Mércores, 11 Decembro de 2024

Redondela proxecta un auditorio ao aire libre e un ascensor na contorna do edificio de Don Pancho

Transformar a contorna do edificio de Don Pancho, que acollerá o futuro Viveiro de Empresas no que xa traballa Zona Franca, é o obxectivo do Concello de Redondela. Trátase dun céntrico espazo da vila, na intersección da Avenida Ernestina Otero e a Rúa Miña, cara ao interior do tecido urbano. O proxecto do goberno de Digna Rivas, que se presentou ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra, consiste na remodelación integral do espazo entre os edificios existentes e a praza pública coñecida como “praza da Petanca”. A actuación contempla a creación dun auditorio ao aire libre na parte traseira do edificio de pedra, unha nova praza pública na parte dianteira, e a instalación dun ascensor para salvar o gran desnivel da zona, o que permitirá o acceso á rúa Subida á Estación Vella.

A alcaldesa explica que o obxectivo principal desta actuación é “revitalizar un espazo que actualmente se limita a unha zona de paso para crear unha nova área de esparexemento e convivencia no centro da vila que será un referente urbano”. A instalación do ascensor permitirá resolver “un gran problema de mobilidade nesta zona, conectado de xeito accesible a parte baixa e parte alta, que ten unha elevadísima pendente”. O estudo Naos Arquitectura, encargado de redactar o proxecto, explica que o propósito é “outorgar coherencia e uniformidade a toda a praza e ao espazo situado fronte ao edificio existente”.  A superficie total da actuación é de 2.296 m², cun presuposto de 877.438 euros.

Rivas aclara que se optou por esta proposta para enviar á Deputación de Pontevedra “porque cumpre cos criterios que demanda o ente provincial”. Rivas advirte que se esixen uns requisitos “moi estritos” para poder optar ao Plan Extra “e non vale calquera proxecto”. Por outra banda, esta era a mellor opción  “debido ao escaso prazo que deu a Deputación para presentar actuacións, de tan só 20 días”.

Praza pública renovada

Na zona da praza consérvase a árbore existente e tamén a pérgola cunha parra. O proxecto contempla a instalación de novos pavimentos e vexetación, tanto na parte dianteira como no lateral do edificio de Don Pancho. A praza servirá de antesala a o novo Viveiro de Empresas que xa ten e marcha Zona Franca. Haberá distintas zonas verdes e unha bancada forrada en madeira.  Tamén se engadirán módulos para aparcar bicicletas, papeleiras e nova iluminación. Substituiranse as luminarias existentes por un novas tipo LED de maior eficiencia enerxética, de baixo consumo e gran duración.

Auditorio ao aire libre

Na parte posterior da parcela prevese a construción dunha bancada aproveitando a pendente natural do terreo. Crearanse terrazas para transformar a zona nun auditorio ao aire libre para eventos e actividades promovidas polo Concello. Actualmente o espazo xa se utiliza como escenario para actuacións do Festival Internacional de Títeres. A bancada será de formigón forrada en madeira e materase a vexetación incluíndo novos arbustos e árbores.

Ascensor

Un ascensor de aceiro, vidro e aluminio permitirá salvar o gran desnivel da zona e mellorar a mobilidade. O elevador unirá verticalmente a avenida Ernestina Otero coa rúa Subida á Estación. Nesta parte alta hai un centro de día, unha escola infantil e un centro de fisioterapia, ademais de moitas vivendas. A alcaldesa explica que “agora é moi complicado acceder a pé a esta zona desde o centro da vila, porque a pendente é moi elevada”. A dificultade é maior aínda para persoas con mobilidade reducida “e o novo ascensor porá fin a estes problemas”.