O Concello de Redondela realizou traballos de renovación da rede de recollida de augas pluviais realizada no barrio de Outeiro das Penas, en Cesantes. O concelleiro responsable de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que esta rede “tiña máis de 30 anos de antigüidade e presentaba fugas, polo que se procedeu á substitución de toda a canalización”. A raíz destes traballos detectouse que existían restos de augas fecais na rede de pluviais, e localizáronse seis vivendas conectadas a esta canalización de xeito irregular.
Técnicos de Aqualia, empresa concesionaria do servizo de auga e saneamento en Redondela, procedeu a revisar estas instalacións “pero só nunha das vivendas lles permitiron acceder ao inmoble para comprobar a situación da conexión de saneamento”, sinala Villar. Neste caso puido confirmarse que a vivenda ten conectado o saneamento á rede municipal de pluviais “o que supón unha infracción do regulamento”, advirte o concelleiro.
Unha vez que reciban o requirimento formal terán un mes de prazo para facer as obras necesarias e conectar a vivenda á rede de saneamento. O responsable de Infraestruturas e Sostibilidade anuncia tamén que nas vivendas onde non se permitiu a entrada dos técnicos realizarase unha segunda visita coa Policía Local, “e de non ser posible facer a comprobación tramitarase unha denuncia no xulgado”. O edil advirte que “a falta de colaboración pode ser prexudicial para os propios afectados, xa que incrementa as posibles sancións”.
Villar lembra que hai máis dun ano o Concello de Redondela rebaixou un 70% a taxa de conexión ao saneamento. A tarifa reduciuse de 1.200 a 360 euros “para facilitar a alta das vivendas unifamiliares”. O concelleiro lamenta que, malia este importante desconto “moitas vivendas seguen sen conectarse á rede de saneamento, o que supón un grave prexuízo para o medio ambiente”. No caso do barrio de Outeiro das Penas os vertidos fecais “acaban directamente na praia e contaminan”. Se a situación non se resolve pode carrexar sancións económicas para o Concello de Redondela por parte do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia.
Técnicos de Aqualia realizaron recentemente inspeccións na zona de Soutoxuste, no Viso, nas que detectaron un cento de vivendas que non están conectadas á rede de saneamento. O concelleiro explica que cada obra de saneamento no rural supón un elevado investimento de cartos públicos, polo que “é de xustiza que unha vez que existe unha rede de sumidoiros próxima ás casas, sexa obrigatorio conectarse”. Estas inspeccións por parte de técnicos de Aqualia continuarán facéndose por todas as parroquias de Redondela para detectar posibles irregularidades. A próxima será na parroquia de Cabeiro.