Xoves, 27 Marzo de 2025

As festas de Mondariz súmanse ás campañas de Igualdade da Deputación

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, colaborará co Concello de Mondariz no marco do programa de información sobre as violencias machistas e poñerá á súa disposición nas festas patronais do municipio un punto morado co material das campañas ‘Lembra, eu decido, ti respectas’, dirixidas tanto a mozos como a mozas.

Neste punto informativo, que se instalará os días 14, 15, 16 e 17 de agosto, a institución provincial fará entrega dos folletos destas campañas dirixidas á mocidade, con contidos diferenciados para mulleres e para homes, nos que se amosan con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, así como previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita ou agresións por submisión química. O punto lila de información permanecerá aberto os citados días de festa en horario de 11 da mañá ás 3.30 da madrugada.

A Deputación desenvolve esta campaña de igualdade nos festivais das Rías Baixas, pero ademais ofrece o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, o pasado ano chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. Amais, a institución provincial tamén colaborou deste xeito nas pasadas festas de San Xosé de Campolongo (Pontevedra) ou no pasado Entroido do concello do Grove.