13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas insta á Xunta a dar unha solución ao saneamento de Ribadetea

    Ponteareas insta á Xunta a dar unha solución ao saneamento de Ribadetea

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, remitiu un escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esixíndolle aclaracións e solucións diante do incumprimento dos seus compromisos e promesas en relación ao saneamento da parroquia de Ribadetea. A misiva é consecuencia da reunión mantida recentemente pola rexedora municipal cos representantes da plataforma veciñal desta parroquia ponteareán creada para reivindicar a dotación desta infraestrutura básica.

    A alcaldesa lembra que Ribadetea é a parroquia de maior poboación de entre as que carecen aínda de saneamento. Tan só as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, así como algúns barrios de varias parroquias máis dispoñen deste servizo elemental. No ano 2015 o daquela alcalde Xosé Represas abríu unha interlocución coa Xunta de Galicia para contar coa súa colaboración coa finalidade de dotar de saneamento a Ribadetea. A petición amparábase na existencia doutras actuacións semellantes acometidas e financiadas dende a Consellaría noutros concellos.

    Cristina Fernández lémbralle á Conselleira Ethel Vázquez que “tras numerosos contactos e reunións se obtivo un compromiso da Xunta que, toda a veciñanza e o noso goberno, considerabamos era firme: realizar un anteproxecto completo e un posterior proxecto de execución e, finalmente, colaborar na financiación das obras achegando a Xunta o 80% do investimento”. Desas conversas e compromisos foi tamén coñecedora a veciñanza a través da Plataforma de Saneamento de Ribadetea que participou neses encontros.

    Porén, a alcaldesa explica que “nas conversas telefónicas e por videoconferencia mantidas nos últimos tempos con responsabeis da Consellaría atopámonos cunha negativa a avanzar nos compromisos acadados, xustificándoa na imposibilidade de obter os permisos correspondentes da Confederación Hidrográfica do Miño Sil por carecer a EDAR de Ponteareas de dimensión para o tratamento de máis vertidos”. Cristina Fernández aclara que “este impedimento, que non era incompatíbel con avanzar na redacción do proxecto, está superado tralo acordo entre o Estado, a Xunta e o Concello para cofinanciar e executar antes de 2023 a ampliación da EDAR”.

    Segundo a rexedora municipal nos últimos meses a Consellería ten transmitido ao Concello a súa falta de disposición a abordar a redacción do proxecto e a cofinanciar a obra. O Concello e a plataforma veciñal consideran que “a Xunta de Galicia mudou a súa posición e agora non ten vontade de cumprir aqueles compromisos”. Cristina Fernández lémbralle a Ethel Vázquez que “o saneamento de Ribadetea non pode agardar máis” e pídelle á Conselleira que de xeito “formal e de maneira documentanda” informe ao concello sobre se a Xunta está disposta a asumir a redacción do proxecto e confinanciar as obras nun 80% e en caso afirmativo en que prazo se redactaría o proxecto. Para o caso que non exista tal disposición, a alcaldesa esixe á Xunta que aclare se está disposta a cooperar co Concello dalgún xeito tanto na redacción do proxecto coma na execución das obras.

    A alcaldesa sinalou que “por respecto e lealdade institucional agardamos unha resposta da conselleira á maior brevidade posible para que este goberno poida tomar as súas decisións e dotar de forma prioritaria á parroquia de Ribadetea de saneamento”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.