O Concello de Ponteareas e FCC, empresa responsable do servizo de limpeza das rúas e recollida do lixo, únense para enviar a Valencia un camión de recollida do lixo para contribuír nas tarefas de emerxencia.
Coordinados coa delegación desta empresa en Levante voluntarias e voluntarias da das contratas galegas darán apoio aos concellos valenciáns afectados pola DINA. A empresa FCC explica que este apoio será totalmente solidario en canto a recursos humanos, materiais e maquinaria.
Este martes, un dos vehículos recolectores do Concello de Ponteareas partiu rumbo a Quart de Poblet, Valencia, para sumarse aos efectivos existentes. A alcaldesa, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e o concelleiro responsable do servizo de recollida do lixo, Jesús Cao, acompañados da concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista, e de representantes da empresa FCC, desexaron boa viaxe ao equipo.
O goberno de Ponteareas tamén recibiu a unha representación dos bombeiros de Ponteareas para amosarlles o seu agradecemento e facerlles entrega dun diploma que simboliza o compromiso e solidariedade do equipo de bombeiros de Ponteareas. Alcaldesa e concelleiro de Seguridade coincidiron en salientar o “carácter colaborador e a profesionalidade dos bombeiros de Ponteareas que atende a todos os Concellos do Condado e da Paradanta”. Os bombeiros de Ponteareas estiveron cinco días desprazados nos concellos de Albal, Catarroja e Paiporta formando parte dos equipos de emerxencia enviados pola Xunta de Galicia.
Neste acto, aberto a cidadanía e celebrado no auditorio municipal Reveriano Soutullo, tamén participaron os centros educativos de Ponteareas coordinados pola concellería de Ensino. Os bombeiros explicaron á rapazada a súa intervención, a situación, os sentimentos da cidadanía valenciá, a importancia do cumprimento das normativas, a coordinación de equipos e deron exemplo de civismo e solidariedade.