Redondela felicitaba ao concelleiro de Cultura “por visibilizar o empoderamento da muller no programa, cunha forte presenza feminina”. “Temos moitísimas mulleres relacionadas coas artes e a cultura ás que lle temos que dar a importancia que merecen”, subliñou Digna Rivas.

Nese sentido salientaba a presenza cunha muller CJ “porque parece que só hai homes nesta faceta da música e non é así, hai mulleres DJ e moi boas é, polo tanto, hai que darlle a súa sona”.

Daniel Boullosa: “pouco a pouco os hostaleiros teñen que voltar a participar na organización deste festival”

Insistía a alcaldesa no feito de que o programa que se presentaba, con actividades durante toda a mañá e toda a tarde quería transmitir a mensaxe “dun entroido familiar e ir facendo que o botellón se vaia retirando”. Con este programa elaborado pola Concellería de Cultura, recalcou “queremos transmitir que dende o Concello non imos fomentar o botellón”.

Digna Rivas e Daniel Boullosa explicaron a non celebración do concurso de Drag Queen, senon que logo de consultalo con colectivos LGTBIQ estes sinalaron que preferían “que non se celebrase ese concurso” e que se dera visibilidade ao colectivo con otro tipo de actividades.

Boullosa remataba sinalando que, se ben as actividades programadas polo Concello remataban ás 12:30 da noite, o Entroido continuaba pasando o protagonismo á hostalería “é o público pode seguir a festa nas terrazas e nos bares”.

Explicou o concelleiro de Cultura que o Entroido de Verán nacía hai 23 anos “da man dos hostaleiros, logo foi asumido polo Concello, pero pouco a pouco os hostaleiros teñen que voltar a participar na organización deste festival”.

Praia América adobíase coas esculturas da expo «D’Pedra» da Deputación de Pontevedra

0

Praia América transformase, nestes días, nunha excepcional sala de exposicións ao acoller, ata o 9 de setembro, as 16 esculturas realizadas polo alumnado da Escola de Cantería e agrupadas na exposición colectiva «D’Pedra».

A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra, foi inaugurada na mañá de hoxe polo alcalde de Nigrán Juan González, acompañado das deputadas Ana Laura Iglesias e Noemí Outeda e concelleiros de concelleiras do Goberno local.

“O ano pasado tivemos a mostra anterior desta Escola e foi un éxito rotundo, a ubicación ao pé da praia é inmellorable e estamos encantados de poder repetir con esta nova, a calidade das pezas é asombrosa”, sinalou o alcalde, Juan González, durante a presentación.

[su_slider source=”media: 4845,4842,4846,4843,4847″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″]

Para que os centos de persoas que nestes días de verán pasan polo paseo de Praia América poidan ter unha mellor idea da exposición, cada una delas conta cun pequeno panel no que figura o nome do autor ou autora e o título da obra.

Máis polo miúdo, as 16 pezas que se exhiben son obra de Patricia Pazó Vázquez, Alejandro García Álvarez, Marcos Lareo García, Álvaro Somoza López, Rubén Gil Rodríguez, Santiago Rey López, Marcel Kahlbrandt, José Sampedro Caamaño, Jonathan Mariñas García, José Gómez de Bernardo, Lorenzo Lede Mouriño, Jonathan López Otero e Jason Pérez. Tras o seu paso por Nigrán, a mostra da Escola de Cantería chegará ao concello de Gondomar, onde permanecerá ata o 9 de outubro.

«D’Pedra» é unha exposición que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos, como fixo no seu momento con ‘Nado en Pedra’, e que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.

Máis sobre a Escola de Cantería

A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. Así, os seus traballos están presentes en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (Estados Unidos), Querétaro (México), Buenos Aires (Arxentina) o Montevideo (Uruguai) entre outros países.

Ademais, o alumnado ten participado nas obras de restauración de emblemáticos monumentos, como a A Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a catedral de Westminster de Londres ou mesmo as obras de recuperación do edificio do Capitolio de Washington.

A Deputación súmase á campaña internacional ‘BreathLife’, Respira a Vida

A Deputación de Pontevedra adheriuse á campaña da Organización Mundial da Saúde, Nacións Unidas e a Coalición Clima e Aire Limpo que se coñece internacionalmente como ‘BreathLife’ e que en España denominouse ‘Respira a Vida’. A entidade que preside Carmela Silva convértese, deste xeito, na terceira representante institucional española en sumarse a un proxecto no que, a día de hoxe, só participan o País Vasco e Cataluña.

E para elo asume os obxectivos da campaña: involucrarse no cumprimento das directrices da OMS sobre calidade do aire para o ano 2030, reducir á metade o número de mortes relacionadas coa contaminación atmosférica no ano 2030 e reducir o ritmo do cambio climático en 0,5 graos para o ano 2050.

A iniciativa ‘BreathLife’ foi presentada hoxe por Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas. Silva destacou que a contaminación atmosférica, “o asasino invisible”, causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, “máis que os accidentes de tráfico”.

Fixo, por tanto, un chamado á concienciación da sociedade contra unha lacra que ataca especialmente ás persoas maiores e tamén ás máis cativas: “ás avoas e avós; ás netas e netos con asma”. “Somos unha institución que se compromete coa vida da xente e que, dende o local, quere ser actor protagonista”, remarcou.

A Deputación de Pontevedra ten fixado para este novo mandato municipal como unha das súas liñas transversais o medio ambiente cara a transición ecolóxica, polo que esta iniciativa encaixa perfectamente na súa “folla de ruta” e nos intereses xerais da provincia.

Segue os pasos do País Vasco e Cataluña integrándose na iniciativa que parte da OMS, da ONU e da Coalición Clima e Aire Limpo para loitar contra “o asasino invisible”: a contaminación atmosférica

Carmela Silva subliñou tamén que a participación neste proxecto internacional contribúe a situar á Deputación nunha posición máis competitiva para captar fondos europeos no marco da Axenda Urbana 2030.

As medidas clave a desenvolver pola Deputación no marco do pacto “BreathLife” encádranse no sector do Transporte, Xestión de Residuos, Abastecemento de Enerxía e Alimentación e van ter un impacto directo9 positivo en sectores estratéxicos como o turismo ou o sector primario (vitivinícola e agrario).

No eido do Transporte xa están en marcha medidas como o Plan Móvese para reducir a velocidade en zonas urbanas ou o Plan DepoRemse para incrementar a seguridade viaria en centros de elevada atracción urbana. Na Xestión de Residuos, a Deputación continúa impulsando o Plan Revitaliza, que converteu á provincia nun referente na aposta pola compostaxe dos residuos sólidos urbanos, ou Proxecto ESTRAEE, para a xestión de aparellos eléctricos electrónicos, financiada polo programa operativo Interreg POCTEP España-Portugal dos fondos Feder.

Amais, presentou proxectos para captar fondos Life (Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima 2014-2020) para poñer en marcha as iniciativas Life CircWEEE (recuperación de residuos de equipos eléctricos, electrónicos, baterías, acumuladores e compoñentes) e Life DeAgua (tratamentos de augas residuais mediante sistemas naturais en zonas rurais).

No ámbito do Abastecemento de Enerxía, xa están en marcha cinco liñas de apoio aos concellos para o cambio da súa iluminación exterior á tecnoloxía led (programa operativo Feder de Crecemento Sustentable 2014-2020), así como outra liña para a iluminación sostible dos elementos catalogados como Bens de Interese Cultural e un programa de substitución de caldeiras de gasóleo por equipos de biomasa.

Finalmente, no sector da Alimentación e Agricultura, a Deputación impulsa convenios para a redución do uso de pesticidas no ámbito do cultivo da mazá e a produción de leite ecolóxico. Tamén desenvolve o proxecto DepoVerde para producións hortofrutícolas e apícolas en espazos naturais protexidos, o proxecto DepoApicultura para o fomento da apicultura sustentable e o DepoFroitos, para o cultivo ecolóxico de froitos de bosque.

Os programas SICOM (encadrado no proxecto europeo Life Viñas Atlánticas) para reducir os fitosanitarios, o estudo e asesoramento sobre o impacto do cambio climático no sector vinícola, o desenvolvemento de sistemas de teledetección para o cálculo das áreas afectadas por incendios forestais, os estudos para a mellora forestal e a creación dos parques forestais, completan as actuacións neste ámbito.

A Xunta confirma ao Concello do Porriño a subvención para o obradoiro de emprego ‘Porriño Xove’

A Xunta de Galicia, a través de Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de confirmar ao Concello do Porriño a concesión dunha subvención de 180.021 € para a realización do obradoiro de emprego denominado ‘Porriño Xove’.

Dezaseis aspirantes serán seleccionados como alumnos traballadores nas seguintes especialidades formativas: a metade dos seleccionados ou seleccionadas cursarán atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións; e os outros oito seleccionados formaránse en operacións de gravación e tratamento de datos da Concellería de Emprego en Torneiros.

As 8 personas que se formen para atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, deben ter como requisito indispensable o título da ESO.

O Concello canalizará estes cursos a través do departamento ‘Porremprego’. Trátase de contratos de formación e aprendizaxe que terán unha duración prevista de 6 meses. As actividades formativas impartiránse dende o vindeiro 30 de setembro ata o 29 de marzo de 2020. Preténdese formar a 16 persoas desempregadas menores de 30 anos e que estean anotados no Sistema de Garantía Xuvenil.

Todas as persoas desempregadas que cumplan cos anteditos requisitos e que estean interesadas en formar parte do alumnado deste obradoiro de emprego, deberán acudir á oficina de emprego do Porriño e anotarse en Obradoiros. As persoas que non estean inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil poderán inscribirse no mesmo día que solicitan anotarse en Obradoiros.

Concerto de Lucía Pérez e A Roda este venres en Oia

0

O casco histórico de Oia encherase de música a noite deste venres 16 de agosto co concerto gratuíto A Roda da Igualdade, un proxecto no que a artista Lucía Pérez e o grupo A Roda queren amosar exemplos de música popular con discursos alonxados do discurso machista e misóxino e amosando un novo imaxinario e un novo discurso: o da igualdade.

O concerto reunirá á cantante galega Lucía Pérez, representante de España no Festival de Eurovisión de 2011, e máis ao coñecido grupo de música tradicional A Roda. Xuntos ofrecerán un espectáculo a partires das 23.00 horas do venres no adro da igrexa parroquial de Oia, preto do Mosteiro.

No concerto, organizado polo Concello de Oia e coa colaboración de Política Lingüística da Xunta, haberá un espazo con cadeiras para que as persoas do público que o desexen poidan gozar do espectáculo sentadas.

A Xunta licitará a ampliación do Centro de Saúde do Porriño

A Consellería de Sanidade licitará nos próximos días o proxecto básico de execución para a ampliación do Centro de Saúde do Porriño. Así llo confirmou o titular da carteira sanitaria, Jesús Vázquez Almuíña, ao voceiro dos populares porriñeses, Alejandro Lorenzo.

Sendo coñecedor de que a Xunta remitiu xa en febreiro a documentación para asinar o convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello do Porriño para a execución destas obras, Lorenzo mantivo esta semana unha reunión co Conselleiro de Sanidade para interesarse polos avances do proxecto de mellora das instalacións sanitarias do municipio.

“O pasado mes de febreiro a Xunta de Galicia solicitou ao Concello do Porriño a formalización do convenio, sen obter resposta de Eva García que non só non o tramitou nin formalizou, senon que non o fixo público nin deu conta ao resto dos grupos”, lamentou o edil, “Mentres ocultaba á veciñanza que o proxecto para a ampliación estaba a expensas de que ela cumprira coa súa parte, centraba a súa campaña en cargar contra a Xunta para reclamar o inicio do proxecto. É unha mágoa que tente sacar rédito político dun tema que nos afecta a todos e todas por igual e no que debemos ir da man”.

Lorenzo amosouse satisfeito cos avances no procedemento de cara a dar resposta a unha demanda histórica do municipio. “A ampliación das nosas instalacións sanitarias é algo polo que vimos traballando anos, unha xustificada demanda que agardamos se vexa resolta definitivamente.”, explicou Lorenzo.

O vindeiro ano será cando, en base aos prazos marcados no procedemento, se prevé o inicio das obras. Unha vez completada licitación da elaboración proxecto básico de execución, que estará finalizado a finais de ano, procederase á licitación das obras.

Según adiantou Vázquez Almuiña, a superficie útil do Centro de Saúde incrementarase preto de 700 metros cadrados. O plan funcional de espazos do centro de saúde porriñés, contempla un incremento de superficie tanto na área de urxencias (PAC), como na área médica e pediátrica, adaptándose así as necesidades asistenciais e de persoal actuais e futuras do Concello do Porriño.

En base ao devandito plan, a área médica incrementarase en preto de 190 m2 útiles, contemplando unha nova a consulta de medicina de familia, outra de pediatría, 1 sala de toma de mostras e unha consulta de matrona. Tamén contempla una sala de docencia e unha consulta de programa da muller.

O Plan funcional de espazos inclúe unha área de fisioterapia de preto de 150 m2 útiles, mentres que o PAC verá ampliado a súa superficie en preto de 130 m2 útiles e dotarase con 2 novas consultas de medicina, 1 DUE e unha nova sala de observación, entre outros espazos.

Carmela Silva reivindica o apoio á cultura, ao talento e ao cinema no inicio da rodaxe de ‘María Solinha’ en Redondela

0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do inicio da rodaxe da nova película de Ignacio Vilar, ‘María Solinha’, que se gravará integramente na provincia e que conta cun reparto cen por cen galego.

No acto, que tivo lugar na lonxa de Cesantes (Redondela), estivo acompañada da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; do concelleiro de Cultura do condello redondelá, Daniel Boullosa; do director do filme, Ignacio Vilar, das actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, do responsable de Agadic, Jacobo Sutil, e outros participantes no proxecto.

Na súa intervención, Silva fixo fincapé en que “un país non ten futuro se non ten cultura, se non ten cinema, se non apoia a creatividade e o talento” e engadiu que “dende a Deputación de Pontevedra queremos que a nosa provincia, as nosas rías, se convertan nun plató de cine, porque iso nos sitúa en Galicia, en España, en Europa e no mundo”.

O filme do director Ignacio Vilar comezará a gravarse o vindeiro luns 19 de agosto nos concellos de Cangas, Redondela e Vigo

“Hoxe estamos aquí para falar de creatividade, de talento galego, talento do sur de Galicia”, comezou a presidenta. Neste eido, Silva continuou explicando que as dúas actrices protagonistas estudaron no Centro de Artes Escénicas de Vigo, e destacou “o importante que é ter formación para que o teatro, o cinema, o audiovisual teña a forza que está a ter en Galicia e aquí, na provincia de Pontevedra”.

En relación á película, a presidenta provincial amosou a súa felicidade porque “falemos das nosas mulleres, de mulleres galegas, que falan da nosa historia, de todas nós e, neste senso, María Solinha é unha desas tantas mulleres que foi perseguida, violentada e finalmente asasinada”. “O traveso da historia, as mulleres tiveron que enfrontarse sempre a discriminacións e persecucións por querer ser independentes, por ter riqueza que o patriarcado non asumía que estivese nas mans femininas”, recordou Carmela Silva.

Para rematar, a presidenta da Deputación puxo en valor que esta película “se vai desenvolver na provincia, nos concellos de Cangas, Redondela e Vigo, nesta marabillosa ría” e destacou que “sen cultura non hai sociedade avanzada, así que todas e todos xuntos xa podemos dicir que antes de empezar a gravarse, María Solinha xa é un éxito que encherá a provincia de alegría e felicidade”. A Deputación de Pontevedra colabora na financiación da produción desta película co obxectivo de apoiar ao cinema feito en lingua galega, de visibilizar ás mulleres da provincia e, tamén, para dar a coñecer os territorios da provincia e atraer a visitantes, incrementando así o turismo.

‘María Solinha’ é un filme do director ourensán Ignacio Vilar que reconstrúe a historia de María Solinha, unha viúva rica acusada de bruxería e posteriormente queimada pola inquisición no ano 1621.

Entre o seu elenco, cen por cen galego, destacan referentes do cine galego como Santi Prego, Antonio Durán ‘Morris’, ou Mabel Rivera, entre outros. O rodaxe da película, que será nos concellos de Cangas, Redondela e Vigo, iníciase este luns 19 de agosto e esta previsto que se estenda ata o 20 de setembro.

A Alameda da Ramallosa volve a ser escenario do ‘Val Miñor Fest’

0

O Concello de Nigrán acolle dende o xoves 15 de agosto ao domingo 18 a terceira edición da Feira da Cervexa Artesá de Nigrán ‘Val Miñor Fest’, na Alameda da Ramallosa. Os asistentes poderán degustar case 70 tipos de cervexas artesás diferentes o longo dos catro días, contando con cervexeiros artesáns vidos dende diferentes partes de Galicia e algún invitado de fóra.

Estarán nesta edición do ‘Val Miñor Fest’ Cervexa Trisk-Ale (Baiona); Cervexa Skynet (Ourense); Cervexa The One Beer (Madrid / Sanxenxo); Cervexa Silvestres (Pontevedra); Cervexa Nasa (Pontevedra); Cervexa O Corvo (Vila Nova de Arousa); Cervexa Nos (Vigo); Cervexa Bubela (Lugo); Cervexa Ale Ale (Uxes) e Cervexa Go! (Madrid).

Haberá 70 tipos de cervexas e, ao tratarse dun festival familiar, contará cunha zona de xogos e obradoiros para nenos

Este festival de cervexa artesá virá para quedarse dende o xoves 15 de Agosto ata o domingo 18 de Agosto. Serán a Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e Cervexas Trisk-Ale as encargadas de realizar este evento coa colaboración do Concello de Nigrán. A Asociación pretende dar a coñecer un producto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura desta bebida.

Coma nos anos anterioreos, habilitaranse stands na Alameda da Ramallosa para poder degustar as diferentes variedades de cervexa artesá e contará con food trucks para poder maridar as cervexas con pratos gourmet (pizza artesana, hamburguesas con pan de masa madre, crêpes, comida vegana, tex mex, comida alemana…).

Trátase dun festival de carácter familiar, que ten como obxetivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e unha ampla programación de música, obradoiros para os cativos, concursos… creando así un espazo cultural diferente. Contará novamente cun espazo de xogos populares de madeira para os mais pequenos (a rá, pica peixe, a chave, aros…) e diversos obradoiros infantís.

Baiona convoca o XVII Concurso de Pesca Deportiva Infantil

0

A Concellería de Deportes e Actividades Marítimas do Concello de Baiona, dentro da programación deportiva das Escolas Deportivas de Verán 2019, vén de convocar unha nova edición do concurso de iniciación á pesca deportiva infantil.

O torneo nace do curso de iniciación á Pesca Deportiva que se organiza e ano tras ano vai crecendo en acollida tanto dos e das participantes coma nas súas familias, polo que o Concello de Baiona considera interesante darlle continuidade.

O XVII Torneo de Pesca Deportiva Infantil desenvolverase o día 16 de agosto a partir das 17:30 horas ata as 19:30 horas nas instalacións do porto pesqueiro de Baiona.

O torneo distribúese mas categorías Sub 8, Sub 12 e Sub 16, sendo categorías mixtas o que permite a todos/ as os interesados en participar, entregando ademais un agasallo conmemorativo pola súa participación a todos os asistentes.

O Torneo está totalmente subvencionado a través da Concellería de Deportes do Concello de Baiona que xestiona Miriam Costas que subliña o feito que “dado que o número de prazas é limitado, animamos aos interesados e interesadas formular as inscricións canto antes”.

Para inscribirse deberán dirixirse ao Pavillón Municipal de Baiona ou chamar ao teléfono 986 356 558. Tamén poden facelo a través do correo electrónico [email protected]

Os requisitos para a participación así como o regulamento do presente Torneo están no Pavillón Municipal dos deportes de Baiona.

A Guarda continúa coa «Música nas Prazas coa actuación «Blues do País»

0

O vindeiro venres día 16 de agosto a Praza de Avelino Vicente (As de Copas) acolle a segunda cita do Música nas Prazas 2019, cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.

Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas 2019 foi o grupo de Rap guardés Caramelo Krew, que encheron de música a Praza de San Queitano o pasado venres 14 de xuño.

Agora é a quenda do grupo Blues do País este venres día 16 de agosto ás 22:00h na Praza de Avelino Vicente (As de Copas).

Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King que interpretan música blues de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Matasme despacio) ou Mercedes Benz (Chimpín). Coa súa música amosan que é posible facer blues na lingua do país.

Para rematar esta edición o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños acollerá a actuación de Helen & Shana.

A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.

Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.

O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.

O salto de xigante de Víctor Villadóniga, do C.B. Nigrán ao Obradoiro

0

Hai pasos e pasos. O dado polo xogador –ex xogador xa– do C.B. Nigrán, Víctor Villadóndiga e máis que un paso, todo un salto cara a diante. De Nigrán a Santiago para formar parte do Obradoiro da ACB para a tempada 2019/2020, equipo que foi xa presentado ante a prensa e realizou a primeira foto de familia do novo plantel de Moncho Fernández.

Víctor e froito desa extraordinaria iniciativa que hai uns anos iniciaba a súa andaina tímidamente ata converterse nun auténtido fenómeno deportivo: as escolas deportivas do C.B. Nigrán. Na de Gondomar, para ser máis precisos, iniciaba o Villadóniga a súa vida como xogador de basquet daquela, como todos e todas os que participan, por diversión e facer deporte en pensar nun futuro deportivo.

O adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, saúda a Víctor Villadóndiga na presentación do equipo para a tempada 2019/2020

Víctor pasaría, posteriormente en Nigrán na categoría alevín baixo a dirección dunha auténtica creadora de xogadores (é de persoas) como é Nuria Gómez. Hai cinco anos, momento en que Nuria pasaba a formar parte do proxecto deportivo do C.B. Nigrán, Víctor Villadóniga dicidía marchar con ela forman parte, dende entón, do cadro Junior do equipo de Nigrán co número 8 ás costas.

E logo, pois o que acontece nestes casos. O que é bo, é bo e punto. Hai tres anos, na celebración da clausura da liga Basketgal no Pavillón Municipal de Panxón, Pepe Casal fixouse e interesouse no xogador de Nigrán e, xa no propio pavillón, mantivo unha primeira conversa coa directora deportiva do Club, Nuria Gómez e a nai e o pai do xogador para propoñerlles a asistencia de Víctor “a un adestramento de proba co Obradoiro”.

O Obradoiro afronta, na ACB, unha emocionante tempada

Así que Víctor facía as maletas e viaxaba a Santiago, ao colexio Peleteiro, onde deixaba “moi boas sensacións nos adestramentos programados”.

Este bo traballo tivo o seu froito e o daquela Obradoiro Peleteiro dáballe unha beca para xogar en Santiago no seu equipo junior alternando os adestramentos co equipo Senior de canteira, o Obradoiro Silleda, co que conseguía o ascenso á EBA.

Esta nova promesa foi, ademáis, un dos premiados como mellor deportista na disciplina de baloncesto nas últimas galas do Deporte de Nigrán e Gondomar.

O Club Baloncesto Nigrán asegurou sentirse «enormemente satisfeito e emocionado de que Víctor siga a colleitar éxitos” porque, engaden, “amais de tratarse dun xogador cunhas excelentes aptitudes para este deporte, é noble e moi bo compañeiro”. Estas dúas últimas cualidades, como dixemos un día, forman parte dos valores que dende o principio se lles inculca aos nenos e nenas do C.B. Nigrán. O deporte, sen nobleza, compañeirismo e solidariedade, non é deporte e iso o saben perfectamente Nuria Gómez e todo o C.B. Nigrán.

O traballo ben feito,

Nigrán “exporta” as mochilas vibratorias para o concerto de Rozalén en Pontevedra

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, entregou esta mañá ao Concello de Pontevedra as cinco mochilas vibratorias coas que conta de xeito pioneiro en Galicia co obxectivo de que as persoas xordas poidan “sentir” o concerto de Rozalén esta noite. O Concello de Nigrán fai este préstamo despois de que algunhas das persoas xordas que as estrease este sábado no ChandeFolk fixera a petición expresa.

“Rozalén ademais conta con intérprete de lingua de signos nos seus espectáculos, polo que estamos encantados de facer este préstamo ao Concello de Pontevedra porque sabemos que hai moitas persoas interesadas en usalas”, sinalou o alcalde, Juan González, ante a presencia Paloma Castro, responsable de Benestar do Concello de Pontevedra. Ademais, a responsable de Entresignos Miriam Aller e colaboradora do Concello de Nigrán, será a responsable de asesorar as persoas xordas que as empreguen.

Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e agora é Nigrán o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto, sendo o festival ‘Chan de Folk’ do sábado pasado con Roi Casal o punto de partida e o día 24 de agosto volverán a empregarse en ‘Rock in Patos’. A adquisición, cun investimento de 10.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal ‘Un Nigrán para todos’ co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

As mochilas foron empregadas en España nas actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid, sendo Nigrán o segundo municipio do país en adquirir esta tecnoloxía

“Dende o Concello de Nigrán estamos a promover e fomentar a cultura que ata agora non era accesible ás persoas xordas; queremos que os nosos festivais sexan inclusivos e esta nova tecnoloxía abre moitos camiños, polo que estamos moi satisfeitos de facer este investimento prioritario para noso xeito de entender a política”, sinalou durante a presentación en Pontevedra Juan González. “Dentro duns anos estou seguro que estas mochilas serán unha medida de accesibilidade obrigatoria para os concertos, igual que agora existe unha normativa arquitectónica á hora de deseñar espazos públicos”, engadiu.

As diferentes vibracións que transmiten esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. As mochilas poden ir cargadas á espalda ou no peito e permiten que o usuario se poida desplazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

Estos volverán a estar a disposición dos interesados nos demais eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a sua presenza facilite a accesibilidade.

O PXOM de Ponteareas pon fin a 17 anos de parálise urbanística

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, manifestaron a súa satisfacción pola aprobación do PXOM no pleno de onte e sinalaron que o novo Plan “marca o inicio dunha nova etapa de prosperidade para Ponteareas”.

Represas asegurou que o Plan Urbanístico “ten o apoio da maioría dos ponteareáns. BNG e PSOE presentámonos ás eleccións dicindo claramente que aprobaríamos o Plan se lograbamos a maioría absoluta, PP e ACIP dixeron o contrario e a veciñanza co seu voto puxo a cada un no seu lugar, dándonos a nós a maioría absoluta para aprobar o PXOM. Onte cumprimos co noso compromiso e demos reposta a un clamor social”.

Chus Garrote engadíu que “aprobar o Plan era unha necesidade inaprazábel que non admitía máis retraso despois de 17 anos de parálise urbanística que causou gravísimos problemas a Ponteareas e á súa economía. O PP e ACIP equivocáronse co seu voto en contra porque a maioría dos seus votantes tamén queren o Plan xa”.

Represas e Garrote salientaron os efectos positivos que terá a aprobación do PXOM: “regularizaremos o Parque Empresarial da Lomba, fundamental para a instalación de novas industrias e a ampliación das existentes, disporemos de terreos públicos na vila para construir a nova escola infantil ou facer novos aparcamentos, entre outros, e poderemos abordar a apertura do vial de acceso ao IES O Barral, a creación do grande parque do Tea ou dun novo complexo deportivo”.

O Plan permitirá deixar de pagar 1.500 euros mensuais polo parque de Ferro Ucha e indemnizar con 180.000 € aos propietarios da parcela cedida para o ximnasio do IES Pedra de Auga

O goberno local tamén destaca que coa aprobación do PXOM pasarán a ser propiedade municipal, entre outros, os terreos de Granitos de Galicia e a nave de Aceros del Tea. Represas e Garrote engaden que “o Plan suporá un aforro para o concello, pois deixaranse de pagar 1.500 euros mensuais polo parque Ferro Ucha, que tamén pasará a propiedade municipal, e evitarase ter que indemnizar con 180.000 euros aos propietarios da parcela cedida para o ximnasio do IES Pedra de Auga”.

Entre outros efectos positivos do PXOM o goberno salienta a “seguridade xurídica que permitirá legalizar actividades e instalacións, algunhas con orde de demolición. Ademais tamén servirá para poñer fin á inxustiza que soportaban propietarios de fincas no rural non edificabeis, que agora deixarán de pagar a contribución”.

Represas e Garrote agardan “responsabilidade por parte da Xunta de Galicia. Por lei dispoñen de tres meses para aprobar definitivamente o Plan e Ponteareas non pode permitirse máis retrasos. Agora non hai excusas porque o PXOM está corrixido como se nos esixíu”.

O PSOE de Ponteareas “aposta polo emprego” aprobando o PXOM

O Partido Socialista de Ponteareas amosou a súa satisfacción pola aprobación provisional do PXOM que tivo lugar onte na sesión plenaria celebrada na Casa Consistorial ás 19:00 h, onde os socialistas deron o seu voto a favor. Este documento, sinala o PSdeG-PSOE “permite deixar atrás a nefasta política urbanística levada a cabo polo PP durante décadas”.

Segundo o PSOE Ponteareas, a política urbanística que se abandona coa aprobación do PXOM estaba centrada “na especulación, nos ‘pelotazos urbanísticos’ e nas recalificacións de terreos por intereses propios e espurios”.

Para o PSdG-PSOE a aprobación do PXOM é un factor clave para Ponteareas que posibilitará “que empresas da nosa vila poidan legalizar definitivamente a súa situación irregular e que poidan ampliar os seus negocios con seguridade xurídica” e do mesmo xeito, “favorecerá o asentamento de novas industrias e empresas na nosa vila”.

Todo isto –sinalan os socialistas ponteareáns– traducirase na creación de máis postos de traballo, “sendo Ponteareas unha das vilas máis castigadas de Galicia en paro xuvenil e feminino”. Do mesmo xeito, permitirá a creación dunha nova depuradora municipal, “co que o saneamento integral do río Tea, unha cuestión clave para o Partido Socialista, está máis próxima, e tamén permite a creación de novas infraestruturas necesarias para Ponteareas, como novos aparcadoiros humanizados ou unha nova Escola Infantil”.

O PSdG-PSOE, do mesmo xeito, cualificou á oposición feita por PP e ACIP como “tóxica” para os intereses da vila e para a mellora das condicións de vida dos veciños e veciñas. Para os socialistas, Ponteareas “non se merece unha oposición que vote en contra de medidas coma esta que favorezan a creación de emprego por intereses persoais e de partido”.

O Partido Socialista lamenta profundamente e de maneira especial o voto en contra do Partido Popular. A única razón pola que este partido non apoiou o PXOM foi estar na oposición, “esquecéndose dos intereses dos veciños”.

O PP –afirma o PSOE– “mostrou unha postura do «non polo non» irresponsable e ineficaz. Lamentamos a loita de poder na dereita de Ponteareas por ver quen se converte en «líder da oposición», se Villar ou Carrera, e que por esta cuestión a portavoz popular primase non votar a favor do Plan Xeral en consonancia co goberno en vez de velar polos intereses reais dos veciños e veciñas”.

Do mesmo xeito, o PSdG-PSOE lamentou tamén o voto en contra de ACIP. Os socialistas son conscientes de que este partido, “herdeiro da UCPA do exalcalde José Castro”, non quixo votar este PXOM porque non se trataba de ningún «pelotazo urbanístico», e porque non puideron recalificar terreos para os seus intereses persoais”.

“Esta postura entra en relación directa coa idea de González Carrera de solicitar ao pleno municipal que Ponteareas deixe de estar adherida a APLU, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia”, conclúe o PSdG-PSOE de Ponteareas.

ACiP denuncia que se limitase o tempo de intervención dos portavoces no Pleno do PXOM

O concelleiro de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, Luis Rodríguez Cerdeira, criticou hoxe que o Pleno de aprobación do PXOM “fora un alarde de falta de transparencia” ao interrumpir o alcalde, “en reiteradas ocasións a invervención do noso portavoz, Juan Carlos González Carrera”.

Lamenta ACiP que un Pleno de tan trascendencia “fora convocado sen ningún tipo de consenso coa oposición” e “as costas dos veciños que aínda así encheron o salón de plenos grazas á difusión realizada polo noso grupo parroquia a parroquia”.

Segundo Rodríguez Cerdeira, antes de comezar o pleno “tentouse coaccionar” aos portavoces “sinalándolles que tiñan un tempo limitado para a súa intervención” tempo que, segundo concelleiro de ACiP “quedaba a criterio da alcaldía”.

Para un tema de tanto calado –sinala o concelleiro independente– “non se pode ter un tempo tan curto para a intervención de cada portavoz pois está a impedir a intervención e explicación da nosa postura ante os veciños”.

“Se se queren regular os tempos –apunta Luis Rodríguez– primeiro debátese iso na xunta de portavoces e non no Pleno con actitudes autoritarias e impropias dun alcalde”.

O PXOM aprobado, sinala ACiP, “remata co rural e co crecemento ordenado de Ponteareas”.

A Guarda organiza unha visita guiada ás salinas romanas

0

O Concello da Guarda organiza, para o vindeiro sábado día 17 de agosto, unha visita guiada ás escavacións das Salinas do Seixal. Esta visita, que conta coa coordinación de Anabam, realizarase de xeito gratuíto con saída ás 10:45 h dende o Porto da Guarda e un percorrido aproximado de 2 horas empregando a senda litoral.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer “a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano”.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levou a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitiu crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

O espectáculo ‘A música da auga’ chega a Arbo

0

Hoxe martes, 13 de agosto ás 20 horas, a Praza do Concello de Arbo acollerá o espectáculo ‘A música da auga’ que forma parte da programación que a Deputación de Pontevedra ofrece aos concellos. ‘Música da auga’ visitou con anterioridade –o 11 de agosto– o Concello de Crecente.

Trátase dun espectáculo ao aire libre que a través da música e a narración pretende divulgar a riqueza fluvial e cultural da provincia, sensibilizando sobre o coidado dos cauces fluviais e dando a coñecer a xeografía do Miño e o seu patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes dos peixes, das árbores de ribeira, das embarcacións tradicionais, das artes da pesca e da propia toponimia.

Un “pescador” de cantigas, Servando Barreiro e un home-peixe, un ‘xacio’ do Miño, percorren narrando e cantando nunha réplica rodante das gamelas guardesas (a última barca tradicional) ao seu paso polas Aceñas para divulgar a riqueza cultural e natural do Miño.

A intención é, polo tanto, sensibilizar ao espectador sobre o coidado dos leitos fluviais dando a coñecer o patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes de peixes, árbores e ribeira, embarcacións tradicionais, artes de pesca e mesmo a propia toponimia.

A rotonda de Peinador, en Mos, contará cun grupo escultórico doado pola Deputación

0

A Deputación de Pontevedra fixo entrega hoxe ao Concello de Mos do grupo escultórico sobre emigración, realizado polo alumnado da Escola de Cantería, que se exhibirá de forma permanente na rotonda de Peinador do municipio mosense. Trátase de dúas esculturas, que xa se desfrutaron na exposición pública provincial ‘Nado en Pedra’, e que foron escollidas polo concello para embelecer e dar significado ao citado espazo público.

Trátase das pezas ‘Home de pé co seu fillo’ e ‘Maleta’, elaboradas en granito silvestre galego polos alumnos José Luis Fernández Ferradáns e Álvaro Somoza López respectivamente. A primeira é unha escultura de 1,85 metros de altura na que se representa a un home que rodea cun dos seus brazos agarimosamente ao seu fillo, mentres que ‘Maleta’ está baseada na representación da equipaxe tan característica da emigración. A Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos asinaron un convenio polo que estas pezas, que poñen en valor o traballo de temática figurativa, poderán ficar na rotonda de Peinador.

‘Nado en Pedra’, a exposición da que formaron parte as pezas, foi unha mostra composta por 17 obras de gran tamaño, elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería, que teñen como temática central a figura humana. Esta mostra percorreu a provincia de Pontevedra co fin de reivindicar o oficio de canteira e canteiro e de poñer en valor os traballos realizados polo alumnado da Escola de Cantería. O goberno provincial propuxo aos concellos a doazón das pezas e, como no caso de Mos, moitos deles, recollerán esculturas para ornamentar prazas e rúas dos seus municipios

Amplo programa de actividades para a ‘LX Festa do Viño do Condado do Tea’ de Salvaterra

O Concello de Salvaterra vén de dar a coñecer o amplo programa de actividades que desenvolverá, entre os días 23 e 25 de agosto, con motivo da celebración da ‘Festa do Viño do Condado do Tea’ que con esta acada xa a súa sesaxésima edición. No programa, o viño que é o auténtico protagonista, está perfectamente complementado coa boa música e gastronomía.

A Festa do Viño terá os seus primeiros actos cos tradicionais Cursos/Cata, todos eles ás 20 horas, que se desenvolverán o luns 19, martes 20 e mércores 21 de agosto. Cada unha das catas comentadas terá un prezo de 10 € e é precisa inscrición previa ou no teléfono 986 658 126 ou no enderezo de correo electrónico [email protected].

O viño

O viño ten, como non podería ser doutro xeito, un protagonismo especial tendo en conta que é unha festa dedicada aos nosos caldos. Así, as catas comentadas estarán dirixidas a zonas específicas. A do luns 19 estará centrada nos viños brancos da D.O. Rías Baixas; o martes 20, os protagonistas serán os viños brancos das D.O. Galegas como son os de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. Finalmente, o mércores 21, a cata comentada estará dirixida, específicamente aos viños brancos e tintos da Subzona Condado do Tea-D.O. Rías Baixas.

O venres, 23 de agosto ás 20 horas, terá lugar o acto oficial de inauguración da sesaxésima edición da Festa do Viño do Condado do Tea.

O sábado 24 de agosto, xa dentro da Festa do Viño propiamente dita, ás 10 horas, terá lugar a Cata ‘Á procura dos Viños Deliciosos do ano’.

O domingo 25 de agosto, día grande da Festa do Viño do Condado do Tea, ás 11 horas terá lugar o tradicional acto de recepción das Confrarías e autoridades na Praza da Constitución –Praza do Concello– de Salvaterra de Miño e posterior desfile ata o recinto amurallado.

Ántes do desfile, ao redor das 11:15 horas e no Salón de Plenos do Concello de Salvaterra, terá lugar o nomeamento de Novos Confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos e, a continuación, o acto de declaración dos Viños Deliciosos do ano.

Ás 12:30 horas, xa no recinto amurallado, terá lugar a lectura do Pregón da Festa que, neste ano, correrá a cargo de José Manuel Orriols, xornalista experto na gastronomía galega.

A música

A música ten un destacado papel no programa da Festa do Viño do Condado do Tea elaborado polo concello de Salvaterra comezando xa polo mesmo venres 23 de agosto xa que a inauguración da Festa contará coa participación da Banda de Gaitas Pontenova e a charanda Va K Pinta.

Ás 23 horas, terá lugar o primeiro dos concertos programados para esta festa e correrá a cargo de Lys Pardo e La Supersonic.

O sábado 24 de agosto, xa pola mañá a música das charangas OT e Mil9 poñerán a animación ao recinto da festa. As 23 horas, será a hora dos concertos de Xosé Manuel Budiño e Monoulious D.O.P.

O domingo, 25 de agosto, unha vez rematado o pregón de José Manuel Orriols, o recinto das festas contará coa música das charangas Mil9 e Doctor Anchoa. Finalmente, ás 19:30 horas, 2CON2 e 21 Gramos protagonizarán os dous últimos concertos cos que se pecha a sesaxéxima edición da Festa do Viño do Condado do Tea.

As Noites Gastronómicas congregan, ano tras ano, a centos de persoas no recinto amurallado de Salvaterra

A gastronomía

A gastronomía tamén ten unha grande importancia na Festa do Viño do Condado do Tea. Así, xa dende o venres 23, ábrense as ‘Noites Gastronómicas’, unha iniciativa que hai anos comezou a modo de proba e que, anos despois, é inseparable da propia Festa do Viño.

Centos de persoas danse cita, cada noite e na fermosura que é o recinto amurallado, para gozar de pratos da nosa gastronomía cos que acompañar aos bos viños. Postos de comida de polbo, marisco, embutidos, tapeo, churrasco, lamprea rechea e porco ao espeto poden ser gozados nun ambiente totalmente festivo que no pode ser expresado nunhas liñas. Así que, o mellor: achegarse a Salvaterra e vivir de cheo a Festa do Viño do Condado do Tea. Merece a pena.

As festas de Mondariz súmanse ás campañas de Igualdade da Deputación

0

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, colaborará co Concello de Mondariz no marco do programa de información sobre as violencias machistas e poñerá á súa disposición nas festas patronais do municipio un punto morado co material das campañas ‘Lembra, eu decido, ti respectas’, dirixidas tanto a mozos como a mozas.

Neste punto informativo, que se instalará os días 14, 15, 16 e 17 de agosto, a institución provincial fará entrega dos folletos destas campañas dirixidas á mocidade, con contidos diferenciados para mulleres e para homes, nos que se amosan con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, así como previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita ou agresións por submisión química. O punto lila de información permanecerá aberto os citados días de festa en horario de 11 da mañá ás 3.30 da madrugada.

A Deputación desenvolve esta campaña de igualdade nos festivais das Rías Baixas, pero ademais ofrece o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, o pasado ano chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. Amais, a institución provincial tamén colaborou deste xeito nas pasadas festas de San Xosé de Campolongo (Pontevedra) ou no pasado Entroido do concello do Grove.

Nigrán organiza este xoves unha observación astronómica en Chandebrito

0

O Concello de Nigrán ofrece esta noite de xoves 15 de agosto na parroquia de Chandebrito unha observación astronómica guiada pola ‘Fundación Ceo, Ciencia e Cultura’ (vinculada ao Observatorio Astronómico de Forcarei) na que, ademais, se agarda contemplar algunha perseida ou bágoa de San Lourenzo.

Esta terá lugar ás 22:00 horas a carón do Castro de Chandebrito (no ‘Bosque da Memoria’) por estar afastado de todo tipo de contaminación lumínica e contar con gran bóveda celeste. Un ano máis, colabora a Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito e a Comunidade de Montes.

Terá lugar a carón do castro de Chandebrito, no ‘Bosque da Memoria’, e se agarda que sexan todavía visibles as ‘Bágoas de San Lourenzo’

Os interesados en participar nesta observación –totalmente gratuíta e que estaba prevista para o sábado pasado pero o mal tempo obrigou a pospor– poden acudir directamente ao ‘Bosque da Memoria’ dende ás 21:30 horas ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 21:00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída conxunta. Dado o lugar da observación, é preciso levar lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo, ademais dunha manta ou toalla para sentarse no chan.

O Concello de Nigrán iniciou esta actividade en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán dentro do festival ‘ChandeFolk’ que tivo lugar o sábado pasado, sendo unha proposta ideal para dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior de Nigrán con grandes atractivos naturais e que o goberno quere promocionar.

Un total de 120 nenos e nenas gozan, en agosto, das actividades dos campamentos urbanos de Redondela

0

Un total de 120 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos de idades participan, ao longo do mes de agosto, nos Campamentos Urbanos organizados pola Concellería de Xuventude do Concello de Redondela que xestiona Nacho González. Os campamentos, que comezaban a súa andaina o pasado luns 5 de agosto, inician este luns 12 de agosto a súa segunda quenda.

A iniciativa, que se desenvolve na Alameda de Redondela –no multiúsos da Xunqueira en caso de choiva– busca ofrecer ás e aos participantes un espazo onde interrelacionarse na época de vacacións ao mesmo tempo que desenvolven actividades lúdico educativas.

Os campamentos de verán, sinala o concelleiro de Mocidade, Nacho González, “son unha boa ocasión para que nenas e nenos fagan novas amizades e afonden, a través de actividades divertidas e, ao mesmo tempo, didácticas, en conceptos como o compañeirismo, a solidariedade e o traballo en equipo”.

As quendas, de 30 participantes en cada unha delas, desenvolveranse de luns a venres en horario de 9 h a 14 horas.

Unha vez rematada esta segunda quenda o vindeiro venres 16 de agosto, as seguintes realizaránse na semana do 19 ao 23 e do 26 ao 30 de agosto.

As persoas interesadas poden consultar a listaxe de nenas e nenos admitidos na páxina web do Concello de Redondela –www.redondela.gal– ou directamente nesta ligazón.

Cerveira promove a campaña de sensibilización ‘Feira Limpa, un xesto… unha actitude’

A feira semanal de Vila Nova de Cerveira é, sen dúbida algunha, unha das feiras máis recoñecidas do norte de Portugal e Galicia e por iso, a Câmara Municipal de Cerveira quera manter unha “imaxe atractiva e aseada do espazo” e evitar que, logo de cada feira, a zona chea de lixo. A campaña ‘Feira Limpa, un xesto… unha actitude’ busca promover unha acción de sensibilización e apelar “ao bo sentido dos feirantes”.

O lanzamento desta campaña de sensibilización contou coa participación co vicepresidente da Câmara Municipal, Vitor Costa que, acompañado polos responsables da feira, contactou persoalmente con cada un dos 247 feirantes, explicando o escenario que queda despois de cada feira “en nada coincidente coa imaxe pública de Vila Nova de Cerveira a nivel estético e ambiental”, sinala o concello luso.

O folle informativo explica, de xeito ben claro, como está o lugar da feira os venres e o aspecto que presenta o sábado, unha vez rematada a feira semana.

O folleto informativo distribuído amosa, a través de fotografías, o estado do recinto da feira antes e despois da celebración da feira, amais de relembrar as penalizacións que constan do Regulamento da Feira Semanal e que pasan a ter aplicación a partir do próximo sábado.

Está regulamentado, explica Vitor Costa, que, “antes de abandonar o recinto da feira, os feirantes teñen o deber de promover a limpeza dos espazos correspondentes dos lugares que lles teñan sido atribuídos”. “A falta de coidado por parte do feirante en canto á limpeza do espazo de instalación do seu posto, ben durante a feira ou ao remate da mesma, constitúe unha infracción sancionable con multa entre 50 € e 150 €, no caso de persoa física, ou de 125 € até ao máximo de 250 €, no caso de persoa colectiva”.

O executivo municipal procedeu á entrega de sacos para a recolla de lixo a cada un dos feirantes nunha iniciativa que foi ben acollida pola gran maioría, que asumiu o compromiso cívico de prestar máis atención e ter máis coidado coa limpeza do recinto, así como de seren transmisores da mensaxe.

Cómpre salientar que esta campaña de sensibilización promovida polo Concello de Vila Nova de Cerveira ten unha dobre función: a de contribuír a dar unha imaxe da Feira Semanal como un espazo limpo e aseado, respectado por todos; e lanzar un chamamento á separación de residuos, con evidentes ganancias ambientais.

Máis de 70 ciclistas daránse cita no ‘XXVIII Trofeo Pista as Faias’ do Rosal

0

A Casa do Concello do Rosal acolleu, no día de hoxe, a presentación do ‘Trofeo Pista as Faias’ de ciclismo –que con esta, acada a súa vixésimo oitava edición– nun acto presidido pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís á que acompañaban o concelleiro de Deportes, Germán Fernández e Gerardo Álvarez, José Ramón Villa e Eva Lomba, co Club Ciclista O Rosal.

A proba proba terá lugar o vindeiro 17 de agosto ás 17:00 horas no circuito do mesmo nome en San Xoán Tabagón, no concello do Rosal, contando este ano con máis de 70 participantes nas diferentes categorías: promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes. A inauguración da proba contará coa presenza da alcaldesa e do xefe de servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides.

O Concello do Rosal agracedeceu ao Club Ciclista O Rosal “a súa implicación desde hai anos no ámbito deportivo do noso municipio, inculcando desde pequenos o esforzo e a paixón polo deporte das dúas rodas”.

O “abandono” da Fonte de Troncoso en Mondariz Balneario chega ao Parlamento Galego da man do BNG

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, alertado polo Grupo Municipal do Bloque en Mondariz Balneario, visitou a Fonte de Troncoso para coñecer de primeira man o estado deste ben patrimonial tras o derrube da súa cuberta.

“Fronte a ameaza de ruína total que sufre a Fonte de Troncoso, a actitude de pasividade absoluta do goberno municipal ante o risco de desaparición dun dos edificios mais emblemáticos de Mondariz Balneario e de Galiza, obriga ao BNG a dar un paso máis”, sinalou o seu Portavoz Municipal, César Gil. Por iso o Bloque trasladará unha iniciativa ao Parlamento Galego “para instar a Xunta a que tome medidas urxentes e rehabilite a fonte”.

“O estado actual de abandono non é casual, nin algo imprevisto polo concello. É o resultado da inexistencia dun proxecto urbanístico adecuado ás necesidade dunha vila histórica”, asegura César Gil. O BNG de Mondariz Balneario vén denunciando dende hai anos o abandono de moitos dos bens patrimoniais da Vila, “sendo a Fonte de Troncoso o exemplo mais claro do desleixo por parte da administración”. Segundo declara Gil, “as ruínas son a triste realidade dun proxecto político obsoleto, que non foi capaz de aproveitar o potencial da vila termal”

Luis Bará, na súa visita a Mondariz Balneario, lembrou que “é competencia dos concellos ser garantes da protección dos bens patrimoniais protexidos, e responsabilidade última da Xunta a súa conservación”, polo que defenderá no Parlamento Galego o patrimonio material e inmaterial da localidade.

O Porriño estuda coa S.D. Mosende as melloras a realizar no campo do Folón

A alcaldesa accidental do Porriño, Lourdes Moure, acompañada polo concelleiro de Deportes, David Alonso, visitou na mañá de hoxe o campo de futbol do Folón para comprobar in situ as melloras demandadas polo presidente e directivos da S.D. Mosende. A principal reivindicación é retirar os postes metálicos que sosteñen as redes para evitar a saída dos balóns tras as respectivas porterías.

A proximidade deses postes ao terreo de xogo constitúe un risco. “O seu retranqueo é unha prioridade por razóns de seguridade que vai ser atendida de inmediato polo Concello”, sinalaron Lourdes Moure e David Alonso.

As obras do campo da S.D. Mosende veñen arrastrando problemas de planeamento dende que no ano 2014, “cos últimos gobernos do PP tanto en Porriño como en Deputación”, sinala o goberno porriñés, planificouse unha mellora que incluía a colocación do céspede sintético cun orzamento aproximado de 122.000 €.

Porén houbo que agardar dous anos para o remate das obras cando o proxecto foi retomado e axilizado polo primeiro goberno municipal de Eva García e con Manuel Carrera na concellería de Deportes. A estas alturas aínda quedan flecos por resolver como o retranqueo deses postes metálicos e tamén do muro de peche por un lateral do campo, donde hoxe estaban realizándose tarefas de desbroce e limpeza por personal do Concello de Porriño.