Mércores, 6 Novembro de 2024

O espectáculo ‘A música da auga’ chega a Arbo

Hoxe martes, 13 de agosto ás 20 horas, a Praza do Concello de Arbo acollerá o espectáculo ‘A música da auga’ que forma parte da programación que a Deputación de Pontevedra ofrece aos concellos. ‘Música da auga’ visitou con anterioridade –o 11 de agosto– o Concello de Crecente.

Trátase dun espectáculo ao aire libre que a través da música e a narración pretende divulgar a riqueza fluvial e cultural da provincia, sensibilizando sobre o coidado dos cauces fluviais e dando a coñecer a xeografía do Miño e o seu patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes dos peixes, das árbores de ribeira, das embarcacións tradicionais, das artes da pesca e da propia toponimia.

Un “pescador” de cantigas, Servando Barreiro e un home-peixe, un ‘xacio’ do Miño, percorren narrando e cantando nunha réplica rodante das gamelas guardesas (a última barca tradicional) ao seu paso polas Aceñas para divulgar a riqueza cultural e natural do Miño.

A intención é, polo tanto, sensibilizar ao espectador sobre o coidado dos leitos fluviais dando a coñecer o patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes de peixes, árbores e ribeira, embarcacións tradicionais, artes de pesca e mesmo a propia toponimia.