Domingo, 16 Marzo de 2025

O goberno municipal de Caminha visita O Rosal

O Goberno da Câmara de Caminha, encabezado polo seu presidente, Miguel Alves, visitou no día de onte o Rosal onde foron recibidos polo goberno rosaleiro coa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís ao fronte. Na xuntanza de traballo mantida polos dous gobernos locais, comezaron a establecerse os puntos en común “para vertebrar unha relación con vínculos sólidos entre ambas beiras do Miño”.

De feito, na reunión puxéronse sobre a mesa as potencialidades e puntos fortes de ámbolos dous concellos “co obxectivo de buscar vías acaídas para comezar un camiño transfronteirizo de colaboracións”, sinalaron dende o Goberno local do Rosal.

“Comezamos xa a falar de propostas reais nas que poder iniciar o noso camiño. Ambos gobernos amosamos ilusión e ganas de traballar para efectivizar unha colaboración transfronteiriza que poña en valor a riqueza nos distintos eidos que compartimos” apuntaron os rexedores locais. Entre outras cuestións, falouse de cultura, deporte, gastronomía, turismo e patrimonio.

Ademáis, a reunión permitiu coñecer as distintas áreas competenciais que a Câmara e o Concello comparten “e acordamos colaborar, entre os equipos de goberno, coa finalidade de ter unha comunicación constante nas mesmas para poder xerar sinerxias positivas que nos permitan compartir información e tender pontes neste sentido”, concluiu a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.