Polémica en Ponteareas despois de que o Goberno municipal levara a pleno extraordinario este venres a suba do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) nun 25% e da taxa de lixo nun 85%.
“Necesitamos incrementar o valor do IBI para atender os servizos sociais e igualar o Concello co resto dos municipios da provincia”, explicou o concelleiro de Facenda, Francisco Represas. Concretamente, o imposto subirá do 0,4 ao 0,5%.
Con respecto á taxa do lixo, Ponteareas segue a medida que outros concellos están aplicando na provincia. “É por imperativo legal”, subliña Represas para denunciar a “imposición” do Goberno central de “repercutir o custe do servizo” aos cidadáns.
Os socialistas denuncian que o Partido Popular de Ponteareas convocou o pleno extraordinario con pouca antelación, ás 17:18 horas do xoves 7 de novembro, para celebralo quince horas despois, este venres 8 de novembro ás 08:00 horas.
Vanesa Fernández, voceira do PSOE de Ponteareas, critica a xustificación do PP, cualificando de “miserable” que se empregue o argumento do financiamento dos servizos de axuda no fogar. Fernández sinala que, “se o PP necesita máis fondos, debería reducir os contratos a empresas afíns e os gastos en viaxes, en lugar de aumentar os impostos aos cidadáns”.
O voceiro do BNG, Miguél Bouzó Rodríguez, denunciu a convocatoria “insólita” e “sen precedentes” do Pleno extraordinario. “Fano para subir brutalmente os impostos aos veciños e veciñas de Ponteareas, como fan os verdadeiros carteiristas”, clamou e cargou conta a “suba abusiva do canon de Sogama” por parte da Xunta de Galicia. “É cinismo culpar só ao Goberno central”, asegurou.
Dende o Goberno local, a rexedora local, Nava Castro, xustificou a medida do Pleno extraordinario urxente porque non estaba previsto subir os impostos e taxas. “Estamos elaborando o orzamento e se queremos asumir os custes dos servizos cos actuais ingresos son insuficientes”, explicou. “Non é grato vir aquí a subir un imposto, pero é unha necesidade equilibrar as contas”, defendeu.
Pola súa parte, Juan Carlos González Carrera (ACIP), expresou no Pleno que “co tempo os veciños dirán se se fixo un bo traballo, é un dereito que teñen”, e subliñou que o Goberno municipal busca medidas para “prestar servizos aos cidadáns” mentres que o PSOE e o BNG “durante 8 anos foron un desastre”.