14.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Programa de Axuda Alimentaria do Ministerio de Agricultura entrega 775 toneladas...

    O Programa de Axuda Alimentaria do Ministerio de Agricultura entrega 775 toneladas de comida á Cruz Vermella

    A subdelegada do Goberno acudiu hoxe xunto a representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Pontevedra á entrega de 387 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria 2021 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

    A subdelegada do Goberno en Pontevedra, María Larriba, desprazouse hoxe ao almacén da Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra, xunto a representantes desta asociación para supervisar o desenvolvemento da segunda fase do Programa de Axuda a Persoas Desfavorecidas 2021, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Alí realizou un balance do programa deste ano, que supuxo a repartición de 1.208 toneladas de alimentos na provincia, que chegaron a máis de 50.000 usuarios e usuarias a través dos bancos de alimentos, Cruz Vermella e organizacións colaboradoras.

    O programa de axuda alimentaria desenvolveuse en dúas fases, unha que tivo lugar en maio e outra que comeza agora. Na primeira fase entregáronse 433 toneladas de produtos alimenticios e o resto, un total de 775 toneladas, comezouse a repartir dende onte. A subdelegada destacou a importante achega do Goberno, que “nesta segunda fase destinará 720.004,20 euros para a compra destes alimentos de carácter básico que beneficiarán a 25.305 persoas en situación de vulnerabilidade”.

    Cruz Vermella e o Banco de Alimentos son os dous centros de distribución da provincia e nesta segunda fase recibirán 387 toneladas de alimentos respectivamente. Ámbalas dúas institucións, xunto a outras 134 entidades colaboradores, son as encargadas de facer chegar os alimentos as persoas con menos recursos. Maica Larriba quixo poñer en valor o traballo destas organizacións e os seus voluntarios e voluntarias, “xa que dan vida e fan posible este programa”. Así mesmo, tamén felicitou aos funcionarios da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación Subdelegación do Goberno, que coordinan e controlan a execución do programa na provincia.

    Por último, a subdelegada reiterou o compromiso do Goberno cos máis desfavorecidos, que son os que sufriron e están a sufrir con máis dureza os efectos da crise sanitaria e económica. “O escudo social supuxo e supón un esforzo excepcional para un Goberno que priorizou e prioriza ás persoas nos momentos máis duros”, lembrou.

    Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente, así como polo xefe da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación da Subdelegación do Goberno, Javier Seoane.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.