Luns, 13 Xaneiro de 2025

Comezan os traballos de renovación das marquesiñas de bus da Avenida de Redondela, en Chapela

Redondela iniciou este luns os traballos para a substución de todas as marquesiñas de autobús na avenida de Redondela. A actuación, que implica a renovación completa de seis destes elementos, implica un investimento de 61.637,40 euros.

O operativo comezou no Alto da Encarnación, e continuará ao longo da semana en dirección Vigo ata o Centro de Saúde de Chapela. En primeiro lugar retiraranse as marquesiñas actuais e posteriormente instalarse as novas. Os traballos prolongaranse ata a próxima semana.

As novas marquesiñas esstán fabricadas en aceiro con vitrina, e contan cun cerramento traseiro e lateral nun lado fabricado en vidro de 8 mm de espesor. Teñen 3 metros de lonxitude, 1,55 metros de profundidade e unha altura de 2,45 metros. O teito está fabricado en policarbonato de protección con tratamento anti raios ultra violeta, con 8 mm de espesor.

Este renovación das marquesiñas pode provocar algunhas molestias puntuais no tráfico neste tramo da N-552, polo que a Policía Local estará regulando a circulación.