Mércores, 11 Decembro de 2024

O Porriño modifica o PXOM para rematar un edificio a medio facer durante 30 anos

O goberno municipal do Porriño aprobou hoxe a modificación puntual do PXOM que permitirá resolver un grave problema de feísmo urbanístico que levaba máis de 30 anos enquistado no centro da vila. A medida, afecta ao edificio lóbrego de seis plantas da Praza Central, unha das zonas máis neurálxicas do centro urbano, e enmárcase no ámbito das rúas Estación e Peña, no corazón da vila.

Desde a aprobación do PXOM, a realidade do conxunto de edificios na rúa Estación non foi contemplada adecuadamente, o que deu lugar a un grave estado de deterioro e abandono nunha localización crave da cidade. A mazá na que se sitúa este edificio é a única no centro urbano cun espazo interior aberto, non edificable en planta baixa, e na que as aliñacións interiores estaban mal definidas, o que impedía que o espazo puidese ser considerado un patio de mazá ou un espazo libre.

A modificación puntual do PXOM, aprobada hoxe polo goberno municipal, introduce axustes nos parámetros de ocupación en planta baixa, substituíndo as aliñacións interiores por novas delimitacións edificables, resolvendo o problema que mantiña paralizada a construción. Esta solución non afectará as determinacións fundamentais do PXOM, mantendo as aliñacións exteriores, a edificabilidade e os aproveitamentos urbanísticos contemplados no plan orixinal.

O alcalde do Porriño destacou que a solución proposta non só resolve o problema de feísmo urbanístico, senón que tamén aborda cuestións de seguridade e mellora a funcionalidade da zona: “A prioridade é acabar con este problema de feísmo co que estivemos convivindo durante anos. Ademais, esta modificación permitirá dispoñer de máis vivendas nunha localización privilexiada, mellorando a calidade de vida dos veciños e a dinámica urbana do centro do Porriño”. O rexedor incidiu en que a xestión do goberno municipal “non se limita a esta edificación, senón que ese está a traballar para resolver esta problemática noutras construcións do municipio”.

Ademais de mellorar a estética e a seguridade, a nova ordenación permitirá reactivar unha área que estaba desvalorizada, contribuíndo ao crecemento sostible do municipio. A medida foi aprobada en pleno co voto a favor do equipo de goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.