A Xunta de Goberno Local do Concello de Baiona, reunida o pasado mércores, aprobou a concesión ao Instituto de Turismo de España (Turespaña) da licenza municipal para a execución de dúas grandes obras de gran alcance para a mellora, conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Baiona. Trátase das licenzas das obras que se realizarán na Fortaleza de Monterreal, un elemento catalogado polo Plan Xeral e Patrimonio Cultural como área de equipamento EQ-BA-34, e identificado como BA.30, ao que se lle asigna un nivel de protección integral con categoría BIC.
As obras están compostas por dúas actuacións ben diferenciadas e moi importantes para o patrimonio baionés. Por unha banda, a restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador; por outra banda, a restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo.
Debido á importancia destas actuacións para o patrimonio cultural de Baiona e a súa posta en valor, o Concello de Baiona, no pleno ordinario do mes de novembro de mañá, aprobará a proposta para bonificar a Turespaña cun 75% no pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Debido ao seu especial interese cultural e patrimonial histórico-artístico, desde a institución municipal tomouse a decisión de levar á sesión plenaria de hoxe a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras por concorrer circunstancias culturais ou histórico-artísticas. Esta declaración precisará de maioría simple do pleno da Corporación.
No que respecta á restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador Conde de Gondomar, ten un orzamento de execución material que ascende a 163.650,03 euros, sen IVE.
En canto á restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo, conta cun orzamento de execución material de 4.451.350,22 €, sen IVE.
O prazo de execución das obras previstas estímase en catro meses para a primeira das actuacións, e catorce meses para a segunda e maior das actuacións, sendo ambas solapadas no tempo para minimizar as molestias que supoñen as obras segundo o cronograma dos proxectos de execución.
A actuación proxectada forma parte do plan de investimentos e reformas desenvolvido no marco dos novos instrumentos comunitarios de financiamento Next Generation UE e do Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico.
O obxectivo é potenciar e preservar o patrimonio histórico de uso turístico, cun enfoque na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a economía circular.
“A presente intervención ten como obxectivo protexer e preservar este patrimonio histórico para o seu desfrute futuro, garantindo unha experiencia turística de alta calidade en Baiona. Ademais de todas as obras, prevese a iluminación completa do recinto amurallado con tecnoloxía LED e eficiencia enerxética, un novo atractivo nocturno durante todo o ano para a nosa vila”, destaca o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.