O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na
Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.
A moción insta ao alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, a “deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia”, demandando solucións inmediatas ante as “graves deficiencias” da actual concesión xestionada pola empresa Lugove.
Os socialistas lamentan a redución de paradas, as recuencias insuficientes, especialmente en horas punta, e os autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.
Estas deficiencias afectan especialmente a estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadores que dependen deste medio para os seus desprazamentos. A situación é “tan grave” que, en moitas ocasións, os usuarios vense obrigados a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos.
Na moción aprobada, solicitouse:
- Que o goberno local traslade á Xunta a Urxencia de mellorar o servizo de transporte público.
- Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.
- Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.