Mércores, 11 Decembro de 2024

O Porriño sumará 60 vivendas de protección construidas por unha cooperativa

A Xunta de Galicia colabora con case 3 millóns de euros na construción de 60 vivendas de protección autonómica no concello do Porriño, a través da liña de axudas a promotores que puxo en marcha a Administración autonómica para construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse hoxe á parcela situada no encontro entre a Avenida de Galicia e a nova rúa Aloques, no núcleo urbano do Porriño, onde deu a coñecer un novo proxecto de vivenda protexida, neste caso da man de Residencial Aloques, cooperativa de vivenda.

Este proxecto ten un presuposto total de 11 millóns  para a construción destas 60 novas vivendas de protección autonómica. Coas 60 vivendas proxectadas téntase abranguer a maior diversidade posible de demanda, executándose 8 vivendas de 1 dormitorio; 25 de 2 e 27 de 3 dormitorios. A escavación está xa realizada e as obras deben desenvolverse nun prazo de 36 meses, prorrogables ata 38.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas remarcou o compromiso claro da Xunta coa vivenda, para o que “estamos a dar pasos firmes, tanto para incrementar a oferta de vivenda pública, como para facilitar solo onde desenvolver vivenda”. E tamén, engadiu, adoptando “as medidas legais que permitan axilizar os prazos para poñer vivenda no mercado, garantindo sempre a seguridade xurídica”.

María M. Allegue incidiu na vontade do departamento que dirixe de seguir construíndo máis vivendas públicas e poñer solo ao dispor de promotores e cooperativas, insistindo na importancia, como neste caso, da colaboración público-privada á hora de enfrontar este reto.

A conselleira fixo fincapé na continuidade no traballo da Xunta para reforzar a vivenda protexida en Galicia, no obxectivo de avanzar nos retos de lexislatura de duplicar as vivendas públicas ata as 8.000 e facilitar solo para a construción de 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas. A este respecto, lembrou que a Xunta leva xa preto de 1.600 vivendas de promoción pública en distintas fases de tramitación e execución.

María M. Allegue puxo en valor o orzamento histórico para 2025, no que a Xunta vai a destinar 240 millóns de euros ás políticas de vivenda e urbanismo, “para dar resposta á cidadanía neste dereito fundamental”.