O Concello de Covelo e a Comunidade de Montes en Man Común de Barcia de Mera unen forzas para protexer unha zona de especial interese medio ambiental. Na súa estratexia de apostar por un crecemento sostible e en harmonía co patrimonio natural o Concello de Covelo solicitará a declaración do Espazo Natural de Interese Local denominado Rio Alén Barcia de Mera cunha superficie total de 265.797 m2 grazas á colaboración da CMVMC de Barcia de Mera. Este sería o primeiro ENIL do Condado Paradanta.
Comunidade de Montes e Concello concordan no recoñecemento dos valores medio ambientais, naturais, culturais e etnográficos presentes nestas catro parcelas. Neste entorno están presentes numerosas especies de flora e fauna que conforman hábitats declarados de Interese Comunitario e de Conservación Prioritaria pola Directiva Hábitats 92/43/CEE e Directiva Aves 79/409/CEE.
Ademais das especies presentes no propio río, destacan os bosques de ribeira de amieiros, salgueiros e freixos e carballeiras e de bosque atlántico de loureiros, carballos, estripeiros, e castiñeiros e especies de conservación prioritaria como o fento real ou acivro, cerquiño, freixos e bidueiros.
En canto á fauna presente salientan entre os anfibios a salamántiga rabilonga, pintafontes verde, sapos; entre os peixes o salmón atlántico e a troita, a anguía e a lamprea; entre os réptiles o lagarto das silveiras ou a víbora de seoane; nos mamíferos a londra, o gato bravo o morcego de ferraduras e o lobo e en canto ás aves as aguias abelladas e calzada, picapeixe, e bufo real.
Este espazo alberga múltiples mostras do patrimonio cultural e etnográfico como o cruceiro e capela de San Xoán Mosteiro, a cruz e Fonte Santa, a ponte do río Alén, os camiños corredoiras de acceso a Seixedos, Oleiros, Piñeiros e Fornelos, numerosos muíños, levadas e unha ruta de sendeirismo sinalizada practicable denominada San Xoán Mosteiro que recorre de xeito circular as marxes do río.
Unha plantación de rexenerado de piñeiro bravo de vinte anos de antiguidade e frondosas que configuran a ladeira da bagoada do río Alén na zona máis alta e próxima á Serra do Suído completa a riqueza desta área de protección.