Mércores, 11 Decembro de 2024

A recuperación do Carreiro do Rollo, en Salceda, premiada entre as mellores obras de Galicia

A humanización e posta en valor do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas, vén de recibir o Premio Gran de Are de Aportación á Arquitectura 2024. Así o confirmou este luns o Colexio de Arquitectos de Galicia, que desvelou o total de actuacións e proxectos premiados, que inclúe tamén a actuación na Área de recepción de visitantes do BIC “Muíños do Folón e do Picón” no Rosal.

As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron estes galardóns que supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Este ano presentáronse 75 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo.

O xurado manifestou a súa satisfacción ao corroborar a notable cantidade de obras que concorren a estes galardóns, “un reflexo do interese e a participación no ámbito arquitectónico e un testemuño da dedicación e o esforzo que cada un dos participantes investiu nos seus traballos”. Tamén indicou que a calidade das obras foi “excepcional” o que é un claro indicio do bo facer e do talento das arquitectas e arquitectos galegos. “Apreciamos nas propostas unha diversidade moi rica e de alta calidade, que reflicten un compromiso inquebrantable coa excelencia no campo da arquitectura e a construción”–manifestou o xurado–.

Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 12 obras (6 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 2 na área de Ourense; ademais dun proxecto itinerante). A entrega de premios celebrarase o 25 de xaneiro no novo Edificio multiusos sociocultural de Tui (rúa Camilo José Cela), rehabilitado recentemente.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Santiago Pintos Pena, colexiado seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Roberto González Fernández por Ourense, María Celsa Pesqueira Sánchez por Pontevedra, e Loreto Chamorro Nieto por Vigo; e a secretaria da Delegación de Vigo, Ana Pena Roces, que actuou como secretaria do xurado.