O vindeiro venres día 16 de agosto a Praza de Avelino Vicente (As de Copas) acolle a segunda cita do Música nas Prazas 2019, cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas 2019 foi o grupo de Rap guardés Caramelo Krew, que encheron de música a Praza de San Queitano o pasado venres 14 de xuño.
Agora é a quenda do grupo Blues do País este venres día 16 de agosto ás 22:00h na Praza de Avelino Vicente (As de Copas).
Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King que interpretan música blues de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Matasme despacio) ou Mercedes Benz (Chimpín). Coa súa música amosan que é posible facer blues na lingua do país.
Para rematar esta edición o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños acollerá a actuación de Helen & Shana.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.