22.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva inaugra a mellora da EP 2202 que "recupera espazos para...

    Carmela Silva inaugra a mellora da EP 2202 que “recupera espazos para as persoas”

    Nun acto festivo, no que participaron peregrinas e peregrinos que están a facer o Camiño pola Costa, e veciñas e veciños de Baiona, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo hoxe en valor a recuperación de espazos para as persoas que está a acadar a institución no acto de inauguración das obras de mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-2203 de Baredo a Loureza e na EP-2202 de Baiona a Loureza.

    Carmela Silva estivo acompañada polos deputados de Infraestruturas e Mobilidade, Gregorio Agís e Uxío Benítez, así como do alcalde de Baiona, Carlos Gómez e integrantes do goberno municipal baionés.

    Estes traballos, que ademais da mellora dos sendeiros incluíron a instalación dun miradoiro, tiñan por obxecto mellorar a mobilidade e seguridade das persoas, tendo en conta que a zona é moi transitada xa que por ela transcorre o Camiño de Santiago. Neste senso, Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacaron que a obra leva a pegada da Deputación de apostar por infraestruturas que teñan en conta ás persoas e o territorio.

    “O selo da Deputación de Pontevedra –afirmou a presidenta– é unha aposta clara pola transición ecolóxica, por construír un modelo diferente de facer política, economía, sociedade e de construír infraestruturas. No século XXI nós temos que pensar no Medio Ambiente, nas persoas e na recuperación dos espazos públicos para a xente.

    Carmela Silva: “o novo selo da Deputación pasa por infraestruturas accesibles para os peóns cunha mobilidade e iluminación do século XXI”

    Os vehículos son medios de transporte e de comunicación, pero non poden ser o centro da actuación das Administracións. Iso rematou; foi un erro do século XX e nós queremos rachar con el no século XXI”.

    Neste senso, sinalou que as premisas polas que a Deputación aposta na mellora das infraestruturas inclúen a dotación de vías peonís “cun ancho onde a xente poida camiñar con seguridade”, ademais de que deben ser “accesibles para que todas as persoas poidan percorrer os espazos” e facilitar a mobilidade. Outra das apostas é a iluminación entendida dunha forma diferente, “que ilumine o chan, con baixo consumo enerxético e que non contamine o aire e nos permita ver as estrelas”.

    No acto de inauguración participaron tamén grupos de peregrinos italianos que están a facer o Camiño. De feito pediron poder intervir no evento e, deste xeito, unha das peregrinas “quixo facer un regalo” cantando unha peza de ópera. Precisamente, Carmela Silva incidiu en que “o Camiño de Santiago é un elemento de atracción turística fundamental e prioritario, e queremos facilitarlle aos transeúntes que poidan desfrutar da nosa paisaxe, do noso territorio e o poidan facer con seguridade”.

    Pola súa banda, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, –impulsor do proxecto de Baredo– subliñou que a actuación tiña como obxectivo principal aumentar a seguranza viaria da estrada provincial con condicións e dimensións dignas para a veciñanza e as peregrinas e peregrinos, facilitando a mobilidade a pé e adaptándose ás persoas usuarias e non só aos vehículos.

    “A filosofía do departamento de Mobilidade é que as estradas se adapten ás persoas e ao territorio, á contorna natural e cultural, e non ao revés. Por iso ademais de crear un espazo seguro non fomos alleos ás vistas e construímos unha zona de descanso na se que pode gozar dunha das mellores vistas da provincia”, indicou o nacionalista, que lembrou que as obras xurdiron dunha petición do Concello de Baiona. Benítez aproveitou para agradecer ao persoal técnico da Deputación o seu esforzo no proxecto, xa que dende a súa concepción no ano 2017 houbo que salvar o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

    Finalmente, de feito, foi posible manter os 2,5 metros de ancho da senda peonil que o departamento de Mobilidade provincial consideraba necesarios para garantir a accesibilidade universal do itinerario peonil.

    Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que este Concello “vaise unir a este modelo da Deputación” e as iniciativas iniciadas pola Administración provincial, como a mellora deste tramo do Camiño. “Debemos estar agradecidos á Deputación por este tipo de iniciativas, non só pensando nos peregrinos e no Camiño Portugués –afirmou–, senón tamén en poñer en valor o noso rural, as nosas parroquias. O Concello de Baiona vaise unir a esta idea do que debe ser o presente e o futuro do noso pobo, da nosa provincia, do noso pais.

    Temos que pensar nun futuro que está moi condicionado polas accións que como sociedade temos institucionalizadas. Hai modelos de condutas que hai que cambiar”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.