O tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos González, participou este pasado venres xunto ao xefe de bombeiros do parque de Ponteareas, Roberto Castro, no encontro mantido co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, organizado para agradecer o traballo e compromiso amosado aos máis de 300 efectivos galegos que se desprazaron á Comunidade Valenciana para colaborar tras a dina do pasado 29 de outubro.
Catro bombeiros de Ponteareas, que representaron e simbolizaron o compromiso de todos os profesionais do parque, colaboraron nas tarefas de busca de vítimas, achique de auga en baixos e sotos, retirada de vehículos, cepillado de rúas e eliminación de barro e escombros, entre outras accións fundamentais para a recuperación das zonas afectadas en Alfafar.
Juan Carlos González Carrera salientou a capacidade e solidariedade de todos os membros do equipo de bombeiros de Ponteareas “porque sempre están dispostos a axudar e colaborar sendo exemplares non só como profesionais se non tamén como compañeiros capaces de organizarse para facer posible este desprazamento mentres os outros quedaban atendendo o servizo”.
Equipo galego desprazado
Os bombeiros de Ponteareas formaron parte dos efectivos galegos: 82 membros e voluntarios de Protección Civil; os 116 bombeiros municipais e dos consorcios provinciais, xunto cos de Navantia; os 80 efectivos de Medio Rural; preto dunha vintena de integrantes dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal); así como aos membros da Policía Autonómica, persoal do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) e de emerxencias, e os de Casaga (Cans de Salvamento de Galicia) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE). Así mesmo, tamén agradeceu á tripulación do helicóptero Pesca 1 que viaxou ao día seguinte da catástrofe para axudar á busca de desaparecidos desde o aire.