16.4 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela oferta un curso en liña de iniciación a...

    O Concello de Redondela oferta un curso en liña de iniciación a Lingua de Signos (Nivel A1.1)

    A actividade manterá aberto o seu prazo de inscrición ata o luns 18 de outubro e as clases impartiranse os martes e xoves de 19 h a 21 horas

    O Servizo Municipal de Accesibilidade en Lingua de Signos posto en marcha recentemente polo Concello de Redondela a través da Concellería de Servizos Sociais que xestiona Iria Vilaboa dentro da súa aposta pola integración das persoas xordas e xordocegas, vén de ofertar un curso en liña de iniciación á Lingua de Signos (Nivel A1.1).

    A actividade, que será online é totalmente de balde, terá unha duración total de 30 horas das que 24 terán a condición de sesións lectivas grupais en directo e as seis horas restantes serán de actividades individuais obrigatorias e titorías. O número máximo de participantes por aula é de 14.

    Para poder participar, as interesadas e interesados deberán ser maiores de 18 anos, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Redondela. Dado que o curso é online, as e os participantes deberán dispoñer de ordenador, teléfono ou tableta con cámara dianteira e conexión a internet.

    A actividade desenvolverase os martes e xoves e 19:00 h a 21:00 horas comezando o día 21 de outubro para seguir o 26 e 28 de outubro e o 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de novembro.

    As persoas participantes deberán comprometerse a asistir, como mínimo, ao 80 % das sesións de formación recibindo, as que cumpran o requisito mínimo de asistencia e realicen as actividades propostas polos docentes, un certificado de asistencia. No caso de que a avaliación continua realizada polos docentes se entenda superada, se entregará certificado de aptitude.

    Ao ser unha lingua visual é obrigatorio conectarse coa cámara acesa para poder participar nesta formación. E importante salientar que non se poderán tomar imaxes, nin gravacións de vídeo ou audio, debido á protección dos dereitos de imaxe das persoas asistentes.

    Para inscribirse as persoas interesadas deberán presentar unha solicitude no rexistro xeral do Concello de Redondela, ata o luns 18 de outubro, dirixida á Concellería de Servizos Sociais onde indicará os datos persoais e de contacto. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.