10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA transformación da provincia a través da recuperación do espazo público, protagonista...

    A transformación da provincia a través da recuperación do espazo público, protagonista no Foro Urbano de España

    Carmela Silva: “O mundo local ten tomado decisións revolucionarias porque ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación o a Igualdade”

    O modelo transformador da Deputación de Pontevedra, que pasa pola recuperación do espazo público para as persoas como un dos motores para o impulso económico, a cohesión social e a igualdade no ámbito dunha recuperación económica xusta, ocupou a primeira das mesas de alto nivel do I Foro Urbano de España e III Foro Global de Gobernos Locais, que se está a celebrar en Sevilla e que hoxe inaugurou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tomou parte na mesa sobre Transición Ecolóxica e Modelo de Cidade e reivindicou o papel imprescindible da Administración local como principal axente para o cambio nas contornas urbanas a partir da toma de “decisións revolucionarias”.

    Carmela Silva, que está en Sevilla acompañada polos deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e Mobilidade, Uxío Benítez, definiuse como unha “política polémica”, entendendo este concepto como a necesaria valentía para levar a cabo as transformacións que a sociedade demanda ás Administracións públicas. “As persoas deben estar no centro de todo e os discursos deben cambiar”. Durante a súa intervención criticou as concepcións laxas sobre a cogobernanza e reivindicou o principio de subsidiariedade: “é no mundo local onde ocorre todo, onde se desenvolve a economía, onde se prestan os servizos, onde están os equipamentos que garanten a calidade de vida”. “O mundo local toma decisións que moitas veces se ven entorpecidas polas competencias autonómicas e mesmo polas estatais e europeas, así que resulta imprescindible que a cogobernanza pase pola subsidiariedade para que cada Administración faga aquilo que mellor sabe facer”.

    Click para ampliar

    Durante o diálogo, no que tamén tomaron parte María José Rallo, secretaria xeral de Transporte do Ministerio de Transportes; María Pappas, tesoureira do condado de Cook, en Chicago-Illinois; Arcadi España, conselleiro de Política Territorial da Generalitat Valenciana; Francisco Oliva, reitor da Universidade sevillana Pablo de Olavide; Inés Sánchez, directora da cátedra Unesco de Xénero da Universidade Politécnica de Madrid e Antonio Serrano, economista, a presidenta da Deputación defendeu o papel que están a xogar os concellos de toda España: “ocórrenseme moitos exemplos de transformación e todos son locais; dende o local téñense tomado decisións revolucionarias porque se ve ao espazo público como un dereito tan importante como a Sanidade, a Educación ou a Igualdade. É nese espazo público onde a xente se relaciona e socializa, recuperando ámbitos e lugares que estaban tomados polos vehículos a motor, vehículos que non só ocupaban o espazo, senón que xeraban enfermidades”.

    Carmela Silva insistiu en que a cogobernanza resulta difícil “cando se entende o poder como o simple exercizo do poder, pero resulta sinxela cando se entende como o traballo de perseguir e lograr o ben común”. Neste senso reivindicou o cambio producido na Deputación de Pontevedra “que pon en marcha tódolos proxectos de transformación ecolóxica, igualdade, dixitalización e cohesión social pactando cos 61 concellos da provincia. É unha cuestión de vontade e de comprender que temos un reto moi grande por diante”. Engadiu que cando se funciona deste xeito, “as nenas e nenos recuperan a cidade como espazo de xogos, os maiores e dependentes deixan de estar recluídos nos seus domicilios e as mulleres, “que seguen a soportar case en exclusiva a carga dos coidados”, atopan rúas e prazas pensadas para elas“.

    A presidenta da institución provincial recalcou, dende a experiencia, na necesidade de fuxir dos conceptos teóricos sobre os distintos niveis da Administración e pasar á práctica, especialmente nos momentos que estamos a vivir, afondando no concepto de gobernanza en favor dos gobernos locais. Finalmente, reivindicou que é precisamente nesta etapa de recuperación trala pandemia cando que, por primeira vez, está a terse en conta ao mundo local, como demostra o feito de que está a terse en conta a voz dos concellos e das deputacións na xestión dos fondos europeos Next Generation.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.