Redondela ultima os preparativos para a celebración dunha das súas festas populares emblemáticas, o «Entroido de Verán» que por parte do Concello busca afastarse o máis posible da imaxe de ‘macrobotellón’ e potenciar a celebración dun evento máis familiar, igualitario e inclusivo.
O «Entroido de Verán» foi presentado na mañá de hoxe na contorna da Casa da Torre pola acaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura Daniel Boullosa.
Trátase dunha festa que, se ben parte da Concellería de Cultura, “involucra a case que todos os departamentos municipais como Vías e Obras, Medio Ambiente, Seguridade, Igualdade e, por suposto, Cultura”, explicaba Daniel Boullosa.
O responsable da Cultura de Redondela daba conta polo miúdo dun programa que comezará xa de mañá e que contará “con actuacións itinerantes, dous escenarios principais pero, sobre todo, moita programación infantil e familiar durante toda a mañá e tarde”.
As actividades, para que “todo o pobo sexa partícipe da festa”, como sinalou a alcaldesa Digna Rivas, desenvolveránse na Alameda, a Xunqueira e na pista de petanca.
“Sabemos que non imos a mudar ese ‘entroido-botellón’ dun día para outro –explicaba Daniel Boullosa– porque é un problema da sociedade en xeral, pero imos intentar estender a festa a todas as prazas da rúa e intentar mitigar, dentro do posible, o alcoholismo na xuventude e mocidade”.
A muller terá un papel importante no programa e, nesa liña, haberá unha batukada feminina con Son do Lila e, do mesmo xeito, nas sesións DJ haberá unha DJ de Pontevedra e un DJ local “porque queremos tirar dos grupos locais” afirmaba o responsable de Cultura. Ese é o caso de Chaleco Reflectante “un grupo rock que representa o máis mozo da vila e que estará abrindo os concertos”.
Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, deixaba clara a aposta do Concello por un «Entroido de Verán» familiar, igualitario, inclusivo e diverso. “Queremos que os veciños e veciñas de Redondela sexan parte deste Entroido”.
“
Digna Rivas: “queremos darlle a importancia que merecen aos grupos locais, ao noso, ao de Redondela e tamén da comarca”
Aseguraba Rivas que non se buscaba un programa cunha ‘actuación estrela’ porque “todos e todas os que están aquí, nesta programación, son importantes”.
A rexedora local recalcaba o sinalado por Daniel Boullosa sobre a participación dos grupos ‘da casa’ porque, sinalou, “queremos darlle a importancia que merecen aos grupos locais, ao noso, ao de Redondela e tamén da comarca”.
Na súa faceta de concelleira de Igualdade, a alcaldesa de Redondela felicitaba ao concelleiro de Cultura “por visibilizar o empoderamento da muller no programa, cunha forte presenza feminina”. “Temos moitísimas mulleres relacionadas coas artes e a cultura ás que lle temos que dar a importancia que merecen”, subliñou Digna Rivas.
Nese sentido salientaba a presenza cunha muller CJ “porque parece que só hai homes nesta faceta da música e non é así, hai mulleres DJ e moi boas é, polo tanto, hai que darlle a súa sona”.
“
Daniel Boullosa: “pouco a pouco os hostaleiros teñen que voltar a participar na organización deste festival”
Insistía a alcaldesa no feito de que o programa que se presentaba, con actividades durante toda a mañá e toda a tarde quería transmitir a mensaxe “dun entroido familiar e ir facendo que o botellón se vaia retirando”. Con este programa elaborado pola Concellería de Cultura, recalcou “queremos transmitir que dende o Concello non imos fomentar o botellón”.
Digna Rivas e Daniel Boullosa explicaron a non celebración do concurso de Drag Queen, senon que logo de consultalo con colectivos LGTBIQ estes sinalaron que preferían “que non se celebrase ese concurso” e que se dera visibilidade ao colectivo con otro tipo de actividades.
Boullosa remataba sinalando que, se ben as actividades programadas polo Concello remataban ás 12:30 da noite, o Entroido continuaba pasando o protagonismo á hostalería “é o público pode seguir a festa nas terrazas e nos bares”.
Explicou o concelleiro de Cultura que o Entroido de Verán nacía hai 23 anos “da man dos hostaleiros, logo foi asumido polo Concello, pero pouco a pouco os hostaleiros teñen que voltar a participar na organización deste festival”.