As e os primeiros residentes da residencia de artistas Artistea xa están en Ponteareas. Ao longo desta semana traballarán en proxectos multidisciplinares arredor da poesía, da música e da performance.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, achegáronse para darlles a benvida acompañados dos concelleiros de Ensino, Ricardo González, e do segundo tenente de alcaldesa, Jesús Cao. Na residencia, a directora Laura Porto, presentoulles os proxectos e o perfil de cada un dos residentes.
Esta é a primeira das residencias que se programarán de xeito trimestral subvencionada ao 100% polo Concello e que dará oportunidades a novos talentos. “Esta primeira residencia posibilita o encontro de distintas disciplinas e de creadores de idades diferentes que coñecerán a orixe e sinais de identidade máis salientables de Ponteareas. A residencia de artistas abre as portas de Ponteareas a creadores de todo o mundo que queiran ter un espazo no que crear e servirá como axente dinamizador da Praza Maior”, explicou a alcaldesa Nava Castro.
Ponteareas volve ser un referente no eido cultural, así o salientou o delegado do goberno da Xunta en Pontevedra, “tal e como trasladamos na inauguración dende a administración daremos apoio a iniciativas culturais como esta que son unha plataforma de lanzamento e devolven as vilas parte da súa esencia, servindo incluso como elementos atractores de turismo e dándoas a coñecer a través da arte”.
Coletivo RAIZ 11 formado por Giovanni Peixoto e Francisco de Vicente traballarán o seu proxecto “Entroñados”; colectivo Nubeilab desenvolverán “Ecos” con José Pons, María Gutiérrez e Andrea Trenado; Carmen Omil presenta “Sistema del Deseo”; Alex Bouzó “O Musgo que Medra”; Antonio Tizón “Coplas Analfabetas” e Aurora Abelairas realizará a cartografía poética do Condado mentres Diego Chamizo centrará a súa labor no proxecto “Reflexo Natural”.
Ao longo desta semana traballarán na nosa vila e visitarán o Castro de Troña, o museo de Ponteareas, empresas locais e manterán encontros con agrupacións folclóricas e distintos colectivos dentro das súas tarefas de investigación e documentación.
Ademais, o xoves recibirán a masterclass da artista multidisciplinar Lucía Aldao, tendo a cidadanía a oportunidade de participar de 12:00 a 14:00 horas con inscrición previa no número de teléfono 986 64 00 00.