O Concello de Ponteareas abre a súa programación de Nadal coa inauguración da decoración e iluminación deste domingo 1 de decembro ás 18:30 horas na praza Bugallal.
O pistoletazo de saída será o domingo, pero haberá actividades lúdicas ao longo de todo un mes de celebracións. Como pratos fortes están as actuacións das rondallas, as catas de viños, os concertos, as probas deportivas solidarias e o mercado de Nadal que abrirá as súas portas na Nave de Aceiros do Tea dende o día 13 de decembro ao 5 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.
O “Tren de Nadal”, con paseos gratuítos pola vila, estará operativo a partir das 16:00 horas partindo da praza Bugallal.
Entrando en detalle o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, explica que o mércores día 4 ás 17:30 horas haberá contacontos infantil “Animaladas” con teatro Calavera na sala multiúsos Reveriano Soutullo.
O domingo 8 ás 18:00 horas actuará a Rondalla de Pontellas ás 18:00 horas na praza Maior. O venres día 13 ás 17:00 horas o concerto de violín e piano de Icía Martínez e Serguei Maximov actuará xusto antes da cata de viños na Nave de Aceiros do Tea.
Para participar na primeira cata de viños haberá que inscribirse no número de teléfono 673 855 422. A segunda cata de viños será o sábado día 21 e a terceira o sábado 28. Todas elas no mesmo emprazamento.
O encontro de panxoliñas será o sábado día 21 no convento de Canedo ás 20:00 horas e a festa pre Fin de Ano coa actuación da orquestra Kubo terá lugar o venres 27 ás 21:00 horas na praza Maior.
A tradición sigue co encontro de Rancho de Reis no auditorio Reveriano Soutullo ás 18:00 horas o domingo día 29.
Os Reis Magos de Oriente chegarán o domingo día 5 ás 12:00 ao salón de plenos para recibir a todas as cativas e cativos e recoller os seus desexos en forma de cartas. A cabalgata de Reis será este mesmo domingo ás 18:00 horas polas rúas do centro urbano.
A papanoelada moteira será o domingo 22 ás 16:00 horas cun percorrido polas parroquias xusto antes da recepción de Papá Noel que será ás 18:00 horas na praza Bugallal onde haberá unha caixa de correos especial para depositar as cartas de nadal.
A presentación do calendario galego de Ponteareas será o luns día 23 ás 20:00 horas no salón de plenos.
Nos vindeiros días
Para o público infantil o sábado día 14 ás 17:00 horas terá lugar o espectáculo “El mundo de los muñecos” no auditorio municipal e para toda a familia o domingo día 15 ás 11:00 horas será o festival de baile da ANPA Loureiro no auditorio municipal. Este mesmo domingo ás 18:00 horas na Nave de Aceiros do Tea recital poético e musical “A lingua somos todos” con Emilio Rúa e X. C. Caneiro. Ás 18:30 a Rondalla de Chain comezará a súa actuación na praza Maior e no complexo deportivo Álvaro Pino celebrarase o festival de patinaxe do CPA Tea.
O luns 16 ás 19:30 horas na Naves de Aceiros do Tea haberá concerto do conxunto de guitarras e o martes 17 ás 20:30 horas actuará o coro de grao profesional do conservatorio municipal que ofrecerá o concerto “Para quererte tanto” na Nave de Aceiros do Tea. O mércores día 18 obradoiros creativos nesta mesma nave e a continuación, ás 19:30 horas, Concerto de Nadal da escola Vila do Corpus e do grao elemental do conservatorio municipal Reveriano Soutullo no auditorio municipal.
A programación continúa o xoves 19 co obradoiro de mel, concerto de piano e festival de nadal do conservatorio ás 19:30 horas. O venres día 20 haberá concertos de cello e piano ás 16:30 e ás 20:30 horas concerto do coro Gl Appassionati na Nave de Aceiros do Tea, para dar paso ao concerto de dúo de saxofón.