Mércores, 11 Decembro de 2024

O Pleno de Mondariz rexeitan o cambio de salario do alcalde, Pablo Barcia

O Pleno de Mondariz rexeitou este xoves a rebaixa de salario levada a pleno polo alcalde do PP, Pablo Barcia, cos votos de BNG e AporM.

O Partido Popular levou a pleno unha proposta de salario mensual cunha dedicación parcial dun 75% composta dunha retribución de 33.571,24 € e 11.122,15 € de gastos de Seguridade Social. Porén, para Alternativa por Mondariz, a proposta non é unha rebaixa salarial xa que o PP “propuxo unha redución de 1.200€ no salario pero cunha redución da dedicación do 25%, é dicir, que viría sendo a mesma retribución que a dos anteriores alcaldes pero cunha dedicación parcial do 75%”.

Os salarios de Calis Montes, de AporM, e Xosé Emilio Barros, do BNG, eran de 34.771,24 euros (11.500,00€ de Seguridade Social) por unha dedicación exclusiva a templo completo.
O PP defendía que o alcalde puidera compatibilizar a dedicación á Alcaldía coa súa situación laboral como autónomo. AporM explicou que o feito de compatibilizar o seu negocio coa dedicación a Alcaldía, non era o motivo de votar en contra da súa proposta; tampouco a de “molestar ao alcalde”.

“O que non pode ser é que se intente facer unha subida de soldo encuberta dun 29% baixo esa rebaixa na dedicación”, destacou o portavoz Calis Montes. “Se realmente se quere compatibilizar cunha dedicación parcial do 75%, terá que ser do 75% sobre o salario que está aprobado, o que serían 26.078,43 € de retribución (máis 8.625,00€ de Seguridade social), en lugar dos 33.571,24 € de retribución que propón”, resumiu.

O BNG tamén reprochou que esta proposta non se presentara con transparencia e que carecía da escrupulosidade que debía terse nun asunto coma este, xa que prexudica a imaxe que a cidadanía ten da política.

O PSdG-PSOE afirmou que non debería adaptarse o salario ás circunstancias de cada alcalde porque esta práctica sentaba un precedente. Aínda así, anunciou que votarían a favor.

A proposta foi rexeitada por 7 votos en contra (AporM e BNG) fronte a 3 a favor (PP e PSdG-PSOE).