Mércores, 11 Decembro de 2024

O Obradoiro “Redondela Máis que Bela IV” transforma as rotondas de Vilavella e Vilar

A piques de rematar o Obradoiro de Emprego “Redondela Máis que Bela IV”, xa loce no municipio o gran traballo dos seus participantes. Entre as tarefas realizadas nestes meses na especialidade de “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica”, unha das máis visibles é a das rotondas de Vilavella e Vilar de Infesta.

O bo facer do alumnado-traballador pode apreciarse xa na entrada de Redondela desde as estradas N-550 e N-555. Este punto, onde conflúen o Camiño Portugués e o Camiño da Costa, “recibe agora aos milleiros de peregrinos que pasan por Redondela cun aspecto renovado e atractivo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora salienta o excelente resultado deste Obradoiro de Emprego, “que forma a veciñas e veciños para integrarse no mercado laboral, e ao mesmo tempo transforma o noso municipio con obras realizadas con gran profesionalidade”. A glorieta conta agora cun atractivo deseño axardinado. A outra intervención realizouse en Vilar de Infesta, na N-555. Nos dous casos son obras de interese municipal coas que os participantes acadan o Certificado de Profesionalidade de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”.

O concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, explica os alumnos-traballadores reciben con este Obradoiro de Emprego unha titulación oficial “que lles será de gran utilidade á hora de atopar emprego”. O edil lembra que tanto os participantes da especialidade “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica” como os de “Carpintería de Ribeira” están a piques de rematar a súa formación e comezarán a busca de emprego. Cabaleiro fai un chamamento ás empresas destes sectores para que teñan en conta que se precisan facer contratacións “aquí poden contar con persoal moi cualificado”.

No caso da especialidade “Carpintería de ribeira” o seu traballo ten tamén moi repercusión no municipio, xa que se encargaron da restauración do histórico bote Manuel. A embarcación, cun século de antigüidade, loce agora na entrada do museo Meirande. O alumnado-traballador, ademais de formarse nesta especialidade tradicional, tamén aprendeu os procedementos de reparación de embarcacións deportivas e de recreo utilizando fibra de vidro, resinas e catalizadores.