O Concello de Salvaterra de Miño vén de poñer en marcha unha auditoría das redes de saneamento municipais co obxectivo de detectar posibles infiltracións.
O estudo, que tivo un custe de 18.000 euros, é froito dunha colaboración con Augas de Galicia que ten como meta mellorar as políticas de saneamento a través dunha análise exhaustiva do estado das redes actuais, un aspecto fundamental para garantir a prestación adecuada destes servizos.
A auditoría inclúe a elaboración dunha memoria detallada da rede de saneamento do municipio. Esta memoria recollerá unha listaxe completa das instalacións, como as estacións depuradoras de augas residuais, estacións de bombeo e fosas sépticas, ademais da súa localización e dos núcleos de poboación conectados.
O proxecto conta cunha subvención do 80% financiada por Augas de Galicia, mentres que o Concello de Salvaterra de Miño aporta o 20% restante, reflectindo o compromiso con esta mellora na infraestrutura municipal de saneamento.
A través desta auditoría, o Concello busca garantir a eficiencia e a sustentabilidade da rede de saneamento, co fin de ofrecer servizos de maior calidade aos veciños e previr problemas medioambientais.