Domingo, 16 Marzo de 2025

O Porriño asegura que a empresa encargadas das rozas “realízanse axeitadamente”

O Goberno Municipal de Porriño asegurou hoxe que “dispón de informes técnicos” que acreditan que a empresa Ascan, concesionaria do servizo, “está a realizar axeitadamente as tarefas de rozados que o Concello contratou con esa firma”. O Goberno local baséase nos informes –requiridos pola Alcaldía– de dous técnicos municipais, “o encargado de obras e o enxeñeiro”.

Un dos motivos era o persoal disposto por Ascan para acometer as rozas, especialmente durante os meses de maio e xuño cando houbo moitas chamadas de veciños indicando incidencias. Os informes certifican que “cumpriuse co número de traballadores que eran 10 por lote” e que “o reparto das zonas de traballo acordabase entre o responsable da empresa e o encargado municipal”.

“As variacións de persoal que se produciron debíanse a que no momento do inicio do servizo a situación das estradas era bastante mala xa que estábamos en plena primavera, polo que as chamadas dos administrados indicando incidencias existentes era moi elevada, e os operarios da empresa Ascan dividíanse en parellas ou de forma unipersoal para realizar tarefas que urxían” sinala o Concello porriñés.

No que atinxe á maquinaria empregada por Ascan, os informes certifican que estivo a utilizar a súa propia, “agás cando un dos tractores averiouse nun par de ocasións polo que se lles cedeu un tractor municipal que estaba fora de servizo e que eles arranxaron”.

O goberno local sae así ao paso das acusacións do Partido Popular do Porriño que pedía a rescisión do contrato con Ascan polo que consideraban “reiterados incumprimentos e irregularidades da empresa”.

Presuntas irregularidades

As presuntas irregularidades nas que, segundo os populares porriñeses, están incurrindo tanto a empresa como o Concello para adxudicar estes traballos “son de extrema gravidade”, apunta o voceiro Alejandro Lorenzo.

O edil fai referencia deste xeito á situación do persoal da empresa que presta servizos ao Concello. “Nos seus contratos figura como centro de traballo Sanxenxo e o convenio colectivo que se contempla é o do Concello de Tui”, explica Lorenzo, “A situación é dantesca e supón un claro perxuizo para estes traballadores, podendo perxudicalos en termos salariais. Ademais tivemos coñecemento de que, a día de hoxe , continúan sen cobrar a nómina do mes de xullo”.

Ademais, este persoal está a realizar os traballos de limpeza viaria os fins de semana e festivos, sen que estes figuren no seu contrato. Salientar neste punto, que a propia empresa se comprometera para obter a concesión do servizo, a contratar a estes traballadores entre persoas en situación de desemprego para prestar o servizo de desbroce de camiños, compromiso que non cumpriu pois estes traballadores estaban contratados con anterioridade á adxudicación.

Os puntos referidos por Lorenzo “supoñen un claro incumprimento do contrato por parte da empresa”, tal e como contempla a Ley de Contratación Pública. Con tal motivo, e a fin de defender os dereitos destes traballadores e os intereses do Concello do Porriño, os populares solicitarán ao Secretario Municipal que se dea conta á Inspección de Traballo desta situación e se revise a concesión que o goberno municipal pretende formalizar.

Do mesmo xeito apuntan os populares “á arbitrariedade coa que o executivo socialista continúa a decidir que empresas cobran polos seus traballos no Porriño e cales non”.

“Ante as irregularidades na facturación desta empresa, a Intervención Municipal leva emitindo os correspondentes informes desfavorables de reparo”, conclúe Lorenzo, “Mentres moitos provedores e empresas continúan sen cobrar, a alcaldesa accidental non dubida en asinar decretos de levantamento de reparo para pagar a esta empresa”. Concretamente, Alejandro Lorenzo asegura que o pasado 13 de agosto “levantou reparos e ordenou o pago de 44.189, 64 euros”.