Mércores, 11 Decembro de 2024

Redondela insiste en conservar a Illa de San Simón como “espazo de memoria”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, reuníronse con Montse Fajardo, Guillerme Pérez e Matías da Torre, da Iniciativa Galega pola Memoria, para abordar diferentes aspectos sobre as necesidades e usos da illa de San Simón.

Desde o Concello de Redondela a alcaldesa amosou o seu apoio á liña de traballo da Iniciativa Galega pola Memoria para solicitar ante o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a declaración da illa de San Simón como un “espazo da memoria”, conforme á Lei de Memoria Democrática.

Goberno local e colectivos da memoria coinciden na necesidade de “protexer a illa” para evitar que nela se celebren actividades lucrativas “e que supoñen unha ofensa para a memoria das vítimas”.

A xuntanza serviu tamén para abrir unha vía de traballo para poñer en marcha un Plan de Usos para a illa que se inclúa no PXOM de Redondela. Será o Concello o que o realice “contando co asesoramento da Iniciativa Galega pola Memoria, nos aspectos relacionados coa memoria histórica”.

Digna Rivas trasladoulle aos colectivos memorialísticos a demanda do Concello de Redondela para recuperar a Fundación Illa de San Simón. A alcaldesa entende que a illa de San Simón “precisa dunha fundación propia cunha dotación económica que permita desenvolver actividades na illa”. O Concello de Redondela propón abrir o debate para a recuperación desa Fundación, da que deberían formar parte o propio Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, as tres universidades galegas e os colectivos da memoria.

A Xunta de Galicia modificou en 2022 os estatutos da Fundación Museo do Mar de Galicia, o que supuxo que a xestión da illa de San Simón se integrase nesta entidade. O Concello de Redondela solicitou formar parte desta institución, pero desde a Xunta de Galicia “aínda non houbo resposta”, sinala Rivas.

A alcaldesa de Redondela e Iniciativa Galega pola Memoria, da que forman parte 38 asociacións de todo o país, concordaron tamén en que “calquera actividade que se celebre na illa deben ter en conta que se trata dun lugar de memoria histórica, e debe ter algunha vinculación ou mención coa memoria e co tempo que foi a illa foi cárcere”.