Mércores, 11 Decembro de 2024

O barrio porriñés do Outeiro, en Atios, xa ten novo parque infantil

Os nenos e nenas de Atios xa dispoñen dun novo parque infantil no Outeiro, no barrio dos Galegos, que ata o de agora carecía dun espazo deste tipo. Este novo parque responde á necesidade de crear e mellorar as zonas públicas de xogos para a cativada no Porriño, unha liña de traballo que se intensificou no último ano co obxectivo de ofrecer ás familias novos espacios de lecer.

O novo parque, que requeriu unha inversión superior aos 30.000 euros, financiouse nun 70% con fondos autonómicos e está deseñado apra garantir a seguridade e diversión dos máis pequenos. A instalación realizouse sobre un firme de formigón, cuberto con céspede artificial antiestático que proporciona a amortiguación necesaria para que a cativada poida xogar con total tranquilidade. Os elementos de xogo inclúen columpios, un balancín, un tobogán de 1,5 m de altura e unha mesa de xogos.

Ademais da zona infantil, o recinto tamén alberga un parque biosaudable para adultos, con diversos elementos para promover a actividade física na poboación maior. Toda a área esta pechada perimetralmente, asegurando unha contorna segura para que os pequenos xoguen con tranquilidade.

Este parque enmárcase na liña de traballo do Concello do Porriño de mellorar e ampliar a rede de espazos de xogo. De feito, hai unhas semanas xa se abriu ao público un novo parque infantil en Budiño, na zona da Vacaría, preto do polígono industrial. Este conta cunha superficie de máis de 150 m2, está equipado con múltiples elementos de xogo deseñados para o disfrute da cativdada, como balancíns, un multixogo e un columpio. A instalación deste parque supuxo unha inversión de 15.000 euros, tamén cun 70% de financiación autonómica.

Ademais destes espazos, o Concello do Porriño xa sacou a licitación un plan de mellora de cinco parques existentes e unha área biosaudable. Este proxecto, cun orzamento base de máis de 65.000 euros, execútase ao amparo do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra e comprende melloras nos parques da parroquia de Cans (A Graña e o río Couso), en Torneiros (Fase I e Centro Cultural Alba), A Costeira en Pontellas e A Forna en Budiño.

Entre as melloras máis destacadas inclúese o cambio do pavimento no parque da Graña, que se realizará con dúas capas de caucho. No do río Couso repararase o pavimento e instalaranse novos elementos biosaudables. No parque da Fase I, colocarase un valado para protexer a zona de xogo, e no parque da Forna instalarase céspede artificial antiestático e novos elementos de xogo.

Para asegurar o uso adecuado dos espazos, instalaranse carteis informativos coas normas e idades recomendadas para os diferentes elementos. O alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou o seu “compromiso con facer do Porriño un pobo no que os nenos e nenas poidan crecer felices e se sintan orgullosos. Os recursos cos que contamos fan que non poidamos ir tan rápido como nos gustaría, pero non paramos avanzar cara o noso obxectivo que é o benestar da nosa cativada”.