Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas construirá unha pista de atletismo con espazo multiusos e un parque

O Concello de Ponteareas aproba en pleno a construción dunha pista deportiva con vestiarios e zona multiúsos no lugar de As Rabadeiras, Fontenla.

A intervención dará un servizo comunitario a través dun equipamento deportivo dotado dunha pista de atletismo de 200 metros ao aire libre como resposta, explican dende o Concello, “á crecente demanda dos e das atletas para a práctica deportiva das distintas modalidades de atletismo”.

Tamén contará con aseos e vestiarios para as persoas usuarias e cunha sala de instalacións e almacén. Asociada a este edificio de vestiarios haberá unha zona multiúsos cuberta. O proxecto prevé peches, acceso e zona de aparcamento así como que un parque para o desfrute de toda a cidadanía. O Concello intervirá nunha parcela de 9.810,34 m² e na que, na actualidade, hai sobre todo vexetación baixa.

Este novo espazo deportivo sumarase ás instalacións deportivas municipais existentes como os campos de fútbol, o complexo deportivo Álvaro Pino ou a piscina municipal. “Máis de 45 clubs deportivos coas súas correspondentes escolas empregan estas instalacións tanto para adestrar diariamente como para competir e acoller torneos e trofeos ou celebrar competicións autonómicas ou estatais”, lembra o goberno municipal.

“Temos historia detrás do atletismo e queremos recuperala facilitando aos veciños e veciñas que a diario adestran como Alice Finot. Estas instalacións darán a oportunidade de adestrar en mútiples variantes. Ademais, apostamos firmemente polo turismo deportivo como recurso para atraer persoas á nosa vila, só hai que pensar nas grandes marchas que teñen lugar nas cidades e nas que participan milleiros de persoas”, explicou a alcaldesa Nava Castro, quen engade que é habitual que os clubs pidan apoios nas liñas de turismo deportivo para organizar a probas que certamente traen persoas á vila, “detrás dos clubs como o de natación ou o de patinaxe ou de hockey hai primeiro unha instalación e iso é o que imos facer unha instalación na que ter a oportunidade de adestrar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, amosa a súa satisfacción ante a aprobación desta proxecto que amplía as posibilidades deportivas cun espazo co que nunca antes contara Ponteareas e que ademais proporcionará unha zona verde para as familias e unha contorna saudable para a práctica deportiva cun acceso cómodo e revitalizador para a zona.