Mércores, 11 Decembro de 2024

Redondela realiza unha limpeza a fondo das cunetas antes de que cheguen as chuvias

A empresa Naturgalia, adxudicataria do servizo, está a realizar desde setembro a segunda campaña anual de limpeza. Os traballos inclúen tanto a retirada da maleza e restos vexetais como a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada en diferentes camiños municipais nas parroquias de Redondela.

Segundo explican dende o Concello, a brigada retira todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga. Os operarios limpan caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto busca evitar atascos e facilitar a evacuación da auga da chuvia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas.

Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. A primeira fase realizouse entre xuño e agosto. A segunda limpeza é a que está a facerse actualmente e rematará antes de que finalice o ano.

“O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos. O contrato, por dous anos, licitouse á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros.

O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro exercicios.