Institutos, Concello, asociacións e clubs deportivos xa traballan na organización da edición 2025 de “Unha semaniña enteira”, que se celebrará en febreiro coincidindo co Día de Rosalía. Esta actividade busca fomentar o uso do galego entre a mocidade, propoñendo ao alumnado o reto de falar galego durante sete días seguidos.
O Concello de Redondela, mediante a concellería de Ensino e o Servizo de Normalización Lingüística, colabora activamente e anima a clubs e asociacións a sumarse á campaña. O IES Chapela acolleu a primeira xuntanza, onde os clubs da parroquia (Chapela CF, Balonmán Chapela, Arealonga FS, entre outros) confirmaron a súa participación, comprometéndose a promover o galego nas redes sociais, publicidade e actividades dos seus equipos.
Os organizadores destacan a boa acollida entre as entidades deportivas, subliñando que iniciativas coma esta son clave para normalizar o uso do galego nun momento en que a mocidade amosa unha baixa competencia na lingua. En palabras da alcaldesa Digna Rivas, “retos como este axudan a reforzar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade”. Nos próximos días continuarán as reunións coas asociacións das demais parroquias de Redondela.