Luns, 24 Marzo de 2025

Iseo a Moura achegará ao público do Rosal contos sobre ‘Amor, cortes e feridas’ no xardín da Biblioteca

A actividade, dirixida a público familiar a partir de 6 anos, será este venres 8 de outubro ás 19.00 horas

Continúa a programación de actividades no xardín da Biblioteca Municipal do Rosal. Este venres 8 de outubro será a quenda e Iseo a Moura, que namorará a grandes e pequenos e pequenas cos seus contos sobre ‘Amor, cortes e feridas’, unha historia con momentos musicais sobre o importante de quererse a unha mesma para amar en liberdade. A actividade, de balde, vai dirixida a público familiar con nenos e nenas a partir de 6 anos. Comezará ás 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo e, en caso de choiva, trasladarase á Liga.

Con este contacontos, Iseo a Moura contrapón esta historia de amor ás demais coa aventura dunha sobreira que aprende que o amor comeza nunha mesma e só así consegue curar as feridas que lle causara a relación cos homes. ‘Amor, cortes e feridas’ son leccións importantes sobre todo o que nos une e nos diferencia.

O Concello do Rosal organiza esta actividade ao abeiro do ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza a lectura e a información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de bibliotecas públicas de Galicia.