Luns, 13 Xaneiro de 2025

Nigrán adianta a súa Cabalgata de Reis 2025 ao sábado por mor da chuvia

Nigrán prepárase para acoller a maxia dos Reis Magos e as Reinas Magas na Cabalgata de Reis 2025, un evento que transcende o desfile tradicional para converterse nun auténtico espectáculo de fantasía e que se adiantará a este sábado, 4 de xaneiro. A gran comitiva, composta por máis de 120 paxes e axudantes, dará vida a “Nigralandia”, un reino máxico deseñado integramente por Sarao Animación.

“Como Reis Magos de Oriente, decidimos adiantar a Cabalgata de Nigrán ao sábado 4 de xaneiro, xa que o domingo 5 está previsto un gran temporal. E a verdade é que, á nosa idade, non podemos permitirnos unha molladura”, anunciou con humor o Rei Melchor, portavoz da comitiva Real.

A Cabalgata comezará ás 16:00 horas do sábado, mais as Súas Maxestades estarán na Praza do Concello de Nigrán dende as 15:30 horas. O percorrido incluirá as rúas Rosalía de Castro e Manuel Lemos, retomándose na Ramallosa (Rúa Valle Inclán) ás 16:30 horas, coa participación do Séquito Real, Reinas Magas a cabalo, Paxes Reais e, por suposto, os tres Reis Magos. O itinerario pasará por Cabreira, Romana Alta, Damas Apostólicas, Parque da Feira, Romana Baixa e Manuel Lemos, con paradas en Lourido (Barrio Area) ás 18:00 horas e en Panxón, onde está previsto que cheguen ao pavillón municipal ás 18:30 horas. Unha tirada de fogos artificiais marcará o inicio da recepción Real.

O pavillón municipal abrirá as súas portas para ofrecer animación infantil e a actuación da Rondalla de Parada. A comitiva continuará despois polas rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo, concluíndo no pavillón ás 19:00 horas coa Recepción Real, onde os máis pequenos poderán coñecer persoalmente aos Reis Magos.

A cabalgata contará cun amplo séquito de paxes procedentes de diversas entidades culturais e deportivas de Nigrán, e repartiranse máis de media tonelada de caramelos e gominolas sen glute, dentro da campaña do concello para promover os menús sen glute na hostalería local.

Se o tempo o permite, a cabalgata percorrerá as principais rúas do municipio. En caso de choiva, a recepción celebrarase de maneira segura no pavillón municipal, garantindo que a maxia e a ilusión non se perdan.