Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Mitma inicia a redacción do proxecto de adecuación da travesía de Chapela na N-552

A reparación integral deste vial, unha débeda histórica coa veciñanza de Chapela, fora cualificada pola alcaldesa Digna Rivas como “demanda irrenunciable” na reunión telemática mantida co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma)

A comunicación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana (Mitma) na que se da conta do inicio dos traballos de redacción do proxecto de reordenación de accesos e adecuación das marxes da travesía de Chapela, na N-552, foi acollida con enorme satisfacción pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ao “darse cumprimento a unha demanda histórica da veciñanza de Chapela e que para o Concello era un tema prioritario”, afirma rexedora local.

Rivas quixo agradecer ao secretario xeral de Infraestruturas do Mitma, Sergio Vázquez Torrón, e ao Ministerio “a rapidez para dar resposta ás xestións que, dende o primeiro momento realizamos dende o Concello para dar solución a unha unha reclamación de hai anos das veciñas e veciños”.

Cómpre lembrar que na reunión telemática mantida en marzo deste ano con Vázquez Torrón, Digna Rivas cualificou de “demanda irrenunciable” o arranxo deste vial. En tan só seis meses, o Ministerio vén de iniciar a redacción dun proxecto que, entre outros aspectos, inclúe o acondicionamento de interseccións, reparación da pasarela peonil de Chapela e o tratamento das marxes.

Digna Rivas lembrou que o investimento estimado das actuacións e de 1 millón de euros que amosa, as claras, o compromiso do Goberno socialista con Redondela.

En todo caso, engade a alcaldesa redondelá, o Goberno local continuará demandando do Ministerio “a necesidade de resarcir á Chapela de todos os prexuízos ocasionados pola AP9”.