9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas despediu un mes de setembro cheo de cultura e lecer

    Ponteareas despediu un mes de setembro cheo de cultura e lecer

    A programación das Festas da vila do Tea encheu as rúas de música, de deporte, de maxia e de xogos para os máis pequenos e pequenas

    Ponteareas despediu a pasada fin de semana as Festas de Setembro, unha programación que encheu as rúas da vila con máis de 30 propostas culturais e deportivas para todos os públicos. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quere destacar “o éxito” dun mes “no que desfrutamos dunha ampla, variada e segura programación cultural e de lecer”. “No Concello tiñamos o obxectivo de manter nas rúas a actividade do verán, e conseguímolo levando ademais os eventos a diferentes espazos do núcleo urbano”, afirma. Desta maneira, en palabras do edil, Ponteareas continúa a reactivar a súa cultura e tamén a súa economía.

    A música tivo un especial protagonismo durante as Festas de Setembro con máis dunha ducia de concertos. Pasaron polo escenario Tanxugueiras, Grupo América, Broken Peach, Pelepau, O Sonoro Maxín, Milladoiro, Tania Veiras ou Boyanka Kostova, así como as agrupacións locais Voces de Arrieiro e as Bandas de Música do municipio. Un espazo moi importante ocupouno a música folclórica coa XXXIV edición do Festival Folclórico do Condado, o LIV Concurso de Gaitas do País ou o Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas.

    A protagonista das actividades deportivas foi a Volta Ciclista a Galicia, que fixo gozar a Ponteareas de dúas xornadas de ciclismo acollendo as primeiras etapas. Así mesmo, celebráronse con éxito o Trofeo Ciclista Festas de Setembro-GP Borja Gómez Méndez, o Trofeo Festas de Setembro de fútbol, que enfrontou a SD Juvenil e Coruxo FC, o XII Torneo de Tenis Concello de Ponteareas e a Clásica Álvaro Pino, a marcha cicloturista recuperada tras cinco anos de parada. O concelleiro quixo aproveitar o balance para “agradecer e felicitar ás persoas organizadoras polo bo desenvolvemento de todas estas probas deportivas, que en conxunto sumaron preto dun milleiro de participantes”.

    Ademais da música e o deporte, completaron a programación a maxia, os espectáculos infantís e de animación de rúa e o tradicional lanzamento dos globos de San Miguel. A celebración destas Festas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da AGADIC, a través dos programas Musigal e Cultura no Camiño respectivamente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.