O auditorio municipal do Rosal converterase nun escenario para reflexionar, rir e aprender. No marco da programación do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello aposta polo teatro como ferramenta para o cambio social coa obra ‘DeseXo’, un espectáculo co que Talía Teatro chega este domingo 24 ao Rosal para falar claramente de sexo.
Unha obra que supón unha chamada de atención sobre as consecuencias dunha educación sexual deficiente, baseada máis na pornografía tanto real como social, que na formación e no diálogo aberto. Como sinala a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, “queremos ofrecer á veciñanza unha experiencia que, ademais de entreter, nos faga reflexionar sobre o mundo no que vivimos e que estamos transmitindo ás novas xeracións”.
Coa dirección de Diego Rey e as interpretacións de Marta Ríos e Dani Trillo, ‘DeseXo’ utiliza o humor como vehículo para abordar cuestións como a ausencia dunha educación sexual axeitada, a súa substitución polo aprendido na pornografía ou nas redes sociais, os estereotipos sexistas ou a presión social nas relacións afectivo-sexuais. Unha peza creada co asesoramento da sexóloga Bárbara Penas, achegando rigor e frescura a unha obra que promete deixar pegada.
O espectáculo preséntase como un xoguete cómico no que o público seguirá ás personaxes a través das súas publicacións nas redes sociais, observando como afrontan os seus medos, desexos e relacións nunha sociedade que é a vez á máis sexualizada da historia e a máis tabú. “O 25N non se trata só de denunciar a violencia machista, senón tamén de previr as súas raíces, moitas veces alimentadas pola desinformación, os estereotipos e a falta de diálogo”, recalca a concelleira.
‘DeseXo’ comezará ás 19.00 horas e terá entrada de balde ata completar aforo. Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nesta actividade, que forma parte da ampla programación posta en marcha durante o mes de novembro para continuar revolucionando mentes, concienciando e educando en igualdade.