Mércores, 11 Decembro de 2024

O Mercado do Rosal aposta polo produto de proximidade sumando á Panadería Morales

O Mercado do Rosal dá un paso máis para converterse no epicentro do consumo de proximidade coa incorporación da Panadería Morales, unha empresa moi arraigada no municipio que conta con obradoiro en Tabagón. Este novo espazo no mercado achegará ao público a excelencia dos produtos frescos, artesáns e de calidade que levan sendo a sinal de identidade da praza de abastos rosaleira e da Panadería Morales.

Para o concelleiro de Comercio, Alejandro González, “contar cunha empresa tan arraigada na nosa vila e na nosa comarca e que aposta polo produto local é un orgullo para nós. Morales trae ao mercado non só o seu pan e os seus doces, senón un compromiso coa calidade e co consumo responsable, que son valores fundamentais para o noso concello”.

A chegada da Panadería Morales representa un valor engadido para o mercado municipal, un espazo que, grazas a iniciativas coma esta, segue crecendo como referente do produto local e fresco. Con este novo posto, os veciños e visitantes poderán gozar de produtos de proximidade, elaborados no corazón do Rosal e cun sabor único que só o respecto pola tradición pode ofrecer.

O concelleiro subliñou a importancia de consumir produto de proximidade, facendo fincapé nos beneficios tanto para a economía local como para a sustentabilidade. “Os postos que ofrecen agora mesmo os seus servizos na praza de abastos representan todo o que queremos para o Mercado do Rosal: calidade, compromiso e produto local. Con Pescados e Mariscos Lecio, o Alcouve da Moura e agora coa incorporación de Panadería Morales queremos que cada vez máis veciños e veciñas opten polo consumo de produtos de aquí, que fan pobo e que contribúen a unha economía máis xusta e respectuosa coa nosa contorna”.