Domingo, 16 Febreiro de 2025

O PP de Nigrán alerta sobre “o incontrolado” aumento de autocaravanas nas praias

O Partido Popular de Nigrán vén de advertir “do aumento incontrolado de autocaravanas que literalmente invaden os principais aparcamentos dos areais do municipio durante este verán”. O portavoz popular, Carlos Abal, incide en que “é de total necesidade” que leve a cabo unha regulación real da situación, “ máxime cando existe a ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público publicada no BOP en xaneiro de 2016 que non se está cumprindo”.

O líder dos populares quere deixar claro que tanto el como o seu grupo non están en contra deste tipo de turismo en primeira liña de praia, e que unha prohibición como tal causaría un agravio comparativo cara aos autocaravanistas xa que verían limitado o seu acceso á zona.

“Con todo tampouco é admisible unha trintena de vehículos copen os principais aparcamentos sen ningún tipo de control en detrimento do resto de usuarios”, afirmou o líder dos populares. Abal, pola súa banda, lembra que o artigo 24.1 “establece claramente que mentres non exista un espazo habilitado para autocaravanas, estas poderán pernoitar e mesmo acampar no espazo público pero que en ningún caso poderán estar máis dunha noite”.

En canto á zona elixida polo Goberno local para un parque de autocaravanas, no SAU-3, consideran os populares que “é das menos indicadas” para darlle esta utilidade. “Estamos a falar dunha zona residencial no medio dunha urbanización, onde a trasfega de vehículos de dimensións considerables afectaría ao correcto desenvolvemento da vida cotiá dos residentes. Ademais a súa capacidade, 14 prazas, é un tamaño que consideramos de xeito evidente insuficiente xa que nun día e con facilidade pódense xuntar máis de 50 nos aparcamentos de Praia América, Panxón e Patos”, aseverou.

No seu lugar os populares propoñen a recolocación do espazo no chan municipal existente no parque empresarial de Porto do Molle. “Aínda que estea un pouco máis afastada de primeira liña, tanto a súa configuración como os accesos ao mesmo farían da zona o espazo máis indicado”, engadiu.

Outro dos puntos anunciados pola o alcalde socialista é o relativo á gratuidade de todos os servizos ofrecidos como puntos de conexión a 220 voltios, enchido de tanques ou zonas de baleirado de augas grises e negras. “É unha irresponsabilidade ofrecer todos os servizos sen cobrar un euro, é máis isto non leva cabo practicamente en ningún espazo do territorio nacional. Con todo propoñemos que se cobre unha tarifa simbólica e non por acampar, se non por facer uso dos servizos”, explicou.

Finalmente o PP de Nigrán considera necesaria a creación dun servizo específico de Seguridade de Costa e Praia “que vele polo cumprimento das normas básicas de convivencia e civismo, sobre todo en primeira liña xa que en tempada alta é a zona que máis cidadáns concentra”. Un modelo posto en práctica en cidades veciñas por exemplo Vigo e que “o PP o contempla como moi positivo para o municipio”. Carlos Abal mantén que a finalidade principal deste destacamento sería o de “velar polo correcto cumprimento das normas tratando de evitar as sancións na medida do posible”.