Martes, 6 Maio de 2025

Trasmañó prepárase para as festas de San Vicente con gastronomía, música e tradición

0

A parroquia de Trasmañó celebrará esta semana as súas festas patronais en honra a San Vicente. O evento combinará actividades culturais, gastronómicas e relixiosas, e terá lugar os días 22, 25 e 26 de xaneiro baixo unha gran carpa climatizada. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Táboas, presentaron o programa xunto a membros da comisión de festas, destacando a importancia de preservar as tradicións.

Mércores 22: Día de San Vicente

A primeira xornada comezará coa tradicional salva de bombas e os pasarrúas da Banda de Gaitas Foula polos barrios da parroquia. Ao longo da mañá, celebraranse varias misas, incluída unha cantada ás 13:00 horas, seguida de fogos artificiais e unha sesión vermú. Ademais, unha pulpeira estará dispoñible con prezos populares.

Sábado 25: vehículos clásicos, xogos e verbena

O sábado pola mañá destacarase a VI Concentración de Vehículos Clásicos, que arranca ás 10:00 horas. A organización espera superar os máis de 120 coches clásicos que participaron o ano pasado, con vehículos procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal. Os participantes realizarán un percorrido pola parroquia e participarán nun sorteo de agasallos. Paralelamente, haberá un espazo gastronómico con racións de polbo e callos.

Xa pola tarde, a programación inclúe unha misa ás 17:00 horas, seguida de xogos populares e cucañas. Pola noite, a verbena será protagonizada polas orquestras Marbella e Escaparate, comezando ás 22:00 horas. Os fogos artificiais da medianoite pecharán o día con grande espectáculo.

Domingo 26: XIV Festa do Cocido de Trasmañó

O domingo, o evento gastronómico principal será a 14ª Festa do Cocido de Trasmañó, que dará comezo ás 14:00 horas. Antes, celebrarase unha misa en honra a San Blas (13:00 horas), seguida dunha sesión vermú animada polas pandereteiras Ledicia de Trasmañó. Durante a sobremesa, actuarán as pandereteiras Sen Querer, do Viso, e haberá sorteos e xogos con premios. O día rematará cunha sesión musical con baile.

Desde a comisión de festas, recomendan reservar os vales para o cocido con antelación, xa que o aforo é limitado. Os vales poden adquirirse nos teléfonos 663 176 951 e 670 884 419, ou na cafetería Rodeo, en Rande.

A alcaldesa, Digna Rivas, anima á veciñanza a participar: “É unha oportunidade para gozar dunha gastronomía tan nosa e vivir as tradicións da parroquia”.

“Unha semaniña enteira” para fomentar o uso do galego entre a mocidade de Redondela

0

Institutos, Concello, asociacións e clubs deportivos xa traballan na organización da edición 2025 de “Unha semaniña enteira”, que se celebrará en febreiro coincidindo co Día de Rosalía. Esta actividade busca fomentar o uso do galego entre a mocidade, propoñendo ao alumnado o reto de falar galego durante sete días seguidos.

O Concello de Redondela, mediante a concellería de Ensino e o Servizo de Normalización Lingüística, colabora activamente e anima a clubs e asociacións a sumarse á campaña. O IES Chapela acolleu a primeira xuntanza, onde os clubs da parroquia (Chapela CF, Balonmán Chapela, Arealonga FS, entre outros) confirmaron a súa participación, comprometéndose a promover o galego nas redes sociais, publicidade e actividades dos seus equipos.

Os organizadores destacan a boa acollida entre as entidades deportivas, subliñando que iniciativas coma esta son clave para normalizar o uso do galego nun momento en que a mocidade amosa unha baixa competencia na lingua. En palabras da alcaldesa Digna Rivas, “retos como este axudan a reforzar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade”. Nos próximos días continuarán as reunións coas asociacións das demais parroquias de Redondela.

Preto de 900 actuacións en 2024: os bombeiros de Ponteareas consolidan o seu papel no Condado e Paradanta

O Parque de Bombeiros do Concello de Ponteareas pechou o ano 2024 rexistrando un total de 881 intervencións. Este equipo, composto por 16 profesionais, atende as emerxencias de nove concellos das comarcas do Condado e da Paradanta.

O tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos González, destacou o labor do equipo, que interveu en 38 incendios forestais, urbanos e industriais dentro do concello, así como noutros 43 incendios ocorridos noutros municipios. Tamén subliñou a importancia do traballo realizado nos 61 accidentes de tráfico e nos tres accidentes laborais atendidos ao longo do ano.

Unha labor que vai máis aló das emerxencias

A actividade dos bombeiros de Ponteareas transcende os incendios. Durante o ano, realizaron 555 intervencións para a recollida de árbores caídas, desprendementos, cableados perigosos ou limpeza de vías. O concelleiro salientou tamén o incremento de rescates de persoas que viven soas nos seus domicilios, que acadaron 65 casos no 2024.

“Os bombeiros de Ponteareas amosan unha vocación e compromiso digno de salientar. Cada vez teñen unha faceta máis social, implicados na protección e auxilio da vida das persoas”, afirmou González Carrera.

Formación, prevención e colaboración social

Os profesionais do parque participan de maneira activa en accións formativas organizadas por diferentes administracións e pola Axencia Galega de Emerxencias. Ademais, colaboran como voluntarios en situacións de emerxencia, como as derivadas da recente DANA, e participan en probas deportivas.

No ámbito da prevención, realizan actividades en centros educativos para concienciar sobre seguridade e prevención, sendo un piar esencial para o bo desenvolvemento de eventos e festividades no concello.

Curso de carretillas elevadoras en Mos: prazas limitadas e formación bonificable

0

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) anuncia a realización dun curso de Operador de Carretillas Elevadoras, dirixido a formar e actualizar profesionais no manexo seguro e eficiente desta maquinaria, conforme á Norma UNE 58451.

O curso ofrece dúas opcións adaptadas ao nivel de experiencia dos participantes:

  • Formación de Iniciación (12 horas): Pensada para persoas sen experiencia previa, combina teoría e práctica para garantir unha base sólida en seguridade operativa.
  • Formación de Actualización (8 horas): Dirixida a profesionais con experiencia ou formación previa, para renovar e actualizar os seus coñecementos segundo as esixencias normativas actuais.

O curso é bonificable mediante a Fundación Estatal para a Formación no Emprego (FUNDAE), permitindo ás empresas subvencionar a formación dos seus traballadores a través das cotizacións á Seguridade Social. AEMOS encargarase da xestión do crédito formativo para facilitar o acceso a esta capacitación.

O curso, de carácter presencial, impartirase no Vivero PEMOS e nas instalacións de DALOT. Debido á súa natureza práctica, as prazas son limitadas para garantir unha atención personalizada e unha formación de calidade. As persoas interesadas poden reservar a súa praza a través da web: https://escuelaeme.com/portfolio/operador-de-carretillas-elevadoras/.

Redondela asumirá os traballos urxentes no CEIP Laredo ante a “inacción da Xunta”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto cos concelleiros de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e de Infraestruturas, Roberto Villar, reuniuse este martes co director do CEIP Laredo, Abraham Domínguez, e o presidente da ANPA do centro, Martín Diéguez, para abordar os “graves problemas de seguridade” que afectan ao colexio debido ao deterioro da súa cuberta e o risco de desprendemento de tellas.

O Concello de Redondela enviou hai un mes un informe técnico á Consellería de Educación da Xunta de Galicia advertindo da “urxente necesidade” de adoptar medidas de seguridade no centro. Entre estas medidas destacan a colocación dun valado perimetral para evitar o acceso á zona de risco e a instalación dunha rede de protección para previr desprendementos.

A alcaldesa, Digna Rivas, lamentou a ausencia de resposta por parte da administración autonómica, malia a “gravidade” da situación. Ante esta inacción, a rexedora comprometeuse coa dirección do centro e a ANPA a asumir os traballos necesarios desde o Concello. “Malia ser unha competencia exclusiva da Xunta, a nosa prioridade é garantir a seguridade dos máis de 180 alumnos e alumnas do CEIP Laredo, así como do profesorado, as familias e os viandantes que transitan pola zona”, declarou Rivas.

Os técnicos municipais iniciaron xa os trámites para contratar estas actuacións, que inclúen a instalación dun valado e unha rede de protección. As obras, segundo indicou a alcaldesa, poderían comezar a finais de xaneiro ou principios de febreiro. A rexedora agradeceu a colaboración do equipo directivo do centro e da ANPA, que mostraron o seu total apoio ao Concello.

Por último, Digna Rivas instou á Xunta de Galicia a actuar de forma inmediata e establecer unha data concreta para acometer a reforma integral da cuberta do colexio. “Esta é unha obra imprescindible para garantir a seguridade no centro, tal como detalla o informe técnico que remitimos hai un mes”, concluíu.

Ponteareas sancionará á empresa do Servizo de Axuda no Fogar por faltas “moi graves”

O Concello de Ponteareas aprobou este martes nun pleno extraordinario sancionar á empresa que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Por unanimidade de todos os grupos da Corporación acordouse a incoación dun expediente sancionador e imposición de penalidades á entidade adxudicataria polo reiterado incumprimento das condicións do contrato.

O concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas, explicou que ante as “deficiencias detectadas e comprobadas” na xestión das súas obrigas e as queixas das familias usuarias, ábrese un expediente sancionador a Aralia Servicios Sociosanitarios por sete faltas graves e dous moi graves cun importe de sanción económica de 52.500 euros. Ademais a apertura deste expediente sancionador permite ao goberno municipal impor outro tipo de sancións como a incautación da garantía por importe de 53.433,60 €.

Esta medida permitirá ao Concello que, ante a urxencia e necesidade social, poida proceder á contratación de servizos ou medios que garantan unha prestación axeitada mentres non remata o novo proceso de licitación. “Dende que no mes de decembro recibimos as primeiras queixas dos usuarios activamos todos os procesos dos que dispón o Concello para comprobar si se está prestando o servizo conforme ao contratado. Abrir o expediente sancionador é indispensable e a ferramenta para solucionar”.

“Agradecemos o apoio de todos os grupos da Corporación. O desexo do Goberno local non é, en ningún caso, ter que chegar nunca a unha situación coma esta, nin ter a necesidade de sancionar a ningunha das empresas suxeitas a contratos municipais, pero é importante que quede claro que as políticas sociais e as personas en situación de vulnerabilidade son a nosa prioridade”.

A empresa atende o SAF dende o ano 2023. Na actualidade 80 persoas reciben asistencia nos seus fogares sen saír da súa contorna habitual. O concelleiro traslada ás familias que esta situación está “en vía de solucións e o seu compromiso por resolvela na maior brevidade posible”.

A illa de San Simón será oficialmente “Lugar da Memoria Democrática”

0

O Goberno central atendeu a petición dos colectivos memorialistas e do Concello de Redondela para protexer un dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia: a illa de San Simón, onde houbo un campo de concentración entre 1936 e 1943. A partir do mes de agosto a illa será, xunto co Pazo de Meirás, “Lugar da Memoria Democrática”. Trátase dunha figura incluída na Lei de Memoria Democrática que implica dotar a estes espazos dunha función “conmemorativa, de homenaxe, didáctica e reparadora”, ademais de establecer “un réxime de protección e usos compatibles”.

Desde o Concello de Redondela a alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa “gran satisfacción” por este recoñecemento “a un dos lugares da represión franquista máis emblemáticos de Galicia” e agradeceu “a gran labora da Iniciativa Galega pola Memoria”. Os colectivos memorialistas pediran ao Estado o pasado mes de xullo esta protección para a illa de San Simón “ante a desidia da Xunta de Galicia, que desentende a protección da illa e calquera actividade relacionada coa memoria histórica”. O goberno de Rivas demandou tamén ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática o pasado mes de decembro esta declaración para illa de San Simón, despois de reunirse con representantes da Iniciativa Galega pola Memoria.

O acto oficial de declaración será en agosto, segundo recolle o programa “España en liberdade. 50 anos” que presentou esta semana o presidente Pedro Sánchez. A rexedora local ofreceuse tamén para que o Concello de Redondela, como institución, poida colaborar e participar nos actos que se celebren ao redor deste recoñecemento .

Recuperación da Fundación Illa de San Simón

Rivas lembra que desde o Concello reclamouse á Xunta de Galicia o pasado mes de outubro “a recuperación da Fundación Illa de San Simón para xestionar os usos deste espazo e velar pola memoria histórica”. O Concello de Redondela reitera esta petición, da que aínda non obtivo resposta, “e que ten máis sentido ca nunca, unha vez o Goberno Central declarou a illa como Lugar de Memoria Democrática”.

Fin de semana rondalleiro en Gondomar con desfiles de cor e tradición

0

Este sábado pola tarde e domingo pola mañá, Gondomar converterase novamente no epicentro da música tradicional co XLII Certame de Rondallas, un evento que reunirá a máis de 1.500 rondalleiros e 18 rondallas. As rúas encheranse de música, cor e tradición, ofrecendo unha experiencia única que mesturará alegría e talento artístico.

Por primeira vez na historia do certame, nomearanse dous Rondalleiros Maiores e dous Abandeirados Maiores das Rondallas de Vincios e Chaín. Este recoñecemento especial será un homenaxe a catro veciños do municipio que adicaron a súa vida a preservar e enriquecer esta tradición. Os nomeados serán Teófilo López Pérez e Manuel Salgueiro Rial como Rondalleiros Maiores, e Ana Martínez Valverde e Jaime Rial González como Abandeirados Maiores. A cerimonia terá lugar durante as actuacións das rondallas de Vincios e Chaín na Praza do Concello.

Un desfile cheo de cor e tradición

O evento dará comezo cun desfile polas principais rúas de Gondomar, onde cada rondalla, cos seus traxes característicos, instrumentos e harmonías, amosará o froito do seu traballo e dedicación. Será unha oportunidade única para que veciños e visitantes gocen do talento e da beleza artística que estas agrupacións souberon preservar ao longo dos anos.

O momento máis emotivo terá lugar na Praza do Concello, coa entrega das distincións aos Rondalleiros e Abandeirados Maiores. O alcalde Paco Ferreira subliñou a importancia deste acto: “O Certame de Rondallas non só celebra a nosa cultura e tradición, senón que este ano rendimos tributo a quen mantiveron viva esta fermosa herdanza. Será un momento inesquecible que marcará un antes e un despois na nosa historia cultural”.

Ademais do desfile, o certame incluirá actuacións individuais das rondallas, nas que cada agrupación amosará a súa creatividade musical. Estas actuacións terán lugar na Praza do Concello e serán de acceso gratuíto para o público. O evento culminará cunha gala de clausura na que se recoñecerá o esforzo e talento das rondallas participantes, premiando as interpretacións máis destacadas e fomentando o espírito de equipo.

Así será o Concurso de Rondallas do IFEVI que chegará o 18 de xaneiro

0

O vindeiro sábado 18 de xaneiro, o IFEVI será o escenario da sétima edición do Concurso de Rondallas, organizado pola Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Máis de 1.200 rondalleiros e rondalleiras de 14 agrupacións do sur da provincia de Pontevedra daranse cita neste emblemático evento, que combina música, coreografía e tradición.

A orde das actuacións será a seguinte: Rondalla da A.V.C.R. San Mamede de Zamáns (Vigo), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla do C.S.C.R. de Beade (Vigo), Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas (O Porriño), Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios (O Porriño), Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla do Centro Cultural Recreativo e Deportivo Helios de Bembrive (Vigo), Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), Rondalla Asociación Cultural e Social de Herville (Mos), Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), Rondalla C.C.A.R. de Valladares (Vigo), Rondalla Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar) e Rondalla Santiago de Parada (Nigrán).

Cada agrupación contará cun máximo de 12 minutos para amosar o seu traballo, tanto a nivel musical como na posta en escena. Nesta edición, o evento inclúe un formato competitivo, cun xurado dividido en dous grupos: un valorará o rendemento musical das rondallas, e outro avaliará o labor dos abandeirados que as acompañan. Os tres primeiros clasificados en ambas categorías recibirán premios económicos, mentres que o cuarto e quinto postos serán recoñecidos cunha mención especial.

As entradas están dispoñibles a un prezo simbólico de 3 euros e poden adquirirse nas sedes das rondallas participantes e noutros puntos de venda nas localidades implicadas. No propio IFEVI, as entradas que queden dispoñibles venderanse a partir das 15:00 horas o día do evento. O aforo será limitado e os asentos ocuparanse por orde de chegada. Posuír entrada garante o acceso, pero non un lugar sentado.

O evento contará ademais cunha singularidade: será o escenario dunha rodaxe cinematográfica. O recoñecido director Daniel Sánchez Arévalo gravará escenas para a súa próxima película, titulada Rondallas, en colaboración coa produtora Bambú Producciones. Un comunicado impreso nos billetes e no cartel do evento informa aos asistentes da gravación e solicita o seu consentimento para a posible inclusión da súa imaxe ou voz no filme.

O presidente da Federación, Serafín Rodríguez, anima a veciñanza a participar nesta festa cultural: “Esta cita anual permite manter viva unha tradición tan arraigada no sur da provincia e compartir a paixón polo traballo das rondallas co público que cada ano enche o recinto feiral”.

O centro de saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos para evitar ir a Vigo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita ás novas instalacións do centro de saúde do Porriño, unha infraestrutura que, coa súa reforma e ampliación, supón un salto de calidade na atención sanitaria de atención primaria para os veciños do municipio.

Acompañado pola concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o responsable da Sanidade galega subliñou a importancia dunha actuación na que a Xunta investiu un total de 6,2 millóns de euros, entre obra e equipamento, e coa que se optimizará a asistencia que o Servizo Galego de Saúde lle presta á veciñanza do Porriño.

Gómez Caamaño remarcou que se trata dunha actuación coa que se acadou “un resultado moi satisfactorio”, grazas á excelente colaboración entre a Xunta e o Concello, e subliñou a significativa mellora que suporá para os seus usuarios e profesionais, así como o carácter sostible dos materiais empregados nesta construción.

Gómez Caamaño avanzou, ademais, que neste mes de xaneiro o centro de saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos, o que evitará que moitos dos seus pacientes se teñan que desprazar ata Vigo.

Cos novos espazos, o centro de saúde do Porriño amplía en 1.100 metros cadrados a súa superficie, acadando agora os 2.700 metros cadrados. Conta cun novo volume de tres plantas, que acolle un novo PAC que dotado con 5 consultas, 3 de medicina e 2 de enfermería, ademais dunha nova sala de reanimación e unha área de fisioterapia, entre outros espazos.

“Reformamos o centro de saúde orixinal, modernizándoo e reordenando os seus espazos” explicou Caamaño, destacando tamén a adquisición de tecnoloxía sanitaria e novos equipos clínicos para este centro, aos que a Xunta destinou unha partida de 600.000 euros.

O alcalde, pola súa banda agradeceu a visita do responsable autonómico e a “importantísima inversión da Xunta”. “É a súa primeira visita como conselleiro ao Porriño e estou seguro que non será a última e que chegarán cargadas de investimentos e melloras para o noso Concello”, apuntou o rexedor.

Lorenzo quixo agradecer en especial “o esforzo do persoal do Centro de Saúde, representado hoxe aquí pola xefa de servizo, Ángeles Charlie, sen eles non sería posible levar a cabo estas melloras. Durante os case dous anos de obras non pararon a súa actividade nin un só día e non aprazaron ningunha cita, e ese esforzo que fixeron por seguir prestando atención aos usuarios e usuarias é encomiable”.

Reunión de traballo con Osílice

Ao remate da xuntanza os responsables autonómicos e municipais mantiveron un encontro coa directiva da Asociación de Afectados por Silicose, OSÍLICE. Na mesma participaron o presidente da asociación, Orlando Márquez, o vicepresidente, Serafín Ramilo, e o secretario, Saturnino Riveira. Na mesma tamén participou o xefe de Neumoloxía da Área Sanitaria de Vigo, Alberto Fernández Villar.

Conta atrás para a nova ludoteca municipal de Ponteareas

O Concello de Ponteareas vén de anunciar o inminente inicio das obras da nova ludoteca municipal, que se ubicará no parque da Curuxeira, na avenida Sarmiento Rivera, a só 200 metros da Casa do Concello. A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, supervisaron xunto á dirección facultativa os últimos preparativos antes do inicio da intervención.

O proxecto contempla a rehabilitación e ampliación dun edificio histórico de máis de 100 anos, no que ata o de agora só se realizaron traballos para manter a estrutura exterior, sen ningunha mellora ou mantemento no interior. O investimento total ascenderá a 239.527,85 euros, financiado con axudas do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

A nova instalación substituirá á actual ludoteca, situada nun pequeno local da avenida Castelao de 64,80 m². O novo espazo contará cun edificio anexo que ampliará a superficie ata 136,45 m², incluíndo un soportal de acceso, unha recepción, un despacho de dirección, aseos infantís e un aseo adaptado para adultos con mobilidade reducida.

“Apostamos por crear un espazo amplo e funcional, integrado nunha contorna agradable e ben comunicada. Este novo servizo estará próximo á escola infantil, facilitando os desprazamentos das familias e garantindo un entorno seguro e verde para os nenos e nenas”, explicou a alcaldesa Nava Castro.

O goberno municipal subliñou a importancia de contar cunha ludoteca moderna e adaptada, que permita ofrecer mellores condicións tanto para as familias usuarias como para o persoal que atende este servizo esencial.

O punto limpo móbil percorre as parroquias de Redondela

0

A Concellaría de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela continúa este ano co desprazamento do punto limpo móbil a todas as parroquias do municipio. O obxectivo deste servizo é “facilitar á veciñanza a reciclaxe de diferentes tipos de lixo que non debe de ir aos colectores da rúa”, explica o concelleiro Roberto Villar.

Trátase dun servizo gratuíto para a veciñanza “pero de grande importancia para ter cada vez unha Redondela máis limpa, polo que é fundamental contar coa colaboración de todos e todas”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Os residuos que se poden depositar neste espazo son aceite de cociña usado, cartuchos e tóner impresora, radiografías, lámpadas e fluorescentes, CDs e DVDs, cápsulas de café, cargadores e auriculares, pilas e baterías, material de escritura, móbiles e tabletas, material informático, aerosois e envases de pintura, plásticos que non sexan envases, xoguetes ou pezas de téxtil, entre outros.

O goberno local fai un balance “moi positivo” do uso que a veciñanza está a dar a este servizo, no que se están a recoller multitude de residuos. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que se depositaron “centos de CD’s e DVD’s, moito material informático, restos de pinturas, e moitísimos móbiles e cargadores, etre outros residuos”. O punto limpo móbil está a ter moi boa acollida en todas as parroquias, e “a veciñanza interésase por coñecer o calendario e os lugares a onde se despraza”, apunta Villar.

A próxima semana, do 13 ao 19 de xaneiro, estará no Viso, na chaira de Saramagoso.
En Cesantes estará dúas semanas: do 20 ao 26 de xaneiro no miradoiro do Alto dos Tras, e do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro na praza de San Pedro, en Catapeixe. Do 3 ao 9 de febreiro estará en Redondela, na praza diante do Concello.

Na parroquia de Chapela estará tamén dúas semanas: do 10 ao 16 de febreiro no aparcadoiro da rúa Manuel Rodríguez Casal, e do 17 ao 23 na chaira do pavillón municipal Manuel González Soto.

En Trasmañó instalarase na chaira do Convento na semana do 24 de febreiro. A Cedeira chegará no mes de marzo, na semana do día 3, estará ao lado da pista deportiva. En Cabeiro estará na semana do 10 de marzo, no aparcadoiro do Centro Cultural San Juan de Cabeiro. En Vilar estará no aparcadoiro do Centro Cultural a semana do 17 de marzo, e no novo Centro Cultural de Quintela a semana do 24 de marzo. En Saxamonde instalarase na Área Recreativa do Camiño dos Frades, na semana do 31 de marzo. No Centro Cultural de Negros estará a semana do 7 de abril, en Reboreda, na zona do cemiterio, estará na semana do 14 de abril e logo nas inmediacións do CVCD Miñoteira, en Ventosela, a semana do 21 de abril.

O calendario coa localización do punto limpo móbil anunciarase por medio das redes sociais do Concello, e tamén na web municipal www.redondela.gal. Para que a recollida sexa eficaz “é importante separar ben os residuos, polo que en caso de dúbida é mellor consultar nos teléfonos de información”, sinala Villar.

Minipuntos Limpos

Este punto limpo móbil únese aos seis “minipuntos” que xa existen desde hai anos en diferentes rúas de Redondela e Chapela. Estes espazos para reciclar pequenos obxectos como cartuchos, lámpadas, cargadores, pilas ou baterías, están instalados nas rúas Alfonso XII, Ernestina Otero, Ribeira e Santa Mariña de Redondela, e nas avenidas de Redondela e de Vigo en Chapela.

Recollida de residuos voluminosos

Para residuos máis voluminosos como mobles, colchóns ou electrodomésticos, xa existe un servizo de recollida “porta a porta” cun sistema moi sinxelo para os usuarios. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986 388 111, en horario de 9 a 14 horas, e se lle informará do día e lugar no que pod

Nigrán adianta a súa Cabalgata de Reis 2025 ao sábado por mor da chuvia

0

Nigrán prepárase para acoller a maxia dos Reis Magos e as Reinas Magas na Cabalgata de Reis 2025, un evento que transcende o desfile tradicional para converterse nun auténtico espectáculo de fantasía e que se adiantará a este sábado, 4 de xaneiro. A gran comitiva, composta por máis de 120 paxes e axudantes, dará vida a “Nigralandia”, un reino máxico deseñado integramente por Sarao Animación.

“Como Reis Magos de Oriente, decidimos adiantar a Cabalgata de Nigrán ao sábado 4 de xaneiro, xa que o domingo 5 está previsto un gran temporal. E a verdade é que, á nosa idade, non podemos permitirnos unha molladura”, anunciou con humor o Rei Melchor, portavoz da comitiva Real.

A Cabalgata comezará ás 16:00 horas do sábado, mais as Súas Maxestades estarán na Praza do Concello de Nigrán dende as 15:30 horas. O percorrido incluirá as rúas Rosalía de Castro e Manuel Lemos, retomándose na Ramallosa (Rúa Valle Inclán) ás 16:30 horas, coa participación do Séquito Real, Reinas Magas a cabalo, Paxes Reais e, por suposto, os tres Reis Magos. O itinerario pasará por Cabreira, Romana Alta, Damas Apostólicas, Parque da Feira, Romana Baixa e Manuel Lemos, con paradas en Lourido (Barrio Area) ás 18:00 horas e en Panxón, onde está previsto que cheguen ao pavillón municipal ás 18:30 horas. Unha tirada de fogos artificiais marcará o inicio da recepción Real.

O pavillón municipal abrirá as súas portas para ofrecer animación infantil e a actuación da Rondalla de Parada. A comitiva continuará despois polas rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo, concluíndo no pavillón ás 19:00 horas coa Recepción Real, onde os máis pequenos poderán coñecer persoalmente aos Reis Magos.

A cabalgata contará cun amplo séquito de paxes procedentes de diversas entidades culturais e deportivas de Nigrán, e repartiranse máis de media tonelada de caramelos e gominolas sen glute, dentro da campaña do concello para promover os menús sen glute na hostalería local.

Se o tempo o permite, a cabalgata percorrerá as principais rúas do municipio. En caso de choiva, a recepción celebrarase de maneira segura no pavillón municipal, garantindo que a maxia e a ilusión non se perdan.

O Centro Cultural de Quintela estrea soportal cuberto

0

O Centro Cultural Recreativo da parroquia de Quintela estreou na entrada das súas instalacións un soportal cuberto.  Deste xeito as instalacións do centro gañan un novo espazo cuberto na entrada, que protexe aos usuarios e usuarias das inclemencias climatolóxicas, tanto do sol como das precipitacións. Trátase dunha instalación realizada en panel sándwich con soportes de aceiro que cubre unha superficie total de 56 metros cadrados. Esta actuación, realizada a conta dos Orzamentos Participativos destinados ás actuacións nas parroquias, foi a elixida polo Consello Parroquial de Quintela. O orzamento ascendeu a 14.852 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto cos concelleiros Pedro Villaverde e Alberto Álvarez, visitaron as instalacións acompañados da directiva do Centro Cultural de Quitela para coñecer o resultado dos traballos. Tanto os representantes veciñais como o goberno local manifestaron a súa satisfacción co resultado da obra, coa que o centro gaña “un novo espazo, protexido do sol e da chuvia, o que supón máis comodidade para a veciñanza e permite tamén realizar actividades baixo o soportal”.

O Centro Cultural de Quintela, inaugurado en 2023, é o centro neurálxico da parroquia e funciona como punto de encontro para a vida cultural e social da veciñanza. O parque infantil renovouse e inclúe un espazo biosaudable. A actuación realizada permitiu transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis amable, gañando un novo espazo público para facer todas as actividades que precise a veciñanza.

Mos estuda implantar un punto limpo móbil itinerante polas parroquias

0

Mos traballa na modernización do seu Punto Limpo situado no polígono da Veigadaña e, entre as accións a levar a cabo, atópase a instalación dunha biotrituradora para facer estucturante para compost caseiro.

A iniciativa busca triturar restos de poda e vexetais que alí se depositan, e que ese material estructurante poida ser recollido e reutilizado a posteriori polos veciños e veciñas que o queiran empregar para facer o compost caseiro para as súas fincas e cultivos, de xeito totalmente gratuíto.

Outra das medidas será a creación dun mini Punto Limpo móbil, que se desprazará polas 10 parroquias mosenses para facer recollida a domicilio e evitar, a quen lle resulte incómodo, ter que desprazarse ata as instalacións centrais sitas na Veigadaña.

Tamén se mellorará a zona de recollida e almacenaxe de pequenos electrodomésticos. Optimización tendente á posibilidade de que, nun futuro, se puidera tamén activar un servizo de reparación e recuperación dos mesmos, sempre que sexa posible, para a súa reutilización. Neste espazo realizaríase a preparación para a reutilización, xa fora para o almacenamento separado dos residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización, como para a comprobación ou tratamento.

Todas estas melloras e implementación de servizos, financiaranse grazas a unha axuda autonómica, xa que desde o Concello de Mos óptase a unha subvención da Xunta de Galicia neste senso, pola que a Xunta asumiría o 90% do custe deste proxecto e a administración local tan só o 10% restante.

Os Reis Magos chegan á Cañiza este sabado cun gran desfile: horarios e programa

0

O sábado 4 de xaneiro a vila da Cañiza vivirá unha das xornadas máis esperadas do ano: a chegada dos Reis Magos. A partir das 18:30 horas, Súas Maxestades desfilarán polas principais rúas da vila en carrozas, acompañados por unha espectacular comitiva de máis de 50 figurantes entre músicos, zancudos, bailaríns e xigantes luminosos.

Recepción oficial no Salón de Plenos

O día comezará ás 14:00 horas coa recepción oficial aos Reis Magos no Salón de Plenos do Concello. Alí serán recibidos polas autoridades locais e pola veciñanza, dando inicio a unha intensa xornada de actividades e encontros.

Percorrido polas parroquias do municipio

Antes do desfile, os Reis Magos visitarán todas as parroquias do municipio para achegarse aos nenos e nenas de cada lugar. O horario destas visitas será o seguinte:

  • Parroquia de A Franqueira (Cebreiro): 14:30 h
  • Parroquia de Luneda (San Roque): 15:00 h
  • Parroquia de Parada (Igrexa): 15:20 h
  • Parroquia de Valeixe (Explanada da Hermandade): 15:40 h
  • Parroquia de O Couto (Igrexa): 16:05 h
  • Parroquia de Oroso (Igrexa): 16:25 h
  • Parroquia de Petán (Igrexa): 16:45 h
  • Parroquia de As Achas (Igrexa): 17:05 h

Saúdo especial aos maiores

Despois das visitas ás parroquias, os Reis Magos trasladaranse á Residencia Nosa Señora do Rosario de Valeixe, ao Centro Xeriátrico Santa Teresa da Cañiza e ao Centro de Día Anxo, onde compartirán momentos de ledicia cos maiores da comunidade. Como xa é tradición, o Concello ofrecerá unha merenda de pasteis de Nadal para todos os residentes.

Un desfile inesquecible

O gran desfile real comezará ás 18:30 horas na zona de Rañadoiro, percorrendo as principais rúas do casco urbano ata chegar ao Auditorio da Casa de Cultura. Este ano, o desfile contará con tres carrozas reais, acompañadas por paxes, zancudos, bailaríns, patinadoras, figuras luminosas de cabalos e camelos, ademais dunha vibrante batucada que marcará o ritmo do evento.

Ao rematar o percorrido, no Auditorio, os nenos e nenas poderán participar na Recepción Real, onde os Reis Magos saudaranos persoalmente, recollerán as súas cartas e desexos, e sendo recibidos cunha espectacular sesión de fogos artificiais.

O Porriño estrea puntos de información nas parroquias para a limpeza de fincas

O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Medio Ambiente, informa á veciñanza sobre os puntos de informaicón e tramitación que se desenvolverán nas distintas parroquias do municipio para explicar as obrigas de limpeza das fincas situadas en franxas secundarias, arredor das vivendas e núcleos de poboación, coa finalidade de previr incendios forestais.

O SEAGA (Servizo Agrario Galego) realizou unha inspección en máis de 10.000 parcelas do Porriño, detectando que arredor do 50% destas fincas necesitan ser limpadas total ou parcialmente. Como resultado, enviáronse notificacións aos propietarios, aos que se lles concede un prazo de 15 días naturais para cumprir coas súas obrigas de xestión da biomasa.

Na notificación, advirte que, no caso de non cumplir coa limpeza das parcelas, o incumprimento poderá dar lugar a multas reiteradas cada tres meses por un importe de 900 euros por hectárea ou a parte proporcional, se a parcela é de menor superficie. Tamén se podería proceder á execución subsidiaria por parte do Concello, co correspondente cargo de gastos ao propietario.

Para facilitar a tramitación á veciñanza e resolver calquera dúbida, o Concello habilitou un calendario de atención nas parroquias, no que estarán presentes os concelleiros/as de Medio Ambiente e Limpeza, así como persoal do Rexistro Municipal. O obxectivo destas xornadas é informar á veciñanza sobre os requisitos, tramitar ampliacións de prazo e outros aspectos relacionados co proceso.

As reunións levaranse a cabo nos centros culturais das parroquias no horario de 9:00 a 14:00 horas:

  • Martes 7 de xaneiro: Pontellas
  • Mércores 8 de xaneiro: Mosende
  • Xoves 9 de xaneiro: Chenlo
  • Venres 10 de xaneiro: Budiño
  • Luns 13 de xaneiro: Atios
  • Martes 13 de xaneiro: Torneiros

Os veciños e veciñas do Porriño poderán acudir para obter toda a información necesaria e realizar as súas xestións de forma cómoda. O Concello recorda que está a disposición de toda a cidadanía para calquera consulta ou tramitación relacionada co cumprimento das obrigas de limpeza.

A Plataforma Defende Mos organizará manifestacións contra o a autovía en túnel Vigo-Porriño

Renace a plataforma ‘Defende Mos’, unha entidade que buscará loitar contra a actual proposta de trazado en túnel que substituirá parte do trazado da A-55 entre Vigo e O Porriño, construíndo un túnel para solucionar o punto negro que supoñen as numerosas curvas da actual autovía. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo este luns diferentes reunións cos portavoces do PSOE e do BNG, así como con veciños e veciñas afectadas.

A rexedora mosense critica a “falta de información” sobre o novo trazado polo que se inclina o Ministerio de Transportes para construír o túnel e censura que o Goberno “nunca o comunicou”, mentres que si informou ao Concello de Vigo.

“Derogaron o trazado aprobado en 2015 por Ana Pastor como ministra de Fomento, que figura no noso PXOM e que era un trazado consensuado co municipio de Mos, e sacaron da manga esta nova proposta devastadora para Mos”, declarou Arévalo. Por este motivo, desde a Corporación Municipal estase a traballar nunha posible moción conxunta ao respecto, que se sometería a aprobación na sesión plenaria ordinaria do próximo 30 de decembro. Ademais, a plataforma de afectados DefendeMos liderará e encabezará esta causa, co respaldo dos grupos políticos.

Por outra banda, a alcaldesa e os concelleiros das parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga, co apoio técnico do arquitecto Ramón Vega, reuníronse con representantes veciñais das tres parroquias, incluídos antigos membros da Plataforma DefendeMos, para coordinar o movemento veciñal que se porá en marcha, incluíndo desde mobilizacións ata recollida de sinaturas. A partir de agora, convocaranse novas reunións cos veciños das parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga.

Nidia Arévalo reiterou a esixencia por parte do Concello de Mos de “liberar a peaxe do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 e recuperar o trazado do proxecto en túnel que figura no PXOM mosense”. Insistiu en que o Concello presentará alegacións á nova proposta do proxecto en túnel da autovía Vigo-Porriño, xa que “é notablemente agresiva para o territorio e aumenta gravemente as afeccións en comparación coa solución anterior”.

Segundo os datos de Mos, o trazado “destrúe e paraliza” o desenvolvemento de cinco terreos urbanizables no municipio, ademais de afectar a solo urbano consolidado coa demolición de naves con actividade económica e a máis de 100 vivendas existentes, implicando a expropiación e demolición de “varias delas”.

Chuvia de cartos en O Porriño, Salceda, Moaña, Mos e Tomiño coa Lotería do Nadal

Este domingo, o Sorteo Extraordinario de Nadal da Lotería Nacional trouxo a felicidade e moitos millóns de euros ás comarcas da provincia de Pontevedra. O primeiro cuarto premio deste 2024, co número 77768, repartiu sorte e ilusión en varias localidades da área de Vigo, incluíndo O Porriño, Salceda de Caselas, Moaña, Mos e Tomiño.

En canto os primeiros agraciados confirmaron que os seus décimos eran os premiados, non tardaron en descorchar o champaña e celebrar entre bágoas e aplausos. Non é para menos: este premio, un dos máis esperados do ano, está dotado con 200.000 euros por serie, o que supón 20.000 euros por décimo.

Sorte nas comarcas

En total, vendéronse 19 décimos premiados con este número na provincia de Pontevedra. Vigo concentrou boa parte da fortuna, con billetes premiados vendidos en diversas administracións da cidade: nas avenidas Camelias, Florida e Ramón Nieto, así como en Porta do Sol.

Pero a alegría tamén chegou a outros concellos da comarca. En O Porriño, a administración da rúa Ramón González vendeu tres décimos premiados co 77768. Pola súa parte, en Salceda de Caselas, a administración situada na Avenida de Galicia despachou dous décimos máis deste número afortunado.

En Moaña, un décimo premiado foi vendido na rúa Concepción Arenal, mentres que en Tomiño outro décimo resultou agraciado na rúa Gondomar.

Celebración e ilusión

As rúas destas localidades enchéronse de sorrisos e abrazos entre os afortunados e os seus achegados. A Lotería de Nadal volveu demostrar que é unha tradición cargada de esperanza, repartindo felicidade en lugares que agora teñen máis motivos para celebrar estas festas.

A provincia de Pontevedra, e en especial a área de Vigo, consolidouse un ano máis como un territorio onde a sorte parece sentirse na casa. Parabéns a todos os agraciados!

Creadores emerxentes amosan as súas obras no Porriño

O Centro Cultural do Porriño será o escenario dunha innovadora exposición de arte contemporánea centrada no fogar e a familia, un proxecto que pretende achegar a arte actual ao público e xerar diálogos en torno a estes conceptos universais.

Baixo o título “Origen es: familia e fogar” a mostra inaugurarase o vindeiro 23 de decembro ás 18 h, permanecerá aberta no horario habitual do Centro Cultural ata o día 3 de xaneiro de 2025 e contará con máis de 20 obras de arte creadas por 14 artistas: Alba Fernández, Alicia Prieto, Andrea Chas, Ángel Cerezo, Carlos Tenorio, Carolina Ferro, Evian Alves, Iago Rodríguez, Iñigo Barreiro, Jimena Arenas, José Paniagua, Lucía Rodríguez, Saray M. Santos, Sofía Neira.

Os participantes son alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, así como graduados e artistas amateurs. A selección de piezas abarca diversas disciplinas, como pintura, escultura, textiles e incluso arte audiovisual, ofreciendo aos visitantes unha ampla e actualizada visión do panorama artístico actual.

Esta iniciativa xorde como parte dun traballo da asignatura “Xestión, ámbito artístico e mundo profesional”, impartida polo profesor Xosé M. Buxán Bran, que tamén exerce como decano da Facultade de Belas Artes e que, xunto coa comisaria da mostra, Ángela Estévez, presentou a mostra na Casa Consistorial.

Nesta proposta, pediuse ao estudantado do último curso que deseñase e xestionase un evento artístico real, brindándolles a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos e conectar co público a través da arte. E ese foi o caso da comisaria desta exposición, a porriñesa Ángela Estévez, quen debuta como xestora nun evento destas características. Con esta mostra, Ángela non busca soamente mostrar o talento emerxente, senón tamén acercar a arte contemporánea a persoas alleas ao eido artístico, fomentando a interese e a reflexión en torno ás temáticas propostas.

Arte para xerar diálogo

O fogar e a familia son conceptos profundamente persoais e universais ao mesmo tempo. A través desta exposición, os artistas compartirán os seus puntos de vista e experiencias, invitando ao público a reflexionar e dialogar sobre a importancia, os desafíos e as diversas interpretacións destes temas no contexto actual.

Esta iniciativa representa un espacio de encontro entre creadores e espectadores, onde a arte actúa como unha ponte para o entendemento e a comunicación. Desde a organización agradeceron ao Concello do Porriño a súa colaboración, destacando quea Concellería de Cultura sigue apostando pola arte e a cultura como piares fundamentais para a comunidade.

Chega ao Rosal unha “apalpadora” que baixará das montañas do Courel

0

Unha xigante baixará das montañas do Courel guiada pola infinita tenrura para achegarse a O Rosal este Nadal. A Apalpadora Iseo A Moura, gardiá dos soños e das tradicións da terra, visitará o concello o luns 23 de decembro coas súas historias cheas de vida e memoria.

A Apalpadora encherá de ilusión a tarde dos máis pequenos e pequenas cunha actividade de narración oral para público infantil e familiar totalmente de balde a partir das 17.00 horas na biblioteca municipal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou a importancia desta actividade como unha forma de conectar coas raíces e co patrimonio cultural galego. “A Apalpadora é moito máis que un personaxe máxico. Representa os valores da nosa terra, da vida sinxela, o amor á natureza e o coidado dos nosos cativos e cativas. Este Nadal queremos que o seu espírito nos axude a lembrar quen somos, sobre todo para que os máis pequenos e pequenas crezan con orgullo da nosa cultura”, explicou.

A Xunta inviste 30.000€ na mellora da sinalización turística da ruta Torroña – Burgueira, en Oia

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu esta mañá á ruta Torroña – Buegueira, no concello de Oia. Alí visitou o resultado dos traballos de mellora de sinalización da ruta, que foron posibles grazas ás axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia.

Trátase dunha achega de 30.000 que permitirá potenciar esta atractivo turístico, preparándoo para o sendeirismo e mellorando a comodidade dos visitantes e veciños que decidan pasar o seu tempo de lecer neste paraxe espectacular.

Esta convocatoria conta cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros en toda Galicia, que beneficiarán a un total de 67 concellos, oito deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 230.000 euros.

Acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial destacou a estas axudas como “un exemplo de como a colaboración entre institucións mellora a nosa contorna”.

O BNG de Tui rompe calquera negociación co PSOE tras os “acordos incumpridos”

0

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Tui anunciou a súa decisión de cesar calquera tipo de negociación co grupo municipal do PSOE, pasando a exercer unha oposición “crítica e construtiva”. O partido nacionalista xustifica esta postura polos “reiterados incumprimentos” dos acordos alcanzados co goberno local, afectando iniciativas clave para o desenvolvemento do concello.

Acordos incumpridos 

O BNG lembra que en agosto de 2023 apoiou ás dedicacións exclusivas do goberno a cambio de compromisos como habilitar o edificio da rúa Camilo José Cela como sede da Policía Local, destinar espazos para asociacións no edificio Cam-Fran, estudar a viabilidade dun transporte interparroquial e avanzar na integración da Alameda de Santo Domingo co bosque de Seoane.

O segundo acordo, en xullo de 2024, permitiu a aprobación dos orzamentos municipais tras incluírse partidas para a adquisición de terreos no CEIP número 1, melloras nos parques infantís de Montiño, Malvas e Pexegueiro, e a recuperación de espazos verdes, entre outras medidas.

Con todo, máis dun ano despois, o BNG denuncia que ningún destes compromisos se cumpriu. Ademais, recentemente anunciouse que o edificio da rúa Camilo José Cela non será destinado á Policía Local, unha decisión que o BNG considera un engano ao descoñecerse esta suposta limitación no momento do acordo.

Outros proxectos, como os estudos de viabilidade para o transporte interparroquial, a unificación da Alameda co bosque de Seoane ou a intervención no parque empresarial de Areas, “seguen paralizados”. Ademais, as melloras nos parques infantís continúan sen realizarse, malia o seu estado crítico en zonas como Malvas ou Pexegueiro.

O BNG considera que o PSOE de Tui “carece de vontade política e seriedade para honrar os compromisos asumidos, o que fai imposible manter unha relación de colaboración preferente”.

Baiona acolle unha xornada de búsqueda de voces para levar o galego á tecnoloxía

0

O vindeiro martes 17 de decembro, o Concello de Baiona celebrará unha xornada dedicada á captación de voz en lingua galega. A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia no marco do “Proxecto Nós”, terá lugar no aula de informática da planta baixa do Centro Multiusos Ángel Bedriñana.

Horario e participación

A recollida de voces realizarase de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O proceso é sinxelo: as persoas participantes deberán ler frases en galego que aparecerán nun monitor, organizadas en bloques de cinco. Poden participar persoas de todas as idades, aínda que os menores deberán acudir acompañados por un titor legal. Como agradecemento, quen colabore recibirá un agasallo.

As gravacións recollidas empregarase exclusivamente para o adestramento dos algoritmos do Proxecto Nós e nunca serán usadas fóra deste ámbito.

Para anotarse, é preciso chamar ao 660 243 752 en horario de 9:00 a 13:00 horas.

O Proxecto Nós: a lingua galega nos desenvolvementos dixitais

O Proxecto Nós, liderado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), busca garantir a presenza do galego nos avances tecnolóxicos máis actuais. Este proxecto desenvolverá ferramentas como sistemas de síntese e recoñecemento de voz, xeración automática de texto, tradución neuronal, axentes conversacionais, correctores lingüísticos automáticos, entre outros.

Comezan os traballos de renovación das marquesiñas de bus da Avenida de Redondela, en Chapela

0

Redondela iniciou este luns os traballos para a substución de todas as marquesiñas de autobús na avenida de Redondela. A actuación, que implica a renovación completa de seis destes elementos, implica un investimento de 61.637,40 euros.

O operativo comezou no Alto da Encarnación, e continuará ao longo da semana en dirección Vigo ata o Centro de Saúde de Chapela. En primeiro lugar retiraranse as marquesiñas actuais e posteriormente instalarse as novas. Os traballos prolongaranse ata a próxima semana.

As novas marquesiñas esstán fabricadas en aceiro con vitrina, e contan cun cerramento traseiro e lateral nun lado fabricado en vidro de 8 mm de espesor. Teñen 3 metros de lonxitude, 1,55 metros de profundidade e unha altura de 2,45 metros. O teito está fabricado en policarbonato de protección con tratamento anti raios ultra violeta, con 8 mm de espesor.

Este renovación das marquesiñas pode provocar algunhas molestias puntuais no tráfico neste tramo da N-552, polo que a Policía Local estará regulando a circulación.

Ponteareas estrea o renovado pavillón 1 do complexo deportivo Álvaro Pino

O Concello de Ponteareas levou a cabo a primeira fase dos traballos de mantemento e conservación no Pavillón 1 do complexo deportivo Álvaro Pino, espazo no que desenvolven a súa actividade o club de hóckey, baloncesto, fútbol sala e patinaxe, entre outras disciplinas deportivas.

Segundo informou o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, destináronse 48.397,58 euros procedentes do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para acometer estas intervencións, que buscan garantir o bo estado dunha infraestrutura clave para o deporte base. Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destacou que o apoio ao deporte base será unha prioridade do goberno local.

Entre os traballos realizados inclúense o acuchillado mecánico, a aplicación de imprimación e verniz na pista de madeira, o repintado das liñas de xogo, a reparación e pintado dos corredores perimetrais, o arranxo de mecanismos de peche e fixacións, a reparación dos valados, o pintado con esmalte, a substitución das redes de cabeceira, a automatización das canastras e melloras nos acabados exteriores.

Esta infraestrutura deportiva non só está destinada ao adestramento, senón que acolle ao longo do ano unha ampla variedade de partidos e torneos, consolidándose como un espazo esencial para a vida deportiva da vila. “O complexo Álvaro Pino, con dous pavillóns, unha piscina e pistas de pádel, é un referente para a cidadanía, especialmente para os máis novos, e serve ademais como escaparate da nosa vila, atraendo clubs doutros lugares para participar en competicións”, subliñou Rodríguez.

O concelleiro avanzou tamén que continuarán as melloras nas instalacións deportivas municipais. En 2025 está previsto abordar a reforma do campo de fútbol de San Mateo, o cambio dos cabeceiros na piscina municipal, a promoción de actividades deportivas que aproveiten as novas sendas circulares e a reubicación da pista de voleibol, entre outras iniciativas.

Mos presenta a súa programación completa de Nadal con 14 días de actividades

0

O Concello de Mos presentou este venres a programación de Nadal deste ano, que comezará este mesmo domingo, día 1 de decembro, e prolongarase ata xaneiro, co broche de ouro da Cabalgata de Reis pola Avenida de Sanguiñeda, o día 5.

Os pratos fortes do programa de Nadal serán, ademais do acto de acendido do alumeado con actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, a Feira do Comercio “Queda en Mos”, o certame de Rondallas no Pazo de Mos, a Festa do Deporte no Multiusos das Pozas e a Festa Pre Fin de Ano no Pazo de Mos.

Toda a programación

  •  1 DECEMBRO 17:00h: Festival Solidario de Cáritas no Multiusos
  •  6 DECEMBRO 18:00h: Acendido do alumeado de Nadal con Uxía Lambona
  • 6, 7 E 8 DECEMBRO: Feira do Comercio ‘Queda en Mos’
  • 14 DE DECEMBRO: Excursión aos mercadiños navideños de Oporto
  • 14, 15, 21, 22 DE DECEMBRO: Panxoliñas nas Igrexas
  • 21 DECEMBRO 20:30h: Monólogos Grupo Teatro Mulleres en Igualdade no Auditorio de Guizán
  • 22 DECEMBRO 10:00h: Papanoelada motera
  • 22 DECEMBRO 12:00h: Festival de Baile Alumnos Patricia Martínez
  • 22 DECEMBRO: Rondallas no Pazo de Mos (8 en total): 4 de Mos, 3 de Porriño e 1 de Tui
  • 26 DECEMBRO 19:00h: Presentación do videoclip Terra Verde dos King Kids no Auditorio de Torroso
  • 27 DECEMBRO 20:00h: Festa do Deporte no Multiusos das Pozas
  • 28 DECEMBRO 23:00h: Festa Pre Fin de Ano no Pazo de Mos presentada polo Grupo de Teatro A Cividade e coa orquestra París de Noia e os DJs Álex Martini, Ballesteros, Groove Amigos e Samu Pexe.
  • 29 DECEMBRO 18:30h: Concerto Rubén Simeo trompetista + Banda Torroso no Auditorio de Torroso
  • 5 XANEIRO 18:00h: Cabalgata de Reis na Avenida de Sanguiñeda

Redondela proxecta un auditorio ao aire libre e un ascensor na contorna do edificio de Don Pancho

0

Transformar a contorna do edificio de Don Pancho, que acollerá o futuro Viveiro de Empresas no que xa traballa Zona Franca, é o obxectivo do Concello de Redondela. Trátase dun céntrico espazo da vila, na intersección da Avenida Ernestina Otero e a Rúa Miña, cara ao interior do tecido urbano. O proxecto do goberno de Digna Rivas, que se presentou ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra, consiste na remodelación integral do espazo entre os edificios existentes e a praza pública coñecida como “praza da Petanca”. A actuación contempla a creación dun auditorio ao aire libre na parte traseira do edificio de pedra, unha nova praza pública na parte dianteira, e a instalación dun ascensor para salvar o gran desnivel da zona, o que permitirá o acceso á rúa Subida á Estación Vella.

A alcaldesa explica que o obxectivo principal desta actuación é “revitalizar un espazo que actualmente se limita a unha zona de paso para crear unha nova área de esparexemento e convivencia no centro da vila que será un referente urbano”. A instalación do ascensor permitirá resolver “un gran problema de mobilidade nesta zona, conectado de xeito accesible a parte baixa e parte alta, que ten unha elevadísima pendente”. O estudo Naos Arquitectura, encargado de redactar o proxecto, explica que o propósito é “outorgar coherencia e uniformidade a toda a praza e ao espazo situado fronte ao edificio existente”.  A superficie total da actuación é de 2.296 m², cun presuposto de 877.438 euros.

Rivas aclara que se optou por esta proposta para enviar á Deputación de Pontevedra “porque cumpre cos criterios que demanda o ente provincial”. Rivas advirte que se esixen uns requisitos “moi estritos” para poder optar ao Plan Extra “e non vale calquera proxecto”. Por outra banda, esta era a mellor opción  “debido ao escaso prazo que deu a Deputación para presentar actuacións, de tan só 20 días”.

Praza pública renovada

Na zona da praza consérvase a árbore existente e tamén a pérgola cunha parra. O proxecto contempla a instalación de novos pavimentos e vexetación, tanto na parte dianteira como no lateral do edificio de Don Pancho. A praza servirá de antesala a o novo Viveiro de Empresas que xa ten e marcha Zona Franca. Haberá distintas zonas verdes e unha bancada forrada en madeira.  Tamén se engadirán módulos para aparcar bicicletas, papeleiras e nova iluminación. Substituiranse as luminarias existentes por un novas tipo LED de maior eficiencia enerxética, de baixo consumo e gran duración.

Auditorio ao aire libre

Na parte posterior da parcela prevese a construción dunha bancada aproveitando a pendente natural do terreo. Crearanse terrazas para transformar a zona nun auditorio ao aire libre para eventos e actividades promovidas polo Concello. Actualmente o espazo xa se utiliza como escenario para actuacións do Festival Internacional de Títeres. A bancada será de formigón forrada en madeira e materase a vexetación incluíndo novos arbustos e árbores.

Ascensor

Un ascensor de aceiro, vidro e aluminio permitirá salvar o gran desnivel da zona e mellorar a mobilidade. O elevador unirá verticalmente a avenida Ernestina Otero coa rúa Subida á Estación. Nesta parte alta hai un centro de día, unha escola infantil e un centro de fisioterapia, ademais de moitas vivendas. A alcaldesa explica que “agora é moi complicado acceder a pé a esta zona desde o centro da vila, porque a pendente é moi elevada”. A dificultade é maior aínda para persoas con mobilidade reducida “e o novo ascensor porá fin a estes problemas”.

Os Bolechas presentan en Tui a súa “grande orquestra” con entrada de balde

0

“Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” é o espectáculo que o próximo xoves, 5 de decembro, ás 19 h chega ao Teatro Municipal de Tui da man desta popular familia e dentro da programación de Nadal.

O tambor, a guitarra, o piano, a frauta… son algúns dos instrumentos musicais que soan na orquestra dos Bolechas, que nunha nova xira de teatro ofrecerán un gran concerto para transmitirlles aos nenos e nenas a importancia da colaboración e a creatividade.

Neste teatro de monicreques Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto co seu can Chispa, deciden construír un escenario musical despois de atopar unha caixa chea de instrumentos musicais para ofrecer un gran concerto. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, aprenden os diferentes estilos musicais e compoñen as súas propias cancións ao tempo que se divirten en galego.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración do Concello de Tui. Ambas institucións remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, apuntan.

A actividade é un teatro de monicreques para que participen nenos e nenas de 4 a 9 anos e as súas familias, con entrada libre ate completar o aforo.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, sinala que este espectáculo fusiona o teatro de monicreques coa música nunha proposta que busca crear un ambiente distendido e alegre dirixido a toda a familia aportando novas experiencia de lecer e diversión en galego.

Baiona presenta un mes para vivir a maxia do Nadal con máis de 30 actividades

0

O Concello de Baiona desvelou nunha “aposta segura pola dinamización cultural da nosa vila” toda a programación lúdica e festiva nestas datas de Nadal que terá lugar durante todo o mes de decembro e primeira semana de xaneiro no centro da localidade e nas parroquias.

A programación arrinca o xoves 5 de decembro co acendido do alumeado de Nadal. O acto comezará ás 19:30 horas co pasarrúas da batucada Lenha Verde e continuará unha vez se acendan as luces, ás 20:30 horas, co concerto do grupo “Los de Barro” na praza do concello de Baiona ata as 22:30 horas.

Como ven sendo tradición, nestas datas o Multiúsos de Sabarís acollerá a partir do sábado 14 de decembro a tradicional exposición de Beléns e Microbeléns. Estará exposto ata o luns 6 de xaneiro de 2025.

Dous Mercados de Nadal amenizarán a praza do Concello os días 7 e 15 de decembro a cargo da Asociación Giro´s Danza e da ANPA Balcaxia Primero de Marzo coa venda de produtos de segunda man reciclados, libros, xoguetes, etc e moitas máis sorpresas como Dj, pintacaras, baile, chocolatada, etc.

A Praza do Concello centralizará todas as actuación do Nadal. Destacan o Festival de Panxoliñas Benéfico o venres 13 de decembro ás 19:00 horas, o Concerto de Nadal do Grupo de Corda e voz “BAIONA BAY”, o sábado 14 de decembro, ou o concerto de Antonio Barros e iAlma, o sábado 21.

O 24 de decembro as parroquias da vila terán a visita de Papá Noel, que fará as delicias dos máis cativos, mentres que o 4 de xaneiro será a quenda do Carteiro Real, que estará na Praza do Concello recollendo as cartas dos pequenos.

As Badaladas de Pre Fin de Ano, organizadas por Aceba en colaboración co Concello, están previstas para o sábado 28 de decembro así como a actuación da Banda de Música de Baiona.

Non faltarán os pasarrúas de rondallas, charangas e rancho de Reis que percorrerán as principais rúas da vila os días 15, 24, 29 y 31 de decembro. A Festa Infantil de Nadal con obradoiros, bailes, inchables, visita do Grinch e neve artificial terá luar na Praza do Concello o xoves 2 de xaneiro.

Por último, a gran Cabalgata de Reis 2025 sairá dende Ponte Romano ás 17:00 horas e dende Santa Marta ás 18:00 horas. Máis de 6 módulos e unha comitiva de 500 persoas acompañarán ás súas maxestades os Reis Magos de Oriente ata a Praza do Concello onde recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos.

Mercado, Taller de Papá Noel e moita festa, así é o Nadal de Tui

0

Tui acenderá este sábado, 30 de novembro, ás 18:30 horas o seu Nadal na praza da Inmaculada. Máis de 506 mil bombillas led e máis de 4 mil metros de elementos luminosos encherán de luz e de cor das rúas e prazas da cidade para vivir un Nadal cheo de maxia.

O acendido das luces contará coa banda sonora do Coro Infantil de Pazos de Reis que interpretará composicións propias destas datas enchendo de música a Praza da Inmaculada. Tras o acendido, na mesma praza da Inmaculada, abrirá as súas portas o Taller Máxico de Papa Noel, a gran novidade da programación deste ano. O taller de xoguetes, a oficina postal, o despacho de Papa Noel, e mesmo a cociña con arrencendos doces, trasladaranse dende Laponia a Tui para contaxiar de toda a maxia e ilusión do Nadal a pequenos e maiores. Os elfos serán os anfitrións dun lugar encantado e cheo de soños.
A poucos metros, no Paseo da Corredoira, abrirán as súas portas as vinte casetas de madeira que conforman este ano o Mercado de Nadal. Un evento que conta cunha coidada decoración, e que brindará tanto artesanía coma gastronomía até o 5 de xaneiro. Flores de Pascua, decoración de Nadal, gorros de elfo e Papa Noel, árbores, adornos, formarán parte dos produtos que se ofertarán xunto a filloas, chocolate quente, mel, hamburguesas,… poderanse degustar na Corredoira este Nadal.

Distintos puntos da cidade coma a rúa Ourense, o Paseo da Corredoira, a rúa Ordóñez ou a Praza de San Fernando, entre outros, transfórmanse nestas datas grazas á coidada decoración elaborada por persoal municipal con elementos reciclados e reutilizados. Ano a ano engaden novos motivos e detalles creando con mimo fantásticos escenarios cheos da ilusión do Nadal.

Este Nadal poderase visitar na Oficina de Turismo o Belén de grandes dimensións de Mingos Méndez, que será inaugurado este domingo ás 18 h. A continuación actuará a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.

As rúas de Tui, o Teatro Municipal, e o edificio recentemente rehabilitado na rúa Camilo José Cela serán o escenario das actuacións musicais previstas a cargo de distintas agrupacións coma o alumnado do Conservatorio e da Escola de Música, coros e corais, a Banda de Música Popular de Tui ou mesmo rondallas.

Máis aló da fantasía que creará o Taller Máxico de Papa Noel no edificio da praza da Inmaculada, os nenos e nenas poderán tamén gozar con diversidade de obradoiros na Biblioteca e mesmo cos Bolechas. O Nadal é tempo tamén de lectura e nestas datas serán presentados novos libros. O cinema estará presente a través da serie documental sobre Rosendo Salvado que se proxectará no Teatro Tudense. E na oferta festiva destas datas non faltará o deporte coa San Silvestre Tudense. Esta proba será solidaria ao igual que a andaina que pecha o calendario da Eurocidade Tui-Valença. E facer realidade os desexos de nenos e nenas será posible grazas á Árbore dos Desexos, situada no Taller Máxico de Papa Noel, onde a nosa solidariedade se transforma en agasallos para os cativos e cativas das familias ás que axuda SOS Tomiño-Baixo Miño.

Durante o Nadal, dende este venres, o tren turístico de Nadal da Eurocidade comunicará os centros históricos de Tui e Valença os venres, sábados e domingos, e dende o 20 de decembro até o 5 de xaneiro farao con viaxes diarias.

A programación culminará coa única Cabalgata Internacional de Reis entre dous países que un ano máis traerá a Melchor, Gaspar e Baltasar á Eurocidade-Tui Valença nun percorrido fantástico, cheo de ledicia e imaxinación.

O Obradoiro “Redondela Máis que Bela IV” transforma as rotondas de Vilavella e Vilar

0

A piques de rematar o Obradoiro de Emprego “Redondela Máis que Bela IV”, xa loce no municipio o gran traballo dos seus participantes. Entre as tarefas realizadas nestes meses na especialidade de “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica”, unha das máis visibles é a das rotondas de Vilavella e Vilar de Infesta.

O bo facer do alumnado-traballador pode apreciarse xa na entrada de Redondela desde as estradas N-550 e N-555. Este punto, onde conflúen o Camiño Portugués e o Camiño da Costa, “recibe agora aos milleiros de peregrinos que pasan por Redondela cun aspecto renovado e atractivo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora salienta o excelente resultado deste Obradoiro de Emprego, “que forma a veciñas e veciños para integrarse no mercado laboral, e ao mesmo tempo transforma o noso municipio con obras realizadas con gran profesionalidade”. A glorieta conta agora cun atractivo deseño axardinado. A outra intervención realizouse en Vilar de Infesta, na N-555. Nos dous casos son obras de interese municipal coas que os participantes acadan o Certificado de Profesionalidade de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería”.

O concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, explica os alumnos-traballadores reciben con este Obradoiro de Emprego unha titulación oficial “que lles será de gran utilidade á hora de atopar emprego”. O edil lembra que tanto os participantes da especialidade “Forestal/Xardinería/Agricultura Ecolóxica” como os de “Carpintería de Ribeira” están a piques de rematar a súa formación e comezarán a busca de emprego. Cabaleiro fai un chamamento ás empresas destes sectores para que teñan en conta que se precisan facer contratacións “aquí poden contar con persoal moi cualificado”.

No caso da especialidade “Carpintería de ribeira” o seu traballo ten tamén moi repercusión no municipio, xa que se encargaron da restauración do histórico bote Manuel. A embarcación, cun século de antigüidade, loce agora na entrada do museo Meirande. O alumnado-traballador, ademais de formarse nesta especialidade tradicional, tamén aprendeu os procedementos de reparación de embarcacións deportivas e de recreo utilizando fibra de vidro, resinas e catalizadores.

O Pleno de Mondariz rexeitan o cambio de salario do alcalde, Pablo Barcia

0

O Pleno de Mondariz rexeitou este xoves a rebaixa de salario levada a pleno polo alcalde do PP, Pablo Barcia, cos votos de BNG e AporM.

O Partido Popular levou a pleno unha proposta de salario mensual cunha dedicación parcial dun 75% composta dunha retribución de 33.571,24 € e 11.122,15 € de gastos de Seguridade Social. Porén, para Alternativa por Mondariz, a proposta non é unha rebaixa salarial xa que o PP “propuxo unha redución de 1.200€ no salario pero cunha redución da dedicación do 25%, é dicir, que viría sendo a mesma retribución que a dos anteriores alcaldes pero cunha dedicación parcial do 75%”.

Os salarios de Calis Montes, de AporM, e Xosé Emilio Barros, do BNG, eran de 34.771,24 euros (11.500,00€ de Seguridade Social) por unha dedicación exclusiva a templo completo.
O PP defendía que o alcalde puidera compatibilizar a dedicación á Alcaldía coa súa situación laboral como autónomo. AporM explicou que o feito de compatibilizar o seu negocio coa dedicación a Alcaldía, non era o motivo de votar en contra da súa proposta; tampouco a de “molestar ao alcalde”.

“O que non pode ser é que se intente facer unha subida de soldo encuberta dun 29% baixo esa rebaixa na dedicación”, destacou o portavoz Calis Montes. “Se realmente se quere compatibilizar cunha dedicación parcial do 75%, terá que ser do 75% sobre o salario que está aprobado, o que serían 26.078,43 € de retribución (máis 8.625,00€ de Seguridade social), en lugar dos 33.571,24 € de retribución que propón”, resumiu.

O BNG tamén reprochou que esta proposta non se presentara con transparencia e que carecía da escrupulosidade que debía terse nun asunto coma este, xa que prexudica a imaxe que a cidadanía ten da política.

O PSdG-PSOE afirmou que non debería adaptarse o salario ás circunstancias de cada alcalde porque esta práctica sentaba un precedente. Aínda así, anunciou que votarían a favor.

A proposta foi rexeitada por 7 votos en contra (AporM e BNG) fronte a 3 a favor (PP e PSdG-PSOE).

Aprobada a moción socialista na Guarda para por fin as “graves deficiencias” da concesión de Lugove

0

O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na
Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.

A moción insta ao alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, a “deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia”, demandando solucións inmediatas ante as “graves deficiencias” da actual concesión xestionada pola empresa Lugove.

Os socialistas lamentan a redución de paradas, as recuencias insuficientes, especialmente en horas punta, e os autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.

Estas deficiencias afectan especialmente a estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadores que dependen deste medio para os seus desprazamentos. A situación é “tan grave” que, en moitas ocasións, os usuarios vense obrigados a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos.

Na moción aprobada, solicitouse:

  • Que o goberno local traslade á Xunta a Urxencia de mellorar o servizo de transporte público.
  • Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.
  • Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.

Pre Fin de Ano, tren gratuíto e moitas actividades: así será o Nadal de Ponteareas

O Concello de Ponteareas abre a súa programación de Nadal coa inauguración da decoración e iluminación deste domingo 1 de decembro ás 18:30 horas na praza Bugallal.

O pistoletazo de saída será o domingo, pero haberá actividades lúdicas ao longo de todo un mes de celebracións. Como pratos fortes están as actuacións das rondallas, as catas de viños, os concertos, as probas deportivas solidarias e o mercado de Nadal que abrirá as súas portas na Nave de Aceiros do Tea dende o día 13 de decembro ao 5 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

O “Tren de Nadal”, con paseos gratuítos pola vila, estará operativo a partir das 16:00 horas partindo da praza Bugallal.

Entrando en detalle o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, explica que o mércores día 4 ás 17:30 horas haberá contacontos infantil “Animaladas” con teatro Calavera na sala multiúsos Reveriano Soutullo.

O domingo 8 ás 18:00 horas actuará a Rondalla de Pontellas ás 18:00 horas na praza Maior. O venres día 13 ás 17:00 horas o concerto de violín e piano de Icía Martínez e Serguei Maximov actuará xusto antes da cata de viños na Nave de Aceiros do Tea.

Para participar na primeira cata de viños haberá que inscribirse no número de teléfono 673 855 422. A segunda cata de viños será o sábado día 21 e a terceira o sábado 28. Todas elas no mesmo emprazamento.

O encontro de panxoliñas será o sábado día 21 no convento de Canedo ás 20:00 horas e a festa pre Fin de Ano coa actuación da orquestra Kubo terá lugar o venres 27 ás 21:00 horas na praza Maior.

A tradición sigue co encontro de Rancho de Reis no auditorio Reveriano Soutullo ás 18:00 horas o domingo día 29.

Os Reis Magos de Oriente chegarán o domingo día 5 ás 12:00 ao salón de plenos para recibir a todas as cativas e cativos e recoller os seus desexos en forma de cartas. A cabalgata de Reis será este mesmo domingo ás 18:00 horas polas rúas do centro urbano.

A papanoelada moteira será o domingo 22 ás 16:00 horas cun percorrido polas parroquias xusto antes da recepción de Papá Noel que será ás 18:00 horas na praza Bugallal onde haberá unha caixa de correos especial para depositar as cartas de nadal.

A presentación do calendario galego de Ponteareas será o luns día 23 ás 20:00 horas no salón de plenos.

Nos vindeiros días

Para o público infantil o sábado día 14 ás 17:00 horas terá lugar o espectáculo “El mundo de los muñecos” no auditorio municipal e para toda a familia o domingo día 15 ás 11:00 horas será o festival de baile da ANPA Loureiro no auditorio municipal. Este mesmo domingo ás 18:00 horas na Nave de Aceiros do Tea recital poético e musical “A lingua somos todos” con Emilio Rúa e X. C. Caneiro. Ás 18:30 a Rondalla de Chain comezará a súa actuación na praza Maior e no complexo deportivo Álvaro Pino celebrarase o festival de patinaxe do CPA Tea.

O luns 16 ás 19:30 horas na Naves de Aceiros do Tea haberá concerto do conxunto de guitarras e o martes 17 ás 20:30 horas actuará o coro de grao profesional do conservatorio municipal que ofrecerá o concerto “Para quererte tanto” na Nave de Aceiros do Tea. O mércores día 18 obradoiros creativos nesta mesma nave e a continuación, ás 19:30 horas, Concerto de Nadal da escola Vila do Corpus e do grao elemental do conservatorio municipal Reveriano Soutullo no auditorio municipal.

A programación continúa o xoves 19 co obradoiro de mel, concerto de piano e festival de nadal do conservatorio ás 19:30 horas. O venres día 20 haberá concertos de cello e piano ás 16:30 e ás 20:30 horas concerto do coro Gl Appassionati na Nave de Aceiros do Tea, para dar paso ao concerto de dúo de saxofón.

Ponteareas construirá unha pista de atletismo con espazo multiusos e un parque

O Concello de Ponteareas aproba en pleno a construción dunha pista deportiva con vestiarios e zona multiúsos no lugar de As Rabadeiras, Fontenla.

A intervención dará un servizo comunitario a través dun equipamento deportivo dotado dunha pista de atletismo de 200 metros ao aire libre como resposta, explican dende o Concello, “á crecente demanda dos e das atletas para a práctica deportiva das distintas modalidades de atletismo”.

Tamén contará con aseos e vestiarios para as persoas usuarias e cunha sala de instalacións e almacén. Asociada a este edificio de vestiarios haberá unha zona multiúsos cuberta. O proxecto prevé peches, acceso e zona de aparcamento así como que un parque para o desfrute de toda a cidadanía. O Concello intervirá nunha parcela de 9.810,34 m² e na que, na actualidade, hai sobre todo vexetación baixa.

Este novo espazo deportivo sumarase ás instalacións deportivas municipais existentes como os campos de fútbol, o complexo deportivo Álvaro Pino ou a piscina municipal. “Máis de 45 clubs deportivos coas súas correspondentes escolas empregan estas instalacións tanto para adestrar diariamente como para competir e acoller torneos e trofeos ou celebrar competicións autonómicas ou estatais”, lembra o goberno municipal.

“Temos historia detrás do atletismo e queremos recuperala facilitando aos veciños e veciñas que a diario adestran como Alice Finot. Estas instalacións darán a oportunidade de adestrar en mútiples variantes. Ademais, apostamos firmemente polo turismo deportivo como recurso para atraer persoas á nosa vila, só hai que pensar nas grandes marchas que teñen lugar nas cidades e nas que participan milleiros de persoas”, explicou a alcaldesa Nava Castro, quen engade que é habitual que os clubs pidan apoios nas liñas de turismo deportivo para organizar a probas que certamente traen persoas á vila, “detrás dos clubs como o de natación ou o de patinaxe ou de hockey hai primeiro unha instalación e iso é o que imos facer unha instalación na que ter a oportunidade de adestrar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, amosa a súa satisfacción ante a aprobación desta proxecto que amplía as posibilidades deportivas cun espazo co que nunca antes contara Ponteareas e que ademais proporcionará unha zona verde para as familias e unha contorna saudable para a práctica deportiva cun acceso cómodo e revitalizador para a zona.

O Porriño modifica o PXOM para rematar un edificio a medio facer durante 30 anos

O goberno municipal do Porriño aprobou hoxe a modificación puntual do PXOM que permitirá resolver un grave problema de feísmo urbanístico que levaba máis de 30 anos enquistado no centro da vila. A medida, afecta ao edificio lóbrego de seis plantas da Praza Central, unha das zonas máis neurálxicas do centro urbano, e enmárcase no ámbito das rúas Estación e Peña, no corazón da vila.

Desde a aprobación do PXOM, a realidade do conxunto de edificios na rúa Estación non foi contemplada adecuadamente, o que deu lugar a un grave estado de deterioro e abandono nunha localización crave da cidade. A mazá na que se sitúa este edificio é a única no centro urbano cun espazo interior aberto, non edificable en planta baixa, e na que as aliñacións interiores estaban mal definidas, o que impedía que o espazo puidese ser considerado un patio de mazá ou un espazo libre.

A modificación puntual do PXOM, aprobada hoxe polo goberno municipal, introduce axustes nos parámetros de ocupación en planta baixa, substituíndo as aliñacións interiores por novas delimitacións edificables, resolvendo o problema que mantiña paralizada a construción. Esta solución non afectará as determinacións fundamentais do PXOM, mantendo as aliñacións exteriores, a edificabilidade e os aproveitamentos urbanísticos contemplados no plan orixinal.

O alcalde do Porriño destacou que a solución proposta non só resolve o problema de feísmo urbanístico, senón que tamén aborda cuestións de seguridade e mellora a funcionalidade da zona: “A prioridade é acabar con este problema de feísmo co que estivemos convivindo durante anos. Ademais, esta modificación permitirá dispoñer de máis vivendas nunha localización privilexiada, mellorando a calidade de vida dos veciños e a dinámica urbana do centro do Porriño”. O rexedor incidiu en que a xestión do goberno municipal “non se limita a esta edificación, senón que ese está a traballar para resolver esta problemática noutras construcións do municipio”.

Ademais de mellorar a estética e a seguridade, a nova ordenación permitirá reactivar unha área que estaba desvalorizada, contribuíndo ao crecemento sostible do municipio. A medida foi aprobada en pleno co voto a favor do equipo de goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.

A recuperación do Carreiro do Rollo, en Salceda, premiada entre as mellores obras de Galicia

A humanización e posta en valor do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas, vén de recibir o Premio Gran de Are de Aportación á Arquitectura 2024. Así o confirmou este luns o Colexio de Arquitectos de Galicia, que desvelou o total de actuacións e proxectos premiados, que inclúe tamén a actuación na Área de recepción de visitantes do BIC “Muíños do Folón e do Picón” no Rosal.

As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron estes galardóns que supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Este ano presentáronse 75 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo.

O xurado manifestou a súa satisfacción ao corroborar a notable cantidade de obras que concorren a estes galardóns, “un reflexo do interese e a participación no ámbito arquitectónico e un testemuño da dedicación e o esforzo que cada un dos participantes investiu nos seus traballos”. Tamén indicou que a calidade das obras foi “excepcional” o que é un claro indicio do bo facer e do talento das arquitectas e arquitectos galegos. “Apreciamos nas propostas unha diversidade moi rica e de alta calidade, que reflicten un compromiso inquebrantable coa excelencia no campo da arquitectura e a construción”–manifestou o xurado–.

Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 12 obras (6 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 2 na área de Ourense; ademais dun proxecto itinerante). A entrega de premios celebrarase o 25 de xaneiro no novo Edificio multiusos sociocultural de Tui (rúa Camilo José Cela), rehabilitado recentemente.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Santiago Pintos Pena, colexiado seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Roberto González Fernández por Ourense, María Celsa Pesqueira Sánchez por Pontevedra, e Loreto Chamorro Nieto por Vigo; e a secretaria da Delegación de Vigo, Ana Pena Roces, que actuou como secretaria do xurado.

Redondela levanta a voz este 25N “polas que non poden falar”

0

A praza do Concello de Redondela acolleu este mediodía o acto institucional co gallo da conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa. lembrou que no que vai de ano son xa 41 as mulleres asasinadas en España, 4 delas en Galicia. Advertiu tamén que “unha de cada tres mulleres son vítimas de violencia física ou sexual alo menos unha vez vida, e o risco é maior entre as mozas”.

A lectura da Declaración Institucional correu a cargo de Mar Núñez e usuarias e usuarios das asociacións Lenda e Andaina. Un texto que fai referencia ao lema da campaña polo 25N do Concello “Sempre hai saída”, unha alegoría que busca ser unha porta aberta á liberdade.
A escritora Arancha Nogueira e a artista Neves Seara realizaron unha simbólica performance na que reflicten as ataduras e dor que sofren as mulleres vítimas da violencia machista e da que poden saír con axuda. Esta intervención artística pretende ser un berro “polas que non poden falar”. A voz de Mar Núñez deu voz a varios poemas do libro “No camiño do Vento”, de Sesé Mateo.

A alcaldesa, Digna Rivas, foi a encargada de pechar as intervencións. Advertiu no seu discurso que “a violencia machista existe, e non retrocede” cunhas cifras de vítimas que so “arrepiantes”. Rivas reafirmou “o compromiso do goberno local coa erradicación da violencia de xénero” ao tempo que pediu o compromiso de todas as administracións e toda a sociedade “porque só remataremos con este tipo de violencia traballando unidos”. Puxo o foco na necesidade de avanzar “na prevención e a educación para acabar coas desigualdades”, e lembrou que desde o Concello de Redondela trabállase “todos os días do ano para erradicar a violencia machista en todas as súas formas”.

Un gran lazo humano violeta encheu a praza do Concello como símbolo da loita contra a violencia machista. Participaron escolares do CEP Santa Mariña e usuarios e usuarias de Lenda, Andaina, Cogami e centros día Cortizos e Cesantes, ademais de grupos políticos e veciñanza en xeral. Logo a porta violeta que representa o lema da campaña do Concello polo 25N “Sempre hai saída” encheuse coas mensaxes que os asistentes foron engadindo. Rematadas actividades na praza do Concello, realizouse a ofrenda floral no Salgueiral, ante a árbore ginkgo biloba na memoria das vítimas.

As actividades co gallo do 25N continuarán o xoves día 28 ás 18.00 horas co contacontos “Aitana e a avoa, e outros contos violetas”. Será no multiúsos do Piñeiral, en Chapela, con Soraya Lema. A actividade está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos.

Recursos para as vítimas

A porta violeta e o lazo humano foron unha proposta dos Servizos Sociais Municipais que se sumou á programación do CIM. Lembrar que o Centro de Información á Muller de Redondela é un recurso que está a disposición de todas as vítimas de violencia machista. O 016 é o teléfono de información e asesoramento para casos de violencia de xénero. É gratuíto e non se reflexa da factura telefónica, pero é necesario borralo do historial de chamadas do terminal.

O Porriño prepara unha pista de xeo gratuíta para o Nadal

O Nadal de O Porriño deste ano contará cunha nova atracción: unha gran pista de xeo ecolóxica que permitirá gozar ao máximo das festas. Así o avanza Metropolitano.gal, que explica que o Concello vén de aprobar a licitación para a súa instalación, que se situará na zona de aparcamento público da rúa Antonio Palacios.

A pista, de 160 metros cadrados (16 metros de longo por 10 de ancho), estará cuberta cunha carpa para garantir o seu uso cando chove. Poderá acoller ata 40 persoas ao mesmo tempo e o acceso será totalmente gratuíto.

Horarios e datas de apertura

A previsión é que a pista abra o 7 de decembro e se manteña operativa ata o 8 de xaneiro. De luns a domingo, funcionará en horario xeral de 11:00 a 21:00 horas, aínda que terá horarios especiais os días 7, 24, 25 e 31 de decembro, así como o 1 e o 5 de xaneiro. Cómpre destacar que estas datas e horarios poderían sufrir modificacións dependendo do desenvolvemento da licitación.

Parte dunha programación intensa de Nadal

Esta nova instalación forma parte dunha ampla programación que arrincará este sábado co acendido do alumeado de Nadal. A pista de xeo únese a unha axenda cargada de actividades para todos os públicos, que incluirán música e eventos especiais.