Venres, 8 Agosto de 2025

Valoración positiva da evolución do desemprego en Tui con 7 meses consecutivos de descenso

0

A Concellería de Emprego e Formación do Concello de Tui realiza unha valoración positiva da evolución dos datos de desemprego no municipio no mes de setembro, no que se rexistraron 33 persoas menos en situación de desemprego, sendo 1.067 as persoas inscritas nos Servizos Públicos de Emprego. Tui suma sete meses consecutivos con baixada nas cifras de paro, pasando de 1.301 persoas desempregadas en marzo a 1.067 no mes de setembro.

Dende o Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Formación, amósase o compromiso municipal coa busca activa de emprego en estreita colaboración co tecido empresarial tudense.

Dende este departamento municipal incídese amais nos datos tamén positivos do Servizo Municipal de Orientación e Intermediación Laboral, destacando que dende o mes de xaneiro 50 persoas usuarias da Bolsa Municipal de Emprego accederon ao mercado laboral. So nos dous últimos meses 16 persoas – 9 en setembro e 7 en agosto – usuarias deste servizo atoparon traballo.

Ao longo do ano son distintas as accións que desenvolve este departamento dende o contacto co tecido empresarial local para coñecer as necesidades que ten en materia de emprego, para deste xeito intermediar coas persoas usuarias da bolsa de emprego que cumpren cos requisitos, ou para programar accións formativas en función da demanda real existente no mercado laboral máis cercano. Na emisora municipal púxose en marcha un Club de Emprego no que teñen intervido empresarios e empresarias tudenses que teñen exposto as características laborais das demandas que presentan, ou coma emprenderon o seu negocio. Tamén a formación ten presenza destacada centrada na orientación cara ao emprego.

Nas próximas semanas comezará na cidade o obradoiro dual de emprego Revaloriza Tui 2021 concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ao Concello de Tui cunha subvención de 346.946 euros, no que 20 alumnos-traballadores e alumnas-traballadoras se formarán nas especialidades de canteiría e carpinteiría, e 5 persoas formarán o persoal docente e directivo do mesmo durante 9 meses.

Nigrán e ‘Bicivoadores Val Miñor’ organizan a XII BTT este domingo

0

Concello de Nigrán e ‘Bicivoadores Val Miñor’ organizan este domingo 10 de outubro a ‘XII BTT Concello de Nigrán con máis de 150 participantes e cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata este venres ás 22:00 horas ou ata acadar os 250 anotados.

Así, os interesados deben pagar ao clube 12 euros a través do número de conta bancaría ES88 0073 0100 5205 0625 5165 e enviar o xustificante a [email protected]. É obrigatorio o uso de proteccións, asi como o de máscara.

A proba, cada ano cun percorrido novo cheo de espectacularidade, arranca ás 9:00 horas na Praza do Concello e consta de 35 km de dificultade media-alta a través dos montes de Chandebrito, Coruxo, Saiáns, Parada, Vilaza e regreso ao Concello.

A hora de finalización prevista é ás 13:00 horas e os tres primeiros clasificados recibirán trofeos, ademáis, sortearanse agasallos entre os participantes e ofrecerase pinchos e bebida. Desde a organización destacan que se trata dun circuito axeitado tanto para principiantes como para afeccionados xa veteranos.

O Grupo Socialista urxe á Xunta a incrementar os orzamentos para paliar a crise do sector turístico de Galicia

A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, instou hoxe a Xunta a incrementar os orzamentos para paliar a crise na que está inmerso o sector turístico galego. “Esa é a única forma de salvar o turismo en Galicia”, proclamou a deputada socialista durante a comparecencia no Parlamento da directora da Axencia de Turismo de Galicia.

Leticia Gallego cualificou de “incrible” que nun ano tan crítico para o sector a Xunta tan só executase no primeiro semestre de 2021 o 13 por cento da partida de coordinación e promoción do turismo. Gallego afirmou que esta circunstancia “demostra a mala xestión de Feijoo” neste eido.

De maneira especifica, Leticia Gallego reclamou “investimentos significativos” para facer un “verdadeiro mantemento” dos Camiños de Santiago e para mellorar os albergues de peregrinos e peregrinas, moitos deles en malas condicións por mor da súa antigüidade. Nesta liña, solicitoulle a Nava Castro que revise todas as instalacións para que sexan accesibles e non discriminar ás persoas con mobilidade reducida. “Os albergues públicos”, defendeu a deputada socialista, “teñen que ser un espazo de integración de todas as persoas”.

Por outra banda, tamén lembrou que moitos peregrinos e peregrinas seguen a ter a día de hoxe problemas para pernoctar nos albergues debido ás limitacións de aforo. Leticia Gallego lamentou a mala imaxe que se está a dar para o Xacobeo e para Galicia e reclamou unha solución inmediata ante a falta de previsión do goberno galego no medio dunha pandemia.

Ao fío disto, Leticia Gallego tamén criticou as políticas da Xunta con respecto á desescalada para o sector da hostalería, unhas medidas que “foron incoherentes e froito da improvisación na que está sumido o goberno de Feijoo”. Polo miúdo, Gallego puxo o foco no impacto que está a ter no sector do ocio nocturno “a improvisación da Xunta na implantación das medidas para conter a covid”.

A maiores, a portavoz de Comercio e Turismo do PSdeG tamén instou á Xunta a abrir un proceso de diálogo con concellos e deputacións para estudar e redefinir os posibles cambios no actual mapa de xeodestinos. “O mapa resultante dese proceso deberá adquirir un verdadeiro carácter oficial”, subliñou Gallego. Ademais, tamén instou á Xunta a falar con todas as vilas termais de Galicia para impulsar o seu potencial.

Ademais de reclamar “máis orzamentos e máis execución orzamentaria”, Leticia Gallego tamén instou ao goberno galego a non promocionar só o Xacobeo, que “como produto é bo, pero a Xunta ten que ir máis aló e promocionar as nosas montañas, o noso interior, as nosas cidades, a nosa costa ou os nosos balnearios co obxectivo de “poder desestacionalizar o noso turismo e a nosa gastronomía”.

Finalmente, Leticia Gallego sinalou que “o obxectivo da Xunta debería ser atraer cantidade e calidade turística”. Para iso, remarcou a parlamentaria do PSdeG, “é imprescindible impulsar a transformación dos nosos destinos turísticos cara á sustentabilidade e a dixitalización”.

A transformación da provincia a través da recuperación do espazo público, protagonista no Foro Urbano de España

O modelo transformador da Deputación de Pontevedra, que pasa pola recuperación do espazo público para as persoas como un dos motores para o impulso económico, a cohesión social e a igualdade no ámbito dunha recuperación económica xusta, ocupou a primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais, que se está a celebrar en Sevilla e que hoxe inaugurou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tomou parte na mesa sobre Transición Ecolóxica e Modelo de Cidade e reivindicou o papel imprescindible da Administración local como principal axente para o cambio nas contornas urbanas a partir da toma de “decisións revolucionarias”.

Carmela Silva, que está en Sevilla acompañada polos deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e Mobilidade, Uxío Benítez, definiuse como unha “política polémica”, entendendo este concepto como a necesaria valentía para levar a cabo as transformacións que a sociedade demanda ás Administracións públicas. “As persoas deben estar no centro de todo e os discursos deben cambiar”. Durante a súa intervención criticou as concepcións laxas sobre a cogobernanza e reivindicou o principio de subsidiariedade: “é no mundo local onde ocorre todo, onde se desenvolve a economía, onde se prestan os servizos, onde están os equipamentos que garanten a calidade de vida”. “O mundo local toma decisións que moitas veces se ven entorpecidas polas competencias autonómicas e mesmo polas estatais e europeas, así que resulta imprescindible que a cogobernanza pase pola subsidiariedade para que cada Administración faga aquilo que mellor sabe facer”.

Click para ampliar

Durante o diálogo, no que tamén tomaron parte María José Rallo, secretaria xeral de Transporte do Ministerio de Transportes; María Pappas, tesoureira do condado de Cook, en Chicago-Illinois; Arcadi España, conselleiro de Política Territorial da Generalitat Valenciana; Francisco Oliva, reitor da Universidade sevillana Pablo de Olavide; Inés Sánchez, directora da cátedra Unesco de Xénero da Universidade Politécnica de Madrid e Antonio Serrano, economista, a presidenta da Deputación defendeu o papel que están a xogar os concellos de toda España: “ocórrenseme moitos exemplos de transformación e todos son locais; dende o local téñense tomado decisións revolucionarias porque se ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación ou a Igualdade. É nese espazo público onde a xente se relaciona e socializa, recuperando ámbitos e lugares que estaban tomados polos vehículos a motor, vehículos que non só ocupaban o espazo, senón que xeraban enfermidades”.

Carmela Silva insistiu en que a cogobernanza resulta difícil “cando se entende o poder como o simple exercizo do poder, pero resulta sinxela cando se entende como o traballo de perseguir e lograr o ben común”. Neste senso reivindicou o cambio producido na Deputación de Pontevedra “que pon en marcha tódolos proxectos de transformación ecolóxica, igualdade, dixitalización e cohesión social pactando cos 61 concellos da provincia. É unha cuestión de vontade e de comprender que temos un reto moi grande por diante”. Engadiu que cando se funciona deste xeito, “as nenas e nenos recuperan a cidade como espazo de xogos, os maiores e dependentes deixan de estar recluídos nos seus domicilios e as mulleres, “que seguen a soportar case en exclusiva a carga dos coidados”, atopan rúas e prazas pensadas para elas“.

A presidenta da institución provincial recalcou, dende a experiencia, na necesidade de fuxir dos conceptos teóricos sobre os distintos niveis da Administración e pasar á práctica, especialmente nos momentos que estamos a vivir, afondando no concepto de gobernanza en favor dos gobernos locais. Finalmente, reivindicou que é precisamente nesta etapa de recuperación trala pandemia cando que, por primeira vez, está a terse en conta ao mundo local, como demostra o feito de que está a terse en conta a voz dos concellos e das deputacións na xestión dos fondos europeos Next Generation.

O Concello de Redondela oferta un curso en liña de iniciación a Lingua de Signos (Nivel A1.1)

0

O Servizo Municipal de Accesibilidade en Lingua de Signos posto en marcha recentemente polo Concello de Redondela a través da Concellería de Servizos Sociais que xestiona Iria Vilaboa dentro da súa aposta pola integración das persoas xordas e xordocegas, vén de ofertar un curso en liña de iniciación á Lingua de Signos (Nivel A1.1).

A actividade, que será online é totalmente de balde, terá unha duración total de 30 horas das que 24 terán a condición de sesións lectivas grupais en directo e as seis horas restantes serán de actividades individuais obrigatorias e titorías. O número máximo de participantes por aula é de 14.

Para poder participar, as interesadas e interesados deberán ser maiores de 18 anos, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Redondela. Dado que o curso é online, as e os participantes deberán dispoñer de ordenador, teléfono ou tableta con cámara dianteira e conexión a internet.

A actividade desenvolverase os martes e xoves e 19:00 h a 21:00 horas comezando o día 21 de outubro para seguir o 26 e 28 de outubro e o 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de novembro.

As persoas participantes deberán comprometerse a asistir, como mínimo, ao 80 % das sesións de formación recibindo, as que cumpran o requisito mínimo de asistencia e realicen as actividades propostas polos docentes, un certificado de asistencia. No caso de que a avaliación continua realizada polos docentes se entenda superada, se entregará certificado de aptitude.

Ao ser unha lingua visual é obrigatorio conectarse coa cámara acesa para poder participar nesta formación. E importante salientar que non se poderán tomar imaxes, nin gravacións de vídeo ou audio, debido á protección dos dereitos de imaxe das persoas asistentes.

Para inscribirse as persoas interesadas deberán presentar unha solicitude no rexistro xeral do Concello de Redondela, ata o luns 18 de outubro, dirixida á Concellería de Servizos Sociais onde indicará os datos persoais e de contacto. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición.

Ponteareas despediu un mes de setembro cheo de cultura e lecer

Ponteareas despediu a pasada fin de semana as Festas de Setembro, unha programación que encheu as rúas da vila con máis de 30 propostas culturais e deportivas para todos os públicos. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quere destacar “o éxito” dun mes “no que desfrutamos dunha ampla, variada e segura programación cultural e de lecer”. “No Concello tiñamos o obxectivo de manter nas rúas a actividade do verán, e conseguímolo levando ademais os eventos a diferentes espazos do núcleo urbano”, afirma. Desta maneira, en palabras do edil, Ponteareas continúa a reactivar a súa cultura e tamén a súa economía.

A música tivo un especial protagonismo durante as Festas de Setembro con máis dunha ducia de concertos. Pasaron polo escenario Tanxugueiras, Grupo América, Broken Peach, Pelepau, O Sonoro Maxín, Milladoiro, Tania Veiras ou Boyanka Kostova, así como as agrupacións locais Voces de Arrieiro e as Bandas de Música do municipio. Un espazo moi importante ocupouno a música folclórica coa XXXIV edición do Festival Folclórico do Condado, o LIV Concurso de Gaitas do País ou o Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas.

A protagonista das actividades deportivas foi a Volta Ciclista a Galicia, que fixo gozar a Ponteareas de dúas xornadas de ciclismo acollendo as primeiras etapas. Así mesmo, celebráronse con éxito o Trofeo Ciclista Festas de Setembro-GP Borja Gómez Méndez, o Trofeo Festas de Setembro de fútbol, que enfrontou a SD Juvenil e Coruxo FC, o XII Torneo de Tenis Concello de Ponteareas e a Clásica Álvaro Pino, a marcha cicloturista recuperada tras cinco anos de parada. O concelleiro quixo aproveitar o balance para “agradecer e felicitar ás persoas organizadoras polo bo desenvolvemento de todas estas probas deportivas, que en conxunto sumaron preto dun milleiro de participantes”.

Ademais da música e o deporte, completaron a programación a maxia, os espectáculos infantís e de animación de rúa e o tradicional lanzamento dos globos de San Miguel. A celebración destas Festas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da AGADIC, a través dos programas Musigal e Cultura no Camiño respectivamente.

A Deputación achega 40.000 euros a ASEFOGA para impulsar a produción de mel ecolóxico

A Deputación de Pontevedra achegará 40.000 € á Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEFOGA, para a realización dun programa formativo sobre a xestión e boas prácticas nos apiarios para o impulso da produción de mel ecolóxico. Con esta iniciativa ambas entidades pretenden promover o nacemento de empresas apícolas ecolóxicas, crear emprego e mellorar a capacitación técnica das persoas apicultoras que producen e transforman mel ecolóxico na provincia de Pontevedra.

O acordo de colaboración contempla a realización de cursos de formación online, asesoramento, vídeos e actividades de divulgación e difusión do programa ao longo deste último trimestre de 2021. Así, realizaranse ata cinco cursos online de 50 horas cada un a través dunha plataforma de formación onde un total de 20 alumnas e alumnos por curso adquirirán os coñecementos precisos para a produción de mel ecolóxico e o aproveitamento dos subprodutos derivados do mesmo. Amais da formación online, haberá asesoramentos individualizados a través de dous puntos informativos físicos, nas oficinas comarcais de Lalín e Cambados, no que as persoas interesadas van recibir orientación técnica e respostas ás consultas relativas á apicultura ecolóxica. Tamén se realizarán cinco vídeos nos que se explicarán e ilustrarán técnicas de manexo das colmeas, elaboración e produción de mel ecolóxico e derivados, e actividades de divulgación e difusión do programa a través de medios de comunicación online e impresos.

Na provincia de Pontevedra existen unhas condicións naturais idóneas para producir mel ecolóxico e para o desenvolvemento de asentamos apícolas. Este feito, unido á necesidade de xerar oportunidades para a cidadanía do rural, á diminución das abellas melíferas na provincia e ao auxe e aceptación dos produtos ecolóxicos, converte a estas accións formativas impulsadas pola Deputación e ASEFOGA en estratéxicas xa que o sector apícola ten unha grande importancia dentro da estrutura económica, impulsando o equilibrio territorial e a xestión do territorio.

A Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEFOGA, é unha entidade sen ánimo de lucro formada por máis de 9.000 pequenas/os propietarias/os forestais que traballa para impulsar o desenvolvemento do sector forestal, colaborando na consecución dunha cultura forestal en Galicia acorde coa importancia estratéxica do monte e do sector forestal na comunidade. A súa misión é converterse na organización de apoio á xestión forestal para todas as persoas agricultoras, gandeiras e xente do rural e para elo impulsa programas de formación e asesoramento, como os que vai lanzar xunto á Deputación de Pontevedra, para o aproveitamento e xestión responsable dos recursos forestais.

O Servizo de Orientación Laboral de salvaterra atendeu preto de 400 usuarios en case 10 meses

O Concello de Salvaterra de miño deu marcha fai case dez meses o Servizo de Orientación Laboral. Nese tempo atendéronse preto de 400 usuarios do Servizo de Orientación da Oficina de Emprego, prestando un servizo  de diagnose individualizada e elaboración do perfil ocupacional, deseño de itinerarios personalizados para o emprego, acompañamento personalizado, deseño e planificación de acción, elaboración de CV, emprego de ferramentas e recursos para a búsqueda de emprego, asesoramento, etc.

Ao  mesmo tempo, o Servizo de Orientación levou a cabo nestes dez meses 75 IPIs, dos cales aínda están 26 abertos. Os IPIs son itinerarios personalizados de inserción onde se traballa individualmente durante 6 meses todos os aspectos da búsqueda para que poidan atopar emprego, pero tamén para que sexan independentes na búsqueda e teñan todos os recursos ao remate do periodo; un traballo intenso e continuo que require un compromiso firme por parte do usuari@.

Dende este departamento creouse tamén unha bolsa de emprego que conta con máis de 400 persoas que, xestionou 24 ofertas de emprego demandadas polas empresas.

Ademais, por medio das Redes Sociais fanse publicación de ofertas de traballo no noso territorio de influencia e colabórase cos CDLs da zona para cubrir ofertas e promocionar máis opción aos nosos veciños e veciñas.

A Plataforma Veciñal en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño presenta máis de 3.000 firmas en demanda dunha asistencia sanitaria digna

0

A Plataforma Veciñal en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño presentou, o pasado luns 27 de setembro por rexistro na Xunta de Galicia –concretamente na Consellería de Sanidade– mais de tres mil  firmas da cidadanía tomiñesa para esixir ao  Sergas unha Sanidade  Pública e de calidade para veciñanza.

As  reinvindicacións solicitadas pola plataforma, entre outras, son a esixencia de cita presencial de mañá e tarde, mais médicos e enfermeiros, apoio aos persoal administrativo, substitucións das  baixas e vacacións, servicio de Urxencias e ambulancia medicalizada, e a reapertura inmendiata do centro periférico de Goián. Nese punto a Plataforma aclara que “da igual a sua ubicación sempre que sexa en Goián”.

Neste período de loita pola sanidade pública, a Plataforma achegouse ata distintas parroquias de Tomiño para presentarse, explicar o seu cometido e recoller firmas; ao mesmo tempo tamén participou en diferentes actos organizados por outras plataformas para, coa súa presenza, ratificar o apoio ás súas demandas.

A Plataforma Veciñal en Defensa da Sanidade Pública  de Tomiño estivo tamén presente en Vigo na rolda de prensa convocada pola xunta de persoal da área de Vigo para organizar e anunciar a convocatoria da manifestación que se celebrou o pasado día 30 na que tamén estivo presente a Plataforma tomiñesa, ao igual que o estará na manifestación convocada a nivel galego por S.O.S Sanidade e que terá lugar o vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela.

A Plataforma, por último, quere trasladar o seu apoio aos traballadores e traballadoras da Sanidade Pública Galega ao mesmo tempo que esixen da Xunta de Galicia e, especialmente, da Consellería de Sanidade, “que non xogue coa saúde dos galegos e galegas e que tome as decisións en beneficio de todas e todos”.

Agardamos a Plataforma tomiñesa “con moitas ganas” a reunión solicitada do conselleiro de Sanidade, reunión solicitada hai semanas, para mostrarlle de primeira man as inquedanzas e necesidades da Cidadanía de Tomiño.

Teñen tamén palabras de agradecemento a todas as empresas, veciños e veciñas, asociacións, farmacias, asociación de veciños, comercios, bares, parafarmacia, comunidade de montes, empresas de publicidade e serigrafía, e a Mancomunidade polo apoio que que están a dar a Plataforma.

O Programa de Axuda Alimentaria do Ministerio de Agricultura entrega 775 toneladas de comida á Cruz Vermella

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, María Larriba, desprazouse hoxe ao almacén da Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra, xunto a representantes desta asociación para supervisar o desenvolvemento da segunda fase do Programa de Axuda a Persoas Desfavorecidas 2021, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Alí realizou un balance do programa deste ano, que supuxo a repartición de 1.208 toneladas de alimentos na provincia, que chegaron a máis de 50.000 usuarios e usuarias a través dos bancos de alimentos, Cruz Vermella e organizacións colaboradoras.

O programa de axuda alimentaria desenvolveuse en dúas fases, unha que tivo lugar en maio e outra que comeza agora. Na primeira fase entregáronse 433 toneladas de produtos alimenticios e o resto, un total de 775 toneladas, comezouse a repartir dende onte. A subdelegada destacou a importante achega do Goberno, que “nesta segunda fase destinará 720.004,20 euros para a compra destes alimentos de carácter básico que beneficiarán a 25.305 persoas en situación de vulnerabilidade”.

Cruz Vermella e o Banco de Alimentos son os dous centros de distribución da provincia e nesta segunda fase recibirán 387 toneladas de alimentos respectivamente. Ámbalas dúas institucións, xunto a outras 134 entidades colaboradores, son as encargadas de facer chegar os alimentos as persoas con menos recursos. Maica Larriba quixo poñer en valor o traballo destas organizacións e os seus voluntarios e voluntarias, “xa que dan vida e fan posible este programa”. Así mesmo, tamén felicitou aos funcionarios da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación Subdelegación do Goberno, que coordinan e controlan a execución do programa na provincia.

Por último, a subdelegada reiterou o compromiso do Goberno cos máis desfavorecidos, que son os que sufriron e están a sufrir con máis dureza os efectos da crise sanitaria e económica. “O escudo social supuxo e supón un esforzo excepcional para un Goberno que priorizou e prioriza ás persoas nos momentos máis duros”, lembrou.

Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente, así como polo xefe da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación da Subdelegación do Goberno, Javier Seoane.

Mondariz lembra 6 persoas de Tui e Tomiño asasinadas polo réxime franquista

0

Os alcaldes de Mondariz e Tui, Xosé Emilio Barros e Enrique Cabaleiro e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, participaron este pasado domingo no antigo matadoiro de Mondariz á homenaxe ás seis persoas asasinadas en Mondariz polo réxime franquista –veciños de Tomiño e Tui– a fin de atemorizar á sociedade logo do golpe de Estado.

No acto, no que participaron máis de 200 persoas convocadas por Condado Antifascista, homenaxeouse ás seis persoas asasinadas e cuxo único delito era ser representantes activos do agrarismo e do republicanismo, varios deles concelleiros.

Trala intervención de varios colectivos e de Sandra González, Enrique Cabaleiro e Xosé Emilio Barros, procedeuse á inauguración dun monólito de recordo ante a sentida mirada das netas e fillas dos homenaxeados.

Iseo a Moura achegará ao público do Rosal contos sobre ‘Amor, cortes e feridas’ no xardín da Biblioteca

0

Continúa a programación de actividades no xardín da Biblioteca Municipal do Rosal. Este venres 8 de outubro será a quenda e Iseo a Moura, que namorará a grandes e pequenos e pequenas cos seus contos sobre ‘Amor, cortes e feridas’, unha historia con momentos musicais sobre o importante de quererse a unha mesma para amar en liberdade. A actividade, de balde, vai dirixida a público familiar con nenos e nenas a partir de 6 anos. Comezará ás 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo e, en caso de choiva, trasladarase á Liga.

Con este contacontos, Iseo a Moura contrapón esta historia de amor ás demais coa aventura dunha sobreira que aprende que o amor comeza nunha mesma e só así consegue curar as feridas que lle causara a relación cos homes. ‘Amor, cortes e feridas’ son leccións importantes sobre todo o que nos une e nos diferencia.

O Concello do Rosal organiza esta actividade ao abeiro do ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza a lectura e a información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Mitma inicia a redacción do proxecto de adecuación da travesía de Chapela na N-552

0

A comunicación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana (Mitma) na que se da conta do inicio dos traballos de redacción do proxecto de reordenación de accesos e adecuación das marxes da travesía de Chapela, na N-552, foi acollida con enorme satisfacción pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ao “darse cumprimento a unha demanda histórica da veciñanza de Chapela e que para o Concello era un tema prioritario”, afirma rexedora local.

Rivas quixo agradecer ao secretario xeral de Infraestruturas do Mitma, Sergio Vázquez Torrón, e ao Ministerio “a rapidez para dar resposta ás xestións que, dende o primeiro momento realizamos dende o Concello para dar solución a unha unha reclamación de hai anos das veciñas e veciños”.

Cómpre lembrar que na reunión telemática mantida en marzo deste ano con Vázquez Torrón, Digna Rivas cualificou de “demanda irrenunciable” o arranxo deste vial. En tan só seis meses, o Ministerio vén de iniciar a redacción dun proxecto que, entre outros aspectos, inclúe o acondicionamento de interseccións, reparación da pasarela peonil de Chapela e o tratamento das marxes.

Digna Rivas lembrou que o investimento estimado das actuacións e de 1 millón de euros que amosa, as claras, o compromiso do Goberno socialista con Redondela.

En todo caso, engade a alcaldesa redondelá, o Goberno local continuará demandando do Ministerio “a necesidade de resarcir á Chapela de todos os prexuízos ocasionados pola AP9”.

Éxito de participación en Ponteareas da iniciativa conxunta de R e Cruz Vermella ‘Enredando tour R’

A aula móbil formativa de ‘Enredando tour R’, iniciativa conxunta do operador galego R e a Cruz Vermella, visitou Ponteareas para continuar o seu labor de ‘inclusión dixital’ das persoas maiores. O programa desenvolveuse nunha aula móbil instalada na Praza Maior ponteareá con contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, compartiu un tempo coas persoas participantes e puido visitar a furgoneta ‘superequipada’ con smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.

As persoas que participaron, puideron fedellar mentres ‘degustaban’ un dos catro “menús
formativos” que Cruz Vermella e R lles tiñan preparados para que cada quen elixira o que máis se adaptara ás súas necesidades:

  • “Vivo no mundo analóxico, rapaza”; menú básico para comezar a “enredar”.
    ”E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona o WhatsApp.
  • ”Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, ao banco, facer a
    compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet.
  • ”Menú R: móbilR”: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións
    prácticas en internet.

A acción desenvolvida tiña, por parte de R e a Cruz Vermella, unha intención clara: minorar o efecto da fenda dixital que tanto lle afecta a unha gran porcentaxe dos maiores e a outros colectivos vulnerables. Cómpre salientar que estas persoas durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, por poñer un exemplo, non puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais como pedir unha cita médica, facer a compra ou realizar unha operación bancaria sen saír da casa.

O certo é que a iniciativa foi un éxito de participación e as persoas que asistiron aos diferentes obradoiros amosaron a súa satisfacción e entusiasmo de poder utilizar os dispositivos móviles para efectuar xestións da vida cotiá.

“É importante que as e os nosos maiores pérdanlle medo ás novas tenoloxías” apuntan a Cruz Vermella e R xa que, unha vez eliminado ese medo, poderán adquirir habilidades básicas que lles permitan avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe.

‘Enredando tour R’, estará mañá, 6 de outubro, na Praza Avelino Vicente da Guarda onde pechará a súa andaina.

Patrimonio informa favorablemente o proxecto de humanización da Avenida de Portugal de Tui

0

O proxecto de humanización da Avenida de Portugal no tramo comprendido entre a vella Ponte Internacional e o cruce coa N-550 continúa avanzando na súa tramitación. En concreto a Dirección Xeral de Patrimonio resolveu autorizar as obras do Proxecto de construción de adecuación e mellora da seguridade viaria na estrada N-551 pk 1+400 a 1+850 coincidente coa traza do Camiño Portugués de Santiago coas condicións e consideracións técnicas indicadas no informe.

O proxecto abrangue medio quilómetro coincidente co tramo do Camiño de Santiago. A actuación realízase nunha zona afectada pola protección do propio Camiño de Santiago, da vella Ponte Internacional e de varias edificacións integradas no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) é quen promove e financia esta actuación valorada en máis de 500 mil euros. A súa execución suporá a mellora substancial na entrada a Galicia dende Portugal, e na porta de entrada do Camiño de Santiago dende o país veciño.

O BNG de Arbo, Crecente, Salvaterra e As Neves acorda medidas para a defensa das ‘pesqueiras’

0

O Deputado do BNG no Parlamento Galego, Luis Bará e os representantes nacionalistas das localidades de Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra de Miño, mantiveron o pasado sábado unha reunión de traballo en Arbo. Na xuntanza destacaron a necesidade da crear plans de actuación que axuden a posta en valor do patrimonio e a promoción de iniciativas que axuden a fomentar o turismo e o comercio da contorna.

O BNG vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galiza onde se insta a Xunta a incoar expediente de declaración do conxunto das pesqueiras destes catro concellos, como bens de interese cultural.

Segundo apunta ‘Gago’, portavoz do bloque en Arbo, “o feito de declarar as pesqueiras do Miño como ben de interese cultural é un acto de xustiza” ademáis asegura non entender “como co paso dos anos tanto o seu uso como as propias construcións vanse degradando e a Xunta mira para outro lado, impasiva, deixando ir un pedazo de historia do noso país, xunto co modo de vida de moitos veciños e veciñas, que aínda hoxe, seguen usando as pesqueiras como fonte de ingresos para vivir. Ademáis das empresas de deporte vinculadas ó río, as que tamén debemos axudar”.

Salientan os nacionalistas o acordo de seguir traballando de maneira conxunta e seguir apostando por medidas que, coma esta, axuden a preservar e a “mellorar a calidade de vida da xente” e a “xerar un atractivo máis”, á hora de ofertar o turismo na zona. Entre as accións propostas polo BNG destaca un acto aberto a toda a veciñanza, onde serán presentadas as propostas para por en valor as Pesqueiras e a súa relación coa hostelería, o turismo e as actividades de lecer que terá lugal na localidade de Arbo este Outono.

Os cachorros arroxados nun colector en Sanxenxo recupéranse no CAAN da Deputación

Os seis cachorros que a pasada semana foran arroxados nun colector en Sanxenxo recupéranse coa súa nai no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Os cans e cadelas chegaron nun estado moi delicado, con apenas horas de vida e cunha grave hipotermia, e de momento están a ser aleitados pola súa nai e evolucionan de xeito favorable , con especial vixilancia por parte do persoal do centro, aínda que pola súa curta idade seguen a ter un gran risco.

Os cachorros son catro femias “Brisa”, “Brétema”, “Laias” e “Centella” e dous machos, “Mauro” e “Allo”, que foron recollidos nun dispositivo conxunto da Garda Civil e a Policía Local de Sanxenxo tras ser abandonados nun colector de lixo. Tras localizar ao propietario, contra quen o Seprona instruíu dilixencias por un presunto delito de maltrato animal, este deixou que a nai, “Lúa”, fose levada ao centro da Deputación para aleitar as súas crías. De seguir a súa boa evolución, os cachorros sairán en adopción unha vez teñan completada a súa pauta de vacinación completa, aproximadamente aos tres meses de idade.

Lamentablemente, o problema do abandono animal segue a amosar tristes exemplos estes días e estes non foron os únicos cachorros recollidos polo CAAN. Persoal do centro desprazouse a Vilaboa o pasado venres tralo aviso de Protección Civil para recoller tamén a unha nai, “Tela”, e as súas dúas crías, “Mini” e “Lola”, que teñen dous meses e medio e que apareceron abandonadas na zona de Postemirón. Tamén neste caso os animais están a evolucionar favorablemente nas dependencias do CAAN.

O novo skatepark de Tomiño acollerá este sábado a súa primeira competición

0

O novo skatepark de Tomiño, un dos maiores da provincia e situado na Alameda de Goián, acollerá este sábado a súa primeira competición deportiva. O novo espazo, inaugurado a fin de semana pasada, acollerá a deportistas de todas as idades dentro da xornada Eruptiom Jam que organiza o colectivo local OG Rippers co obxectivo de acercar o deporte a todas as persoas que acudan o sábado a Goián.

A xornada comezará ás 11.30 horas cun taller de skate ao cargo de Viejo Lobo School, unha das escolas con máis renome na provincia, no que as persoas que non estean familiarizadas co deporte poderán aprender os seus primeiros trucos. Ás 12.30 horas comeza a competición para menores de 14 anos e cando remate, ás 14.00 h, será o momento do pícnic na fermosa contorna da alameda de Goián. Ás 16.30 horas volverá a competición ao skatepark coa quenda das persoas adultas, ás 20.30 h será a cea e a xornada rematará ás 21.00 h cunha festa no Centro Goianés.

As persoas interesadas en inscribirse nesta competición poden fácelo a través do seguinte formulario online.  O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, anima á veciñanza a asistir a “un evento deportivo que cada vez vai ser máis habitual en Tomiño e do que imos desfrutar moito”, e lembra que durante a competición a organización repartirá ata 800 euros en premios por trucos. Os e as deportistas que consigan ser os primeiros recibirán un recoñecemento en maneira de efectivo ou material que, por exemplo, en caso de facer un flip trick drop será de 30 euros.  

“Descobre Gondomar, paso a paso”, programa pensado para coñecer e percorrer as parroquias da vila

0

Gondomar e as súas parroquias teñen moitos recunchos que descubrir e desde o concello ponse en marcha esta fin de semana o programa “Descobre Gondomar, paso a paso”, promovido polo goberno a través da súa Concellería de Turismo. Inicia a súa andaina na parroquia de Vincios coa colaboración da súa asociación de veciñoe e a súa Comunidade de Montes.

Trátase de aproveitar a chegada do outono para ofrecer á veciñanza actividades que promovan hábitos saudables ao tempo que permitan gozar do contorna, coñecer a súa riqueza etnográfica, cultural e histórica, e tamén respectar tradicións tan propias da época como son a celebración dos magostos.

A andaina prevista terá unha duración aproximada de dúas horas. Partirá ás 16.00 horas dende o Centro Cultural para visitar o Monte Galiñeiro, e unha vez rematada e de volta o punto de saída os participantes poderán gozar dun magosto, con castañas de balde, e dunha tarde amenizada coa actuación de diferentes grupos folclóricos da parroquia e locais.

Ponteareas destina case 50.000 euros para manter e reactivar a actividade das casas culturais

Ponteareas non esquece as súas casas culturais. Nun concello con 24 parroquias estas entidades son vertebradoras da cultura e da actividade social moi importantes. No Concello son ben conscientes e, por iso, acaban de conceder case 50.000 euros en subvencións para axudar aos centros a manter e a reactivar a súa actividade. Ata 19 entidades, todas as que quixeron asinar o convenio, recibirán 2.500 euros durante este ano como axuda para financiar os seus gastos correntes e os investimentos que fixeron durante o 2021.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, afirma que estas axudas xorden polo “claro compromiso que temos coas casas culturas, uns dos axentes sociais máis relevantes de Ponteareas”. O edil explica que en anos anteriores a Concellaría convocaba axudas por concorrencia competitiva para apoio á cultura, pero que este ano, debido a pandemia, non se puideron realizar case actividades culturais e, por iso, apostouse por esta nova tipoloxía de axudas.

“Agardamos que estes cartos faciliten o traballo das casas culturais”, desexa a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, ao tempo que lles promete que “sempre terán ao Concello da súa man”. A rexedora explica que ademais destas axudas tamén se destinan moitos recursos a outro tipo de actividades que dinamizan as casas culturais como o Cultura 24, un programa co que a Concellaría de Cultura procura levar a actividade cultural e de lecer ás 24 parroquias do municipio, dinamizando os centros culturais e o propio tecido creativo da vila.

As casas culturais que recibirán unha axuda son as seguintes: Centro cultural Xinzo, Centro cultural Cotarel (Arnoso), Casa cultural de Areas, Centro cultural de Guláns, Casa cultural Antorcha (Cristiñade), Casa cultural de Angoares, Casa cultural de Moreira, Centro cultural de San Mateo, Centro cultural de Ribadetea, Centro cultural de Cillarga, Centro cultural Irmáns Barcia (Padróns), Casa cultural de Bugarín, Casa cultural de Prado, Centro cultural de Fozara, Casa cultural de Arcos, Centro cultural de Cumiar, Centro cultural de Guillade, Centro cultural Os Muíños de Oliveira e Centro cultural de Celeiros.

O Mercado de Sabarís retoma as exposicións co fin de dinamizar Sabarís

0

Uns meses despois da súa inauguración, e tras acoller actividade cultural durante todo o verán ao abeiro da programación “Baiverán”, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, o Mercado de Sabarís retoma as exposicións coa mostra colectiva do Grupo Galeoska.

As persoas interesadas poderán visitar a exposición de pintura, fotografía e escultura “ Do pensamento grupal á creación individual” ata o 15 deste mesmo mes, en horario de luns a venres de 17:00- 20:00 h e os sábados e domingos de 11:00-14:00 h e de 16:00-20:00 h.

As seguintes exposicións que ocuparán o espazo serán a de María Xosé Bravo, con técnicas mixtas, oleo, acrílico e acuarela e a de Francisco Javier Sola, con fotografías de viaxes e retratos. Poderase gozar destas mostras do 16 ao 30 de outubro en horario de luns aberto 18:30-20:00 h e os sábados e domingos de 11:30-13:30 h e de 18:00-20:00 h.

O Concello de Baiona organiza este outono actividades culturais en diversos espazos públicos co obxectivo de dinamizar a vida da localidade, contribuír á reactivación económica.

O alcalde explicou que “queremos que Baiona siga tendo a actividade cultural que nos caracteriza máis aló do verán, pero, á vez, fixemos un importante esforzo por adaptar cada unha delas ás circunstancias actuais e que sexan completamente seguras”. Neste sentido, comentou que “se apostou por organizar eventos que se celebrarán en distintos puntos da localidade–Multiusos-Mercado de Sabarís, Auditorio V Centenerio…- e en cada un cumpriranse estritamente todos os protocolos actuais”.

En referencia á programación en sí, Gómez Prado explica que “como sempre, buscamos que o noso aceno de identidade sexa a variedade, de modo que podamos ofrecer un calendario de eventos atractivos a calquera persoa, con independencia da súa idade, os seus gustos ”.

As actividades son organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixido por Miriam Costas Iriarte.

A Clásica Álvaro Pino, un éxito absoluto

0

Este domingo 3 de outubro, celebrouse a 6ª edición desta marcha ciclodeportiva ‘Clásica Álvaro Pino’, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolvéronse polas estradas do municipio da Cañiza.

O percorrido pola Cañiza iniciouse subindo ao Alto de Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806m), pasando pola Praza Maior para o primeiro avituallamento, Achas, Parada, Luneda (onde estaba marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e A Franqueira.

Sobre as 11:30h a Praza Maior da Cañiza converteuse no centro de avituallamento. Durante máis de media hora repartíronse 400 bocadillos do mellor xamón da Cañiza a todos os participantes.

Segundo manifestou o alcalde Luis Piña “qué mellor xeito de agradecer á organización por ter escollido A Cañiza para formar parte do trazado da Marcha, que agasallando aos ciclistas  co noso mellor manxar: o xamón da Cañiza. Abandeirado da nosa oferta gastronómica”.

O alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer a colaboración dos xamoneiros da Cañiza que donaron gratuitamente todo o xamón para esta proba. Xamonerías “Os do Resero”, “Pirri”, “Piri-Piri”, “Kenia”, “Paradanta” e “Área de Servicio Repsol de A Cañiza”.

O centros escolares de Nigrán, exemplo de sustenibilidad no primeiro encontro nacional de ‘Teachers for the Future’

0

Os colexios públicos de Nigrán serviron de exemplo de boas prácticas en termos de políticas de sustentabilidade esta fin de semana en Madrid no primeiro encontro nacional de ‘Teachers for the Future Spain’ (colectivo de docentes coordinado pola profesora do CEIP de Mallón Miriam Leirós que traballa sen ánimo de lucro en campañas educativas sobre o cambio climático, organizando accións e actividades dirixidas a conseguir a sustentabilidade dos centros educativos e a súa contorna). Así, o Concello de Nigrán e TFF Spain, a través da arquitecta Rocío Castelo como parte do seu traballo práctico no Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo, levaron a cabo un estudo en oito centros escolares do municipio cuxo bo resultado foi exposto no Real Jardín Botánico de Madrid.

“Que os colexios públicos de Nigrán sirvan de exemplo para os docentes de todo o país polas súas boas prácticas medioambientais e de concienciación é un gran orgullo para este Concello porque significa que estamos a facer as cousas ben, na liña dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; de feito, traballamos activamente con TFF Spain e defendemos proxectos vangardistas en todo o país como os futuros Bosques-Escola nos coles de Camos e Vilariño ou a instalación dunha cociña propia no CEIP Humberto Juanes desde onde se subministrarán os menús a todos os coles”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, responsable ademais de implantar a Axenda 2030 no municipio.

Así, Castelo analizou a xestión dos colexios de Nigrán, os residuos, a alimentación, a mobilidade, o consumo, a contorna escolar e o currículo e a conclusión foi que o nivel de concienciación ambiental é medio-alto. Por este motivo, o propio estudo foi proposto neste encontro como referencia para planificar e implementar melloras na xestión ambiental escolar. Os centros teñen un impacto no ecosistema que se evidencia no cálculo da pegada de carbono e o obxectivo primordial de TFF Spain é que todos se transformen en lugares de custodia e coidado do medio ambiente en liña coa consecución dos obxectivos da Axenda 2030 (A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura distingue a Educación para o Desenvolvemento Sostible como parte integral do cuarto Obxectivo de Desenvolvemento Sostible, relativo á educación de calidade, e unha facilitador clave dos restantes obxectivos).

Bosque escola de Camos

“O papel dos centros educativos resulta fundamental na introdución da sustentabilidade para facer fronte aos desafíos ambientais e climáticos e constituírse como motores de cambio da sociedade”, engade Castelo.

O seu estudo inclúe imaxe das diferentes iniciativas para promover a reciclaxe nos colexios, das hortas escolares creadas nos últimos anos coa colaboración do Concello e doutras medidas de ‘naturalización’, dos camiños escolares seguros para promover os desprazamentos a pé ou en bicicleta, da propia eficiencia enerxética da infraestrutura, do currículo impartido, etc.

O Concello do Rosal implícase cunha sociedade máis xusta e sostible

0

O pleno do Concello do Rosal aposta por un mundo mellor e polo desenvolvemento sostible do municipio e da sociedade en xeral. Todas as forzas políticas representadas aprobaron por unanimidade a incorporación á Axenda 2030 que impulsa a ONU, unha serie de obxectivos que constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas de todo o mundo cando remate esta década.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, explica que o ámbito municipal é “imprescindíbel” para a consecución destes obxectivos. Por iso, o Concello recoñece que a Axenda 2030 “debe ser unha referencia fundamental para nós, a veciñanza e as comunidades locais para traballar pola erradicación da pobreza, o acceso á auga, a equidade,  un urbanismo inclusivo e sostible, a loita contra o cambio climático… e tantas outras tarefas que forman parte da xestión diaria das políticas públicas de proximidade.

Aprobada esta declaración institucional o Concello do Rosal xa comezou a traballar no establecemento dunha alianza de todos os grupos políticos e de todas as áreas e servizos do municipio para atopar os campos prioritarios de actuación no municipio, e tamén para trasladar o coñecemento e implicación destes obxectivos á sociedade civil, facéndoa participe do proceso, activando e potenciando diversos mecanismos de participación cidadá.

A incorporación a Axenda 2030 é un paso máis da estratexia do Concello para facer do Rosal un municipio “sostible e inclusivo” con distintas intervencións de relevancia, como a recuperación de espazos para as persoas, a mellora no saneamento e abastecemento de auga, o reforzo do comercio local, a conservación da educación rural… e outras moitas accións que se están a desenvolver nos últimos anos.

A ponteareá Iria Lemos, bronce na Copa de España de natación en augas abertas

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere trasladar os parabéns do goberno local a Iria Lemos, do Club Natación Ponteareas, que vén de completar unha intensa e brillante semana na que acadou importantes logros tanto para a natación ponteareá como para a española.

A deportista comezaba esta boa racha en Málaga conseguindo medalla de bronce nos 5km na categoría infantil na etapa final da Copa de España de augas abertas. A semana remataba competindo como parte do equipo español de natación de augas abertas na Mediterranean Open Water Swimming Cup na localidade chipriota de Larnaca, onde o equipo acadou a primeira posición feminina conxunta. Lemos quedou en quinta posición despois dunha proba de 5km moi disputada.

Estes resultados reflicte “o enorme traballo que fan cada día as nadadoras e nadadores do club ponteareán nos adestramentos. Parabéns a Iria Lemos a todo o ao club, que está a desenvolver un gran traballo na formación de novos valores deportistas”.

A unidade móbil de doazón de sangue visita Nigrán o venres 8 e o sábado 9 de outubro

0

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos visitará o concello de Nigrán este mes de outubro. O vindeiro venres 8 e sábado 9, un autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Concello de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas, o venres, e de 10.00 a 15.00, o sábado, para todas aquelas persoas que queiran acudir a doar.

Aínda que o persoal das unidades móbiles fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e tecidos lembra que para doar sangue hai que almorzar se se acode pola mañá e, se se vai pola tarde, agardar dúas horas despois de xantar para facer a doazón. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

A Deputación lanza a sexta edición dos premios Sofía Novoa

Os alumnos que realizaran Traballos Fin de Grao ou Fin de Máster que integren a perspectiva de xénero teñen ata o 15 de outubro para presentarse á sexta edición dos Premios Sofía Novoa, impulsados pola Deputación de Pontevedra, galardóns que teñen como obxectivo que, dende o coñecemento, a investigación e o análise, se incorporen os principios de igualdade nos traballos académicos para avanzar en beneficio do progreso e benestar do conxunto da sociedade.

Ao igual que en edicións anteriores, este ano haberá un máximo de tres galardóns por categoría -dous premios e un accésit- que repartirán un total de 5.200 euros entre traballos realizados no curso pasado nos campus que a Universidade de Vigo ten na provincia. O alumnado interesado en participar na convocatoria deberá presentar as súas solicitudes a través da sede da Deputación (https://sede.depo.gal) e estas serán avaliadas de xeito anónimo por un xurado, que analizará aspectos como a calidade dos traballos, a relevancia e carácter innovador da súa temática e metodoloxía ou a aplicabilidade práctica das súas achegas.

Con esta convocatoria a Deputación tamén recoñece a figura de Sofía Novoa, unha muller silenciada pola historia pero cun grande compromiso coa cultura, especialmente ligada ao mundo da música. Esta viguesa foi unha pedagoga que loitou para que as mulleres puideran ocupar os espazos públicos e tamén unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres.

Movemento Salceda fai un balance positivo dos primeiros 100 días sen alcaldía

O pasado 15 de xuño Loli Castiñeira dáballe paso na alcaldía a Verónica Tourón, dando cumprimento así ao pacto de goberno alcanzado co PSOE para esta lexislatura. A ata entón alcaldesa pasou a ocupar a tenencia de alcaldía, asumindo ademais a área de vías e obras, que se sumou ás que xa ostentaba ata entón: persoal, igualdade e coordinación de proxectos.

Para a formación local, estes primeiros cen días dende o relevo ofrecen un balance positivo, con un bipartito unido traballando man a man polo beneficio da veciñanza de Salceda. En palabras de Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda, “Como non podía ser doutro xeito, o cambio de alcaldía non supón un cambio de rumbo, senón que ámbolos dous partidos continuamos a traballar nos proxectos iniciados na anterior etapa, sen que un cambio na persoa que ocupa a presidencia supoña ningún xiro nas políticas de esquerdas que se están a levar a cabo xa dende o 2007, e que seguen a transformar a Salceda que tanto queremos”.

Dende Movemento Salceda teñen claro que o feito de non ter a alcaldía non supón unha menor responsabilidade no goberno, lembrando que das catro persoas que forman o grupo municipal, ademais das mencionadas áreas da tenente de alcaldesa,  dependen outras fundamentais como as de facenda, réxime interior, seguridade e tráfico, cultura, patrimonio, festexos, parques e xardíns ou servizos municipais, ademais da coordinación de proxectos que segue a depender de Loli Castiñeira e que engloba as iniciativas da totalidade do grupo de goberno. O pacto de goberno asinouse para a lexislatura completa, e por parte de Movemento Salceda cumprirase escrupulosamente ata o último día.

Deste xeito, dende Movemento Salceda asúmese este novo papel no goberno do que xa se cumpriron os cen primeiros días “sen levantar o pe do pedal, e traballando con toda a entrega con independencia de quen ocupe o posto da alcaldía”.

Loli Castiñeira, voceira de MS e tenenta de alcaldesa: “a veciñanza de Salceda sabe que seguimos estando á súa enteira disposición, e que poden seguir acudindo a nós para todo aquelo no que poidamos botarlles unha man. Os nosos teléfonos están dispoñibles as 24 horas, e as nosas portas abertas sempre que se precise”.

Ponteareas insta á Xunta a dar unha solución ao saneamento de Ribadetea

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, remitiu un escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esixíndolle aclaracións e solucións diante do incumprimento dos seus compromisos e promesas en relación ao saneamento da parroquia de Ribadetea. A misiva é consecuencia da reunión mantida recentemente pola rexedora municipal cos representantes da plataforma veciñal desta parroquia ponteareán creada para reivindicar a dotación desta infraestrutura básica.

A alcaldesa lembra que Ribadetea é a parroquia de maior poboación de entre as que carecen aínda de saneamento. Tan só as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, así como algúns barrios de varias parroquias máis dispoñen deste servizo elemental. No ano 2015 o daquela alcalde Xosé Represas abríu unha interlocución coa Xunta de Galicia para contar coa súa colaboración coa finalidade de dotar de saneamento a Ribadetea. A petición amparábase na existencia doutras actuacións semellantes acometidas e financiadas dende a Consellaría noutros concellos.

Cristina Fernández lémbralle á Conselleira Ethel Vázquez que “tras numerosos contactos e reunións se obtivo un compromiso da Xunta que, toda a veciñanza e o noso goberno, considerabamos era firme: realizar un anteproxecto completo e un posterior proxecto de execución e, finalmente, colaborar na financiación das obras achegando a Xunta o 80% do investimento”. Desas conversas e compromisos foi tamén coñecedora a veciñanza a través da Plataforma de Saneamento de Ribadetea que participou neses encontros.

Porén, a alcaldesa explica que “nas conversas telefónicas e por videoconferencia mantidas nos últimos tempos con responsabeis da Consellaría atopámonos cunha negativa a avanzar nos compromisos acadados, xustificándoa na imposibilidade de obter os permisos correspondentes da Confederación Hidrográfica do Miño Sil por carecer a EDAR de Ponteareas de dimensión para o tratamento de máis vertidos”. Cristina Fernández aclara que “este impedimento, que non era incompatíbel con avanzar na redacción do proxecto, está superado tralo acordo entre o Estado, a Xunta e o Concello para cofinanciar e executar antes de 2023 a ampliación da EDAR”.

Segundo a rexedora municipal nos últimos meses a Consellería ten transmitido ao Concello a súa falta de disposición a abordar a redacción do proxecto e a cofinanciar a obra. O Concello e a plataforma veciñal consideran que “a Xunta de Galicia mudou a súa posición e agora non ten vontade de cumprir aqueles compromisos”. Cristina Fernández lémbralle a Ethel Vázquez que “o saneamento de Ribadetea non pode agardar máis” e pídelle á Conselleira que de xeito “formal e de maneira documentanda” informe ao concello sobre se a Xunta está disposta a asumir a redacción do proxecto e confinanciar as obras nun 80% e en caso afirmativo en que prazo se redactaría o proxecto. Para o caso que non exista tal disposición, a alcaldesa esixe á Xunta que aclare se está disposta a cooperar co Concello dalgún xeito tanto na redacción do proxecto coma na execución das obras.

A alcaldesa sinalou que “por respecto e lealdade institucional agardamos unha resposta da conselleira á maior brevidade posible para que este goberno poida tomar as súas decisións e dotar de forma prioritaria á parroquia de Ribadetea de saneamento”.

As Neves pon en marcha un portal inmobiliria público que facilita a venda e alugueiro de vivenda

0

O Concello das Neves vén de poñer en marcha un portal inmobiliario público, vivenasneves.gal, que ten coma obxectivo impulsar a “recuperación de poboación”, facilitando que aquelas persoas que o desexen, podan atopar vivenda nas Neves, en venta o en alugueiro.

Como sinalaron o alcalde, Xosá Manuel Rodríguez, e o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, esta nova plataforma forma parte da filosofía de #ViveNasNeves, un proxecto impulsado polo Goberno local neste mandato, que quere “amosar e impulsar as ventaxes de vivir no noso concello”, o seu atractivo cultural, e natural, servizos, oferta educativa en todos os niveis o a súa proximidade ás dúas grandes cidades do noroeste peninsular: Vigo e Oporto.

Vía Internet, visita presencial, por correo electrónico e tamén por WhatsApp

vivenasneves.gal facilitará o contacto, “dun xeito ordenado” entre aquelas persoas que queren atopar casa nas Neves e ás que a están buscando. Para iso conta cunha nova oficina, situada no edificio do Mercado Municipal, que estará aberta de 10:00 a 14:00h; o propio portal web, vivenasneves.gal; un enderezo electrónico no que será posible pedir cita, [email protected], e un teléfono, o 604 045 298, no que é posible facer, tamén consultas e solicitar e ofrecer información, tanto chamando directamente como por WhatsApp, incluindo fotos do inmoble que se queira poñer en aluguer o en venda.

Na actualidade hai xa unha “bolsa considerable” de ofertas que permitiron que a plataforma botase a andar con máis de 40 propiedades (casas, chalets, pisos, fincas, naves, áticos e oficinas) á disposición de particulares interesados en trasladarse ás Neves, axencias inmobiliarias e empresas que busquen locais nos que establecerse.

Cómo publicar unha oferta en vivenasneves.gal?

Os trámites son moi doados: hai que darse de alta na plataforma e seguir os pasas para publicar o teu inmoble. Unha vez rexistrado/a calquera persoa pode ver e editar o seu ‘anuncio’, accedendo ao seu perfil e facendo os cambios que queira.

Tamén é posible enviar por correo electrónico o formulario que se atopa na web e dende vivenasneves.gal incluirán directamente a propiedade que quere venderse ou alugarse.

As socialistas de salceda analizan os 100 días de alcaldía socialista

O pasado 15 de xuño, Verónica Tourón accedía á alcaldía de Salceda de Caselas, converténdose na primeira alcaldesa socialista da nosa localidade, despois do acordo alcanzado nas pasadas eleccións municipais. A executiva socialista fai un repaso deste feito pasados os 100 primeiros días.

A chegada á alcaldía de Verónica Tourón, foi froito do traballo realizado nos últimos anos, por Grupo Municipal Socialista na defensa da veciñanza ”e nesa liña continuaremos gobernando”.

A infancia e a mocidade é fundamental na liña de traballo, por ese motivo existe por primeira vez una concellería de infancia e céntrase o traballo na busca de máis facilidades para as e os estudantes, así como na promoción de actividades de lecer e apoio ás familias. O crecemento da poboación infantil e moza fixeron que as instalacións non sexan suficientes tampouco no eido deportivo, para paliar esta deficiencia, ademáis de inversión búscanse convenios con outras entidades e concellos.

O rural e o medio ambiente e outro dos eixos de actuación para mellorar a calidade de vida da veciñanza. A recollida selectiva de residuos e mantemento das zonas rurais foi un dos primeiros focos de atención, así como a mellora do rural e o saneamento, na medida das posibilidades orzamentarias.

No que se refire o emprego, a nosa alcaldesa aposta pola formación como mellor xeito de mellora da empregabilidade e aumentar asi as oportunidades das persoas desempregadas, o Obradoiro de Emprego Sustentable ou o próximo Plan de Formación Municipal así como a mellora das instalacións do CDL son exemplos claros que definen as prioridades. A aposta polo comercio e hostelería é outra das vías elixidas pola alcaldesa para a dinamización da vila e a creación de emprego. Nos últimos días presentouse a marca comercial e as axudas directas ás pemes, comercio e hostelería.

A voz da veciñanza, conseguir que o goberno municipal sexa a caixa de resonancia das necesidades forma parte tamén da planificación da nova alcaldía e a primeira xuntanza de organización do Consello Veciñal xa tivo lugar fai uns días.

En infraestruturas as liñas están claras: continuamos centrándonos no aproveitamento dos recursos existentes a través do Plan de posta en valor das edificacións municipais como os proxectos de rehabilitación do Centro Social A Devesa, piscinas municipais e recuperación de aulas ou casas do mestre nas parroquias, podendo poner así en marcha novos servizos. Así como a mellora de estradas e camiños municipais no rural e neste sentido xa mantivo xuntanzas tamén con otras administracións para a procura de financiación e de mellora doutros viais.

Un dos puntos máis importantes é o Plan Xeral, para mellorar a calidade de vida (infraestructuras, servizos públicos, etc.). As socialistas son conscientes da imposibilidade de aprobar un PXOM nunha soa lexislatura pero están a centrarse na planificación dos traballos de actualización da planimetría e cartografía e ir avanzando na súa posta en marcha. Esta será a oportunidade para ter una vil amáis moderna, sostible e amable coas persoas.

A Policía Local de Mos renova e amplía o seu parque móbil con vehículos ECO

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local, Gerardo Álvarez, anunciaron esta mañá que o Concello ven de coñecer a resolución favorable dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, por importe de 33.152 euros, para a adquisición mediante renting dun novo vehículo para a Policía Local mosense.

As características técnicas do novo vehículo son: híbrido non enchufable con etiqueta ECO, modelo ‘Suv’ todo camino, 5 prazas.

Un novo coche que forma parte da renovación e ampliación do parque móbil policial mosense, apostando pola mobilidade sostible e a reducción de emisións contaminantes.

Hai un ano que o Concello de Mos adquiría para a Policía Local con fondos propios outro coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido, e unha furgoneta totalmente equipada para atestados, contando tamén con subvención da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.

O Concello de Mos está a apostar por renovar e ampliar o parque móbil da Policía Local para cubrir as necesidades operativas e de autonomía da Policía, posto que debido á gran dispersión poboacional pode ter que realizar ao día máis de 400 quilómetros para atender as diferentes necesidades e denuncias veciñais. Polo que precisan de vehículos de baixo consumo.

A Policía Local de Mos, contará en diante, coa incorporación deste novo coche híbrido, dun parque móbil dotado de 5 vehículos: 3 turismos, 1 furgón de atestados e 1 moto (tamén subvencionada pola consellería de Presidencia da Xunta); xa que con esta nova incorporación aproveitarase para retirar e dar de baixa os 2 coches máis antigos, en aras de apostar pola loita contra o cambio climático reducindo a emisión de CO2 mediante a utilización de vehículos ECO con consumo ecolóxico.

Presentación sobre o futuro plan de mellora do abastecemento autónomo en Oia dirixida ás traídas veciñais

0

O Centro Sociocultural de Pedornes acollerá, o próximo 6 de outubro, unha presentación dirixida a persoas usuarias e representantes de traídas veciñais na que se dará a coñecer o proxecto para a posta en marcha dun Plan Municipal de Mellora do Abastecemento Autónomo, no que actualmente xa se está a traballar.

A xuntanza se desenvolverá entre ás 18.30 e as 19.30 horas e será un acto previo ao inicio dos traballos de campo que se van desenvolver no marco do antedito plan. O encontro consistirá nunha presentación sobre os plans municipais de abastecemento autónomo, así como unha posta en común coa veciñanza.

Dende o Concello convocouse ás directivas para asistir a dita reunión, non obstante, calquera persoa usuaria interesada poderá asistir, chamando previamente ao teléfono 986362125 ou 639329493.

Plan Municipal de Abastecemento Autónomo

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa que a Xunta está a desenvolver en materia de abastecemento autónomo en municipios de menos de 5.000 habitantes, e para o que Oia foi seleccionada xunto con outros 5 concellos galegos.

O obxectivo destes plans é dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable fóra das súas redes municipais e para que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as accións de mellora neste ámbito. Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezaron o pasado mes de xullo e a elaboración dos plans ten uns 18 meses de duración, polo que se estima o seu remate en decembro de 2022.

Anxo Moure presenta o contacontos “Pes de Lobo. Un lobo na biblioteca” este mércores en Tui

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui continua desenvolvendo a súa programación de actividades do “Mes da biblioteca” cunha nova sesión de contos para os usuarios máis cativos deste centro bibliotecario. Así este mércores, 6 de outubro, ás 18 h presenta o espectáculo “Pes de lobo. Un lobo na biblioteca” a cargo do narrador oral Anxo Moure. Esta actividade está dirixida especialmente aos nenos e nenas con idades entre 4 e 11 anos de idade. Os interesados en participar deben inscribirse no presencialmente na Biblioteca Municipal de Tui ou no seu correo electrónico [email protected].

Anxo Moure leva dende o ano 1989 contando historias solidarias coa terra e coas persoas que a habitan, escribindo estas historia e sendo un dos referentes da narración oral en Galicia.

Nesta ocasión o contacontos Anxo Moure transfórmase nun vello home lobo da Serra do Faro, no centro de Galicia, para levar as nenas e nenos da biblioteca ate o mundo da fauna e da flora dos parques naturais de Galicia, nunha aposta polo coñecemento da contorna con apoio de esculturas de Lomarti, artesanías de Martola, Paz Castro, Brais Moure, pegadas de loba en arxila e ouveos de loba.

Este espectáculo que promove o que deben facer os nenos e nenas no seu día a día para salvar o bosque dos contos. Como sempre un xeito moi ameno de aprender valores tan importantes como o respecto e o coidado do noso planeta.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, con esta nova proposta de animación á lectura a Biblioteca Municipal tudense continua avanzando na súa programación arredor do “Mes do libro” cun abano amplo de propostas para todas as idades, que contribúan a facilitar un achegamento ao mundo do libro e a lectura dun xeito divertido e que busca a consolidación dos hábitos lectores entre a poboación tudense.

Gondomar completou a II edición do Camiño de Irmandamento en bicicleta coa vila homónima de Portugal

0

Preto dunha treintena de persoas, entre participantes, organización, equipo de apoio e loxístico, participaron na II edición do Camiño do Irmandamento, que regresou á estrada tras un ano de ausencia por mor da pandemia. O domingo chegaban a vila irmá onde eran escoltados na entrada por axentes da policía local e recibidos por representantes políticos na Cámara Municipa lusa.

“Cando hai dous anos puxemos en marcha o Camiño do Irmandamento foi coa vocación de convertelo nun roteiro habitual e nun referente, e por iso, unha vez relaxadas as medidas da pandemia poñémonos en marcha de novo nesta segunda edición”, afirmou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, quen, do mesmo xeito que na anterior edición, acompañou ao pelotón de veciños e veciñas que se sumaron a este roteiro cicloturista ata o país veciño.

Un total de 18 participantes, acompañados por un equipo técnico e de apoio loxístico, dábanse cita este sábado ás 9:00 da mañá na Praza de Paradela, punto de saída da primeira
etapa, un percorrido de 85 quilómetros, pasando Tomiño para cruzar a ponte internacional e desde Vilanova de Cerveira continuar ao longo da N-13 pola costa ata Esposende, pernoctaron.

A segunda etapa, o domingo 3 de outubro, cubriron a distancia restante ata a homónima Gondomar, cun total de 60 quilómetros, que transcurriron por Póvoa de Varzím, Vila do Conde, O Porto, e, finalmente, a Cámara Municipal de Gondomar onde o grupo foi acompañado na súa entrada por axentes de policía local en bicicleta ata a Cámara Municipal gondomareña onde os representantes políticos deron a benvida os integrantes desta II edición do Camiño de Irmandamento Gondomar-Gondomar.

O regreso, como na súa primeira edición, realizouse en vehículos homologados para o transporte das bicicletas, estimándose a hora da chegada á Estación de autobuses do municipio galego ás 18.00 horas do mesmo domingo día 3 de outubro.

Manuel Lorenzo e Rocío Rodríguez soben ao máis alto do podio da 15k Atlántico Banco Mediolanum

0

A 15K Atlántico Banco Mediolanum contou este ano no alto do podio con Manuel Lorenzo, na categoría masculina, e a Rocío Rodríguez Oliveira, na feminina, como os gañadores dunha proba na que participaron máis de 500 atletas, o número máximo permitido polos controis sanitarios vixentes. Foron quince quilómetros entre Oia e A Guarda, con paso polo Rosal. A carreira é xa unha tradición con oito edicións xa disputadas. Despois dun período de dúbidas, a súa celebración supón un novo paso para a normalidade deportiva. Ademais, tamén realizou unha marcha na que participaron 100 persoas.

Manuel Lorenzo López foi o que presentouse primeiro na liña de chegada no incomparable marco do paseo do Porto da Guarda, escenario habitual para instalar a meta. O gañador tivo en Iván Docampo González, que ocupou a segunda posición, ao seu principal opoñente. Óscar Bernárdez Carballo foi terceiro y completou o podio. Jordi Carrasco e Juan Outón foron cuarto e quinto, respectivamente.

Na categoría feminina foi Rocío Rodríguez Oliveira a que proclamouse campioa. Superou a Uxía Fernández García, que ocupou o segundo lugar na clasificación. Ana Alonso García foi terceira. A continuación entraron Belén Bascoy Cao e Sandra Fernández Yáñez. 

Na presente edición participaron máis de 500 deportistas e estableceuse un estrito control sanitario. Programáronse saídas en grupos cada 30 segundos. O mosteiro de Oia foi o lugar, tamén tradicional, onde iniciouse a proba. Os 15 quilómetros habituais cambiaron algo o seu percorrido, pero sen grandes sorpresas. Os atletas pasaron polo Rosal ata chegar á Guarda. Os tres concellos apoiaron a proba co seu apoio, tal como aconteceu en edicións anteriores.

Ademais de estar consolidada como un referente e ao mesmo xa se pode considerar emblemática, tamén serve para promocionar o Camiño Portugués pola Costa, que nos últimos meses adquiriu unha gran importancia co gran número de peregrinos que o utilizan.

La 15k Atlántico Banco Mediolanum tamén amosou o seu lado máis solidario. A través do programa Mediolanumaproxima, que axuda a coñecer ás ONGS locais, colaborou con Bicos de Papel, asociación que axuda aos nenos oncolóxicos. Búscase favorecer o seu apoio escolar aos xoves que deben estar ingresados no hospital por esta enfermidade. En cada inscrición realizouse unha doazón dun euro e tamén creouse unha fila cero. Con todo elo e a aportación da Fundación Banco Mediolanum chegouse á cantidade de 10.000 euros. A Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Supermercados Froiz tamén colaboraron para que a xornada fora un éxito. O bo tempo acompañou á competición. “Za nos apetecía desfrutar”, dixeron moitos dos participantes. A próxima edición xa está en marcha.

A Concellería de Igualdade pon en marcha o programa “Mulleres en rede” para fomentar o empoderamento da muller no rural

0

Buscar o empoderamento da muller no medio rural como medio para acadar unha igualade real, entre homes e mulleres”. Así define a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o programa Mulleres en rede, unha actividade participativa e interactiva posta en marcha pola Concellería de Igualdade e que, en marzo de 2020 a poucos días do seu inicio, tivo que ser aprazado pola entrada en vigor do estado de alarma decretado por mor da pandemia da Covid.

O programa, que comezará este vindeiro martes, 5 de outubro ás 17 horas, no Centro Cultural A Miñoteira de Ventosela coa primeira das cinco sesións das que consta a iniciativa para, posteriormente, desenvolverse por todas e cada unha das parroquias redondelás.

“Se a desigualdade aínda é algo evidente na nosa sociedade –asegura a alcaldesa redondelá– esta deixase sentir especialmente no medio rural polas propias características que esas zonas teñen na vida das súas xentes”.

Mulleres en Rede é, fundamentalmente, un obradoiro interactivo e de participación. Comezará cunha xornada de convivencia na que, logo da presentación do proxecto e dos seus obxectivos e de presentación das participantes, pasaráse a elaboración dun ‘mural colaborativo’, un papel continuo en branco no que baixo o título A discriminación das mulleres no ámbito rural, título que pode tamén variar atendendo ás suxestións que presenten as participantes, estas expresarán as súas reflexións, tanto individuais como en grupo, sobre temas como poden ser as discriminacións de trato que sofren as mulleres rurais con respecto ás mulleres das cidades.

Mulleres en Rede supón, para Iria Lamas, concelleira de Igualdade “poñer sobre a mesa os problemas específicos que en materia de igualdade afectan ás mulleres do noso rural e difiren bastante das situacións ás que se teñen que enfrontar aquelas que viven nas cidades”.

“É imprescindible –afirma a concelleira– que a sociedade tome conciencia do imprescindible papel da muller en case todos os ámbitos e, para iso, é preciso contar con programas como este que fomenten o empoderamento das mulleres no camiño á igualdade, o único xeito de construír unha sociedade xusta e decente”.

Obradoiros para prevención da Violencia de Xénero

O proxecto Mulleres en Rede tamén poñerá en marcha unha serie de obradoiros para a prevención da Violencia de Xénero “unha das peores lacras que ten a nosa sociedade” coinciden en afirmar Digna Rivas e Iria Vilaboa.

“Non se trata de charlas –explica Iria Vilaboa– senón de actividades dinámicas que se desenvolven a través da participación activa das mulleres con xogos, música, lectura de noticias ou traballos creativos, entre outros”.

Os obradoiros constan de tres módulos:

  • MÓDULO I: Introdución da perspectiva de xénero e interseccional con especial atención as mulleres rurais.
  • MÓDULO II: A violencia de xénero e as súas manifestacións.
  • MÓCULO III Prevención e mecanismos de protección ante as violencias de xénero: a figura da mediadora en violencia de xénero.

Todas e cada unha das actividades de Mulleres en Rede, insiste a concelleira de Igualdade, “están pensadas como iniciativas dinámicas, de participación, de intercambio de experiencias e de propostas das participantes, os mellores xeitos para ir dando pasos cara a igualdade e á xustiza social”.

Os populares de Arbo presentan unha moción no pleno para a rebaixa do prezo da luz

0

Ante a inquedanza trasladados por veciños de Arbo, o partido popular de Arbo presentaba unha moción para instar ao goberno de España a adopción de medidas para a rebaixa do prezo da luz.  

Nas primeiras semanas do ano 2021 o sistema eléctrico experimentou un encarecemento substancial dos prezos. O pasado 1 de xuño entraba en vigor o novo modelo de factura eléctrica para os case 11 millóns de consumidores españois acollidos ao PVPC (Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor). Daquela o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico animaba aos consumidores a trasladar o consumo de enerxía eléctrica das horas punta aos tramos chan e val (os de menor demanda).

Unha subida desbocada do megavatio hora que impacta de maneira moi especial nos colectivos máis vulnerables – aumentando o risco de pobreza enerxética – e naqueles autónomos, pemes e empresas que non teñen capacidade para adaptar a súa actividade aos novos tramos horarios, e do que o goberno de Arbo, estase facendo eco a través das queixas dos arbenses  e aos que con esta moción queren mostrar o seu apoio

No acordo plenario do pasado 27 de setembro de 2021 cos votos a favor do PP de Arbo e a abstención do Grupo Agrelar, o concello de Arbo insta ao Goberno de España a eliminar o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7%, modificando a Lei 15/2012, de 27 de decembro de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética, a modificar a Lei 24/2013, do Sector Eléctrico para que, entre outros aspectos, determinados custos regulatorios que se trasladan á factura eléctrica (débeda do sistema eléctrico e custos extrapeninsulares) sexan financiados integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, a  modificar a Lei 37/1992, do Imposto sobre o Valor Engadido para facer  permanente a rebaixa do IVE da electricidade do 21 ao 10%, a impulsar o descenso da factura eléctrica a través da revisión dos tramos horarios, a  ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario do Pequeno Consumidor (PVPC) ata potencias que iguais ou inferiores a 15 KW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao Bono Social Eléctrico e a loitar contra a pobreza enerxética entre os consumidores máis vulnerables, establecendo axudas específicas para o pagamento de facturas e asumindo o 100% dos custos para evitar o corte da subministración eléctrica.

Polos servizos municipais do Concello de Arbo, xa foron trasladadas nesta semana o acordo ao Goberno de España.

A Deputación lanza novas accións formativas do proxecto “Labora 2020” na Guarda

0

A Deputación de Pontevedra pon en marcha entre este mes de outubro e novembro novas accións formativas presenciais e gratuítas no marco do proxecto “Labora 2020”, que se desenvolverán nos concellos de Pontevedra, Vigo, A Guarda, Cangas e Lalín. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está destinado á inserción das persoas máis vulnerables e ten por obxectivo mellorar a formación e a empregabilidade na provincia.

En concreto, o programa está dirixido a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que pertenzan a colectivos vulnerables (persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas ou comunidades marxinadas e outros colectivos desfavorecidos.

Este mes de outubro comeza o itinerario formativo de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, nos concellos de Pontevedra e Vigo. Trátase dunha acción de 632 horas e que permitirá ás persoas beneficiarias formarse para traballar como auxiliares de axuda a domicilio, asistentes de atención domiciliaria o como coidadores/as de persoas maiores con diversidade funcional ou persoas convalecentes no domicilio.

En Vigo desenvolverase tamén o itinerario Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, cun total de 482 horas de formación para as ocupacións de coidador de persoas con diversidade funcional e persoas dependentes en institucións. O terceiro dos itinerarios, de Docencia da Formación Profesional para o Emprego, terá lugar nos concellos de A Guarda, Cangas e Lalín, iniciarase en novembro e consta de 412 horas. A actividade permitirá ás persoas beneficiarias converterse en formador/a de FP non regrada e formador/a para o Emprego. As inscricións nestas actividades deben realizarse a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/labora-2020) e as persoas interesadas poden informarse tamén nos teléfonos 986 804 100 (extensión 40846) ou no correo electrónico [email protected].

A Grava & Polbo aproba con nota a súa primeira edición en Gondomar

0

Tras aprazarse un ano pola pandemia da Covid-19, o concello de Gondomar acolleu por fin este sábado a primeira edición da esperada Grava & Polbo. É a primeira vez que se celebra en Galicia unha proba exclusivamente para bicicletas gravel -con guiador curvo ao estilo do ciclismo de estrada de gran fondo, pero con cadro e rodas adaptadas para terreos fose do asfalto- e o certo é que a acollida por parte dos amantes desta modalidade foi máis que positiva. En total, a proba contou con preto de 70 rexistrados vindos de diferentes puntos de Galicia e tamén de Asturias, Cantabria e Portugal.

Eran preto das oito da mañá cando comezaron a chegar os primeiros participantes á Praza Paradela do Concello de Gondomar para prepararse para arrincar a cita. Co obxectivo de evitar aglomeracións no comezo da proba, os participantes contaron con media hora -entre as oito e media e as nove- para cruzar a liña de saída en grupos de dous en dous, momento no que se activarían os chips para a cronometraxe.

Por diante, 100 quilómetros -54 para os que se decantasen por completar o percorrido curto no desvío situado no quilómetro 43- e 2.500 metros de desnivel polas estradas, pistas e carreiros dos montes de Gondomar, Vigo, Mos, Porriño e Tui. A choiva e a néboa non impediron que todos e cada un dos graveleros gozasen ao máximo desta primeira edición de Grávaa & Polbo.

[su_image_carousel source=”media: 46162,46160,46161″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Así, despois de dúas horas e cincuenta e cinco minutos de roteiro, José Carlos Almeida de Jonis Bikes foi o primeiro en chegar á meta de entre os que optaron polo percorrido curto. Por detrás, a trece minutos e medio seguiulle Fernando César Míguez do club Tres Lúas Valdeorras e terceiro foi Nicolás Lorenzo.

Pola súa banda, o pelotón que completou os 100 quilómetros do percorrido fíxoo tamén de forma rápida co primeiro clasificado, Alejandro González do Xtremebike, cruzando a liña de meta cun tempo acumulado de catro horas e nove minutos. O segundo clasificado, Alejandro Fernández do C. C. Cidade de Lugo, chegou once minutos máis tarde mentres que Javier Laredo de Bici Ou Con foi terceiro cun tempo total de catro horas e vinte e catro minutos.

Unha vez terminada a proba, a experiencia continuou cunha dos acenos de identidade da proba: o polbo. A poucos metros da meta os participantes puideron gozar dunha tapa e un refrixerio como broche final da cita.

A primeira edición de Grava & Polbo contou co patrocinio de Mavic, Giant España, Bici O Con e coa colaboración para a organización do Concello de Gondomar. Tamén colaboraron BiciSport, Aguas Mondariz, Frutas Nieves, Crown Sport Nutrition, Ciclismo a fondo, Bike, Pascual, CaffèMoccay, Bifrutas Pascual, SaúdeSport, Raúl Lamarca, Renault Rodosa, Rosquillas Cristaleiro, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.