A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos vén de reunirse en Santiago coa técnica directora de explotación da EDAR e con unha das técnicas de Idom, empresa encargada da asistencia técnica da depuradora de Gondomar, para coñecer a situación da EDAR de Gondomar.
Segundo destacou a directora técnica, Augas de Galicia ten un convenio co Concello de Gondomar onde están establecidas as responsabilidades de ambas partes, que se ciñe, para Augas de Galicia, á explotación da depuradora e para o Concello de Gondomar a responsabilidade de toda a rede de saneamento. “É traballo do Goberno local a posta en marcha do servizo de baleirado municipal de fosas sépticas mentres non se crea unha rede de saneamento” defenden desde a Plataforma.
Nesta xuntanza os voceiros tiveron coñecemento de que o 80% dos usuarios que están a baleirar o contido das súas fosas sépticas na EDAR de Nigrán son veciños de Gondomar que é onde Augas de Galicia si lles está dando autorización. “Que Augas de Galicia non autorice o vertido na EDAR de Gondomar por estar sobrepasada non é un impedimento para que o Goberno local ofreza o servizo de baleirado á veciñanza. Poderíase seguir vertendo en Nigrán ou Tomiño mais o alcalde Paco Ferreira segue a expresar grandes dificuldades para polo en marcha”, din os voceiros da Plataforma.
Os voceiros viron confirmadas as súas sospeitas sobre o problema da infiltración de excesivas cantidades de augas limpas que non deberían entrar na depuradora. “Poderíase falar de que case o 50% do caudal que está recibindo a EDAR de Gondomar componse de augas pluviais e augas procedentes de rios e fontes”, informa un dos voceiros.
Desde a plataforma tamén preguntaron se se estaba baraxando algún proxecto de ampliación da EDAR. “Está aprobado un proxecto de ampliación, de 560m3/h a 800m3/h pero o efecto será limitado en tanto non se solucionen os importantes problemas da rede de saneamento”, explican para apuntar á “responsabilidade” do Concello e tamén da Xunta de Galicia. A Plataforma, como din os voceiros, seguirá dedicando os seus esforzos a loitar por un Gondomar limpo e con servizos de calidade que salvagarden a saúde das persoas.