Gondomar é un dos protagonistas do anuncio especial do Sorteo Extraordinario de Nadal de Loterías do Estado. Así se descubriu este pasado xoves na presentación oficial do spot a cargo d axencia creativa, Proximity Madrid.
A campaña, que foi gravada entre Madrid, Vigo e O Val Miñor, busca ser “reflexo da sociedade española”. O vídeo céntrase en contarnos a vida de Julián, un home de certa idade que vive nunha aldea da chamada España baleirada que se vai despoboando e que non ten con quen compartir o seu décimo de Nadal.
Esa aldea elixida é Vilaza, en Gondomar. É precisamente un estanco situado alí o primeiro que vemos no anuncio, erguéndose como o ‘corazón’ arredor do que xira toda a trama.
Convertido no “Bar Robles”, o propietario pecha e vende o local porque “aquí xa non vive ninguén”, mentres o protagonista, Julián, respóndelle que é certo, pero que a el “gústalle isto”. Como curiosidade, nos planos tamén se pode ver o cartel situado na estrada que indica a dirección cara a O Porriño.
A solidariedade, o apoio mutuo e o abandono das zonas rurais son os eixes fundamentais de todo o anuncio. O spot foi gravado con persoas reais de cada un dos lugares nos que se rodou, en Madrid e en Galicia. “Non hai actores profesionais, senón xente común facendo cousas extraordinarias, o que nos aporta unha maior autenticidade”, sinalan.