“Apoio as 24 horas dos 365 días do anos é o noso obxectivo”, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, á vez que adianta as accións que se iniciarán con motivo da celebración do 25 N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e que terán continuidade ao longo de todo o ano.
Para avanzar na igualdade o Concello de Ponteareas activará nas vindeiras semanas o punto violeta virtual para ter acceso a toda información do punto a través dun código QR específico e visible en todos os grandes eventos. Para concienciar e non baixar a garda máis aló dunha celebración, o Concello xa iniciou a difusión nas 24 parroquias con folletos e pegatinas na que acceder a través dun QR á información, recursos e campaña de sensibilización.
Este código QR estará nos diferentes elementos gráficos distribuídos polo centro urbano e polo rural. A campaña do 25N contempla tamén a obra de teatro “As Formas do Amor” de María Ángeles Iglesias que terá lugar este venres 22 de decembro ás 20:30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo. Organizada pola Deputación de Pontevedra conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade.
Un photocall instalado na Praza Maior espertará a conciencia da cidadanía e recordará cada día que a igualdade é un elemento esencial para unha sociedade mellor, cousa de todos e aínda unha tarefa pendente de cumprimento.
A campaña estendese ás redes sociais con creatividades que alertan de mensaxes “lamentablemente cotiás que reflicten unha realidade e convidan a non contribuír, a non aceptar e a non normalizar”, explica a concelleira. Baixo o título de “Resúltache familiar… Así non é” a concellería quere alertar e loitar contra a aceptación de normas machistas que frean o avance hacia a igualdade e a liberdade das mulleres.
O luns 25 o Concello convida a participar na marcha pola igualdade que irá dende o photocall da Praza Maior ata o Concello de 18:30 a 19:00 horas. Ás 19:00 horas terá lugar a lectura do manifesto e a creación dun mural colaborativo no que toda a cidadanía participante poderá deixar as súas mensaxes e renderease homenaxe ás vítimas
Raquel Plana explica que ademais da campaña dende o CIM trabállase a diario pola mellora da vida das mulleres ofrecendo recursos, apoio e medidas específicas para casos excepcionais.