Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Conta atrás para a nova ludoteca municipal de Ponteareas

O Concello de Ponteareas vén de anunciar o inminente inicio das obras da nova ludoteca municipal, que se ubicará no parque da Curuxeira, na avenida Sarmiento Rivera, a só 200 metros da Casa do Concello. A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, supervisaron xunto á dirección facultativa os últimos preparativos antes do inicio da intervención.

O proxecto contempla a rehabilitación e ampliación dun edificio histórico de máis de 100 anos, no que ata o de agora só se realizaron traballos para manter a estrutura exterior, sen ningunha mellora ou mantemento no interior. O investimento total ascenderá a 239.527,85 euros, financiado con axudas do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

A nova instalación substituirá á actual ludoteca, situada nun pequeno local da avenida Castelao de 64,80 m². O novo espazo contará cun edificio anexo que ampliará a superficie ata 136,45 m², incluíndo un soportal de acceso, unha recepción, un despacho de dirección, aseos infantís e un aseo adaptado para adultos con mobilidade reducida.

“Apostamos por crear un espazo amplo e funcional, integrado nunha contorna agradable e ben comunicada. Este novo servizo estará próximo á escola infantil, facilitando os desprazamentos das familias e garantindo un entorno seguro e verde para os nenos e nenas”, explicou a alcaldesa Nava Castro.

O goberno municipal subliñou a importancia de contar cunha ludoteca moderna e adaptada, que permita ofrecer mellores condicións tanto para as familias usuarias como para o persoal que atende este servizo esencial.