A aula móbil formativa de ‘Enredando tour R’, iniciativa conxunta do operador galego R e a Cruz Vermella, visitou Ponteareas para continuar o seu labor de ‘inclusión dixital’ das persoas maiores. O programa desenvolveuse nunha aula móbil instalada na Praza Maior ponteareá con contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, compartiu un tempo coas persoas participantes e puido visitar a furgoneta ‘superequipada’ con smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
As persoas que participaron, puideron fedellar mentres ‘degustaban’ un dos catro “menús
formativos” que Cruz Vermella e R lles tiñan preparados para que cada quen elixira o que máis se adaptara ás súas necesidades:
- “Vivo no mundo analóxico, rapaza”; menú básico para comezar a “enredar”.
”E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona o WhatsApp. - ”Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, ao banco, facer a
compra e, en xeral, como xestionar o máis cotián por internet. - ”Menú R: móbilR”: para coñecer a factura electrónica e outras utilidades e aplicacións
prácticas en internet.
A acción desenvolvida tiña, por parte de R e a Cruz Vermella, unha intención clara: minorar o efecto da fenda dixital que tanto lle afecta a unha gran porcentaxe dos maiores e a outros colectivos vulnerables. Cómpre salientar que estas persoas durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, por poñer un exemplo, non puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais como pedir unha cita médica, facer a compra ou realizar unha operación bancaria sen saír da casa.
O certo é que a iniciativa foi un éxito de participación e as persoas que asistiron aos diferentes obradoiros amosaron a súa satisfacción e entusiasmo de poder utilizar os dispositivos móviles para efectuar xestións da vida cotiá.
“É importante que as e os nosos maiores pérdanlle medo ás novas tenoloxías” apuntan a Cruz Vermella e R xa que, unha vez eliminado ese medo, poderán adquirir habilidades básicas que lles permitan avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe.
‘Enredando tour R’, estará mañá, 6 de outubro, na Praza Avelino Vicente da Guarda onde pechará a súa andaina.