Luns, 10 Febreiro de 2025

Carlos Font acusa á Xunta de “ocultar datos relevantes para facer crer que o turismo non vai ben”

O deputado provincial Carlos Font cualificou hoxe de “incomprensible” a actitude da Xunta de Galicia “que despois de faltar a verdade sobre o tirón turístico da provincia de Pontevedra, ofrecendo datos parciais e ocultando os que realmente son relevantes do primeiro semestre do ano, por enriba pretenda atacar á Deputación cando somos a institución que coincide plenamente coa información do INE en canto a número de pernoctacións e días de aloxamento”.

Font retou ao Conselleiro de Turismo a que demostre o que dixo, “e a que demostre que o que nós dixemos non sexa rigorosamente certo. Que diga se non é verdade que a cidade de Vigo aumento un 17,49% o número de pernoctacións de xaneiro a xuño de 2019, dato que xa demostramos que a Xunta ocultou”.

Tamén instou ao goberno galego “a que ensine os datos da cidade de Pontevedra. Non pode facelo porque ocultan e menten”, dixo. Carlos Font sinalou que “é vergoñento que nos acusen de confrontar. Confrontación é vir á provincia de Pontevedra a dar datos parciais e ocultar os verdadeiramente importantes.

Entendemos que estean molestos, dixo, porque quedou claro quen falta á verdade e quen a di. O que dicimos desde a Deputación de Pontevedra é verificable: aumento de pernoctacións e de días de aloxamento. A resposta da Xunta é descualificar para tentar xustificarse pero sen dar datos que avalen os seus ataques”

Carlos Font rematou insistindo cos datos do INE. “Que diga o Conselleiro se algún dos datos que se deron desde a Deputación non son os que publica o INE, datos que pode cotexar calquera. Non teñen resposta”. O deputado lamentou o dano que a Xunta de Galicia pode causar.

“O sector turístico e as administracións locais están a facer un traballo extraordinario e non merecen que a Xunta veña a dar roldas de prensa tentando facer crer que o turismo non vai ben. O turismo vai extraordinariamente ben en Rias Baixas e sábeno”.