Martes, 16 Setembro de 2025

O Obradoiro “Redondela Máis que Bela IV” transforma as rotondas de Vilavella e Vilar

0

A piques de rematar o Obradoiro de Emprego “Redondela Máis que Bela IV”, xa loce no municipio o gran traballo dos seus participantes. Entre as tarefas realizadas nestes meses na especialidade de “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica”, unha das máis visibles é a das rotondas de Vilavella e Vilar de Infesta.

O bo facer do alumnado-traballador pode apreciarse xa na entrada de Redondela desde as estradas N-550 e N-555. Este punto, onde conflúen o Camiño Portugués e o Camiño da Costa, “recibe agora aos milleiros de peregrinos que pasan por Redondela cun aspecto renovado e atractivo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora salienta o excelente resultado deste Obradoiro de Emprego, “que forma a veciñas e veciños para integrarse no mercado laboral, e ao mesmo tempo transforma o noso municipio con obras realizadas con gran profesionalidade”. A glorieta conta agora cun atractivo deseño axardinado. A outra intervención realizouse en Vilar de Infesta, na N-555. Nos dous casos son obras de interese municipal coas que os participantes acadan o Certificado de Profesionalidade de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”.

O concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, explica os alumnos-traballadores reciben con este Obradoiro de Emprego unha titulación oficial “que lles será de gran utilidade á hora de atopar emprego”. O edil lembra que tanto os participantes da especialidade “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica” como os de “Carpintería de Ribeira” están a piques de rematar a súa formación e comezarán a busca de emprego. Cabaleiro fai un chamamento ás empresas destes sectores para que teñan en conta que se precisan facer contratacións “aquí poden contar con persoal moi cualificado”.

No caso da especialidade “Carpintería de ribeira” o seu traballo ten tamén moi repercusión no municipio, xa que se encargaron da restauración do histórico bote Manuel. A embarcación, cun século de antigüidade, loce agora na entrada do museo Meirande. O alumnado-traballador, ademais de formarse nesta especialidade tradicional, tamén aprendeu os procedementos de reparación de embarcacións deportivas e de recreo utilizando fibra de vidro, resinas e catalizadores.

O Pleno de Mondariz rexeitan o cambio de salario do alcalde, Pablo Barcia

0

O Pleno de Mondariz rexeitou este xoves a rebaixa de salario levada a pleno polo alcalde do PP, Pablo Barcia, cos votos de BNG e AporM.

O Partido Popular levou a pleno unha proposta de salario mensual cunha dedicación parcial dun 75% composta dunha retribución de 33.571,24 € e 11.122,15 € de gastos de Seguridade Social. Porén, para Alternativa por Mondariz, a proposta non é unha rebaixa salarial xa que o PP “propuxo unha redución de 1.200€ no salario pero cunha redución da dedicación do 25%, é dicir, que viría sendo a mesma retribución que a dos anteriores alcaldes pero cunha dedicación parcial do 75%”.

Os salarios de Calis Montes, de AporM, e Xosé Emilio Barros, do BNG, eran de 34.771,24 euros (11.500,00€ de Seguridade Social) por unha dedicación exclusiva a templo completo.
O PP defendía que o alcalde puidera compatibilizar a dedicación á Alcaldía coa súa situación laboral como autónomo. AporM explicou que o feito de compatibilizar o seu negocio coa dedicación a Alcaldía, non era o motivo de votar en contra da súa proposta; tampouco a de “molestar ao alcalde”.

“O que non pode ser é que se intente facer unha subida de soldo encuberta dun 29% baixo esa rebaixa na dedicación”, destacou o portavoz Calis Montes. “Se realmente se quere compatibilizar cunha dedicación parcial do 75%, terá que ser do 75% sobre o salario que está aprobado, o que serían 26.078,43 € de retribución (máis 8.625,00€ de Seguridade social), en lugar dos 33.571,24 € de retribución que propón”, resumiu.

O BNG tamén reprochou que esta proposta non se presentara con transparencia e que carecía da escrupulosidade que debía terse nun asunto coma este, xa que prexudica a imaxe que a cidadanía ten da política.

O PSdG-PSOE afirmou que non debería adaptarse o salario ás circunstancias de cada alcalde porque esta práctica sentaba un precedente. Aínda así, anunciou que votarían a favor.

A proposta foi rexeitada por 7 votos en contra (AporM e BNG) fronte a 3 a favor (PP e PSdG-PSOE).

Aprobada a moción socialista na Guarda para por fin as “graves deficiencias” da concesión de Lugove

0

O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na
Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.

A moción insta ao alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, a “deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia”, demandando solucións inmediatas ante as “graves deficiencias” da actual concesión xestionada pola empresa Lugove.

Os socialistas lamentan a redución de paradas, as recuencias insuficientes, especialmente en horas punta, e os autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.

Estas deficiencias afectan especialmente a estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadores que dependen deste medio para os seus desprazamentos. A situación é “tan grave” que, en moitas ocasións, os usuarios vense obrigados a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos.

Na moción aprobada, solicitouse:

  • Que o goberno local traslade á Xunta a Urxencia de mellorar o servizo de transporte público.
  • Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.
  • Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.

Pre Fin de Ano, tren gratuíto e moitas actividades: así será o Nadal de Ponteareas

O Concello de Ponteareas abre a súa programación de Nadal coa inauguración da decoración e iluminación deste domingo 1 de decembro ás 18:30 horas na praza Bugallal.

O pistoletazo de saída será o domingo, pero haberá actividades lúdicas ao longo de todo un mes de celebracións. Como pratos fortes están as actuacións das rondallas, as catas de viños, os concertos, as probas deportivas solidarias e o mercado de Nadal que abrirá as súas portas na Nave de Aceiros do Tea dende o día 13 de decembro ao 5 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

O “Tren de Nadal”, con paseos gratuítos pola vila, estará operativo a partir das 16:00 horas partindo da praza Bugallal.

Entrando en detalle o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, explica que o mércores día 4 ás 17:30 horas haberá contacontos infantil “Animaladas” con teatro Calavera na sala multiúsos Reveriano Soutullo.

O domingo 8 ás 18:00 horas actuará a Rondalla de Pontellas ás 18:00 horas na praza Maior. O venres día 13 ás 17:00 horas o concerto de violín e piano de Icía Martínez e Serguei Maximov actuará xusto antes da cata de viños na Nave de Aceiros do Tea.

Para participar na primeira cata de viños haberá que inscribirse no número de teléfono 673 855 422. A segunda cata de viños será o sábado día 21 e a terceira o sábado 28. Todas elas no mesmo emprazamento.

O encontro de panxoliñas será o sábado día 21 no convento de Canedo ás 20:00 horas e a festa pre Fin de Ano coa actuación da orquestra Kubo terá lugar o venres 27 ás 21:00 horas na praza Maior.

A tradición sigue co encontro de Rancho de Reis no auditorio Reveriano Soutullo ás 18:00 horas o domingo día 29.

Os Reis Magos de Oriente chegarán o domingo día 5 ás 12:00 ao salón de plenos para recibir a todas as cativas e cativos e recoller os seus desexos en forma de cartas. A cabalgata de Reis será este mesmo domingo ás 18:00 horas polas rúas do centro urbano.

A papanoelada moteira será o domingo 22 ás 16:00 horas cun percorrido polas parroquias xusto antes da recepción de Papá Noel que será ás 18:00 horas na praza Bugallal onde haberá unha caixa de correos especial para depositar as cartas de nadal.

A presentación do calendario galego de Ponteareas será o luns día 23 ás 20:00 horas no salón de plenos.

Nos vindeiros días

Para o público infantil o sábado día 14 ás 17:00 horas terá lugar o espectáculo “El mundo de los muñecos” no auditorio municipal e para toda a familia o domingo día 15 ás 11:00 horas será o festival de baile da ANPA Loureiro no auditorio municipal. Este mesmo domingo ás 18:00 horas na Nave de Aceiros do Tea recital poético e musical “A lingua somos todos” con Emilio Rúa e X. C. Caneiro. Ás 18:30 a Rondalla de Chain comezará a súa actuación na praza Maior e no complexo deportivo Álvaro Pino celebrarase o festival de patinaxe do CPA Tea.

O luns 16 ás 19:30 horas na Naves de Aceiros do Tea haberá concerto do conxunto de guitarras e o martes 17 ás 20:30 horas actuará o coro de grao profesional do conservatorio municipal que ofrecerá o concerto “Para quererte tanto” na Nave de Aceiros do Tea. O mércores día 18 obradoiros creativos nesta mesma nave e a continuación, ás 19:30 horas, Concerto de Nadal da escola Vila do Corpus e do grao elemental do conservatorio municipal Reveriano Soutullo no auditorio municipal.

A programación continúa o xoves 19 co obradoiro de mel, concerto de piano e festival de nadal do conservatorio ás 19:30 horas. O venres día 20 haberá concertos de cello e piano ás 16:30 e ás 20:30 horas concerto do coro Gl Appassionati na Nave de Aceiros do Tea, para dar paso ao concerto de dúo de saxofón.

Ponteareas construirá unha pista de atletismo con espazo multiusos e un parque

O Concello de Ponteareas aproba en pleno a construción dunha pista deportiva con vestiarios e zona multiúsos no lugar de As Rabadeiras, Fontenla.

A intervención dará un servizo comunitario a través dun equipamento deportivo dotado dunha pista de atletismo de 200 metros ao aire libre como resposta, explican dende o Concello, “á crecente demanda dos e das atletas para a práctica deportiva das distintas modalidades de atletismo”.

Tamén contará con aseos e vestiarios para as persoas usuarias e cunha sala de instalacións e almacén. Asociada a este edificio de vestiarios haberá unha zona multiúsos cuberta. O proxecto prevé peches, acceso e zona de aparcamento así como que un parque para o desfrute de toda a cidadanía. O Concello intervirá nunha parcela de 9.810,34 m² e na que, na actualidade, hai sobre todo vexetación baixa.

Este novo espazo deportivo sumarase ás instalacións deportivas municipais existentes como os campos de fútbol, o complexo deportivo Álvaro Pino ou a piscina municipal. “Máis de 45 clubs deportivos coas súas correspondentes escolas empregan estas instalacións tanto para adestrar diariamente como para competir e acoller torneos e trofeos ou celebrar competicións autonómicas ou estatais”, lembra o goberno municipal.

“Temos historia detrás do atletismo e queremos recuperala facilitando aos veciños e veciñas que a diario adestran como Alice Finot. Estas instalacións darán a oportunidade de adestrar en mútiples variantes. Ademais, apostamos firmemente polo turismo deportivo como recurso para atraer persoas á nosa vila, só hai que pensar nas grandes marchas que teñen lugar nas cidades e nas que participan milleiros de persoas”, explicou a alcaldesa Nava Castro, quen engade que é habitual que os clubs pidan apoios nas liñas de turismo deportivo para organizar a probas que certamente traen persoas á vila, “detrás dos clubs como o de natación ou o de patinaxe ou de hockey hai primeiro unha instalación e iso é o que imos facer unha instalación na que ter a oportunidade de adestrar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, amosa a súa satisfacción ante a aprobación desta proxecto que amplía as posibilidades deportivas cun espazo co que nunca antes contara Ponteareas e que ademais proporcionará unha zona verde para as familias e unha contorna saudable para a práctica deportiva cun acceso cómodo e revitalizador para a zona.

O Porriño modifica o PXOM para rematar un edificio a medio facer durante 30 anos

O goberno municipal do Porriño aprobou hoxe a modificación puntual do PXOM que permitirá resolver un grave problema de feísmo urbanístico que levaba máis de 30 anos enquistado no centro da vila. A medida, afecta ao edificio lóbrego de seis plantas da Praza Central, unha das zonas máis neurálxicas do centro urbano, e enmárcase no ámbito das rúas Estación e Peña, no corazón da vila.

Desde a aprobación do PXOM, a realidade do conxunto de edificios na rúa Estación non foi contemplada adecuadamente, o que deu lugar a un grave estado de deterioro e abandono nunha localización crave da cidade. A mazá na que se sitúa este edificio é a única no centro urbano cun espazo interior aberto, non edificable en planta baixa, e na que as aliñacións interiores estaban mal definidas, o que impedía que o espazo puidese ser considerado un patio de mazá ou un espazo libre.

A modificación puntual do PXOM, aprobada hoxe polo goberno municipal, introduce axustes nos parámetros de ocupación en planta baixa, substituíndo as aliñacións interiores por novas delimitacións edificables, resolvendo o problema que mantiña paralizada a construción. Esta solución non afectará as determinacións fundamentais do PXOM, mantendo as aliñacións exteriores, a edificabilidade e os aproveitamentos urbanísticos contemplados no plan orixinal.

O alcalde do Porriño destacou que a solución proposta non só resolve o problema de feísmo urbanístico, senón que tamén aborda cuestións de seguridade e mellora a funcionalidade da zona: “A prioridade é acabar con este problema de feísmo co que estivemos convivindo durante anos. Ademais, esta modificación permitirá dispoñer de máis vivendas nunha localización privilexiada, mellorando a calidade de vida dos veciños e a dinámica urbana do centro do Porriño”. O rexedor incidiu en que a xestión do goberno municipal “non se limita a esta edificación, senón que ese está a traballar para resolver esta problemática noutras construcións do municipio”.

Ademais de mellorar a estética e a seguridade, a nova ordenación permitirá reactivar unha área que estaba desvalorizada, contribuíndo ao crecemento sostible do municipio. A medida foi aprobada en pleno co voto a favor do equipo de goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.

A recuperación do Carreiro do Rollo, en Salceda, premiada entre as mellores obras de Galicia

A humanización e posta en valor do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas, vén de recibir o Premio Gran de Are de Aportación á Arquitectura 2024. Así o confirmou este luns o Colexio de Arquitectos de Galicia, que desvelou o total de actuacións e proxectos premiados, que inclúe tamén a actuación na Área de recepción de visitantes do BIC “Muíños do Folón e do Picón” no Rosal.

As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron estes galardóns que supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Este ano presentáronse 75 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo.

O xurado manifestou a súa satisfacción ao corroborar a notable cantidade de obras que concorren a estes galardóns, “un reflexo do interese e a participación no ámbito arquitectónico e un testemuño da dedicación e o esforzo que cada un dos participantes investiu nos seus traballos”. Tamén indicou que a calidade das obras foi “excepcional” o que é un claro indicio do bo facer e do talento das arquitectas e arquitectos galegos. “Apreciamos nas propostas unha diversidade moi rica e de alta calidade, que reflicten un compromiso inquebrantable coa excelencia no campo da arquitectura e a construción”–manifestou o xurado–.

Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 12 obras (6 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 2 na área de Ourense; ademais dun proxecto itinerante). A entrega de premios celebrarase o 25 de xaneiro no novo Edificio multiusos sociocultural de Tui (rúa Camilo José Cela), rehabilitado recentemente.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Santiago Pintos Pena, colexiado seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Roberto González Fernández por Ourense, María Celsa Pesqueira Sánchez por Pontevedra, e Loreto Chamorro Nieto por Vigo; e a secretaria da Delegación de Vigo, Ana Pena Roces, que actuou como secretaria do xurado.

Redondela levanta a voz este 25N “polas que non poden falar”

0

A praza do Concello de Redondela acolleu este mediodía o acto institucional co gallo da conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa. lembrou que no que vai de ano son xa 41 as mulleres asasinadas en España, 4 delas en Galicia. Advertiu tamén que “unha de cada tres mulleres son vítimas de violencia física ou sexual alo menos unha vez vida, e o risco é maior entre as mozas”.

A lectura da Declaración Institucional correu a cargo de Mar Núñez e usuarias e usuarios das asociacións Lenda e Andaina. Un texto que fai referencia ao lema da campaña polo 25N do Concello “Sempre hai saída”, unha alegoría que busca ser unha porta aberta á liberdade.
A escritora Arancha Nogueira e a artista Neves Seara realizaron unha simbólica performance na que reflicten as ataduras e dor que sofren as mulleres vítimas da violencia machista e da que poden saír con axuda. Esta intervención artística pretende ser un berro “polas que non poden falar”. A voz de Mar Núñez deu voz a varios poemas do libro “No camiño do Vento”, de Sesé Mateo.

A alcaldesa, Digna Rivas, foi a encargada de pechar as intervencións. Advertiu no seu discurso que “a violencia machista existe, e non retrocede” cunhas cifras de vítimas que so “arrepiantes”. Rivas reafirmou “o compromiso do goberno local coa erradicación da violencia de xénero” ao tempo que pediu o compromiso de todas as administracións e toda a sociedade “porque só remataremos con este tipo de violencia traballando unidos”. Puxo o foco na necesidade de avanzar “na prevención e a educación para acabar coas desigualdades”, e lembrou que desde o Concello de Redondela trabállase “todos os días do ano para erradicar a violencia machista en todas as súas formas”.

Un gran lazo humano violeta encheu a praza do Concello como símbolo da loita contra a violencia machista. Participaron escolares do CEP Santa Mariña e usuarios e usuarias de Lenda, Andaina, Cogami e centros día Cortizos e Cesantes, ademais de grupos políticos e veciñanza en xeral. Logo a porta violeta que representa o lema da campaña do Concello polo 25N “Sempre hai saída” encheuse coas mensaxes que os asistentes foron engadindo. Rematadas actividades na praza do Concello, realizouse a ofrenda floral no Salgueiral, ante a árbore ginkgo biloba na memoria das vítimas.

As actividades co gallo do 25N continuarán o xoves día 28 ás 18.00 horas co contacontos “Aitana e a avoa, e outros contos violetas”. Será no multiúsos do Piñeiral, en Chapela, con Soraya Lema. A actividade está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos.

Recursos para as vítimas

A porta violeta e o lazo humano foron unha proposta dos Servizos Sociais Municipais que se sumou á programación do CIM. Lembrar que o Centro de Información á Muller de Redondela é un recurso que está a disposición de todas as vítimas de violencia machista. O 016 é o teléfono de información e asesoramento para casos de violencia de xénero. É gratuíto e non se reflexa da factura telefónica, pero é necesario borralo do historial de chamadas do terminal.

O Porriño prepara unha pista de xeo gratuíta para o Nadal

O Nadal de O Porriño deste ano contará cunha nova atracción: unha gran pista de xeo ecolóxica que permitirá gozar ao máximo das festas. Así o avanza Metropolitano.gal, que explica que o Concello vén de aprobar a licitación para a súa instalación, que se situará na zona de aparcamento público da rúa Antonio Palacios.

A pista, de 160 metros cadrados (16 metros de longo por 10 de ancho), estará cuberta cunha carpa para garantir o seu uso cando chove. Poderá acoller ata 40 persoas ao mesmo tempo e o acceso será totalmente gratuíto.

Horarios e datas de apertura

A previsión é que a pista abra o 7 de decembro e se manteña operativa ata o 8 de xaneiro. De luns a domingo, funcionará en horario xeral de 11:00 a 21:00 horas, aínda que terá horarios especiais os días 7, 24, 25 e 31 de decembro, así como o 1 e o 5 de xaneiro. Cómpre destacar que estas datas e horarios poderían sufrir modificacións dependendo do desenvolvemento da licitación.

Parte dunha programación intensa de Nadal

Esta nova instalación forma parte dunha ampla programación que arrincará este sábado co acendido do alumeado de Nadal. A pista de xeo únese a unha axenda cargada de actividades para todos os públicos, que incluirán música e eventos especiais.

O barrio porriñés do Outeiro, en Atios, xa ten novo parque infantil

Os nenos e nenas de Atios xa dispoñen dun novo parque infantil no Outeiro, no barrio dos Galegos, que ata o de agora carecía dun espazo deste tipo. Este novo parque responde á necesidade de crear e mellorar as zonas públicas de xogos para a cativada no Porriño, unha liña de traballo que se intensificou no último ano co obxectivo de ofrecer ás familias novos espacios de lecer.

O novo parque, que requeriu unha inversión superior aos 30.000 euros, financiouse nun 70% con fondos autonómicos e está deseñado apra garantir a seguridade e diversión dos máis pequenos. A instalación realizouse sobre un firme de formigón, cuberto con céspede artificial antiestático que proporciona a amortiguación necesaria para que a cativada poida xogar con total tranquilidade. Os elementos de xogo inclúen columpios, un balancín, un tobogán de 1,5 m de altura e unha mesa de xogos.

Ademais da zona infantil, o recinto tamén alberga un parque biosaudable para adultos, con diversos elementos para promover a actividade física na poboación maior. Toda a área esta pechada perimetralmente, asegurando unha contorna segura para que os pequenos xoguen con tranquilidade.

Este parque enmárcase na liña de traballo do Concello do Porriño de mellorar e ampliar a rede de espazos de xogo. De feito, hai unhas semanas xa se abriu ao público un novo parque infantil en Budiño, na zona da Vacaría, preto do polígono industrial. Este conta cunha superficie de máis de 150 m2, está equipado con múltiples elementos de xogo deseñados para o disfrute da cativdada, como balancíns, un multixogo e un columpio. A instalación deste parque supuxo unha inversión de 15.000 euros, tamén cun 70% de financiación autonómica.

Ademais destes espazos, o Concello do Porriño xa sacou a licitación un plan de mellora de cinco parques existentes e unha área biosaudable. Este proxecto, cun orzamento base de máis de 65.000 euros, execútase ao amparo do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra e comprende melloras nos parques da parroquia de Cans (A Graña e o río Couso), en Torneiros (Fase I e Centro Cultural Alba), A Costeira en Pontellas e A Forna en Budiño.

Entre as melloras máis destacadas inclúese o cambio do pavimento no parque da Graña, que se realizará con dúas capas de caucho. No do río Couso repararase o pavimento e instalaranse novos elementos biosaudables. No parque da Fase I, colocarase un valado para protexer a zona de xogo, e no parque da Forna instalarase céspede artificial antiestático e novos elementos de xogo.

Para asegurar o uso adecuado dos espazos, instalaranse carteis informativos coas normas e idades recomendadas para os diferentes elementos. O alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou o seu “compromiso con facer do Porriño un pobo no que os nenos e nenas poidan crecer felices e se sintan orgullosos. Os recursos cos que contamos fan que non poidamos ir tan rápido como nos gustaría, pero non paramos avanzar cara o noso obxectivo que é o benestar da nosa cativada”.

Macarena Baena e Laura de Grado, gañadoras do IV Premio Sesé Mateo de Redondela

0

As xornalistas Macarena Baena Garrido e Laura de Grado Alonso son as gañadoras do IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético pola súa reportaxe “Desprotexidas. A realidade das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero en España”.

O traballo foi publicado na web Efeminista, da axencia EFE. Trátase dunha ampla reportaxe que inclúe vídeos con testemuños de mulleres de diferentes nacionalidades. Este traballo denuncia “a situación de vulnerabilidade destas mulleres migrantes, que ademais de sufrir violencia de xénero son tamén vítimas de violencia institucional, racismo e unha desprotección sistemática pola súa situación irregular”. A reportaxe ofrece tamén a visión de expertas que propoñen solucións.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que o traballo elixido polo xurado pon o foco nas propias vítimas, “mulleres invisibles que sofren marxinación e violencia polo feito de ser mulleres, o que se grava pola súa condición de estranxeiras e sen recursos”.

A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que estes premios naceron co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar información relacionada coa violencia machista, evitando o sensacionalismo, e iso é o que fai esta reportaxe que dá voz ás propias vítimas”.

As xornalistas da Axencia EFE, Macarena Baena e Laura de Grado, afirman que a súa responsabilidade “é dar visibilidade a aquelas voces que sistematicamente foron silenciadas”. A través desta reportaxe “queriamos que estas mulleres se convertesen nas donas da súa propia historia, narrándoas en toda a súa complexidade”. As autoras agradecen “a confianza e valentía” destas mulleres ao participar neste proxecto “co obxectivo común de que ningunha outra muller teña que vivir o que elas viviron”.

Advirten que “a falta de acceso a recursos, o racismo, a discriminación, a desconfianza nas institucións e a lei de estranxeiría colócaas nunha posición de extrema vulnerabilidade”.
O xurado estivo formado polas xornalistas Cristina García (CRTVG) gañadora do II Premio Sesé Mateo, Ana González Liste (A Praza) gañadora do III Premio Sesé Mateo, Laura Nogueira (Atlántico Diario) e María Xesús Queimaliños (Radio Redondela).

O premio está dotado n 1.500 euros e unha escultura en bronce feita pola asociación Lenda. As premiadas recollerano nun acto que se celebrará este sábado, día 23, na Oficina de Turismo de Redondela ás 12.00 horas. Celebrarase tamén unha charla-coloquio baixo o título “Os medios de comunicación como axentes do cambio” con Ana González Liste, Diana López Varela (xornalista, guionista e escritora) e Joshua Alonso Mateo, Técnico superior en Promoción da Igualdade de Género. Haberá unha lectura de poemas do libro de Sesé Mateo “Polo camiño do vento” a cargo de Mar Núñez.

Ponteareas activa o primeiro punto violeta virtual aberto todo o ano

“Apoio as 24 horas dos 365 días do anos é o noso obxectivo”, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, á vez que adianta as accións que se iniciarán con motivo da celebración do 25 N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e que terán continuidade ao longo de todo o ano.

Para avanzar na igualdade o Concello de Ponteareas activará nas vindeiras semanas o punto violeta virtual para ter acceso a toda información do punto a través dun código QR específico e visible en todos os grandes eventos. Para concienciar e non baixar a garda máis aló dunha celebración, o Concello xa iniciou a difusión nas 24 parroquias con folletos e pegatinas na que acceder a través dun QR á información, recursos e campaña de sensibilización.

Este código QR estará nos diferentes elementos gráficos distribuídos polo centro urbano e polo rural. A campaña do 25N contempla tamén a obra de teatro “As Formas do Amor” de María Ángeles Iglesias que terá lugar este venres 22 de decembro ás 20:30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo. Organizada pola Deputación de Pontevedra conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade.

Un photocall instalado na Praza Maior espertará a conciencia da cidadanía e recordará cada día que a igualdade é un elemento esencial para unha sociedade mellor, cousa de todos e aínda unha tarefa pendente de cumprimento.

A campaña estendese ás redes sociais con creatividades que alertan de mensaxes “lamentablemente cotiás que reflicten unha realidade e convidan a non contribuír, a non aceptar e a non normalizar”, explica a concelleira. Baixo o título de “Resúltache familiar… Así non é” a concellería quere alertar e loitar contra a aceptación de normas machistas que frean o avance hacia a igualdade e a liberdade das mulleres.

O luns 25 o Concello convida a participar na marcha pola igualdade que irá dende o photocall da Praza Maior ata o Concello de 18:30 a 19:00 horas. Ás 19:00 horas terá lugar a lectura do manifesto e a creación dun mural colaborativo no que toda a cidadanía participante poderá deixar as súas mensaxes e renderease homenaxe ás vítimas

Raquel Plana explica que ademais da campaña dende o CIM trabállase a diario pola mellora da vida das mulleres ofrecendo recursos, apoio e medidas específicas para casos excepcionais.

O Nadal acenderáse no Porriño este sábado cunha gran festa de luz e música

A maxia do Nadal chega Porriño o vindeiro sábado 23 de novembro, co tradicional acendido da iluminación do Nadal, un evento que marca o inicio das celebracións máis entrañables do ano.

A cita, que promete encher de ilusión as rúas da vila, comezará ás 17:30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios e estenderase ata o final da xornada, convertendo O Porriño nun verdadeiro escenario de luz e música. Como xa é costume, serán os usuarios e usuarias de Aceesca quen, coa súa mensaxe de esperanza e os seus sorrisos, se encarguen de pulsar o botón que acenderá o Nadal. Un xesto cheo de simbolismo e de calor humana que, ano tras ano, emociona a pequenos e maiores.

O evento iniciarase ás 17:30 horas cunha dobre dose de cultura e tradición: a actuación do grupo Folk da Escola de Música do Porriño e o de gaitas da Asociación Cultural os Penediños de Atios. Ás 19:00 horas chegará o momento máis esperado, o aceso das luces que adornarán as rúas, parques e prazas do municipio, creando unha atmosfera única e máxica. A cerimonia contará co pregón a cargo de Aceesca, unha mensaxe de empatía e inclusión para todos os porriñeses.

Unha vez que O Porriño brille coa luz do Nadal, a festa continuará co concerto de King Kids e para culminar a noite coa mellor das enerxías, a sesión de Dj Dorman poñerá o broche de ouro.

Redondela insta a regularizar as conexións á rede de saneamento de varias vivendas de Cesantes

0

O Concello de Redondela realizou traballos de renovación da rede de recollida de augas pluviais realizada no barrio de Outeiro das Penas, en Cesantes. O concelleiro responsable de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que esta rede “tiña máis de 30 anos de antigüidade e presentaba fugas, polo que se procedeu á substitución de toda a canalización”. A raíz destes traballos detectouse que existían restos de augas fecais na rede de pluviais, e localizáronse seis vivendas conectadas a esta canalización de xeito irregular.

Técnicos de Aqualia, empresa concesionaria do servizo de auga e saneamento en Redondela, procedeu a revisar estas instalacións “pero só nunha das vivendas lles permitiron acceder ao inmoble para comprobar a situación da conexión de saneamento”, sinala Villar. Neste caso puido confirmarse que a vivenda ten conectado o saneamento á rede municipal de pluviais “o que supón unha infracción do regulamento”, advirte o concelleiro.

Unha vez que reciban o requirimento formal terán un mes de prazo para facer as obras necesarias e conectar a vivenda á rede de saneamento. O responsable de Infraestruturas e Sostibilidade anuncia tamén que nas vivendas onde non se permitiu a entrada dos técnicos realizarase unha segunda visita coa Policía Local, “e de non ser posible facer a comprobación tramitarase unha denuncia no xulgado”. O edil advirte que “a falta de colaboración pode ser prexudicial para os propios afectados, xa que incrementa as posibles sancións”.

Villar lembra que hai máis dun ano o Concello de Redondela rebaixou un 70% a taxa de conexión ao saneamento. A tarifa reduciuse de 1.200 a 360 euros “para facilitar a alta das vivendas unifamiliares”. O concelleiro lamenta que, malia este importante desconto “moitas vivendas seguen sen conectarse á rede de saneamento, o que supón un grave prexuízo para o medio ambiente”. No caso do barrio de Outeiro das Penas os vertidos fecais “acaban directamente na praia e contaminan”. Se a situación non se resolve pode carrexar sancións económicas para o Concello de Redondela por parte do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia.

Técnicos de Aqualia realizaron recentemente inspeccións na zona de Soutoxuste, no Viso, nas que detectaron un cento de vivendas que non están conectadas á rede de saneamento. O concelleiro explica que cada obra de saneamento no rural supón un elevado investimento de cartos públicos, polo que “é de xustiza que unha vez que existe unha rede de sumidoiros próxima ás casas, sexa obrigatorio conectarse”. Estas inspeccións por parte de técnicos de Aqualia continuarán facéndose por todas as parroquias de Redondela para detectar posibles irregularidades. A próxima será na parroquia de Cabeiro.

Falece un veciño de Salceda atropelado por un camión no Porriño

Un home de 41 anos, veciño de Salceda de Caselas, perdeu a vida este mércores nun tráxico accidente laboral ocorrido na empresa SERMU, situada na parroquia de Torneiros, en O Porriño. Segundo informa Metropolitano.gal, o suceso tivo lugar arredor das 15:30 horas, aínda que o servizo de emerxencias 112 Galicia non confirmou oficialmente o ocorrido ata pasadas as 18:00 horas.

Segundo as primeiras investigacións da Garda Civil, todo indica que se tratou dun desafortunado accidente. O traballador atopábase manexando o seu camión cando, aparentemente, se soltou o freo de man, esmagándoo contra a zona de carga. A Garda Civil desprazouse ao lugar para analizar os feitos e determinar as circunstancias exactas do sinistro.

Tras recibir o aviso, o 112 Galicia activou un amplo dispositivo de emerxencias. Ao lugar do accidente acudiron de inmediato os servizos de Urxencias Sanitarias, Policía Local, Protección Civil e efectivos da Garda Civil.

A Policía Local, presente dende o primeiro momento, confirmou que o accidente aconteceu nas instalacións da empresa SERMU. Tamén acudiu até o lugar o rexedor local, Ale

O Rosal acolle “DeseXo”, teatro de humor contra os estereotipos sexuais

0

O auditorio municipal do Rosal converterase nun escenario para reflexionar, rir e aprender. No marco da programación do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello aposta polo teatro como ferramenta para o cambio social coa obra ‘DeseXo’, un espectáculo co que Talía Teatro chega este domingo 24 ao Rosal para falar claramente de sexo.

Unha obra que supón unha chamada de atención sobre as consecuencias dunha educación sexual deficiente, baseada máis na pornografía tanto real como social, que na formación e no diálogo aberto. Como sinala a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, “queremos ofrecer á veciñanza unha experiencia que, ademais de entreter, nos faga reflexionar sobre o mundo no que vivimos e que estamos transmitindo ás novas xeracións”.

Coa dirección de Diego Rey e as interpretacións de Marta Ríos e Dani Trillo, ‘DeseXo’ utiliza o humor como vehículo para abordar cuestións como a ausencia dunha educación sexual axeitada, a súa substitución polo aprendido na pornografía ou nas redes sociais, os estereotipos sexistas ou a presión social nas relacións afectivo-sexuais. Unha peza creada co asesoramento da sexóloga Bárbara Penas, achegando rigor e frescura a unha obra que promete deixar pegada.

O espectáculo preséntase como un xoguete cómico no que o público seguirá ás personaxes a través das súas publicacións nas redes sociais, observando como afrontan os seus medos, desexos e relacións nunha sociedade que é a vez á máis sexualizada da historia e a máis tabú. “O 25N non se trata só de denunciar a violencia machista, senón tamén de previr as súas raíces, moitas veces alimentadas pola desinformación, os estereotipos e a falta de diálogo”, recalca a concelleira.

‘DeseXo’ comezará ás 19.00 horas e terá entrada de balde ata completar aforo. Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nesta actividade, que forma parte da ampla programación posta en marcha durante o mes de novembro para continuar revolucionando mentes, concienciando e educando en igualdade.

O mellor pincho de Ponteareas é un “trampantoxo de pera”

A segunda edición de ‘Pinchotea’, a ruta de ‘pinchos’ que ten como obxectivo dinamizar a hostalería de Ponteareas, xa ten gañador. No salón de plenos celebrouse este martes a entrega de premios no que “Trampantoxo de pera” do Túnel fíxose co primeiro premio da categoría “Cociña en miniatura”.

No podio estiveron tamén La Preciosa, co segundo premio, e Carlota Burguer, no terceiro posto. Amais, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e o concelleiro de Comercio, Ricardo González, entregaron o premio do “Pincho Taverneiro” á cafetería Cortiñas.

Os locais gañadores recibiron a placa de recoñecemento e as chaquetas Pinchotea, entre outros agasallos doados polas empresas colaboradoras. O resto dos locais participantes obtiveron o seu diploma.

Os membros xurados salientaron a alta calidade e creatividade de todas as propostas presentadas “todas elas moi elaboradas, sorprendentes e que detrás teñen moitas horas de traballo, ilusión e ganas porque cada pincho era unha explosión de sabores, de masas, recheos e salsas innovadoras pero que, á vez, fan guiños aos sabores tradicionais de Ponteareas e á cultura e señas de identidade da vila”. Engade o xurado que “sen que sone a cumprido, foi realmente moi complicado elixir ganadores porque todos estaban a un nivel similar”.

Os locais de hostalaría Casa Ferreira, Luna Flores e Troll recibiron unha mención especial do xurado “porque detrás de tanto sabor había unha preparación a fogo lento, unha moi boa materia prima e produtos de tempada ademais de fusión de comidas de fóra e tamén de aquí”.

Pero o sabor non é o único que valoraba o xurado, tamén o relato, o coñecemento do produto, a capacidade de xestión, ter en conta os tempos e, sobre todo, os vínculos coa tradición e señas de identidade locais.

De xoves a domingo e dende o 24 de outubro ao domingo 10 de novembro dezanove locais de hostalaría puxeron ilusión e sorprenderon aos seus clientes con creatividade e calidade.

No salón de plenos tamén se sortearon as dúas viaxes para dúas persoas, os dous vales para facer ráfting en grupos de catro, os bonos para as augas termais doados polo Concello de Salvaterra de Miño e máis de trinta paquetes de produtos doados por Catro Parroquias, Elena Pérez, Cafes Do Noso, Adega Loeda, Casa Ferreira e Revi que entregou un cheque por 300€ ao gañador de “Cociña en miniatura”.

Ponteareas envía un camión de recollida de lixo aos pobos de Valencia afectados pola DINA

O Concello de Ponteareas e FCC, empresa responsable do servizo de limpeza das rúas e recollida do lixo, únense para enviar a Valencia un camión de recollida do lixo para contribuír nas tarefas de emerxencia.

Coordinados coa delegación desta empresa en Levante voluntarias e voluntarias da das contratas galegas darán apoio aos concellos valenciáns afectados pola DINA. A empresa FCC explica que este apoio será totalmente solidario en canto a recursos humanos, materiais e maquinaria.

Este martes, un dos vehículos recolectores do Concello de Ponteareas partiu rumbo a Quart de Poblet, Valencia, para sumarse aos efectivos existentes. A alcaldesa, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e o concelleiro responsable do servizo de recollida do lixo, Jesús Cao, acompañados da concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista, e de representantes da empresa FCC, desexaron boa viaxe ao equipo.

O goberno de Ponteareas tamén recibiu a unha representación dos bombeiros de Ponteareas para amosarlles o seu agradecemento e facerlles entrega dun diploma que simboliza o compromiso e solidariedade do equipo de bombeiros de Ponteareas. Alcaldesa e concelleiro de Seguridade coincidiron en salientar o “carácter colaborador e a profesionalidade dos bombeiros de Ponteareas que atende a todos os Concellos do Condado e da Paradanta”. Os bombeiros de Ponteareas estiveron cinco días desprazados nos concellos de Albal, Catarroja e Paiporta formando parte dos equipos de emerxencia enviados pola Xunta de Galicia.

Neste acto, aberto a cidadanía e celebrado no auditorio municipal Reveriano Soutullo, tamén participaron os centros educativos de Ponteareas coordinados pola concellería de Ensino. Os bombeiros explicaron á rapazada a súa intervención, a situación, os sentimentos da cidadanía valenciá, a importancia do cumprimento das normativas, a coordinación de equipos e deron exemplo de civismo e solidariedade.

Baiona conmemora o 25N con obradoiros de globos para a cativada

0

O domingo 24 de novembro terán lugar os obradoiros 25N performance con globos, dirixidos a nenos e nenas a partir de 5 anos. Barafunda será a encargada de dinamizar e realizar esta actividade que se desenvolverá en todas as parroquias do municipio e na que os e as pequenas serán os protagonistas e creadores do símbolo 25N.

En horario de mañá de 11:00 a 13:00 horas nos Multiusos de Sabarís e paralelamente en Baiona no Centro Angel Bedriñana, e xa en horario de tarde de 17.00 a 19.00 horas desenvolveranse nas outras parroquias: no Centro Cultural de Baredo, o Centro Cultural de Belesar e a Casa de Montes de Baíña.

Estes obradoiros enmárcanse no programa “Baiona Lila” promovido pola concellería de igualdade e cofinanciado pola liña dúas do Plan Más Provincia da Deputación de Pontevedra.

Bombeiros de Ponteareas participan no acto de homenaxe pola súa axuda en Valencia

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos González, participou este pasado venres xunto ao xefe de bombeiros do parque de Ponteareas, Roberto Castro, no encontro mantido co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, organizado para agradecer o traballo e compromiso amosado aos máis de 300 efectivos galegos que se desprazaron á Comunidade Valenciana para colaborar tras a dina do pasado 29 de outubro.

Catro bombeiros de Ponteareas, que representaron e simbolizaron o compromiso de todos os profesionais do parque, colaboraron nas tarefas de busca de vítimas, achique de auga en baixos e sotos, retirada de vehículos, cepillado de rúas e eliminación de barro e escombros, entre outras accións fundamentais para a recuperación das zonas afectadas en Alfafar.

Juan Carlos González Carrera salientou a capacidade e solidariedade de todos os membros do equipo de bombeiros de Ponteareas “porque sempre están dispostos a axudar e colaborar sendo exemplares non só como profesionais se non tamén como compañeiros capaces de organizarse para facer posible este desprazamento mentres os outros quedaban atendendo o servizo”.

Equipo galego desprazado

Os bombeiros de Ponteareas formaron parte dos efectivos galegos: 82 membros e voluntarios de Protección Civil; os 116 bombeiros municipais e dos consorcios provinciais, xunto cos de Navantia; os 80 efectivos de Medio Rural; preto dunha vintena de integrantes dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal); así como aos membros da Policía Autonómica, persoal do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) e de emerxencias, e os de Casaga (Cans de Salvamento de Galicia) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE). Así mesmo, tamén agradeceu á tripulación do helicóptero Pesca 1 que viaxou ao día seguinte da catástrofe para axudar á busca de desaparecidos desde o aire.

O Condado-Paradanta podería lograr o seu primeiro espazo natural de interese local

0

O Concello de Covelo e a Comunidade de Montes en Man Común de Barcia de Mera unen forzas para protexer unha zona de especial interese medio ambiental. Na súa estratexia de apostar por un crecemento sostible e en harmonía co patrimonio natural o Concello de Covelo solicitará a declaración do Espazo Natural de Interese Local denominado Rio Alén Barcia de Mera cunha superficie total de 265.797 m2 grazas á colaboración da CMVMC de Barcia de Mera. Este sería o primeiro ENIL do Condado Paradanta.

Comunidade de Montes e Concello concordan no recoñecemento dos valores medio ambientais, naturais, culturais e etnográficos presentes nestas catro parcelas. Neste entorno están presentes numerosas especies de flora e fauna que conforman hábitats declarados de Interese Comunitario e de Conservación Prioritaria pola Directiva Hábitats 92/43/CEE e Directiva Aves 79/409/CEE.

Ademais das especies presentes no propio río, destacan os bosques de ribeira de amieiros, salgueiros e freixos e carballeiras e de bosque atlántico de loureiros, carballos, estripeiros, e castiñeiros e especies de conservación prioritaria como o fento real ou acivro, cerquiño, freixos e bidueiros.

En canto á fauna presente salientan entre os anfibios a salamántiga rabilonga, pintafontes verde, sapos; entre os peixes o salmón atlántico e a troita, a anguía e a lamprea; entre os réptiles o lagarto das silveiras ou a víbora de seoane; nos mamíferos a londra, o gato bravo o morcego de ferraduras e o lobo e en canto ás aves as aguias abelladas e calzada, picapeixe, e bufo real.

Este espazo alberga múltiples mostras do patrimonio cultural e etnográfico como o cruceiro e capela de San Xoán Mosteiro, a cruz e Fonte Santa, a ponte do río Alén, os camiños corredoiras de acceso a Seixedos, Oleiros, Piñeiros e Fornelos, numerosos muíños, levadas e unha ruta de sendeirismo sinalizada practicable denominada San Xoán Mosteiro que recorre de xeito circular as marxes do río.

Unha plantación de rexenerado de piñeiro bravo de vinte anos de antiguidade e frondosas que configuran a ladeira da bagoada do río Alén na zona máis alta e próxima á Serra do Suído completa a riqueza desta área de protección.

Redondela realiza unha limpeza a fondo das cunetas antes de que cheguen as chuvias

0

A empresa Naturgalia, adxudicataria do servizo, está a realizar desde setembro a segunda campaña anual de limpeza. Os traballos inclúen tanto a retirada da maleza e restos vexetais como a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada en diferentes camiños municipais nas parroquias de Redondela.

Segundo explican dende o Concello, a brigada retira todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga. Os operarios limpan caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto busca evitar atascos e facilitar a evacuación da auga da chuvia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas.

Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. A primeira fase realizouse entre xuño e agosto. A segunda limpeza é a que está a facerse actualmente e rematará antes de que finalice o ano.

“O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos. O contrato, por dous anos, licitouse á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros.

O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro exercicios.

Gondomar conmove a España no anuncio da Lotería de Nadal

0

Gondomar é un dos protagonistas do anuncio especial do Sorteo Extraordinario de Nadal de Loterías do Estado. Así se descubriu este pasado xoves na presentación oficial do spot a cargo d axencia creativa, Proximity Madrid.

A campaña, que foi gravada entre Madrid, Vigo e O Val Miñor, busca ser “reflexo da sociedade española”. O vídeo céntrase en contarnos a vida de Julián, un home de certa idade que vive nunha aldea da chamada España baleirada que se vai despoboando e que non ten con quen compartir o seu décimo de Nadal.

Esa aldea elixida é Vilaza, en Gondomar. É precisamente un estanco situado alí o primeiro que vemos no anuncio, erguéndose como o ‘corazón’ arredor do que xira toda a trama.

Convertido no “Bar Robles”, o propietario pecha e vende o local porque “aquí xa non vive ninguén”, mentres o protagonista, Julián, respóndelle que é certo, pero que a el “gústalle isto”. Como curiosidade, nos planos tamén se pode ver o cartel situado na estrada que indica a dirección cara a O Porriño.

A solidariedade, o apoio mutuo e o abandono das zonas rurais son os eixes fundamentais de todo o anuncio. O spot foi gravado con persoas reais de cada un dos lugares nos que se rodou, en Madrid e en Galicia. “Non hai actores profesionais, senón xente común facendo cousas extraordinarias, o que nos aporta unha maior autenticidade”, sinalan.

O Porriño propón un programa contra a violencia machista todo o ano e non só o 25N

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o próximo 25 de novembro, o Concello de Porriño, a través da Concellería de Igualdade dirixida por Carolina González, presenta a súa programación anual de actividades destinadas a promover a igualdade e sensibilizar á cidadanía fronte á violencia de xénero, un compromiso institucional que este ano se materializará baixo o lema “Elas Somos Todas”.

A programación arrincará o mesmo 25 de novembro na praza do Concello, onde se instalará o Punto Violeta, un espazo simbólico e de apoio para informar, visibilizar e sensibilizar á cidadanía sobre a violencia de xénero. Ese mesmo día, pola tarde, terá lugar un acto no que asociacións e clubs locais lerán un manifesto en memoria das mulleres vítimas da violencia machista durante o último ano. Esta homenaxe contará coa actuación especial do coro de góspel de Rebeca Rods, ofrecendo un momento de recordo e reflexión .
Ao longo do ano, levaranse a cabo unha serie de actividades e eventos que subliñan a implicación do Concello na loita pola igualdade de xénero e contra a violencia machista. Entre elas, destaca unha mesa redonda titulada “A violencia contra as mulleres en pleno século XXI”, na que profesionais do ámbito xurídico abordarán a problemática desde unha perspectiva técnica e actualizada.

Ademais, retomaranse as xornadas de defensa persoal feminina, abertas á participación da cidadanía e tamén con enfoque educativo nos centros escolares, en colaboración coa Policía Local, promovendo o desenvolvemento de habilidades de autodefensa e empoderamento.
Como unha aposta máis cara á igualdade, o Concello de Porriño presentará o seu V Plan de Igualdade, que guiará as políticas públicas municipais nesta materia e reforzará responsabilidade coa creación dunha sociedade máis xusta e equitativa. Tamén levará a cabo un curso de saúde feminina orientado a mulleres, con especial atención nas zonas de Porriño centro e Torneiros, abordando aspectos de benestar e coidado persoal. Así mesmo, realizaranse formacións en igualdade dirixidas a corpos de seguridade e persoal do Concello, con especial implicación da Policía Local.

A campaña anual de sensibilización contra a violencia machista incluirá múltiples accións de concienciación, con actividades, obradoiros e difusión de contidos informativos.. A través destas accións, o Concello de Porriño pon o foco na erradicación da violencia de xénero e na súa responsabilidade en construír unha sociedade que respecte a igualdade e rexeite toda forma de violencia.

Desde a Concellería de Igualdade, Carolina González destaca a importancia da implicación cidadá e o labor de concienciación: “Con ‘Elas Somos Todas’ queremos lembrar que a loita contra a violencia de xénero non é unha cuestión illada; é unha responsabilidade de toda a sociedade. Cada acción conta, e xuntos podemos construír unha pobo que rexeite de forma rotunda a violencia contra as mulleres.”

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que “as vítimas deben estar no centro da acción política”. O rexedor concluíu afirmando que “lamentablemente segue sendo moi necesario loitar por unha igualdade real e defender os dereitos das mulleres, porque como o lema da campaña suxire, elas somos todas. E permítome engadir, e todos.”.

Artesanía, gastronomía e creatividade citaranse no Nadal do Rosal

0

O Rosal prepárase para encher de artesanía, gastronomía e moita creatividade o seu Nadal. O Concello abrirá o vindeiro luns 11 de novembro o prazo de inscrición para participar no tradicional Mercado de Nadal, un espazo de referencia nestas datas. “Este mercado representa unha oportunidade única para visibilizar o traballo e o talento creativo e innovador das persoas da nosa vila, especialmente nun momento tan sinalado do ano”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O tradicional Mercado de Nadal do Rosal abrirá as súas portas os días 6, 7 e 8 de decembro no salón de exposicións do Concello, ata onde o público poderá achegarse de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Como en edicións anteriores, haberá un máximo de 15 postos que se concederán por estrita orde de entrada da solicitude. Ademais só se concederá un posto por participante, que deberá traer a súa propia instalación e decoración e que deberá ser o máis atractiva posible e adaptada á temática da época de Nadal.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 25 de novembro no Rexistro do Concello, xunto coa documentación correspondente, incluíndo o DNI, carné de manipulador de alimentos (se fose necesario) e unha declaración responsable. O evento está aberto a asociacións sen ánimo de lucro, produtores gastronómicos (repostería, mel, queixos, marmeladas, turróns…) e artesáns de diversos sectores, sempre que a súa instalación estea en sintonía co ambiente festivo e de nadal.

O Concello do Rosal agarda con ilusión un Mercado de Nadal que non só fortaleza o comercio local senón que contribúa a crear un ambiente único de creatividade, cultural, desfrute e lecer entre a veciñanza e os visitantes.

A activista Amelia Tiganus ofrece en Redondela un faladoiro sobre a violencia sexual en internet

0

Amelia Tiganus, recoñecida activista e presidenta da Federación Estatal de Mulleres Abolicionistas (FEMAB) ofrecerá un coloquio no auditorio da Xunqueira. Baixo o título “Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?” o faladoiro celebrarase o venres, día 15, ás 19.00 horas con entrada libre. Na súa intervención, Tiganus abordará a educación sexual en internet, destacando como identificar e combater a violencia sexual dixital.

Así mesmo, reflexionará sobre a mercantilización do corpo de mulleres e nenas na rede, e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas. Amelia Tiganus dedicou a súa vida á loita contra a trata e a explotación sexual, tras ser vítima durante cinco anos en prostíbulos de España. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, e o seu compromiso coa erradicación da explotación sexual foi clave na creación de FEMAB.

Este evento, que forma parte da programación do 25N do Concello de Redondela, pretende fomentar a concienciación e o debate sobre a violencia de xénero, especialmente no contexto da era dixital. A charla é unha oportunidade para profundar nos desafíos e solucións na loita contra a violencia sexual, e busca involucrar tanto á mocidade como ás persoas adultas na creación dunha contorna máis segura e equitativa.

En marcha a residencia de artistas de Ponteareas, que acolle xa aos primeiros residentes

As e os primeiros residentes da residencia de artistas Artistea xa están en Ponteareas. Ao longo desta semana traballarán en proxectos multidisciplinares arredor da poesía, da música e da performance.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, achegáronse para darlles a benvida acompañados dos concelleiros de Ensino, Ricardo González, e do segundo tenente de alcaldesa, Jesús Cao. Na residencia, a directora Laura Porto, presentoulles os proxectos e o perfil de cada un dos residentes.

Esta é a primeira das residencias que se programarán de xeito trimestral subvencionada ao 100% polo Concello e que dará oportunidades a novos talentos. “Esta primeira residencia posibilita o encontro de distintas disciplinas e de creadores de idades diferentes que coñecerán a orixe e sinais de identidade máis salientables de Ponteareas. A residencia de artistas abre as portas de Ponteareas a creadores de todo o mundo que queiran ter un espazo no que crear e servirá como axente dinamizador da Praza Maior”, explicou a alcaldesa Nava Castro.

Ponteareas volve ser un referente no eido cultural, así o salientou o delegado do goberno da Xunta en Pontevedra, “tal e como trasladamos na inauguración dende a administración daremos apoio a iniciativas culturais como esta que son unha plataforma de lanzamento e devolven as vilas parte da súa esencia, servindo incluso como elementos atractores de turismo e dándoas a coñecer a través da arte”.

Coletivo RAIZ 11 formado por Giovanni Peixoto e Francisco de Vicente traballarán o seu proxecto “Entroñados”; colectivo Nubeilab desenvolverán “Ecos” con José Pons, María Gutiérrez e Andrea Trenado; Carmen Omil presenta “Sistema del Deseo”; Alex Bouzó “O Musgo que Medra”; Antonio Tizón “Coplas Analfabetas” e Aurora Abelairas realizará a cartografía poética do Condado mentres Diego Chamizo centrará a súa labor no proxecto “Reflexo Natural”.

Ao longo desta semana traballarán na nosa vila e visitarán o Castro de Troña, o museo de Ponteareas, empresas locais e manterán encontros con agrupacións folclóricas e distintos colectivos dentro das súas tarefas de investigación e documentación.

Ademais, o xoves recibirán a masterclass da artista multidisciplinar Lucía Aldao, tendo a cidadanía a oportunidade de participar de 12:00 a 14:00 horas con inscrición previa no número de teléfono 986 64 00 00.

A praza de abastos de Redondela traballa para ser “Mercado Excelente”

0

O Concello de Redondela puxo en marcha unha serie de accións destinadas a mellorar a Praza de Abastos. Estas iniciativas inclúen programas de formación para os comerciantes e un exhaustivo diagnóstico das instalacións, realizado por unha empresa especializada, que permitirá identificar áreas de mellora e adecuar o edificio aos estándares de excelencia e calidade. Este proxecto representa un paso crave no compromiso municipal por ofrecer un mercado moderno e adaptado ás necesidades da comunidade. O concelleiro de Economía e Emprego, Antonio Cabaleiro, explica que xa se puxeron en marcha diferentes iniciativas “para identificar novas áreas de mellora e estratexias que optimicen os usos do mercado” de cara a obter o selo de Mercado Excelente.

Unha das accións que se puxo en marcha é o “mentoring comercial” con expertos que orientan e guían aos praceiros para mellorar no seu eido profesional. Ademais de titorías para coñecer as necesidades de cada vendedor e vendedora, celébranse catro obradoiros. Son o de “Aumento da rendibilidade do punto de venda” para atraer máis clientes, mellorar a presentación dos produtos e maximizar as vendas. O segundo denomínase “Técnicas de visual merchandising” para axudar aos praceiros a destacar os seus produtos e atraer a atención dos clientes, a iluminación e a creación de escaparates atractivos. Outro taller será o de “Colocación do produto” para organizar os seus produtos de forma atractiva e por último o obradoiro de “Atención á clientela”, con técnicas de comunicación, a importancia do trato amable e como xestionar queixas ou reclamacións.

Tamén se realizará un estudo de diagnose de situación de usos do mercado, “cunha análise do impacto económico e potencial da praza de abastos na súa contorna”, explica Cabaleiro. Farase unha recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos praceiros e usuarios. Finalmente realizarase unha análise e proposta de actuacións necesarias para obter o selo de Mercado Excelente.

Todo este proceso pretende incrementar a competitividade da praza, impulsando a transformación das súas instalacións e o crecemento dos seus comerciantes, que contan co respaldo dunha formación continua e unha contorna de apoio. Desta maneira, a Praza de Abastos de Redondela prepárase “para consolidarse como un punto de referencia para quen valora a tradición, a proximidade e o trato personalizado nas súas compras”, sinala Cabaleiro.

Estas actuacións contan cun investimento de máis de 22.600 euros, dos que un 80% (18.159 euros) están subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o 20% restante polo propio Concello.

Ponteareas aproba a suba do IBI un 25% e da taxa do lixo un 85%

Polémica en Ponteareas despois de que o Goberno municipal levara a pleno extraordinario este venres a suba do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) nun 25% e da taxa de lixo nun 85%.

“Necesitamos incrementar o valor do IBI para atender os servizos sociais e igualar o Concello co resto dos municipios da provincia”, explicou o concelleiro de Facenda, Francisco Represas. Concretamente, o imposto subirá do 0,4 ao 0,5%.

Con respecto á taxa do lixo, Ponteareas segue a medida que outros concellos están aplicando na provincia. “É por imperativo legal”, subliña Represas para denunciar a “imposición” do Goberno central de “repercutir o custe do servizo” aos cidadáns.

Os socialistas denuncian que o Partido Popular de Ponteareas convocou o pleno extraordinario con pouca antelación, ás 17:18 horas do xoves 7 de novembro, para celebralo quince horas despois, este venres 8 de novembro ás 08:00 horas.

Vanesa Fernández, voceira do PSOE de Ponteareas, critica a xustificación do PP, cualificando de “miserable” que se empregue o argumento do financiamento dos servizos de axuda no fogar. Fernández sinala que, “se o PP necesita máis fondos, debería reducir os contratos a empresas afíns e os gastos en viaxes, en lugar de aumentar os impostos aos cidadáns”.

O voceiro do BNG, Miguél Bouzó Rodríguez, denunciu a convocatoria “insólita” e “sen precedentes” do Pleno extraordinario. “Fano para subir brutalmente os impostos aos veciños e veciñas de Ponteareas, como fan os verdadeiros carteiristas”, clamou e cargou conta a “suba abusiva do canon de Sogama” por parte da Xunta de Galicia. “É cinismo culpar só ao Goberno central”, asegurou.

Dende o Goberno local, a rexedora local, Nava Castro, xustificou a medida do Pleno extraordinario urxente porque non estaba previsto subir os impostos e taxas. “Estamos elaborando o orzamento e se queremos asumir os custes dos servizos cos actuais ingresos son insuficientes”, explicou. “Non é grato vir aquí a subir un imposto, pero é unha necesidade equilibrar as contas”, defendeu.

Pola súa parte, Juan Carlos González Carrera (ACIP), expresou no Pleno que “co tempo os veciños dirán se se fixo un bo traballo, é un dereito que teñen”, e subliñou que o Goberno municipal busca medidas para “prestar servizos aos cidadáns” mentres que o PSOE e o BNG “durante 8 anos foron un desastre”.

Redondela insiste en conservar a Illa de San Simón como “espazo de memoria”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, reuníronse con Montse Fajardo, Guillerme Pérez e Matías da Torre, da Iniciativa Galega pola Memoria, para abordar diferentes aspectos sobre as necesidades e usos da illa de San Simón.

Desde o Concello de Redondela a alcaldesa amosou o seu apoio á liña de traballo da Iniciativa Galega pola Memoria para solicitar ante o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a declaración da illa de San Simón como un “espazo da memoria”, conforme á Lei de Memoria Democrática.

Goberno local e colectivos da memoria coinciden na necesidade de “protexer a illa” para evitar que nela se celebren actividades lucrativas “e que supoñen unha ofensa para a memoria das vítimas”.

A xuntanza serviu tamén para abrir unha vía de traballo para poñer en marcha un Plan de Usos para a illa que se inclúa no PXOM de Redondela. Será o Concello o que o realice “contando co asesoramento da Iniciativa Galega pola Memoria, nos aspectos relacionados coa memoria histórica”.

Digna Rivas trasladoulle aos colectivos memorialísticos a demanda do Concello de Redondela para recuperar a Fundación Illa de San Simón. A alcaldesa entende que a illa de San Simón “precisa dunha fundación propia cunha dotación económica que permita desenvolver actividades na illa”. O Concello de Redondela propón abrir o debate para a recuperación desa Fundación, da que deberían formar parte o propio Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, as tres universidades galegas e os colectivos da memoria.

A Xunta de Galicia modificou en 2022 os estatutos da Fundación Museo do Mar de Galicia, o que supuxo que a xestión da illa de San Simón se integrase nesta entidade. O Concello de Redondela solicitou formar parte desta institución, pero desde a Xunta de Galicia “aínda non houbo resposta”, sinala Rivas.

A alcaldesa de Redondela e Iniciativa Galega pola Memoria, da que forman parte 38 asociacións de todo o país, concordaron tamén en que “calquera actividade que se celebre na illa deben ter en conta que se trata dun lugar de memoria histórica, e debe ter algunha vinculación ou mención coa memoria e co tempo que foi a illa foi cárcere”.

Salvaterra realiza unha auditoría para analizar o estado da rede de saneamento

O Concello de Salvaterra de Miño vén de poñer en marcha unha auditoría das redes de saneamento municipais co obxectivo de detectar posibles infiltracións.

O estudo, que tivo un custe de 18.000 euros, é froito dunha colaboración con Augas de Galicia que ten como meta mellorar as políticas de saneamento a través dunha análise exhaustiva do estado das redes actuais, un aspecto fundamental para garantir a prestación adecuada destes servizos.

A auditoría inclúe a elaboración dunha memoria detallada da rede de saneamento do municipio. Esta memoria recollerá unha listaxe completa das instalacións, como as estacións depuradoras de augas residuais, estacións de bombeo e fosas sépticas, ademais da súa localización e dos núcleos de poboación conectados.

O proxecto conta cunha subvención do 80% financiada por Augas de Galicia, mentres que o Concello de Salvaterra de Miño aporta o 20% restante, reflectindo o compromiso con esta mellora na infraestrutura municipal de saneamento.

A través desta auditoría, o Concello busca garantir a eficiencia e a sustentabilidade da rede de saneamento, co fin de ofrecer servizos de maior calidade aos veciños e previr problemas medioambientais.

Luz verde á reforma e mellora do Parador de Baiona

0

A Xunta de Goberno Local do Concello de Baiona, reunida o pasado mércores, aprobou a concesión ao Instituto de Turismo de España (Turespaña) da licenza municipal para a execución de dúas grandes obras de gran alcance para a mellora, conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Baiona. Trátase das licenzas das obras que se realizarán na Fortaleza de Monterreal, un elemento catalogado polo Plan Xeral e Patrimonio Cultural como área de equipamento EQ-BA-34, e identificado como BA.30, ao que se lle asigna un nivel de protección integral con categoría BIC.

As obras están compostas por dúas actuacións ben diferenciadas e moi importantes para o patrimonio baionés. Por unha banda, a restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador; por outra banda, a restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo.

Debido á importancia destas actuacións para o patrimonio cultural de Baiona e a súa posta en valor, o Concello de Baiona, no pleno ordinario do mes de novembro de mañá, aprobará a proposta para bonificar a Turespaña cun 75% no pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Debido ao seu especial interese cultural e patrimonial histórico-artístico, desde a institución municipal tomouse a decisión de levar á sesión plenaria de hoxe a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras por concorrer circunstancias culturais ou histórico-artísticas. Esta declaración precisará de maioría simple do pleno da Corporación.

No que respecta á restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador Conde de Gondomar, ten un orzamento de execución material que ascende a 163.650,03 euros, sen IVE.

En canto á restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo, conta cun orzamento de execución material de 4.451.350,22 €, sen IVE.

O prazo de execución das obras previstas estímase en catro meses para a primeira das actuacións, e catorce meses para a segunda e maior das actuacións, sendo ambas solapadas no tempo para minimizar as molestias que supoñen as obras segundo o cronograma dos proxectos de execución.

A actuación proxectada forma parte do plan de investimentos e reformas desenvolvido no marco dos novos instrumentos comunitarios de financiamento Next Generation UE e do Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico.

O obxectivo é potenciar e preservar o patrimonio histórico de uso turístico, cun enfoque na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a economía circular.

“A presente intervención ten como obxectivo protexer e preservar este patrimonio histórico para o seu desfrute futuro, garantindo unha experiencia turística de alta calidade en Baiona. Ademais de todas as obras, prevese a iluminación completa do recinto amurallado con tecnoloxía LED e eficiencia enerxética, un novo atractivo nocturno durante todo o ano para a nosa vila”, destaca o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

O Porriño sumará 60 vivendas de protección construidas por unha cooperativa

A Xunta de Galicia colabora con case 3 millóns de euros na construción de 60 vivendas de protección autonómica no concello do Porriño, a través da liña de axudas a promotores que puxo en marcha a Administración autonómica para construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse hoxe á parcela situada no encontro entre a Avenida de Galicia e a nova rúa Aloques, no núcleo urbano do Porriño, onde deu a coñecer un novo proxecto de vivenda protexida, neste caso da man de Residencial Aloques, cooperativa de vivenda.

Este proxecto ten un presuposto total de 11 millóns  para a construción destas 60 novas vivendas de protección autonómica. Coas 60 vivendas proxectadas téntase abranguer a maior diversidade posible de demanda, executándose 8 vivendas de 1 dormitorio; 25 de 2 e 27 de 3 dormitorios. A escavación está xa realizada e as obras deben desenvolverse nun prazo de 36 meses, prorrogables ata 38.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas remarcou o compromiso claro da Xunta coa vivenda, para o que “estamos a dar pasos firmes, tanto para incrementar a oferta de vivenda pública, como para facilitar solo onde desenvolver vivenda”. E tamén, engadiu, adoptando “as medidas legais que permitan axilizar os prazos para poñer vivenda no mercado, garantindo sempre a seguridade xurídica”.

María M. Allegue incidiu na vontade do departamento que dirixe de seguir construíndo máis vivendas públicas e poñer solo ao dispor de promotores e cooperativas, insistindo na importancia, como neste caso, da colaboración público-privada á hora de enfrontar este reto.

A conselleira fixo fincapé na continuidade no traballo da Xunta para reforzar a vivenda protexida en Galicia, no obxectivo de avanzar nos retos de lexislatura de duplicar as vivendas públicas ata as 8.000 e facilitar solo para a construción de 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas. A este respecto, lembrou que a Xunta leva xa preto de 1.600 vivendas de promoción pública en distintas fases de tramitación e execución.

María M. Allegue puxo en valor o orzamento histórico para 2025, no que a Xunta vai a destinar 240 millóns de euros ás políticas de vivenda e urbanismo, “para dar resposta á cidadanía neste dereito fundamental”.

Ponteareas suma un novo axente de Policía Local ao cadro de persoal

A concellería de Seguridade do Concello de Ponteareas deu a benvida ao novo axente da Policía Local de Ponteareas que tomou posesión da súa praza no salón de plenos do Concello tras superar o período de prácticas.

Segundo explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos Carrera, na actualidade a unidade da Policía Local conta con esta nova incorporación con quince axentes, ademais de outro máis en prácticas, un oficial e unha oficial xefa da Policía Local.

O Mercado do Rosal aposta polo produto de proximidade sumando á Panadería Morales

0

O Mercado do Rosal dá un paso máis para converterse no epicentro do consumo de proximidade coa incorporación da Panadería Morales, unha empresa moi arraigada no municipio que conta con obradoiro en Tabagón. Este novo espazo no mercado achegará ao público a excelencia dos produtos frescos, artesáns e de calidade que levan sendo a sinal de identidade da praza de abastos rosaleira e da Panadería Morales.

Para o concelleiro de Comercio, Alejandro González, “contar cunha empresa tan arraigada na nosa vila e na nosa comarca e que aposta polo produto local é un orgullo para nós. Morales trae ao mercado non só o seu pan e os seus doces, senón un compromiso coa calidade e co consumo responsable, que son valores fundamentais para o noso concello”.

A chegada da Panadería Morales representa un valor engadido para o mercado municipal, un espazo que, grazas a iniciativas coma esta, segue crecendo como referente do produto local e fresco. Con este novo posto, os veciños e visitantes poderán gozar de produtos de proximidade, elaborados no corazón do Rosal e cun sabor único que só o respecto pola tradición pode ofrecer.

O concelleiro subliñou a importancia de consumir produto de proximidade, facendo fincapé nos beneficios tanto para a economía local como para a sustentabilidade. “Os postos que ofrecen agora mesmo os seus servizos na praza de abastos representan todo o que queremos para o Mercado do Rosal: calidade, compromiso e produto local. Con Pescados e Mariscos Lecio, o Alcouve da Moura e agora coa incorporación de Panadería Morales queremos que cada vez máis veciños e veciñas opten polo consumo de produtos de aquí, que fan pobo e que contribúen a unha economía máis xusta e respectuosa coa nosa contorna”.

Mos estrea unha aplicación móbil ao servizo da veciñanza para comunicar e xestionar necesidades e incedencias na localidade mosense

0

O Concello de Mos conta cunha nova aplicación móbil que permitirá aos veciños informar de incidencias e danos no municipio, ademais de manterse ao día das novas locais. A ferramenta busca facilitar a comunicación entre o Concello e a cidadanía para mellorar o entorno e facer de Mos un lugar máis sostible.

Para comezar a usar a app, os usuarios deben descargala gratuitamente desde Google Play ou App Store, seleccionar o seu municipio e comunicar as incidencias co seu tipo específico. A aplicación localiza automaticamente o problema e permite engadir unha foto e comentarios, que se envían á persoa responsable para iniciar os trámites de resolución.

A iniciativa está promovida pola Deputación de Pontevedra e financiada con Fondos Europeos. A través da aplicación, os veciños poden informar en tempo real sobre problemas no municipio, mellorando así a capacidade do Concello para atender ás necesidades da veciñanza. Esta ferramenta supón unha vía de participación cidadá directa e áxil.

O proceso de notificación é sinxelo: os usuarios seleccionan o tipo de incidencia, engaden unha foto e envían a información. A app permite ao veciño seguir o estado da súa solicitude en tempo real e recibir notificacións cada vez que se produza un cambio no estado da incidencia.

Ademais, a app ofrece información e alertas sobre as novidades do municipio. Os usuarios tamén poden acceder ao servizo desde o sitio web https://mos.meuconcello.com.

O Circo de Pinocho chega a Salceda unindo circo tradicional e teatro musical

Educateatro Producións sae dos teatros para poñer en escena o seu novo espectáculo en carpa, Circo de Pinocho. O proxecto de maior envergadura dos creadores de Os tres porquiños, Carapuchiña Vermella e O mundo máxico de Pinocho, atópase de xira pola provincia, e a vindeira fin de semana recalará en Salceda de Caselas,  fronte á Igrexa de Santa María, con funcións o venres 15 de novembro ás 18:30 horas, o sábado 16 ás 18:00 horas e o domingo 17, ás 12:00 horas e ás 17:00 horas.

O espectáculo realizarase nunha carpa de circo con aforo para 450 persoas, comodamente sentadas en butacas individuais e con calefacción. Ademais, o ambigú conta con servizo de cafetería, photocall e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas. Na representación circense non participan animais. A música, a lingua e a diversión son os piares fundamentais do traballo, cos que pretenden fomentar a educación en valores e contribuír a unha aprendizaxe significativa.

“Salceda non podía ser menos. Tratándose dun espectáculo para público familiar tiñamos que recoller esta xira que deste xeito recae nun pobo xoven e ansioso de participar en moitos eventos”, subliñou a alcaldesa, Loli Castiñeira.

O equipo creativo, así como o elenco do Circo de Pinocho, componse maioritariamente por artistas galegos, e a montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío condutor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.

Segundo Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, trátase dunha proposta que realiza un esforzo por realizarse integramente en galego e cun elenco exclusivamente galego, polo que é un valor importante na promoción deste espectáculo.

Durante as dúas horas de función, descanso incluído, o público acompañará ao protagonista a cumprir o seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá aos bonecos que, coa maxia da Fada Mimadriña, volveranse de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias, trapecio… aderezadas por unha banda sonora orixinal composta por 20 cancións. Co que non contaba ninguén é que ese feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira. Durante o espectáculo, Pinocho e Pepiño Grilo terán que atopar á Fada para reverter o conxuro, pero non aparece por ningures. Raptouna a malvada Chinche Chinchón, que está recrutando artistas para o circo da competencia. Poderán os artistas liberala para que Pinocho volva ser un neno de verdade?

As entradas para as funcións oscilan entre os 15€ na grada e palcos laterais e os 20€ no palco central. Os venres, día da persoa espectadora, as localidades terán un prezo único de 10€ , e os domingos ás 12:00h, un desconto xeral de 3€ en cada boletos. As entradas xa se poden adquirir na web www.circodepinocho.gal e tamén na billeteira física no hall do circo, unha hora antes de cada función.

 

O 80% dos usuarios que están a baleirar fosas sépticas na EDAR de Nigrán son de Gondomar

0

A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos vén de reunirse en Santiago coa técnica directora de explotación da EDAR e con unha das técnicas de Idom, empresa encargada da asistencia técnica da depuradora de Gondomar, para coñecer a situación da EDAR de Gondomar.

Segundo destacou a directora técnica, Augas de Galicia ten un convenio co Concello de Gondomar onde están establecidas as responsabilidades de ambas partes, que se ciñe, para Augas de Galicia, á explotación da depuradora e para o Concello de Gondomar a responsabilidade de toda a rede de saneamento. “É traballo do Goberno local a posta en marcha do servizo de baleirado municipal de fosas sépticas mentres non se crea unha rede de saneamento” defenden desde a Plataforma.

Nesta xuntanza os voceiros tiveron coñecemento de que o 80% dos usuarios que están a baleirar o contido das súas fosas sépticas na EDAR de Nigrán son veciños de Gondomar que é onde Augas de Galicia si lles está dando autorización. “Que Augas de Galicia non autorice o vertido na EDAR de Gondomar por estar sobrepasada non é un impedimento para que o Goberno local ofreza o servizo de baleirado á veciñanza. Poderíase seguir vertendo en Nigrán ou Tomiño mais o alcalde Paco Ferreira segue a expresar grandes dificuldades para polo en marcha”, din os voceiros da Plataforma.

Os voceiros viron confirmadas as súas sospeitas sobre o problema da infiltración de excesivas cantidades de augas limpas que non deberían entrar na depuradora. “Poderíase falar de que case o 50% do caudal que está recibindo a EDAR de Gondomar componse de augas pluviais e augas procedentes de rios e fontes”, informa un dos voceiros.

Desde a plataforma tamén preguntaron se se estaba baraxando algún proxecto de ampliación da EDAR. “Está aprobado un proxecto de ampliación, de 560m3/h a 800m3/h pero o efecto será limitado en tanto non se solucionen os importantes problemas da rede de saneamento”, explican para apuntar á “responsabilidade” do Concello e tamén da Xunta de Galicia. A Plataforma, como din os voceiros, seguirá dedicando os seus esforzos a loitar por un Gondomar limpo e con servizos de calidade que salvagarden a saúde das persoas.

Protección Civil e Policía Local de Redondela viaxan a Valencia para axudar aos afectados pola DANA

0

Un grupo de voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela desprazaranse este venres a Valencia para axudar en tarefas de limpeza, seguridade e apoio na zona afectada pola DANA. Nos últimos días recolleron multitude de doazóns no Multiúsos da Xunqueira de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, material de limpeza e roupa que serán trasladados a Valencia. Son máis de 2.000 quilos de axuda os que van trasladar a Valencia nun vehículo de Protección Civil e dous furgóns cedidos por Autos González e Autos Brea.

Esta axuda súmase á que desde o pasado luns prestan na zona cinco Policías Locais de Redondela, e que tamén levaron alimentos e enseres de primeira necesidade que foran doados pola veciñanza. Os axentes a traballar na localidade de Benetússer en tarefas de limpeza e vixilancia grazas a un convenio coa Generalitat Valenciana.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Interior, Rita Pérez Táboas, supervisaron o material que se vai enviar mañá a Levante. Rivas explica que o envío está a coordinarse cos policías de Redondela desprazados na zona, “xa que a situación alí é de colapso e son os nosos axentes os que xestionaron a onde trasladar as doazóns”. Rivas explica que desde o Concello non se envíou a axuda ata o de agora “para ter claro a onde podía trasladarse o material e en que condicións”.

Rivas agradeceu aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil “o seu traballo e entrega” e tamén “a axuda do pobo redondelán e das empresas Autos González e Autos Brea que unha vez máis son un gran exemplo de solidariedade”.

O Porriño contará cun parque para mascotas na Avenida de Galicia

O Concello do Porriño contará cunha nova zona verde de lecer no corazón do municipio, ubicada na céntrica Avenida de Galicia, unha das zonas máis transitadas do centro urbano.

Esta nova área, que ocupará unha parcela de máis de 1600 metros cadrados, está deseñada para proporcionar un espazo seguro e agradable de paseo dos cans, á vez que ofrece un lugar de esparcemento e lecer para a veciñanza.

O parque estará pechado perimetralmente, o que permitirá que os propietarios dos cans e, o máis importante, os canciños, poidan gozar dun espazo onde pasear e xogar de forma libre e sen correa, nun entorno adaptado ás súas necesidades e con toda a seguridade. Ademais, instalaranse mesas e bancos para poder relaxarse e disfrutar do aire libre.

No tocante á vexetación, plantarase unha arbleda que proporcinará sombra mellorando a calidade ambiental da área e facendo deste lugar un espazo confortable para persoas e animais, especialmente durante os meses máis calurosos.

Esta iniciativa responde a unha das liñas de traballo do executivo que preside Alejandro Lorenzo, que aposta pola creación de máis espazos públicos de calidade para disfrute da veciñanza. Nesta ocasión, ponse o foco nas moitas persoas que comparten a súa vida con cans no centro urbano, e que carecen de lugares axeitados para pasealos sen correa.

“Coa apertura deste novo parque non só queremos mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, senón que tamén queremos dar resposta a unha necesidade moi crecente no centro da vila, ao proporcionar un espazo seguro que reúna as condicións para que os cans poidan disfrutar do seu paseo diario de forma segura”, comenta o alcalde do Porriño, “Seguimos traballando na mellora dos nosos espazos públicos, con parques como este queremos facer do Porriño un lugar máis amable e inclusivo para todos e todas, incluidos os porriñeses de catro pata”. A zona estará dispoñible para o seu uso nos próximos meses.